DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 11 de novembro de 2004 Páx. 15.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de outubro de 2004 pola que se convocan axudas para a realización de escolas viaxeiras durante o ano 2005.

As escolas viaxeiras cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Cultura e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de educación primaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 540 axudas (36 grupos) destinadas a alumnos que no momento de formularen a solicitude estean cursando 4º, 5º e 6º de educación primaria en centros ordinarios da Comunidade Autónoma de Galicia, para participaren na actividade das escolas viaxeiras.

2. As escolas viaxeiras levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 5 de abril e o 13 de xuño (primeira quenda) e entre o 27 de setembro e o 28 de novembro (segunda quenda) de 2005.

3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de quince (15), aos que acompañará un/unha profesor/a do seu centro, preferiblemente o/a titor/a correspondente.

Segundo.-Cada grupo de quince alumnos/as percorrerá, xunto con outros dous grupos similares doutras comunidades, unha das rutas relacionadas no anexo I, ao longo dunha semana, iniciándose o seu percorrido o martes da semana que corresponda coa chegada dos alumnos á cabeceira da ruta, e finalizando o luns seguinte (preferentemente pola mañá).

Terceiro.-As axudas ás que se refire esta orde comprenderán:

a) O transporte en ferrocarril desde a estación de tren máis próxima ao lugar de procedencia dos alumnos ata a cabeceira da ruta e viceversa, así como o correspondente transporte aéreo no caso dos que percorran as rutas de Canarias e o marítimo no caso da ruta de Baleares. Na ruta de Melilla estase a espera de confirmar o tipo de transporte.

b) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

c) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ao percorrido de cada ruta.

d) A cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Cuarto.-Os/as profesores/as acompañantes (un por cada grupo de 15 alumnos/as) que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares aos indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que van realizar, e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.-Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ao modelo establecido no anexo II desta orde, á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitante e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Aprobación do consello escolar do centro, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa, no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.

Sexto.-O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 9 de decembro de 2004.

Sétimo.-En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue e integrada, en calidade de vogais, por:

-Un inspector de educación (nivel de educación primaria).

-Dous directores de colexios de educación primaria, un do sector público e outro do sector privado.

-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación.

Todos eles serán designados polo delegado provincial.

Oitavo.-As comisións provinciais reuniranse no prazo máximo de dez días naturais, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas, tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situada o centro docente, co fin de darlles preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular,

aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta se o centro participou nesta actividade en anos anteriores, co fin de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron.

Cada comisión provincial elaborará unha relación de centros solicitantes, por orde de preferencia, en función dos criterios de valoración sinalados e remitiralla de inmediato á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Noveno.-A selección definitiva será realizada pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, a través dunha comisión constituída con tal fin e con base nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que os grupos de alumnos de 4º, soamente poderán participar na segunda quenda, os de 6º na primeira e os de 5º en ambas as dúas quendas.

O prazo máximo para resolver as solicitudes será de 3 meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria; considerándose desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.

Contra a resolución da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, efectuará o seguimento e avaliación global do programa de escolas viaxeiras; por iso, os centros participantes, a través do profesor/a acompañante coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ao percorrido da ruta e nun prazo máximo de dous meses desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 10 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.-A memoria de avaliación á que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da escola viaxeira, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.

b) Diario da viaxe no que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación aos obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados: reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da escola viaxeira, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos ao contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Catálogo de rutas

* Ruta de Andalucía Occidental.

-Resumo de contidos.

Córdoba: Patrimonio da Humanidade, Alcázar dos Reis Cristiáns, Xudaría. Parques Naturais: Serra de Cardeña-Montoro. Conxunto arqueolóxico de Madinat Alzhara. Val dos Pedroches, a industria agroalimentaria de Pozoblanco. Sevilla: Catedral, Xiralda, Reais Alcázares, Barrio Sta. Cruz, Praza de España e Parque de María Luisa.

Aloxamento: Residencia Escolar M. Careaga y C. de Mora, Doctor Fleming 1, 14445 Cardeña (Córdoba). Teléfono: 957 17 41 20.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Andalucía Oriental.

-Resumo de contidos.

