DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 15 de novembro de 2004 Páx. 15.581

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 11 de novembro de 2004 pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

A formación profesional continua, regulada no Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto, ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador. Entre as iniciativas de formación continua que recolle o citado real decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde de convocatoria.

Este subsistema da formación profesional constitúe un valor estratéxico prioritario nos procesos de cambio tecnolóxico, económico e social e é, por este motivo, un instrumento esencial para a estabilidade no emprego e a cohesión social.

Pola súa banda, a orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 30 de xullo de 2004 establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación. En desenvolvemento da citada orde, son obxecto de subvención nesta convocatoria as accións de estudo e investigación de carácter xeral e sectorial destinadas a analizar os factores que estruturan a demanda de formación continua, as accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos, organizativos e de avaliación da formación profesional continua dos diferentes sectores de actividade económica e aquelas de promoción e difusión destinadas a xerar redes de coñecemento da formación continua.

O Regulamento (CE) nº 1784/1999, do 12 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicación relativas ao Fondo Social Europeo, sinala que o fondo apoiará e complementará as actividades dos estados membros destinadas ao desenvolvemento do mercado de traballo e dos recursos humanos, entre outras, nas políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral.

Estas accións que contribuirán a mellorar a extensión e eficacia do sistema de formación continua son obxecto de cofinanciamento polo Fondo Social

Europeo, de acordo coas decisións da Comisión Europea C(2001)24, do 16 de xaneiro de 2001 e C(2001)100, do 23 de xaneiro de 2001, polas que se aproban os Programas Operativos de Iniciativa Empresarial e Formación Continua, correspondentes as Marcos Comunitarios de Apoio de España para as rexións de obxectivos 1 e 3, durante o período 2000-2006.

Este é o obxecto dos proxectos que se van financiar neste exercicio mediante esta orde de convocatoria ademais de mellorar a calidade das accións formativas de FPC e estender o subsistema de formación profesional continua cara a ámbitos nos que aínda non está plenamente introducido, especialmente ás pequenas e medianas empresas co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores, en cumprimento do establecido no Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto.

Trátase tamén, non só de incorporar novas tecnoloxías nas ferramentas utilizadas para a impartición, seguimento e avaliación das accións formativas, senón de darlles un enfoque específico, de forma que melloren a calidade e eficiencia dos procesos de relación na formación, e aceleren a transmisión do coñecemento de e para os traballadores das pequenas e medianas empresas que participan na experiencia.

Preténdese con isto facilitar a adaptación e evolución das profesións e os contidos dos postos de traballo, así como conseguir unha mellora nas competencias e cualificacións, indispensables para manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e dos traballadores ocupados.

Por primeira vez e, en virtude do establecido na sentenza do Tribunal Constitucional do 22 de outubro de 2002, o Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto, a Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, así como a Orde TAS/2783/2004, do 30 de xullo e a Orde TAS/2943/2004, do 10 de setembro, configuran un novo modelo de formación profesional continua no que un dos principios fundamentais é a incorporación á súa xestión das comunidades autónomas.

De conformidade co disposto no novo marco competencial, en concreto, da Orde TAS/2782/2004, a Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencia de para a xestión das accións complementarias e de acompañamento á formación que se desenvolvan exclusivamente no seu ámbito territorial.

O Plan Galego de Formación Profesional establece entre os seus obxectivos no ámbito da formación dirixida a traballadores ocupados a consecución da adecuada transparencia do mercado de traballo e o axuste entre a oferta e a demanda do factor traballo, mediante o efectivo acceso ás certificacións do sistema de cualificacións; proporcionarlles ás persoas unha maior motivación para o progreso na súa cualificación profesional; recoñecer de forma fiable, con carácter oficial e alcance sectorial, a competencia adquirida durante a vida laboral; verificar que a

preparación conseguida por calquera vía e, en particular, mediante os programas formativos, alcance o nivel de competencia establecido nas cualificacións profesionais. Inclúe, así mesmo, un plan de incremento da cualificación da poboación ocupada así como de fomento da formación continua.

