DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 10 de novembro de 2004 Páx. 15.342

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2004 pola que se anuncian probas para formar parte dunha lista de bailaríns/bailarinas bolseiros no corpo de baile do Ballet Galego Rey de Viana.

O Decreto 394/1990, do 19 de xullo, polo que se crea o Ballet Galego Rey de Viana como un centro ou unidade de produción artística integrada no Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, establece no seu artigo 1.2º a inclusión de bolseiros no corpo de danza do Ballet Galego Rey de Viana.

Na intención de cubrir as devanditas bolsas no corpo de baile para a temporada de 2005, acórdase proceder á oportuna convocatoria con suxeición ás seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócase concurso para a confección dunha lista de bolsas de bailaríns/bailarinas (indistintamente) que, reunindo as condicións previstas nesta convocatoria, desexen integrarse no corpo de danza do Ballet Galego Rey de Viana. A programación prevista de formación no corpo de baile produciríase entre o 17 de xaneiro de 2005 e o 30 de novembro de 2005. As bolsas poden ser prorrogadas logo de informe da directora do Ballet Galego Rey de Viana, ata un máximo de 33 meses, supeditado á existencia de crédito no exercicio correspondente e a un período máximo de 11 meses por ano.

Segunda.-Dotación económica.

A dotación das bolsas será de 601,01 euros brutos mensuais durante o período indicado, sendo rateada a cantidade para un período inferior ao mes (referencia mes natural: 30 días).

A concesión e contía das bolsas quedan condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 10.60.354A.480.0 do orzamento de gastos do IGAEM do exercicio correspondente. Neste caso cubriranse, por orde de prelación da devandita lista, un mínimo de seis bolsas de bailaríns/inas, mediante resolución da Xerencia do IGAEM.

Terceira.-Requisitos.

Requisitos para optar ás bolsas:

a) Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e ter menos de 30 no remate do período de presentación das instancias. A partir dos 30 anos serán consideradas, caso a caso, polo tribunal as características dos aspirantes.

b) Non ter permanecido como bolseiro do Ballet Galego Rey de Viana tres ou máis anos, entendéndose por ano cada temporada de once meses (máximo 33 meses).

c) Non ter desempeñada a actividade de bailarín mediante contrato profesional. O aspirante deberá entregar declaración responsable de non ter asinado contrato profesional con anterioridade.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións de bailarín/a.

e) Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

f) Non ter emprego remunerado dentro da mesma actividade nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, salvo as concedidas para estudos regrados; ou no seu defecto, o compromiso de non se atopar en ningunha destas situacións excluídas no momento en que se outorguen as bolsas.

Poderase presentar a esta convocatoria, cumprindo os requisitos anteriores, calquera persoa interesada nela sen excepción de nacionalidade, así como os bolseiros que forman neste momento parte do corpo do Ballet Galego Rey de Viana, coa excepción indicada no punto 3º.b).

Cuarta.-Carácter da bolsa.

A concesión da bolsa non establecerá relación laboral, de ningún tipo, entre o IGAEM e o beneficiario dela.

Quinta.-Solicitudes e requisitos.

As solicitudes, segundo modelo que figura no anexo desta convocatoria como solicitude tipo, serán presentadas, ata o vindeiro día 25 de novembro de 2004, no rexistro xeral do IGAEM (rúa da Vesada, s/n. San Lázaro 15703 Santiago de Compostela) segundo artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A data e lugar de realización das probas será o vindeiro 1 de decembro, ás 12.30 horas, nas instalacións do Ballet Galego Rey de Viana no Complexo Deportivo de Elviña; rúa O Birloque s/n na Coruña. A relación de aspirantes admitidos estará exposta no taboleiro das oficinas do IGAEM (rúa da Vesada, s/n. San Lázaro 15703 Santiago de Compostela), así como nas dependencias do Ballet Galego Rey de Viana, con anterioridade ao comezo das probas.

Os aspirantes seleccionados deberán achegar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte compulsada.

b) Certificado do IGAEM do período desfrutado como bolseiro do Ballet Galego Rey de Viana, se é o caso.

c) Declaración responsable acreditativa dos puntos 3º c) , 3º e) e 3º f) exixidos como requisitos.

d) Certificado médico orixinal e actualizado que acredite o punto 3º d) exixido como requisito.

e) Currículum vitae e documentación acreditativa dos méritos que aleguen os aspirantes, en documento orixinal ou fotocopia compulsada.

Sexta.-Relación de aspirantes.

Coa finalidade de facilitar a participación, os solicitantes que teñan tramitada a súa solicitude en prazo serán incluídos na relación de aspirantes admitidos ás ditas probas.

Os bolseiros seleccionados, con carácter previo á súa toma de posesión, deberán presentar, de non o faceren no momento da presentación da solicitude, a documentación indicada no punto 5º.

Sétima.-Probas.

A selección dos bolseiros realizarase mediante proba práctica, consistente na interpretación de tres obras coreográficas (libre, clásica e de carácter) presentadas polo aspirante.

Antes do comezo do exercicio, cada concursante poderá optar entre entregarlle ao tribunal unha gravación musical en casete para lles dar acompañamento ás obras coreográficas que van interpretar, ou ben interpretar as que se lle facilite o tribunal.

Oitava.-Tribunal.

O tribunal que efecturará a selección dos candidatos estará constituído do seguinte xeito:

Presidente: presidente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Xerente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Directora-coreógrafa do Ballet Galego Rey de Viana.

Unha profesora de baile do Ballet Galego Rey de Viana.

Secretario/a(con voz e sen voto): un membro do persoal administrativo do cadro de persoal do IGAEM.

Novena.-Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa levará consigo, por parte do beneficiario, o cumprimento dos compromisos establecidos no artigo 25.1º, do Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da Lei 4/1989, modificada pola 2/1991 de creación do Instituto Galego das Artes Escéncias e Musicais (DOG do 25 de maio de 1993).

O bolseiro comprométese, así mesmo, a participar no programa de actuacións que estableza a dirección do ballet, coa renuncia a calquera outra contraprestación económica diferente da cantidade que perciba como bolsa, sendo propiedade do IGAEM calquera dereito derivado das actuacións comprometidas no período formativo, incluíndose as gravacións e emisións en televisión, vídeo ou outro medio audiovisual.

Décima.-Vacacións.

Os/As bolseiros/as terán dereito ao desfrute, durante o período da bolsa, dos días de vacacións que proporcionalmente lles correspondan nun cómputo de 2,5 días por mes desfrutado, sempre de acordo coa dirección do ballet.

Décimo primeira.-Suspensión ou perda da bolsa.

Serán causas de suspensión temporal ou perda definitiva da bolsa, segundo os casos:

a) Renuncia por parte do interesado.

b) O incumprimento das obrigas ás cales se refire a base anterior.

c) O incumprimento dalgún dos requisitos recollidos na base 3ª desta convocatoira.

En caso de sanción, esta será imposta polo xerente do IGAEM, logo do pertinente informe da directora-coreógrafa do ballet e logo de audiencia do interesado.

Décimo segunda.-Cláusula xeral.

Esta convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecida pola Lei 30/1992, do 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, podendo interpoñer contra esta resolución recurso potestativo de reposición ante o IGAEM, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da inserción deste anuncio no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2004.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais

ANEXO

Modelo de instancia

D/Dª..... con DNI....., de.... anos de idade, natural de....., con domicilio habitual na rúa..... localidade...., provincia....., DP...., teléfono.....

EXPÓN:

Que, crendo reunir os requisitos e as condicións que sinala a convocatoria para a concesión de bolsas

para bailaríns/inas que desexen integrarse no corpo de baile do Ballet Galego Rey de Viana,

SOLICITA acceder ás probas para a concesión dunha das devanditas bolsas, manifestando que acepta as condicións e os compromisos que figuran na convocatoria, achegando a esta solicitude fotocopia do DNI e currículum vitae con documentación acreditativa dos méritos alegados.

....., de.... de 2004.

Sinatura.

Nota. Xúntese DNI, NIE ou pasaporte.

Sr. xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Santiago de Compostela.