Almería: Concello, Catedral, Alcazaba e Cidade. Os cultivos intensivos baixo plástico en El Ejido. Parque natural de Cabo de Gata e Xardín Botánico El Albardinal. Granada: A Alambra, Xeneralife, Palacio de Carlos V, centro da cidade. Parque das Ciencias.

Aloxamento: Residencia Escolar Carmen de Burgos. Estrada de Níjar, km 7. Almería. Teléfono: 950 29 14 40.

Número de grupos:

* Ruta de Cataluña.

-Resumo de contidos.

A industria de transformación agrícola: visita a unhas cavas. O val de Nuria. A montaña de Monserrat. Barcelona: O Palau da Generalitat. A Sagrada Familia. O Parque Güell. A Rambla. O Liceo. O zoolóxico. Os museos e o porto.

Aloxamento: Albergue Torre Ametller, Veïnat de Santa Elena d'Agell, Cabrera de Mar (Maresme). Barcelona. Teléfono: 937 59 44 48.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Navarra.

-Resumo de contidos.

Vals pirenaicos: Roncal e Baztán. Camiño de Santiago: Puente de la Reina e Estella. Pamplona capital. Ribeira tudelana e Bardenas.

Aloxamento: Centro Puente. Estrada Señorío de Sarriá s/n, 31100 Puente la Reina (Navarra). Teléfono: 689 70 18 36.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 2.

* Ruta de Aragón.

-Resumo de contidos.

O cinto industrial de Aragón. Comunidade Autónoma e a súa organización. Zaragoza monumental e artística. A cidade como centro de servizos e o seu contorno. O medio rural aragonés e as súas diferentes formas de vida: O val e o Pirineo, secano e regadío.

Provincia de Huesca: orixe do antigo Reino de Aragón. Visita ao parque nacional de Ordesa e Monte Perdido.

Percorrido pola provincia de Teruel, modos de vida e diferenza paisaxísticas.

Aloxamento: Residencia Actividades de Alumnos. Venta del Olivar. Praza Maior s/n, Barrio da Venta del Olivar. 50011 Zaragoza. Teléfono: 976 34 11 33.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Toledo.

-Resumo de contidos.

Toledo capital: institucións. O seu contorno: Castelo de Guadamur. Os Montes de Toledo. A Mancha: Consuegra, Villacañas, Miguel Esteban e El Toboso. Ruta Cervantina: Illescas, Esquivias, Ocaña e Tembleque. Toledo artístico e monumental.

Aloxamento: IES. Universidade Laboral. Avda. de Europa, 28, 45003 Toledo. Teléfono: 925 22 34 00.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Burgos.

-Resumo de contidos.

Percorrido urbano I: Atapuerca, industria, Mosteiro de las Huelgas. La Bureba: Briviesca, Frías, Oña e Poza de la Sal. A Ribeira: Salas de los Infantes, Peñaranda de Duero. Percorrido urbano II: Catedral, Senda da Natureza, núcleo histórico e ruínas do Castelo de Burgos. Val do Arlanza: Lerma, Covarrubias, La Yecla.

Aloxamento: Escola Fogar de Fuentes Blancas. Burgos. Teléfono: 947 48 46 43.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Salamanca.

-Resumo de contidos.

Salamanca monumental: Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (Fundación Germán Sánchez Ruipérez). Las Arribes del Duero. Ruta da Prata. Béjar (Museo téxtil, Museo Mateo Hernández). Candelario. Ruta de Ciudad Rodrigo. Fronteira portuguesa (predio experimental Castro Enríquez). Ciudad Rodrigo monumental. Serra de Francia. Pena de Francia. La Alberca.

Aloxamento: Escola Fogar de Santa Marta de Tormes (Salamanca). Teléfono: 923 20 02 21.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Soria.

-Resumo de contidos.

Berlanga de Duero, San Baudelio, Tajueco, Gormaz. Soria. Numancia, Vinuesa, Laguna Negra. Canón do

río Lobos, Burgo de Osma. San Esteban de Gormaz. Almazán, Medinaceli.

Aloxamento: Escola Fogar Ntra. Sra. del Campanario de Almazán (Soria). Estrada de Madrid s/n, 42200 Almazán. Teléfono: 975 30 03 28.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 1.

* Ruta de Extremadura.

-Resumo de contidos.

Cáceres: Patrimonio da Humanidade. Alcántara: a produción hidroeléctrica de Extremadura. Mérida: capital románica e autonómica. Plasencia e parque natural de Monfragüe. Guadalupe e Trujillo: Extremadura e América.

Aloxamento: IES. Universidade Laboral (casitas). Avda. da Universidade s/n. 1004 Cáceres. Teléfono: 927 22 59 66.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Madrid.

-Resumo de contidos.

A Serra: parque rexional de Manzanares el Real, San Lorenzo de El Escorial. Museo do Prado, Madrid dos Borbóns. Os transportes: o metro. Medios de comunicación audiovisuais. Parque zoolóxico. Visita a unha vila da Comunidade. Visita a unha industria, aeroporto de Barajas, Cosmo Caixa Parque do Retiro. Madrid dos Austrias.

Aloxamento: Centro de Intercambios Escolares. Estrada de Colmenar Viejo, km 12,800, Madrid. Teléfono: 913 72 12 84 e 917 34 27 00, extensión 223.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Murcia.

-Resumo de contidos.

Agricultura intensiva e industrias derivadas: visita ao Semilleiro El Jimenado e ao Centro de capacitación agraria en Torre Pacheco e industria de transformación (Fábrica de conservas en Campos del Río). Cartagena: Museo Nacional de Arquelogía Marítima. Porto e percorrido pola cidade (teatro romano). Asemblea Rexional, Portman e Museo Mineiro da Unión. A auga e a horta: Trasvase Texo-Segura (Casa da auga), sistemas tradicionais de rega (Norias de Abarán). Coñecemento do río Segura (percorrido de itinerario ambiental). Murcia: Museo da Ciencia e a Auga, Museo Salzillo, e percorrido pola cidade (Catedral). O Mar Menor, subida ao monte El Carmolí en Los Urrutias. Percorrido no barco polo Mar Menor (Illa da Perdiguera).

Aloxamento: Car Infanta Cristina Mar Menor. Los Alcázares. Teléfono: 968 57 51 89.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta da Rioxa.

-Resumo de contidos.

Logroño: capital da Comunidade Autónoma e sede das institucións. Parlamento rioxano. La Historia Medieval: Briones. Camiño de Santiago: Navarrete, Nájera, Sto. Domingo de la Calzada. Mosteiros de Suso e Yuso,

Patrimonio da Humanidade e nacemento da lingua castelá. A industria vinícola: Haro: museo enolóxico. A ribeira do Ebro: Calahorra, cidade romana, industria de transformación agroalimentaria e mercado das verduras. Arnedo: Museo de Ciencias Naturais. A serra de Cameros: espazos naturais, covas de Ortigosa de Cameros. Serra de Cebollera: Villaoslada de Cameros e Lomos de Orio.

Aloxamento: IES. La Laboral. Avda. de la Rioja nº 6, 26140 Lardero (La Rioja). Teléfono: 941 44 96 52 e 941 44 97 52.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Baleares.

-Resumo de contidos.

Palma: a cidade e os seus monumentos: historia, arte, costumes, lugares singulares... As comarcas físicas de Mallorca: Llevant, Pla, Es Raiguer, Tramuntana e Migjorn; coñecendo a agricultura, a industria, o turismo, os medios de transporte e o medio natural.

Aloxamento: albergue da praia de Palma. R/ Costa Brava, 13, 07610 Palma de Mallorca. Teléfono: 971 26 08 92.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Euskadi.

-Resumo de contidos.

A chaira alavesa: importancia da gandería no País Vasco. Bilbao e a súa zona de influencia: o porto. A industria. Donostia-San Sebastián: importancia da beleza da paisaxe no desenvolvemento turístico. Guernika e a ría de Mundaka: acercamento aos símbolos históricos de Euskalherría. Vestixios prehistóricos. O mar. Vitoria Gasteiz. A cidade e o seu trazado urbanístico; planificación e servizos. Euskadi institucional.

Aloxamento: Residencia Carlos Abaitua. R/ Escultor Díez s/n. 01007 Vitoria, Teléfono: 945 14 81 15.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Gran Canaria.

-Resumo de contidos.

Norte-Noroeste da illa: Arucas, Almacén de Plátanos. Barranco de Silva. Cenobio de Valerón. Costa de Sta. María da Guia, Galdar. Agaete. Porto pesqueiro de las Nieves. Huerto de las Flores. Sur da illa: Parque natural de las Dunas. La Charca. El Palmeral. Praia de Maspalomas e de El Inglés. Leste-Norte da Illa: Núcleo Histórico da Vila de Agüimes: zona de interpretación. Xardín botánico de Viera y Calvijo. Museo da ciencia Helder y Miller. Centro-Norte da illa: zona antiga da cidade de Las Palmas de Gran Canaria: Vegueta, Catedral, Praza de Santa Ana, Museo Canario e Museo Colón. Rúa Maior de Triana e Parque de San Telmo. Paseo pola praia das Canteiras ata o auditorio Alfredo Kraus. Zona de Cumbre: Santa Brígida. San Mateo. Las Lagunetas. Cruz de Tejeda, Roque Nublo. Montes Llanos de la Pez. Valle Seco. Teror.

Aloxamento: Residencia Escolar Las Palmas; Estrada Lomo Blanco, 44; 35017 Las Palmas de Gran Canaria, Teléfono 928 35 02 76/35.

Numero de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Cantabria.

-Resumo de contidos.

A Sociedade urbana: Santander. O medio rural: poboamento e actividade humana. O pobo de Viérnoles e o Mercado Nacional de Gandos (Torrelavega). O mar e o modo de vida no seu contorno, a pesca, o turismo e a industria: Santoña-Laredo. A montaña e o parque nacional de Picos de Europa: Santillana del Mar e o Museo de Altamira.

Aloxamento: Centro de Programas Educativos de Viérnoles. Teléfono: 942 88 01 11.

Número de grupos:

* Ruta de Melilla.

-Resumo de contidos.

Melilla: edificios modernistas, cidade vella (Cuevas del Conventico, museo da torre do reloxo, museo Amazigh, porta de Santiago), Pazo da Asemblea, Acantilados, Parque Hernández; visita a templos: Mezquita, Sinagoga e Templo Hindú; actividades da natureza: mar e piñeiros de Rostrogondo. Talleres.

Aloxamento: Residencia de Estudiantes e Deportistas. Rúa Alfonso X, s/n, 52005 Melilla; Teléfono: 952 67 00 08/952 67 58 85.

Número de grupos:

* Ruta de la Comunidad Valenciana.

-Resumo de contidos.

Sagunto: castelo e teatro romano. Valencia: centro histórico. O Saler e a Albufeira. Alicante. Benidorm. Valencia metrópoli cidade das Artes e as Ciencias.

Aloxamento: Centro La Salle de Liria. Estrada de Ademuz km 30 apartado, correos 286, 46160 Liria (Valencia). Teléfono: 962 79 06 42.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 1.

* Ruta de Tenerife.

-Resumo de contidos.

Norte/Noroeste da illa: almacén de empaquetamento: El plátano.Icod de los vinos: O Drago Milenario. Porto de Garachico. Leste/norte da illa: La Laguna: patrimonio da humanidade. Molino de Gofio. Museo das Ciencias e o Cosmos. Candelaria. Praia das Teresitas. Norte da Illa: Parque de Anaga: Centro de visitantes Cruz del Carmen. Museo de Antropoloxía de Tenerife. Santa Cruz de Tenerife. Norte/noroeste da illa: Puerto de la Cruz: Loro Park. (estudo dos seres vivos, plantas e animais). Parque marítimo Lago Martianez. Norte Centro: Monte da Esperanza. Parque Nacional del Teide. Centro de visitantes. Mirador de Humboldt. Xardín de aclimatacións das especies.

Aloxamento: Residencia Escolar Pedro García Cabrera. Avda. M. Lora y Tamayo, 2, 38207 La Laguna. Teléfono: 922 26 45 65.

Número de grupos: segunda quenda, 1.

ANEXO IV

Obxectivos xerais:

-Lograr un adecuado nivel de coñecementos e comprensión integral da comunidade visitada, as súas xentes e costumes, as súas terras, a súa historia e os seus recursos.

-Fomentar a convivencia e cooperación entre os alumnos, aceptando as diferenzas culturais e lingüísticas dos diferentes grupos, e potenciando o desenvolvemento das capacidades individuais.

-Crear hábitos e actitudes positivas na defensa e conservación do ambiente e do patrimonio, comezando polo contorno cotián dos alumnos.

-Procurar o desenvolvemento e a utilización dunha metodoloxía activa e participativa de profesores e alumnos, e o intercambio de experiencias singulares, en relación coa ruta.

-Ampliar, desde o punto de vista didáctico, o ámbito de actuación da escola grazas á investigación e deseño de novas situacións de aprendizaxe, extensivas ao antes e despois da realización da ruta.

Aspectos previos:

-A escola viaxeira é, ante todo, escola. Ofrécelle ao profesor a posibilidade de participar no deseño e experimentación de novas situacións de aprendizaxe, partindo dun modelo docente baseado no seu protagonismo como figura activa do propio currículo, concibido como unha realidade flexible e xeradora dos seus propios contidos.

-O desenvolvemento da personalidade nas súas dimensións individual e social e o de actitudes a hábitos de cooperación, apertura cara a formas novas de participación responsable ou a formación do espírito creativo e sentido crítico ante os estímulos do medio. E tamén o que fai referencia a unha escola non homoxeneizadora, que valore e procure desenvolver as peculiaridades do individuo e do seu estilo persoal e social, favorecendo a convivencia rexional.

-Contribuír a que a acción formativa se inspire no respecto á pluralidade lingüística e cultural de España, a través do coñecemento e comprensión, precisamente, dos distintos pobos que a constitúen, e da convivencia, ao mesmo tempo, entre alumnos de distintas procedencias.

-Unha nova lectura da realidade que haberá de repercutir de forma positiva nos centros, e que se traduce nunha consideración do medio non como algo separado e distinto do suxeito, senón como o espazo de relacións de toda índole que este establece, e no que interveñen todos os procesos de comunicación e interacción.

Aspectos de metodoloxía e deseño:

-O esquema metodolóxico que máis claras referencias pode ofrecerlle ao profesor a cargo dos grupos é o que relaciona os principais axentes educativos, humanos e materiais, que concorren na actividade e nunha primeira aproximación.

-O profesor, en primeiro lugar, como responsable dos alumnos ao seu cargo, deberá desenvolver os obxectivos específicos do seu proxecto de participación, adecuándoos aos obxectivos xerais da ruta establecida pola coordinación.

Na orde técnica velará para que os seus alumnos asistan provistos da documentación e equipamento necesarios.

-O coordinador, como garante dos propósitos educativos e pedagóxicos da experiencia, establecerá os mecanismos e recursos necesarios para a consecución, por unha banda, dos ditos propósitos e, por outra, das expectativas contidas no proxecto de cada un dos grupos participantes. Realizará para isto a posta en común pertinente ao inicio da experiencia e outras máis específicas no curso do seu desenvolvemento.

-O axudante de coordinación levará a coordinación a un nivel máis concreto de actividades e visitas, de acordo coa proposta de ruta e coas previsións didácticas que se establecesen entre os grupos. Na orde técnica velará pola normal secuenciación das actividades e os aspectos que, en xeral, lle sexan asignados pola coordinación.

-O alumno é o verdadeiro protagonista da actividade. É necesario conseguir a súa participación activa a través dos recursos (caderno de campo e outros) máis apropiados, tanto desde o punto de vista social e convivencial coma do desenvolvemento das súas capacidades individuais.

-Os recursos, como elemento clave no deseño, partindo dos máis próximos ao ámbito de formación do alumno (importancia dos recursos do propio centro de procedencia) e dos propios da comunidade visitada. A infraestrutura (residencia, transporte, etc.) como recurso ao servizo da actividade.

-O ámbito de desenvolvemento da experiencia máis alá da súa realización práctica, e que se estende aos centros de destino dos grupos. Importancia da avaliación e o seguimento, posteriormente dos diferentes aspectos e contidos que se desenvolveron. A memoria, como reflexión xeral sobre as expectativas e logros da actividade.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL