DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 10 de novembro de 2004 Páx. 15.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2004 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración entre a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais para a catalogación e investigación do patrimonio escénico e musical galego.

A Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, indica no seu artigo 9 que corresponderá ao IGAEM exercer as funcións de actualización do inventario e catalogación do patrimonio escénico e musical galego e informar permanentemente deste.

A catalogación do dito patrimonio escénico -abrangue o teatro, a música e a danza- vense realizando no Centro de Documentación do IGAEM, estando na actualidade en fase de recompilación do diverso material de interese.

Con data 27 de xaneiro de 2004, asínase convenio de colaboración cultural no marco teatral entre o IGAEM e a Universidade da Coruña, establecéndose na cláusula segunda do convenio a creación de dúas bolsas de formación para a catalogación tanto do arquivo da Biblioteca Teatral Francisco Pillado como do Centro de Documentación do IGAEM.

Por esto esta xerencia,

DISPÓN:

Primeira.-Obxecto.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais convoca un proceso de selección de dúas persoas en réxime de bolseiros para a catalogación e investigación do patrimonio escénico e musical galego. O desenvolvemento da actividade obxecto da bolsa será principalmente na cidade da Coruña, podendo para os efectos prácticos derivados do convenio desenvolverse parcialmente no Centro de Documentación e Arquivo do IGAEM en Santiago de Compostela.

Segunda.-Duración e dotación económica.

O desfrute da bolsa comprenderá o período desde o 17 de xaneiro de 2005 ata o 16 de decembro de 2005 inclusive. Poderá ser prorrogada ata un máximo de 33 meses supeditado ao informe positivo do responsable titorial, á existencia de crédito no exercicio correspondente e a un período máximo de 11 meses por ano.

A dotación económica da cada bolsa será 601,01 euros brutos mensuais, ou parte proporcional en período inferior ao mes (referencia mes natural: 30 días), con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.354A.480.0 do orzamento de gastos do ano correspondente, condicionada á existencia de crédito suficiente.

A presente convocatoria determinará a elaboración dunha lista de aspirantes por proposta do tribunal correspondente. Unha vez comprobada a existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2005, e mediante resolución da xerencia do IGAEM, será ofrecida aos aspirantes da lista, por orde de prelación, a toma de posesión como bolseiro.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

1. Ter cumpridos os 18 anos.

2. Titulación:

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan algún dos requisitos seguintes:

a) Licenciados en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía portuguesa.

b) Licenciados en biblioteconomía.

c) Licenciados en historia (itinerario: patrimonio documental e bibliográfico).

3. Os solicitantes deberán demostrar o dominio oral e escrito da lingua galega.

4. Non ter permanecido como bolseiro/a da Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado tres ou máis anos, entendéndose por ano cada convocatoria anual de once meses (máximo 33 meses).

5. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, salvo as concedidas para estudos regrados; ou no seu defecto, o compromiso de non atoparse en ningunha destas situacións excluídas no momento en que se outorguen as bolsas.

6. Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro do IGAEM (rúa da Vesada, s/n. San Lázaro 15703 San

tiago de Compostela) segundo artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ata o día 2 de decembro de 2004, a documentación seguinte:

a) Instancia de admisión segundo o modelo anexo.

b) Fotocopia do DNI compulsada.

c) Acreditación da titulación achegada mediante orixinal, fotocopia compulsada ou cotexada.

d) Currículum vitae coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Unicamente serán tidos en conta os méritos convenientemente acreditados mediante orixinal, fotocopia compulsada ou cotexada.

e) Declaración responsable de:

-Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, salvo as concedidas para estudos regrados; ou no seu defecto, o compromiso de non atoparse en ningunha destas situacións excluídas no momento en que se outorguen as bolsas.

-Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

f) Certificado do IGAEM do período desfrutado como bolseiro/a da Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pilllado, se é o caso.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o presidente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-Pola Universidade da Coruña:

Tres membros por ela designados.

-Polo IGAEM:

Dous membros do cadro de persoal do IGAEM.

Secretaria, con voz e sen voto: un membro do persoal administrativo da plantilla do IGAEM.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme estableza o tribunal de selección consensuadamente. En todo caso, a baremación desagregarase do xeito seguinte:

a) Valoración do expediente académico.

b) Valoración de cursos e experiencia na materia relacionada co contido da bolsa.

O máximo de puntuación desta fase será de 60 puntos. Os aspirantes que acaden unha puntuación de máis de 40 puntos, serán convocados a unha entrevista sobre os seus méritos curriculares e a experiencia que poidan achegar. Esta entrevista terá unha valoración de ata 40 puntos que será acumulada á puntuación anterior.

Finalmente o tribunal fará pública, nos taboleiros de anuncios do IGAEM e da sede do Reitorado da Universidade da Coruña, a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

1. Os aspirantes seleccionados incorporaranse logo da aceptación da bolsa, a partir do día 17 de xaneiro de 2005. O horario de desenvolvemento da actividade relacionada coa bolsa será o establecido pola Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado, e se é o caso, polo Centro de Documentación do IGAEM, en función da programación das actividades obxecto das bolsas. Non obstante, e independentemente do lugar de desenvolvemento das actividades, o IGAEM exercerá o control e coordinación baixo a tutela do responsable do Centro de Documentación e baixo a superior dos órganos da Xerencia do IGAEM.

No caso de que os aspirantes que ocupen os dous primeiros lugares non podan, por calquera motivo, prestar a súa colaboración, serán substituídos polos candidatos seguintes por orde de puntuación.

2. Os traballos realizados quedarán, en todo caso, en propiedade do Centro de Documentación dependente do IGAEM.

3. O pagamento da bolsa realizarase con carácter mensual logo de certificación do responsable titorial de cumprir co traballo de formación encomendado.

4. Os/As bolseiros/as terán dereito ao desfrute, durante o período da bolsa, dos días de vacacións que proporcionalmente lles correspondan nun cómputo de 2,5 días por mes traballado, establecidos sempre de acordo co responsable titorial.

5. Serán causas de suspensión temporal ou perda definitiva da bolsa, segundo os casos:

a) Renuncia por parte do interesado.

b) O incumprimento das tarefas de colaboración.

c) O incumprimento dalgún dos requisitos recollidos na base 4ª desta convocatoria.

En caso de sanción, esta será imposta polo xerente do IGAEM, logo de informe do responsable titorial e logo da correspondente audiencia do bolseiro.

Novena.-Cláusula xeral.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases e a lexislación relativa ao IGAEM.

Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación dos documentos non recollidos.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecida pola Lei 30/1992, do 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, podendo interpoñer contra a presente reso

lución recurso potestativo de reposición ante o IGAEM, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio no DOG ou recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á inserción deste anuncio no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2004.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais

ANEXO

Modelo de instancia

D/Dª..... con DNI...., de..... anos de idade, natural de.... con domicilio habitual na rúa..... localidade....., provincia....., CP..... teléfono......

EXPÓN:

Que crendo reunir os requisitos e condicións que sinala a convocatoria para a concesión de bolsas para a catalogación do material e fondos relacionados coas artes escénicas e musicais galegas do Arquivo da Biblioteca Teatral Francisco Pillado durante o ano 2005,

SOLICITA participar na convocatoria da cobertura, manifestando que acepta as condicións e os compromisos que figuran na convocatoria, achegando á presente solicitude a documentación indicada na cláusula quinta das bases da devandita convocatoria.

......, ... de ..... de 2004.

Sinatura

Sr. xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Santiago de Compostela.

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA (SALA DO

CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO,

SECCIÓN SEGUNDA)