O Acordo Galego de Formación Continua asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais ten como un dos seus obxectivos principais a mellora da competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción. Establece, tamén, a creación da Comisión Galega de Formación Profesional Continua, como órgano tripartito e paritario entre a Administración autonómica e os axentes sociais máis representativos de Galicia, encargado da posta en marcha das estipulacións deste acordo.

O Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aos que se axusta esta disposición.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos do programa 16.05.241A 481.0 (939.190,20 A) que figura nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2004 a do programa 16.05.241A 481.0 (100.000 A) correspondente aos orzamentos do ano 2005, e que constitúe o importe global máximo que se destina para estas subvencións. Deste importe total, será obxecto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo a cantidade de 675.474 A.

Na súa virtude, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais, o Consello Galego de Formación Profesional e a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1. Esta orde ten como obxecto a aprobación da convocatoria de subvencións de ámbito autonómico destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por acción complementaria ou de acompañamento á formación aquelas que teñen por obxecto a investigación e prospección do mercado de traballo para anticiparse aos cambios nos sistemas produtivos, a análise da repercusión da formación continua na competitividade das empresas e na cualificación dos traballadores, a elaboración de produtos e ferramentas innovadores relacionados coa formación continua e, en definitiva, a determinación das necesidades de formación precisas para coadxuvar ao progreso económico dos sectores produtivos no conxunto da economía.

3. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Finalidade e principios que rexen a concesión de subvencións.

1. Os proxectos obxecto de financiamento nesta convocatoria terán como finalidade o desenvolvemento de accións de investigación, prospección do mercado do traballo, determinación das necesidades de formación, análise da repercusión da FPC na competitividade das empresas e dos traballadores, a realización de estudos de carácter sectorial e multisectorial de produtos e ferramentas innovadores relacionados coa formación continua, dirixidas ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os proxectos financiados por esta convocatoria deberán estar destinados á mellora e eficacia da formación continua dos traballadores ocupados, non podendo dirixirse especialmente ao ámbito da Administración pública.

3. Os produtos formativos que se financien deberán ser reproducibles e ter autonomía propia para seren utilizados con posterioridade noutros ámbitos empresariais de características similares a aquel no cal foron experimentados, sen necesidade de modificacións ou adaptacións.

Artigo 3º.-Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación.

1. Poderán ser solicitantes das subvenciones.

a) As entidades ou organizacións sen ánimo de lucro que se encontren inscritas na Seguridade Social, que inclúan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades tipificadas como accións financiables ou relacionadas coa formación continua, e que observando as bases e criterios establecidos, se axusten ás modalidades de accións financiables e requisitos que regula esta norma.

b) A entidade solicitante deberá acreditar experiencia durante un período de polo menos tres anos, coa realización de dous traballos, como mínimo, similares ou relacionados co proposto.

2. Con independencia do número de proxectos nos que actúe como solicitante, unha mesma entidade non poderá propoñer a súa colaboración como participante en máis de tres solicitudes nesta convo

catoria. O incumprimento deste límite implicará a denegación do proxecto ou proxectos que fosen solicitados en último lugar. Se os proxectos tivesen igual data de presentación, denegarase o proxecto ou proxectos rexistrados en último lugar.

Para os efectos desta limitación, non se terán en conta as entidades que participen na negociación colectiva, nin aquelas cuxa participación se limite ás xornadas de difusión do proxecto.

3. Non poderán ser solicitantes destas subvencións as administracións públicas. Aquelas entidades que non tivesen acreditado un cadro de persoal medio de polo menos dez traballadores non poderán solicitar máis dunha acción nesta convocatoria. En calquera caso unha mesma entidade non poderá ser solicitante de máis de tres accións. O incumprimento de calquera destes límites implicará, para o solicitante que o superase, a denegación do proxecto ou proxectos que fosen en último lugar. Se os proxectos tivesen igual data de presentación, denegarase o proxecto ou proxectos rexistrados en último lugar.

Entenderase por cadro de persoal medio dunha entidade para os efectos desta convocatoria, a media do número de traballadores asalariados que cotizan á Seguridade Social polo concepto de formación profesional, no período comprendido entre decembro e novembro inmediatamente anterior á solicitude.

4. De conformidade co establecido no artigo 11.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte do plan de formación en nome e conta da mesma terán igualmente a consideración de beneficiarios.

5. De conformidade co establecido no artigo 11.3º da Lei xeral de subvencións, terán así mesmo a condición de beneficiarias, as agrupacións formadas polas entidades previstas no punto 1 deste artigo con entidades vinculadas ás mesmas, que teñan entre os seus fins o desenvolvemento das actividades formativas.

O representante ou apoderado único da agrupación deberá pertencer a algunha das entidades beneficiarias previstas no punto 1 deste artigo.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 13, puntos 2º e 3º, da citada Lei 38/2003.

Capítulo II

Accións financiables e documentación técnicas

Artigo 4º.-Accións financiables.

1. Accións de estudo e investigación. Estas accións irán destinadas a analizar os factores que estruturan a demanda de formación continua do sistema produtivo, co fin de anticiparse aos cambios nas cualificacións profesionais derivados do progreso técnico e da organización do traballo, profundar no coñecemento dos problemas e necesidades especí

ficas de formación nos distintos sectores económicos ou ámbitos territoriais e desenvolver iniciativas e alternativas sobre a adecuación da oferta de formación continua á evolución dos contidos das ocupacións. Así mesmo, estas accións terán entre os seus fins coñecer as necesidades formativas dos traballadores con maiores dificultades de acceso á formación e das pequenas e medianas empresas.

Para a presentación dos resultados, realizarase unha xornada de difusión na que as entidades que desenvolvan o proxecto, deberán presentar as técnicas utilizadas e os resultados da análise, a proposta metodolóxica elaborada e as súas posibilidades de utilización, ás empresas, entidades e persoal técnico relacionados coa temática analizada.

Os proxectos que conteñan algunha destas accións poderán incluír a realización dunha xornada técnica que teña por obxecto a difusión dos seus produtos finais, así como a xeración de propostas, alternativas e suxestións sobre os resultados dos mesmos.

2. Accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e/ou ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos ou organizativos da formación profesional continua.

Terán especial consideración aquelas accións referidas á elaboración e/ou experimentación de ferramentas e metodoloxías de aprendizaxe baseadas nas novas tecnoloxías de información e comunicación que estendan a formación aos traballadores de pequenas empresas.

As fases que se deberán seguir na realización do proxecto comprenderán: a planificación dun conxunto de accións que dean resposta ás necesidades de formación das pequenas e medianas empresas dun segmento determinado de actividade e ás súas dificultades de acceso a ela, a selección das estruturas e equipamentos máis adecuados para a impartición de formación continua, o desenvolvemento dos produtos formativos e a impartición das accións coa finalidade de validar o propio proxecto.

As empresas participantes, que deberán ter confirmado previamente á entidade solicitante a súa intención de colaborar no proxecto, estarán identificadas na solicitude con nome ou razón social, CIF, e cadro de persoal medio, e deberán reunir os seguintes requisitos:

-Deberán ter un cadro de persoal igual ou inferior a 5 traballadores, entendendo por cadro de persoal a media do número de traballadores cotizantes á Seguridade Social no período comprendido entre decembro e novembro inmediatamente anteriores.

-Polo menos o 50% delas non terán accedido nos catro últimos anos a accións subvencionadas con cargo aos fondos de formación continua.

A entidade beneficiaria e aquelas que colaboran no desenvolvemento do proxecto, deberán xustificar que contan co coñecemento previo do sector e a

capacidade suficiente para xerar as redes que permitan estender no ámbito autonómico as medidas experimentadas, tanto ás pequenas e medianas empresas pertencentes ao mesmo sector e segmento de actividade, como a aquelas incluídas noutros ámbitos empresariais cuxas características permitan a transferencia total ou parcial dos resultados da acción.

3. Accións de avaliación da FPC.-Estas accións irán destinadas a realizar procesos de avaliación da formación continua dos diferentes sectores de actividade económica ou ámbitos territoriais e a desenvolver procedementos e técnicas de avaliación para que poidan ser aplicados polos que participan e xestionan a formación, co fin de que podan mellorar a súa calidade.

4. Accións de promoción e difusión destinadas a xerar redes de coñecemento da formación continua mediante centros virtuais de traballo, bases documentais de consulta, foros de discusión en liña ou presenciais, guías de boas prácticas e calquera outra medida que favoreza a promoción e difusión de estudos, ferramentas e produtos de formación continua entre as empresas, as organizacións empresariais e sindicais e os distintos axentes que participan na formación, así como a promoción de agrupacións de pequenas e medianas empresas para a organización e xestión dos seus programas de formación.

Artigo 5º.-Xornadas técnicas de difusión dos produtos finais.

Aqueles proxectos que inclúan a realización dunha xornada técnica de difusión deberán comprometer a súa realización na solicitude. Na fase de execución definirán as condicións finais do seu desenvolvemento.

Durante a realización das xornadas de difusión, as entidades que desenvolvan o proxecto deberán presentar a metodoloxía, resultados e produto final ás empresas, entidades e persoal técnico relacionados coa temática e o ámbito da acción.

Capítulo III

Iniciación do procedemento

Artigo 6º.-Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes para o financiamento de accións complementarias e de acompañamento á formación con cargo a esta convocatoria será de corenta días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As entidades que desexen colaborar no desenvolvemento das accións previstas nesta orde deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ao Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade

debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Nome e razón social do solicitante.

b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade e do documento de identidade da persoa que actúa en nome e representación da persoa xurídica solicitante.

d) Copia compulsada dos estatutos da entidade.

e) Unha ficha por cada unha das accións no modelo normalizado segundo o anexo II.

f) Unha memoria-proxecto na que se fará referencia, polo menos, aos seguintes extremos:

-Descrición da acción, na que se especificará o obxecto a acadar e a metodoloxía a seguir para conseguir o obxectivo fixado, así como o colectivo beneficiado.

-Memoria explicativa da valoración económica da acción solicitada.

-Xustificación documental da experiencia da entidade solicitante e da entidade colaboradora no desenvolvemento de proxectos de semellante natureza, de ser o caso.

g) Declaración de non ter concedida ningunha outra axuda pública para a mesma acción.

h) Cifra global de negocio ou orzamento do que dispuxo o solicitante durante os últimos tres anos.

i) Memoria xustificativa da capacidade técnica do solicitante para a xestión da acción que se solicita, indicando os recursos de que dispón a entidade solicitante e, se é o caso, os da entidade ou entidades que participan no desenvolvemento do proxecto.

j) Relación dos principais traballos realizados polo solicitante nos últimos tres anos, que sexan similares ou moi relacionados co obxecto da acción para a cal solicitan a subvención.

k) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro administrativo da Seguridade Social correspondente e de reunir os requisitos establecidos para ser entidade beneficiaria da subvención que solicita.

l) Declaración de non atoparse incurso nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que impiden obter a condición de beneficiario.

2. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Se é o caso, deberán identificarse as entidades participantes que está previsto colaboren no desenvolvemento do proxecto, incluíndo tanto as empresas provedoras de servizos que se prevexa contratar para o desenvolvemento dalgunha das fases del mesmo, como as entidades que participen noutras modalidades de execución e/ou difusión do proxecto. Para estes efectos, deberase cubrir o anexo de colaboración, no que se especificarán os termos da mesma. O solicitante deberá presentar un documento anexo de colaboración coa sinatura orixinal da entidade que colabora por cada unha das entidades participantes.

Capítulo IV

Instrución do procedemento

Artigo 8º.-Procedemento.

1. Recibidas as solicitudes procederase ao estudo e á cualificación destas pola comisión de valoración, unha vez analizada a documentación achegada polos solicitantes informará os expedientes aplicando os criterios de valoración establecida na presente orde.

2. Unha vez baremados os expedientes pola comisión de valoración, serán informados pola Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

3. Á vista do expediente e dos informes preceptivos que se emitan, o órgano instrutor, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, formulará proposta de resolución.

4. A comisión de valoración estará composta polo subdirector/a xeral de Formación Ocupacional, que a presidirá, e serán vogais os/as xefes/a dos servizos de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario, e dous técnicos da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 9º.-Valoración técnica das accións.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á valoración técnica das solicitudes que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria para o seu tipo de acción, propoñendo a denegación daquelas que non os cumpran.

2. A selección das solicitudes para financiar realizarase tendo en conta a puntuación obtida logo de valoración técnica e económica do proxecto.

3. Para os efectos da valoración técnica e para garantir a concorrencia, só se terá en conta a información incluída no expediente no prazo de presentación de solicitudes.

4. A Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá propoñer non financiar ningún proxecto para algún dos tipos de accións, se ningunha das solicitudes acada a valoración técnica mínima que determine.

5. Os criterios de valoración técnica serán os seguintes:

a) Adecuación do proxecto ás exixencias técnicas dos distintos tipos de accións subvencionables: máximo de 50 puntos.

b) Capacidade acreditada para desenvolver o proxecto presentado, tanto da entidade solicitantes como das que colaboran na execución das accións: máximo de 40 puntos.

c) Orzamento do proxecto: máximo de 10 puntos.

Artigo 10º.-Determinación da subvención.

1. Ordenadas as solicitudes en función da súa valoración técnica, a subvención a outorgar a cada acción calcularase tendo en conta o custo estimado das actividades e conceptos solicitados, o número de proxectos a financiar e da dispoñibilidade orzamentaria.

2. Se se detectasen fases, actividades ou apartados de custos non elixibles descontaríanse do orzamento solicitado para calcular a subvención do proxecto.

3. Para os efectos desta convocatoria, consideraranse custos financiables os seguintes custos directos e asociados:

A. Custos directos das accións complementarias:

1. As retribucións de persoal interno e externo podéndose incluír salarios, seguros sociais, e, en xeral, todos os custos imputables ao persoal no exercicio das actividades de que forman parte da execución das accións aprobadas.

2. Os gastos de amortización de equipos e plataformas tecnolóxicas utilizados, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o aluguer ou arrendamento financeiro dos mesmos, excluídos os seus xuros, soportados na execución das accións aprobadas.

3. Gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións aprobadas, incluíndo o material de protección e seguridade.

4. Os gastos de aluguer, arrendamento financeiro, excluídos os seus xuros, ou amortización dos locais utilizados expresamente no desenvolvemento das accións aprobadas.

5. Gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen no territorio nacional, cos límites fixados na orde do Ministerio de Facenda do 22 de febreiro de 2001 (BOE do 27 de febreiro), imputables ao persoal que participa na execución das accións aprobadas.

6. Custos directamente ocasionados pola execución das accións complementarias, que non se recollan no resto das epígrafes, tales como publicidade, difusión, comunicación, entre outros, cando estas actividades estean recollidas na correspondente convocatoria.

B) Custos asociados das accións complementarias:

1. Custos asociados ao desenvolvemento da accións complementarias, en particular, luz, auga, calefacción, teléfono, mensaxaría, correo, limpeza e seguridade.

2. En calquera caso, os custos asociados deben responder a custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente.

3. A suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do total dos custos directos das accións complementarias.

4. Das accións financiables reguladas no artigo 5, serán excluídos aqueles proxectos que se encontren nalgunha das situacións seguintes, tramitándose o resto do proxecto se reúne os requisitos exixidos nesta convocatoria:

-Que o produto non reúna as características exixidas na documentación técnica que corresponda.

-Que exista un produto formativo similar.

-Que exista un produto similar, solicitado no mesmo prazo de presentación, que obteña maior valoración técnica.

5. No caso de que dúas ou máis propostas para o desenvolvemento do mesmo produto final obteñan igual valoración técnica total, seleccionarase a que solicitase menor financiamento, e se este fose idéntico, a que obtivese maior puntuación no segundo bloque de valoración.

6. Unha mesma entidade non poderá ser beneficiaria de máis de tres accións en cada unha das modalidades comprendidas no artigo 4º. No caso de que algunha entidade reunise os requisitos para ser beneficiaria dalgún proxecto máis, seleccionaranse os tres de financiamento máis elevado.

Capítulo V

Terminación do procedemento

Artigo 11º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas corresponderalle á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberá ser notificada aos interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude.

3. Contra as resolucións ditadas ao amparo desta orde, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta xurisdición.

4. Non obstante, poderase optar por interpor contra estas resolucións recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non caberá interpor o recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso de reposición,

de acordo co disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, modificadora da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Pagamento das subvencións.

1. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada, en concepto de anticipo, no momento no que a Dirección Xeral de Formación e Colocación reciba comunicación da entidade impartidora na que se notifique o inicio da acción.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións subvencionadas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha.

c) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

2. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde ou na súa normativa de desenvolvemento, o Servizo de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación, emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

3. No caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida.

Artigo 13º.-Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.

1. A adquisición e conservación do dereito á subvención implica para o beneficiario, cumprir coas seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, de acordo coas condicións e requisitos formais e materiais desta orde, así como coas condicións de aprobación que serviron de base para determinar a valoración técnica e a subvención a conceder.

b) Achegar a información e documentación que se requira durante a fase de instrución do procedemento e execución do proxecto.

c) Presentar a xustificación do cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención, así como da realización e dos custos da actividade que fundamenta a concesión.

d) Ter realizado ou, se é o caso, garantido as devolucións de cantidades concedidas e pagadas en convocatorias anteriores e cuxa devolución lle fose exixida mediante reclamación previa á vía executiva ou

mediante resolución de procedencia de reintegro, salvo que se acordase a suspensión do acto.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico de todos os ingresos e gastos de execución das accións complementarias e de acompañamento á formación profesional continua.

f) Comunicarlle á Administración competente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Estes ingresos serán incompatibles coa subvención que corresponda, polo que esta será minorada na cantidade xa percibida.

g) Someterse ás actuacións de comprobación, seguimento e control a efectuar polos órganos de control que proceda.

h) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

i) Non incorrer no falseamento de datos contidos na solicitude ou nos documentos e certificados presentados aos órganos competentes na tramitación das solicitudes e na concesión das subvencións.

j) Facer constar o carácter público do financiamento da actividade subvencionada e, se é o caso, o cofinanciamento do Fondo Social Europeo. Neste último suposto, a entidade beneficiaria deberá incluír nos produtos finais, nas actividades de difusión e información das accións complementarias e nas publicacións o emblema do Fondo Social Europeo.

k) O beneficiario deberá asumir, en todo caso, a execución do deseño da acción subvencionada, a elaboración final de resultados e informes, así como a coordinación de todas as fases de realización do proxecto, podendo delegar ou contratar por unha soa vez o desenvolvemento parcial destas accións. A execución de calquera outra actividade necesaria para o desenvolvemento do proxecto poderá ser convida cunha entidade colaboradora.

2. Os beneficiarios das subvencións deberán incluír nos produtos finais, nas accións de difusión e información do proxecto aprobado e nas publicacións que se deriven dos mesmos, o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións laborais).

3. O beneficiario e as entidades colaboradoras de cada proxecto serán responsables solidarios do cumprimento das obrigas anteriormente mencionadas.

Capítulo VI

Execución, xustificación de custos e liquidación

Artigo 14º.-Prazo para a realización das accións.

As accións complementarias e de acompañamento á formación que se financien con cargo a esta con

vocatoria deberán executarse entre a data da resolución e o 15 de xuño de 2005.

Artigo 15º.-Execución da acción.

1. A subvención outorgada destinarase á realización do proxecto nos termos establecidos na solicitude e na resolución da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. A súa percepción e contía quedarán suxeitas ao cumprimento de cantos requisitos, condicións e obrigas correspondan ao solicitante de acordo co previsto na Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo de 2004, nesta convocatoria e na correspondente resolución de concesión da subvención.

2. Para manter o financiamento concedido será necesario que non se alteren a natureza do produto final nin as condicións que motivaron a aprobación da solicitude. O incumprimento das ditas condicións, ou do contido da solicitude, poderá supoñer a minoración da cantidade certificada polo tanto da liquidación do expediente.

Artigo 16º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

1. A entidade beneficiaria deberá contar con recursos humanos e materiais propios para a realización das funcións que lle corresponden, e, en todo caso, asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración, debendo asegurar, tanto aquela como o colaborador, o desenvolvemento satisfactorio das funcións dos organismos de seguimento e control.

2. Para o obxecto de garantir o efecto transferible dos proxectos subvencionados, o beneficiario da subvención deberá ceder á Xunta de Galicia os dereitos de explotación do material elaborado como resultado da acción financiada, con reserva dos mesmos a favor do beneficiario, dentro dos termos establecidos polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual.

A cesión de dereitos anteriormente descrita entenderase referida aos resultados ou produtos da acción subvencionada. Non se poderá obter beneficio económico ningún da utilización nin do exercicio dos dereitos de explotación dos mesmos.

3. A entidade beneficiaria deberá remitir copia en papel e soporte informático de todos os instrumentos e soportes a utilizar nos proxectos susbvencionados (enquisas, cuestionarios, guións de entrevista, de grupos de discusión ou similares) en canto estes sexan deseñados e con anterioridade á súa aplicación.

4. A entidade beneficiaria deberá facilitar á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o acceso á plataforma e software necesarios para a utilización dos produtos formativos durante o seguimento e a comprobación do desenvolvemento de todas as fases do proxecto.

5. A entidade beneficiaria entregará o guión de cada un dos produtos formativos, con anterioridade ao inicio do seu desenvolvemento informático para que efectúe as indicacións que coide oportunas.

6. Cando algunha das empresas que tendo confirmado a súa participación na solicitude decida non continuar colaborando no proxecto, a entidade beneficiaria deberá propoñer á Dirección Xeral de Formación e Colocación a súa substitución por outra de similares características, que autorizará ou non o cambio coas observacións oportunas.

7. A entivade beneficiaria deberá remitir os documentos e probas necesarias para a comprobación do texto final con anterioridade á edición do mesmo.

8. Cando se desenvolvan xornadas de difusión de produtos finais, deberase remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación con polo menos un mes de antelación á data de celebración das mesmas, o informe de planificación das xornadas técnicas de difusión cos contidos. No caso de que se detecten carencias de información, discrepancias ou inadecuación respecto das prescricións técnicas, a Dirección Xeral de Formación e Colocación comunicarao á entidade beneficiaria para o efecto de permitir a súa emenda para conservar o dereito á subvención.

9. O beneficiario deberá comunicar a Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera incidencia ou cambio respecto do indicado na solicitude de financiamento que se produza no desenvolvemento do proxecto, e que supoña unha adaptación nos procesos sen alterar as condicións da resolución de concesión. Estas incidencias deberán comunicarse en todo caso cunha antelación mínima dun mes á finalización do prazo de execución establecido.

No caso de detectarse desviacións de carácter non admisible na execución, serán comunicadas ao beneficiario debendo reaxustarse o proxecto ás condiciones iniciais de aprobación.

10. Con independencia do anterior, a entidade beneficiaria está obrigada a facilitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación cantos datos e documentos lle sexan solicitados sobre o proxecto durante a súa execución e unha vez finalizado este, co obxecto de permitir a adecuada verificación do seu desenvolvemento, o uso do financiamento concedido e a avaliación dos resultados obtidos.

11. Os datos e informes obtidos durante a realización das accións así como os seus resultados finais terán para a entidade solicitante o carácter de confidencial. Cando a citada entidade desexe utilizar os resultados parciais ou finais, en parte ou na súa totalidade, para a súa difusión ou publicación como artigo, conferencia, etc., deberá solicitar a conformidade da Dirección Xeral de Formación e Colocación por escrito.

Artigo 17º.-Xustificación dos custos.

1. O beneficiario deberá xustificar os custos en que incorrese á hora de executar as diferentes fases

do proxecto aprobado desde a aceptación da proposta de resolución. Para isto deberá ter en conta a relación de custos financiables e os seguintes criterios de xustificación:

a) O beneficiario deberá xustificar os custos en que incorrese na execución das accións complementarias e de acompañamento á formación. Para isto, deberá ter en conta a relación de custos financiables establecidos no artigo 10º desta orde.

b) Os custos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio, en orixinal ou fotocopia compulsada logo de selado do orixinal, co detalle suficiente para acreditar a correcta aplicación dos fondos. Os ditos documentos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación.

Cando de acordo coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas se admita a xustificación de custos mediante notas de cargo, estas deberán acompañarse cos documentos xustificativos que soportan o gasto ou as súas imputacións.

c) Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

d) O beneficiario da subvención estará obrigado a conservar os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos. O prazo será de 5 anos e computarase a partir do momento en que finalice o período establecido para presentar a citada xustificación por parte do beneficiario. No suposto de accións cofinanciadas con fondos comunitarios, aplicarase a este respecto o que estableza a normativa comunitaria.

As entidades que, sen ter transcorrido o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitir copia da citada documentación á Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. Cando o importe do gasto subvencionable por subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica supere a contía de 12.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía.

Xunto coa xustificación dos custos do proxecto deberán presentarse as ofertas indicadas no parágrafo anterior e unha memoria xustificativa da elección. Nos caso de que polas especiais características dos bens ou servizos contratados non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren ou presten, deberá xustificarse tal circunstancia.

Artigo 18º.-Liquidación das subvencións.

1. O beneficiario deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación dentro do prazo máximo dun mes tras a finalización do prazo de execución correspondente ao proxecto e, en todo caso antes do 30 de xuño de 2005, a súa realización cubrindo e remitindo a seguinte documentación:

a) Produtos finais íntegros.

b) Documentación xustificativa dos custos relativos á execución do proxecto aprobado e documentos normalizados facilitados para o efecto cubertos, de conformidade cos custos financiables e criterios establecidos.

c) Xustificante de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo, se é o caso.

d) Acreditación da participación das entidades que colaboraron no proxecto e na súa difusión.

2. O beneficiario deberá presentar á Dirección Xeral de Formación e Colocación cantos datos e documentos lle sexan solicitados, no prazo de 10 días, para o obxecto de permitir a adecuada verificación do desenvolvemento da acción, o uso do financiamento concedido, a avaliación dos resultados obtidos e a mellor adecuación dos produtos aos obxectivos da convocatoria.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación practicará a proposta de liquidación, baseada nos custos xustificados da acción subvencionada así como na cantidade certificada, unha vez examinada a documentación presentada e avaliados os resultados obtidos e a calidade do produto final.

4. Cando a documentación xustificativa presentada fose suficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, ou se emendasen as insuficiencias detectadas, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á ordenación do pagamento correspondente.

Artigo 19º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro total ou parcial da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.

Capítulo VII

Seguimento, control e avaliación das accións

complementarias

Artigo 20º.-Seguimento, control e avaliación.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará as actuacións de seguimento, control e avaliación que garantan o establecido nesta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións esta

rá supeditada á existencia de crédito suficiente no programa 16.05.241A 481.0 que figuran nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2004 e no programa 16.05.241A 481.0 dos orzamentos xerais para o ano 2005.

Segunda.-Se, por calquera causa, cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Formación e Colocación.

Terceira.-Poderán modificarse as resolucións nos termos e cos requisitos sinalados no artigo 12º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarta.-En todo o non previsto nesta orde, será de aplicación o establecido na Orde TAS/2782/ pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, e a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, quedando os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde suxeitos ao réxime disciplinario previsto nas citadas disposicións.

Quinta.-Poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma ou doutros remanentes. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Sexta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Formación e Colocación para a autorización, disposición, recoñecemento de obrigas e propostas de pagamento das subvencións reguladas nesta orde.

Sétima.

1. A información contida nas comunicacións realizadas polas entidades solicitantes, e por aquelas que resulten beneficiarias, á Dirección Xeral de Formación e Colocación ao amparo desta convocatoria, quedará sometida á normativa vixente en materia de protección de datos.

2. Os datos identificativos das entidades solicitantes, beneficiarias e participantes, integraranse en ficheiros informáticos para os efectos oportunos, podendo os interesados exercer os dereitos recoñecidos con carácter xeral na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa de desenvolvemento.

Oitava.-A Dirección Xeral de Formación e Colocación publicará as contías das subvencións que se outorguen ao amparo desta convocatoria, así como os seus beneficiarios.

Disposición transitoria

Todas as referencias que se fan nesta orde á Comisión Galega de Formación Continua entenderanse feitas aos asinantes do Acordo Galego de Formación Profesional Continua mentres non se cree aquel organismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2004.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais