DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 10 de novembro de 2004 Páx. 15.326

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa), con número de código 3602172, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 22-7-2004, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, con data do 30-6-2004. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de setembro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Remolcadores de Vigo, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio será de aplicación para a empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa), e para o persoal de flota do seu buque.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2004, con independencia da data de publicación no DOG.

A súa vixencia será dun ano, con efectos ata o 31 de decembro de 2004, e será denunciado polo menos cun mes de antelación á data do seu vencemento; en caso contrario, verase prorrogado por períodos anuais sucesivos.

Mentres as partes, unha vez denunciado o convenio, non asinen un novo que substitúa este convenio, continuará vixente na súa totalidade.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

Para todos os efectos, este convenio constitúe unha unidade indivisible, polo que non poderá pretenderse unha ou varias das súas cláusulas, desbotando o resto, senón que terá que ser aplicado e observado na súa integridade e considerado globalmente.

Se a autoridade laboral competente non aprobase algunha das normas deste convenio e este feito desvirtuase o seu sentido, a xuízo das partes, quedará sen efecto a totalidade do convenio, que deberá ser considerado de novo pola comisión negociadora.

Artigo 4º.-Compensación e absorcións futuras.

O conxunto das condicións salariais pactadas neste convenio absorberán e compensarán no seu conxunto e no cómputo anual, calquera outra mellora parcial que, por disposición legal de carácter xeral e específica para o sector, pactase por calquera orixe que fose, no futuro se puidesen establecer.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

En todo o establecido neste convenio respectaranse as condicións máis beneficiosas colectivas e ad personam existentes, sempre que no seu conxunto e en cómputo anual sexan superiores ás establecidas neste convenio.

Artigo 6º.-Período de proba.

1. Toda admisión de persoal fixo para as actividades comprendidas neste convenio considerarase provisional durante o período de proba, variable, de acordo co labor ao que o tripulante se dedique, que non poderá ser superior á establecida na seguinte escala:

a) Titulados: 75 días.

b) Mestranza e subalternos: 30 días.

2. En caso de que o período de proba remate no transcurso dunha travesía, este considerarase prorrogado ata que o buque chegue a porto, pero a vontade por parte do armador de rescindir o contrato de traballo por non superar o período de proba, deberalle ser comunicada por escrito ao tripulante nos prazos recollidos no número anterior.

En caso de non se cumprir o recollido no parágrafo anterior, considerarase o tripulante como fixo de cadro.

3. Nos casos de rescisión de contrato por fin de período de proba, por vontade do traballador, os gastos de viaxe serán pola súa conta. En caso de que a rescisión sexa por vontade da empresa, os gastos de viaxe ao domicilio cotián do traballador serán por conta da empresa.

4. Concluído o período de proba a satisfacción de ambas as partes, o tripulante pasará a figurar no cadro de persoal fixo da empresa, e o tempo de período de proba seralle computado para os efectos de antigüidade.

5. A empresa, no suposto de rescisión durante o período de proba, entregará a documentación relativa ao tempo efectivamente traballado e o certificado de empresa das cotizacións efectuadas á Seguridade Social.

6. Unha vez rematado o período de proba por vontade da empresa e coa chegada ao porto, o traballador percibirá unha gratificación de viaxe consistente en dous días de salario.

7. A situación de incapacidade laboral transitoria (ILT) durante o período de proba non interrompe o cómputo deste.

Artigo 7º.-Comisión de servizo.

Entederase por comisión de servizo a misión profesional ou cometidos especiais que circunstancialmente lles ordene a empresa realizar aos tripulantes en calquera lugar, así como a expectativa de embarque cando o tripulante se atope fóra do seu domicilio por orde da empresa.

En comisión de servizo, os tripulantes devengarán o salario real que viñan desfrutando no seu posto normal de traballo, así como vacacións de convenio.

Se a comisión de servizo se realizase fóra do domilio do tripulante, percibirá as axudas de custo estipuladas neste convenio.

Cando a comisión de servizo teña unha duración superior a 15 días e se realice no domicilio do tripulante, devengaranse vacacións segundo o establecido na OTMM (ou norma que a substitúa). En calquera caso, os gastos que poidan realizarse aboaranse logo de xustificación, debendo a empresa adiantar unha cantidade estimada polo importe dos ditos gastos.

O delegado, durante a negociación do convenio, manterase en comisión de servizo.

Artigo 8º.-Transbordo.

Enténdese como tal o traslado do tripulante dun buque a outro da mesma empresa dentro do transcurso do período de embarque. Existen dúas clases de transbordo:

a) Por iniciativa da empresa. Por necesidade de organización ou servizo, o transbordo será disposto pola empresa; para este efecto seguiranse os seguintes criterios:

a.1) Criterio de excepción para o delegado.

a.2) Orde inversa á da antigüidade na empresa.

a.3) Non ter sido transbordado máis dunha vez durante o período de embarque.

a.4) Se o tripulante fose transbordado a un buque en que a percepción salarial fose maior á que tiña en condicións homoxéneas de traballo, percibirá por unha soa vez por campaña, e en concepto de indemnización, unha cantidade equivalente á diferenza que resulte entre o percibido no seu último destino e o novo.

b) Por iniciativa do tripulante. Cando por razóns de lugar en que estea o domicilio e outras xustificadas, o tripulante así o solicite e cando a empresa llo poida proporcionar. En ambos os casos, ata que o traballador non estea enrolado no novo buque, permanecerá nas condicións que viña desfrutando no buque anterior do cal desembarcou, sendo por conta da empresa os gastos de transporte que ocasione o tripulante.

Artigo 9º.-Expectativa de embarque.

Considerarase expectativa de embarque a situación do tripulante que se atopa no seu domicilio, procedente dunha situación diferente á de embarque ou comisión de servizo dispoñible e a ordes da empresa. A expectativa de embarque durará ata o día anterior no que o tripulante saia do seu domicilio para entrar en situación de servizo de empresa.

En ningún caso se poderá manter o tripulante por un tempo superior a 30 días, pasando a partir dese momento a situación de comisión de servizo.

Durante a expectativa de embarque, o tripulante percibirá o salario profesional e desfrutará das vacacións de ordenanza.

Artigo 10º.-Licenzas.

1. Con indiferenza do período convido de vacacións, recoñécese o dereito a desfrutar de licenzas polos motivos que a seguir se enumeran:

De índole familiar, para asistir a cursos ou exames para a obtención de títulos ou nomeamentos superiores, ou cursos de carácter obrigatorio, complementarios ou de perfeccionamento e capacitación na mariña mercante que sexan necesarios por lei, a empresa verase obrigada a facilitar a obtención dos ditos cursos aos traballadores do cadro, e para asuntos propios.

2. A concesión de toda esta clase de licenzas correspóndelle ao armador. O peticionario deberá presentar a oportuna instancia e o armador adoptará a resolución sobre ela, dentro dos 30 días seguintes á súa solicitude.

Nos supostos de licenzas por motivos de índole familiar, os permisos que se soliciten deberán ser concedidos polo capitán no momento de ser solicitadas, desembarcando o tripulante no primeiro porto cos medios máis directos de desprazamento e dentro dos límites xeográficos recollidos no punto número 3.

3. Os gastos de desprazamento para o desfrute de licenzas serán por conta do peticionario, coa excepción dos ocasionados por morte do cónxuxe ou fillos, que serán por conta do armador, quedando restrinxido o dereito a desembarque e reembarque a todos os portos de Europa, Mar Mediterráneo, Mar Exeo e os portos de África ata o paralelo Noadibou. Non obstante, quedan excluídas destas limitacións xeográficas as causas de enfermidade grave ou morte do cónxuxe ou fillos.

4. Licenzas por motivo de índole familiar

Estas licenzas serán retribuídas nos seguintes casos:

-Matrimonio: 20 días.

-Nacemento de fillos: 15 días.

-Enfermidade grave de cónxuxe, fillos, pais, irmáns, mesmo políticos: 15 días.

-Morte de cónxuxe e fillos, mesmo políticos: 15 días.

-Morte de pais e irmáns, mesmo políticos: 12 días.

-Traslado de domicilio: 1 día.

Malia estes prazos e atendendo ás excepcionais circunstancias que poidan concorrer nalgunhas situacións xustificadas, a empresa concederá os días necesarios.

Ningunha das licenzas descritas nestes puntos do número 4. serán acumuladas ás vacacións, coa excepción da de por matrimonio, que si se poderá acumular. Malia o parágrafo anterior, o tripulante embarcado, logo de comunicación á compañía naval, poderá optar á dita acumulación en caso de natalidade.

Os tripulantes que desfruten das licenzas previstas neste punto percibirán o seu salario profesional.

5. Cursos por necesidade da empresa.

Cando algúns dos cursos se realicen por necesidade da empresa, o traballador encontrarase en situación de comisión de servizo todo o tempo que duren os cursos. Se os tripulantes se integrasen a calquera dos cursos en vacacións, estas quedarán interrompidas. Unha vez rematado o curso, seguirá o desfrute delas.

6. Licenzas por asuntos propios.

Os tripulantes poderán solicitar licenzas por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admiten demora por un período de dous días ata seis meses, que poderá conceder o armador en atención aos fundamentos que expoña o solicitante e ás necesidades do servizo.

Estas licenzas non terán dereito a retribución de ningunha clase.

Artigo 11º.-Excedencias.

1. Excedencia voluntaria.

Poderaa solicitar todo tripulante que conte, polo menos, cun ano de antigüidade na empresa. As peticións resolveranse no prazo dos trinta días seguintes ao da data de presentación.

O prazo mínimo para as excedencias será de seis meses e o máximo de cinco anos. Se o excedente, un mes antes de finalizar o prazo para o que se lle concedeu a excedencia, non solicitase o seu reingreso na empresa, causará baixa definitivamente nela.

Se solicitase o reingreso, este efectuarase tan pronto como exista vacante na súa categoría.

No suposto de que non existise vacante na súa categoría e o excedente optase voluntariamente por algunha categoría inferior dentro da súa especialidade, percibirá o salario correspondente a esta ata que se produza a súa reincorporación á categoría que lle corresponda.

O excedente, unha vez reincoporado á empresa, non poderá optar á solicitude dunha nova excedencia ata que non transcorresen alomenos catro anos de servizo activo na compañía, desde a finalización daquela.

O tempo transcorrido nesta situación non se computará para ningún efecto.

2. Excedencia forzosa.

Dará lugar á situación de excedencia forzosa calquera situación orixinada polas seguintes causas: nomeamento para calquera cargo político ou sindical de ámbito provincial ou superior, electivo ou por designación.

Nos casos de cargo político ou sindical, a excedencia comprenderá todo o tempo que dure o cargo que o determine e outorgará dereito a ocupar a mesma praza que desempeñaba anteriormente, computándose o tempo de excedencia como en activo para todos os efectos.

O excedente deberá solicitar os seu ingreso dentro dos trinta días seguintes ao do cesamento no seu cargo político ou sindical. En caso de non exercer a dita petición dentro deste prazo, perderá o seu dereito ao reingreso na empresa.

Artigo 12º.-Escalas.

A empresa levará obrigatoriamente unha escala pública en que figure todo o persoal dela, con seu cargo e antigüidade.

A devandita escala deberase encontrar actualizado anualmente e á disposición directa dos tripulantes do buque, entregándolle copia ao delegado de persoal.

Artigo 13º.-Axudas de custo e viaxes.

Axuda de custo é a cantidade que se devenga diariamente para satisfacer os gastos de manutención e estancias que se orixinen no desprazamento fóra do domicilio.

Percibiranse axudas de custo nos seguintes casos:

1. Comisión de servizo fóra do domicilio.

2. Durante o tempo de viaxe necesario para o embarque ou desembarque ata a chegada ao seu domicilio.

3. Na expectativa de embarque fóra do domicilio.

As axudas de custo en territorio nacional pagaranse a razón de 62,49 euros, por cada unha das viaxes, sexa para o embarque ou de regreso ao domicilio, establecendo os seguintes conceptos e valores:

Xantar: 14,30 euros.

Cea: 12,48 euros.

Almorzo: 3,98 euros.

Aloxamento: 31,73 euros.

A empresa entregaralles como mínimo a cantidade de 40 euros aos traballadores (en concepto de anticipo) para que poidan satisfacer os gastos que se orixinen no desprazamento ao embarque e ao desembarque, xustificando os gastos ocasionados. En caso de que por motivos xustificados teñan que se realizar gastos superiores, entregaranse na empresa os recibos oportunos para a súa consideración para efectos de reembolso.

No estranxeiro, a empresa estará obrigada a facilitar os medios de transporte e aloxamento máis idóneo e adecuado ao tripulante.

A empresa aboará os gastos de viaxe; o tripulante elixirá o medio de transporte máis idóneo, adecuado e directo; quedarán excluídos os taxis de aluguer e as clases de luxo. Para os taxis de longo percorrido considerarase como tal as distancias superiores a 25 quilómetros.

En caso de uso deste medios, a súa utilización deberá estar xustificada por falta de billetes doutro tipo para o seu urxente embarque ou porque da súa utilización se deriven maiores economías cós propios gastos. O tripulante presentará os comprobantes.

En todo caso, o tripulante percibirá por adiantado da compañía naval, do armador ou dos seus representantes, o importe aproximado dos gastos de locomoción e axudas de custo, en caso de que non entreguen os correspondentes billetes de pasaxe.

No caso de que os gastos de desembarco por accidente ou enfermidade lles sexan aboados pola empresa aos tripulantes, estes estarán obrigados a lle enviar a aquela os correspondentes xustificantes.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais. A diferenza entre esta xornada e a que se realice na mañá do sábado compensarase en descansos anuais para os tripulantes na forma que se detalla no artigo 16º deste convenio. Os sábados, domingos e festivos soamente se empregarán para gardas de mar, gardas de fonda, emerxencia do buque ou a carga, así como para as manobras de porto e ancoraxe, sempre e cando se realicen dentro da xornada laboral que ten asignada a tripulación nun día ordinario, incrementándose cun complemento de gardas e traballos, que se establece en 250 pesetas/1,50 euros hora.

No caso de que estes traballos se realizasen fóra do horario establecido para os tripulantes nun día ordinario, pagarase o valor establecido para a hora extraordinaria de acordo coa respectiva categoría.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán de libre ofrecemento por parte do armador ou os seus representantes e a prestación delas será sempre voluntaria por parte dos tripulantes, agás nos seguintes supostos:

1. Os traballos de ancoraxe, atraque e desatraque, emendadas previas, aperturas e cerramentos de zapóns e arranches.

2. No mar, sempre que as necesidades da navegación así o exixan para chegar a boa fin a viaxe iniciada polo buque e no porto cando, por ter o buque que saír ao mar inmediatamente, non poida realizarse a xornada normal. Nestes casos, utilizarase unicamente o persoal estritamente necesario.

3. Atención da carga e das operacións necesarias para que o buque poida realizar a carga e descarga. Así como aprovisionamento sempre e cando, por ter o buque que se botar ao mar inmediatamente, non poida realizarse en xornada laboral. Nestes casos utilizarase unicamente o persoal estritamente necesario.

4. Atención de autoridades en porto e traballos similares de ineludible realización.

5. En situación de socorro a outros buques ou persoas en perigo ou cando fosen necesarias ou urxentes durante a navegación para a seguridade do buque, persoas ou cargamento.

6. Nos supostos de formalidades alfandegarias, corentena e outras disposicións sanitarias.

A natureza das horas extraordinarias na mariña mercante ten carácter especial. Consideraranse como horais estruturais, dado que se producen por continxencias necesarias na navegación, imprevisibles na maior parte dos casos. Pola consideración do buque como centro de traballo da tripulación,

o réxime especial da mariña mercante fai que a compensación retribuída das horas extraordinarias teña unha natureza específica de cálculo do seu valor.

Establécese unha garantía retributiva para as horas extraordinarias, o valor das cales está recollido na táboa salarial anexa.

Artigo 16º.-Vacacións.

As vacacións devengaranse a razón de 0,5 días por cada día de embarque, a razón de 30 días de vacacións por cada 60 días de embarque ou situación similar. Cando por necesidades do servizo fose necesario o embarque dun tripulante antes de rematar as súas vacacións, os días desfrutados acumularanse ao seguinte período de vacacións, aínda que o embarque non se producirá antes do desfrute das 4/5 partes delas. En calquera caso, o embarque anticipado non se deberá producir en dúas ocasións consecutivas. En casos de alta por enfermidade ou accidente, o tripulante pasará a desfrutar das vacacións que teña devengadas, non rexendo o parágrafo mínimo a que se refire o parágrafo anterior.

Consideraranse como situación asimilada a embarco para efectos de vacacións as seguintes: expectativa fóra de domicilio, desprazamento para embarque, reparacións para o buque e baixas por accidente de traballo ou enfermidade que requira hospitalización e polo tempo que precise a dita hospitalización.

Artigo 17º.-Relevos de persoal de vacacións.

Empresa e tripulantes están obrigados ao estrito cumprimento do réxime de vacacións establecido neste convenio, non podendo en ningún caso ser compensadas economicamente, admitindo como límite de flexibilidade o regulado a seguir:

A empresa poderá efectuar os relevos de persoal que teña que desfrutar das súas vacacións da seguinte forma: quince días antes daquel en que corresponda o devengo delas ata 15 días despois do dito prazo de devengo.

Artigo 18º.-Incremento salarial.

O incremento salarial será do 3% para todos os conceptos retributivos. Os valores salariais están reflectidos na táboa salarial anexa a este convenio e entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2004.

Artigo 19º.-Traballos especiais.

Teñen consideración de traballos especiais aqueles en que a súa realización, en condicións normais, non é obrigatoria para os tripulantes, por corresponder os ditos traballos a traballadores en terra.

Dado o carácter voluntario da realización destes traballos, o tratamento económico pactarase libremente entre o armador e os traballadores.

Exclúense aqueles traballos que tradicionalmente se viñeron efectuando.

Este punto será desenvolto pola comisión paritaria, formada polo empresario e os traballadores.

Artigo 20º.-Baixas por enfermidade profesional e accidente laboral.

Durante un tempo de baixa por enfermidade profesional ou accidente percibirase o 100% da base de cotización do tripulante afectado, durante os trinta primeiros días; o resto segundo a lexislación vixente, referido sempre ao mes embarcado inmediatamente anterior ao da súa baixa, devengado neses trinta días de vacación de convenio.

Os traballadores que, con ocasión dun accidente, resultasen incapacitados para o exercicio da súa profesión mariña terán dereito a se incorporaren a un posto no cadro de persoal de Remolcavisa de terra, nos postos de nova creación ou vacantes que se produzan na categoría profesional adecuada. Se for necesario mesmo se facilitaría a reciclaxe profesional axeitada.

Artigo 21º.-Seguro de accidentes.

Establécese por conta da empresa e a favor dos tripulantes un seguro de accidentes, para cubrir os riscos de morte e invalidez permanente, coas seguintes contías:

Por morte: 60.101,21 euros.

Por invalidez permanente: 60.101,21 euros.

Artigo 22º.-Perda de equipaxe a bordo.

En caso de perda de equipaxe a bordo por calquera membro da tripulación, debido a naufraxio, incendio ou a calquera outro accidente non imputable ao ou aos prexudicados, a empresa aboará como compensación as seguintes cantidades:

a) Por perda total: 614,04 euros.

b) Por perda parcial, unha cantidade que non será superior aos 619,04 euros a xuízo do capitán, unha vez oído o delegado dos tripulantes e o interesado.

En caso de que a empresa aboe indemnización de vestiario ou facilite uniformes e estes artigos fosen danados, a indemnización reducirase nun 20%.

En caso de falecemento do tripulante, esta indemnización seralles aboada aos seus herdeiros.

Artigo 23º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse con carácter extraordinario 2 pagas extras na contía establecida para o salario profesional, unha antes do 30 de xuño e outra antes do 15 de decembro.

Artigo 24º.-Roupa e servizos de lavandaría.

1. A roupa de traballo será por conta da empresa, atendéndose ao establecido nas normas de seguridade e hixiene no traballo.

2. A lavadura da roupa de cama, toallas e servizos de fonda será por conta da empresa, que tamén proverá o buque de medios pertinentes para a lavadura dos efectos persoais dos tripulantes (lavadora, ferro de pasar a roupa e secadora).

Roupa de traballo a bordo.

Todo o persoal embarcado disporá en perfecto uso dos efectos seguintes:

a) Oficiais de ponte.

Disporán de funda, un equipo de auga completo, un casco (lanterna e luvas), segundo necesidades e en cantidades suficientes (ante entrega do vello).

b) Oficiais de máquinas.

Disporán de dúas fundas, un casco, calzado especial de seguridade, lanterna e luvas, segundo necesidades e en cantidades suficientes (ante a entrega do vello).

c) Contramestres e mariñeiros.

Disporán de tres fundas ou similar, un equipo de auga completo, un casco, calzado especial (lanterna e luvas), segundo necesidades e en cantidades suficientes (ante entrega do vello).

d) Engraxadores.

Percibirán os mesmos efectos cós de cuberta, agás as roupas de auga, que utilizarán a xa citada comunmente para o departamento de máquinas.

e) Persoal de cociña.

Os cociñeiros disporán de dúas chaquetas curtas brancas, dous pantalóns, tres camisetas brancas e seis mandís.

Os camareiros disporán de dúas chaquetas curtas brancas e de dous pantalóns.

Todo persoal embarcado disporá dunha cartilla en que reflita a roupa e os efectos que reciben. Os efectos transferibles (cascos, lanternas, roupa de augas, etc.) seranlles entregados ao desembarcar aos seus respectivos xefes de departamento.

Os criterios para cambio de roupa serán levados segundo o estado de uso dos devanditos efectos.

A comisión de a bordo, delegado dos tripulantes ou membros do comité de empresa de flota, xunto co xefe de departamento, determinarán o estado deles.

Artigo 25º.-Traballos de reparación.

Estando o barco en reparación fóra do porto base, o persoal embarcado estará nas mesmas condicións que co barco en servizo para todos os efectos.

Co barco no porto base, o persoal que traballe a bordo farao a xornada normal e os días computarán como embarcados. Se durante a realización dos citados traballos non se lles dá servizo de comidas e dormida a bordo, aboaránselles as axudas de custo establecidas no artigo 13º deste convenio; tamén se lles entregará o importe das viaxes que teñan que realizar para os seus desprazamentos para efectuaren os ditos labores (aos que residan fóra da localidade en que se realice a reparación).

Artigo 26º.-Comidas especiais.

Enténdese por comidas especiais as que se preparan para datas sinaladas como os días: 1 de maio (festa do traballo), 16 de xullo (Virxe do Carme), 24 de decembro (Noiteboa) e 31 de decembro (fin de ano). A cantidade, calidade e tipo de comida para estes días serán a criterio do cociñeiro e comisión de comidas, e a empresa correrá cos gastos.

A mantenza, para ningún efecto terá a consideración de salario; xa que logo, non será exixible durante as vacacións, permisos, licenzas, baixa por enfermidade, accidentes ou outras situacións similares. Tampouco se aboará coas pagas extraordinarias nin con calquera outro devengo que recoñeza a derogada ordenanza de traballo da mariña mercante.

Artigo 27º.-Cadro de persoal operativo.

Establécese o seguinte cadro de persoal operativo:

B/Mariñeiro.

Capitán.

Xefe de máquinas.

1º oficial de ponte.

1º oficial de máquinas.

Cociñeiro.

Contramestre.

Engraxador.

Artigo 28º.-Actividade sindical.

-Norma 1.

O tripulante que resulte elixido como representante ou delegado de empresa exercerá as súas funcións sindicais representativas con toda liberdade durante o tempo para o que fose elixido, a salvo sempre das súas obrigas de traballo.

O exercicio destas funcións concrétase nas seguintes facultades:

1. Expresar con enteira liberdade as súas opinións en materias tocantes á esfera da representación sindical.

2. Reunirse co resto da tripulación para deliberar sobre temas de actividade sindical.

3. Promover as accións que procedan para a defensa dos dereitos ou do interese sindical dos seus representados.

4. Gozar de protección eficaz contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o libre exercicio da súa función, e poida prexudicalo, incluído o despedimento pola súa condición de representante dos traballadores, da súa actividade sindical, ou da súa afiliación ao sindicato, etc.

5. Interromper a súa actividade laboral no buque cando as exixencias da súa representación sindical interpoña unha intervención directa ou inaprazable para tentar solucionar calquera problema que afecte aos intereses dos tripulantes, logo de aviso ao capitán.

-Norma 2.

O delegado de persoal disporá dunha reserva de 20 horas laborais retribuídas mensuais para o exercicio da súa actividade nos seguintes casos:

a) Asistencia a congresos, asembleas, consellos, coordinadoras, se é o caso, e, en xeral, a calquera clase de reunións a que fosen convocados polo sindicato.

b) Participación en seminarios, cursos ou actividades de carácter formativo sindical, promovidos polo sindicato ao que pertenza ou cando expresa ou persoalmente sexa convocado.

c) Actos de xestión que deben realizar por cargo do seu sindicato ou por razóns das súas obrigas específicas. Para os mesmos casos poderán, ademais, utilizar ao seu cargo as horas necesarias.

O delegado de persoal garantirá a non demora do buque pola súa asistencia a cursos.

-Norma 3.

Dereitos e funcións do delegado de persoal.

1. Vixiar polo estrito cumprimento das normas laborais regulamentarias ou pactadas, especialmente as relativas á xornada de traballo, control das quendas de vacacións, horas extraordinarias, etc.

2. Ser informado por escrito, preceptiva e previamente sobre as sancións impostas aos tripulantes por faltas moi graves.

3. Non ser transbordado contra a súa vontade entrementres dure o exercicio do seu cargo sindical.

4. Convocar asemblea no buque por propia iniciativa ou cando llo solicite un tercio da tripulación.

5. Utilizar todos os servizos de impresión, comunicación e oficina de a bordo para o desenvolvemento das súas funcións sindicais, se for necesario. Aquelas comunicacións que afecten a ambas as partes serán por conta da empresa; as que sexan única e exclusivamente de carácter sindical serán por conta dos tripulantes.

6. Cando a actuación do delegado do buque, realizada fóra do centro de traballo, supoña xestión en defensa dos intereses dos seus representados e se exerza perante a empresa, ou perante a autoridade laboral logo de citación desta, considerarase que se encontra en situación asimilada á comisión de servizo; daquela, percibirá a totalidade dos devengos que lle correspondese de ter prestada a súa actividade laboral.

-Norma 4.

Os tripulantes poderán exercer o seu dereito de asemblea logo de avisar ao capitán. A asemblea non entorpecerá as gardas, nin quendas de traballo; en todo caso, quedará a salvo a seguridade do buque e súa dotación. O delegado de persoal será o responsable do seu normal desenvolvemento.

-Norma 5.

Poderán acollerse a excedencia por motivos sindicais aqueles tripulantes que fosen designados para ocupar calquera cargo de responsabilidade en calquera sindicato legalmente establecido. Esta excedencia concederase a todo tripulante, calquera que fose a súa antigüidade na empresa, polo prazo de duración do seu cargo.

O excedente ocupará a mesma praza que desempeñaba anteriormente, computándose o tempo de excedencia para efectos de antigüidade. O reingreso deberao solicitar o interesado dentro do mes seguinte a cando cese no cargo sindical que desempeñe.

-Norma 6.

O delegado de persoal terá as seguintes funcións:

1. Negociar e vixiar o cumprimento do convenio e as actas de aplicación del na empresa e os demais pactos que asinen entre esta e os seus tripulantes.

2. Ser informado pola dirección da empresa:

a) Anualmente, coñecer e ter ao seu dispor o balance, a conta de resultados e a memoria.

b) Con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre as reestruturacións do cadro de persoal, venda e posta en situación de fóra de servizo ou cambio de bandeira do buque e sobre os plans de formación profesional da empresa.

c) En función da materia de que se trata:

-Sobre a implantación e revisión de sistemas de organización de traballo e calquera das súas posibles consecuencias.

-Sobre a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa cando iso supoña calquera incidencia que afecte o volume de emprego.

-O empresario facilitaralle ao delegado información das contratacións, suspensións ou extincións dos contratos, así como modelo ou modelos de contrato de embarque que utilice, estando lexitimado o delegado para efectuar as oportunas reclamacións ante a empresa e, se é o caso, ante a autoridade laboral competente.

-No tocante ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidade profesional e as súas consecuencias, os índices de sinistralidade, o movemento de ingresos, cesamentos e os ascensos.

Artigo 29º.-Día do Carme.

O día 16 de xullo, festividade de Nosa Señora do Carme, padroeira da mariña mercante, ten a consideración de festivo non recuperable.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Para interpretar e vixiar a aplicación deste convenio colectivo, créase unha comisión paritaria de dous membros, composta por un membro elixido pola empresa e un membro pola parte social (o delegado de persoal).

As partes someterán cantas dúbidas, discrepancias ou conflitos puidesen xurdir pola interpretación ou aplicación do convenio. A dita comisión resolverá o que proceda no prazo o máis breve posible.

Artigo 31º.-Artigo derradeiro.

Ambas as partes acordan que en todo o non disposto neste convenio se seguirá o disposto na lexislación xeral vixente e no convenio xeral da mariña mercante, aínda que estea derrogado polo Goberno.

* Quedan a salvo as condicións máis beneficiosas establecidas nos contratos de traballo.

Disposición adicional

Mantense vixente para os efectos legais o contido do acordo subscrito entre a empresa e os representantes dos traballadores con data do 4 de febreiro de 1997, contido que se reproduce como anexo II a este convenio.

Disposición derradeira

As partes asinantes deste convenio foron:

Pola representación empresarial: Cándido Correa García.

Pola representación dos traballadores: Norberto Alborés Míguez.

Táboa de salarios de 2004

CategoríaSalario profesionalValor

trienio

Horas

extra

Pagas

extra

Capitán1.879,6657,93264,721.879,66

Xefe de máquinas1.811,8557,93264,721.811,85

Oficial N.P C/M1.542,3454,49237,761.542,34

Oficial M.M.1.542,3451,07237,761.542,34

Patrón M. cabotaxe1.542,3451,07237,761.542,34

Mecánico 1ª1.542,3454,50237,761.542,34

Oficial N.P.1.171,3851,07157,731.171,38

Oficial máq.1.171,3851,07157,731.171,38

Mecánico 2ª1.171,3851,07157,731,171,38

Contramestre1.133,1647,65151,951.133,16

Cociñeiro1.130,1547,65151,951.130,15

Mecánico reparador1.122,5347,65151,951.122,53

Mecamar1.119,0542,38148,721.119,05

Engraxador1.172,3639,63145,511.172,36

Mariñeiro1.100,4539,33145,511.100,45

En Vigo, 4 de febreiro de 1997.

Reunidos:

Dunha parte e en representación da empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa), Cándido Correa García.

Doutra e na representación dos traballadores e en calidade de órgano de representación sindical da citada empresa-delegado de persoal, Manuel Martínez Santomé e Serafín Sa Pazo, en representación do SLMM-CC.OO.

Ambas as partes recoñécense con capacidade e lexitimación suficiente para intervir neste acto. O primeiro intervén en representación que desempeña da mercantil Remolcadores de Vigo, S.A., e os segundos, na legal representación que desempeñan dos traballadores da citada empresa. Para tal efecto, manifestan:

Que ante os efectos da posible aplicación de contido da D.A. 15ª da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, ao que a empresa pretende acollerse, para os efectos de manter a súa viabilidade e conservar os postos de traballo, os reunidos subscriben os seguintes acordos, que serán anexados ao vixente convenio colectivo como anexo I do dito texto.

Acordos:

Primeiro.-Que a empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa) resulta ser titular de dominio na actualidade do buque Marinero.

Segundo.-Que a citada empresa considera necesario acollerse aos beneficios que puidesen derivar ou inferirse do abandeiramento dos seus buques de Rexistro Especial de Buques e Empresas Navais en Canarias, segundo a regulación previda na D.A. 15ª 27/1995, do 24 de novembro, con 2º Rexistro Canario.

Terceiro.-Non obstante, mesmo producíndose a inscrición do buque da empresa no citado rexistro especial, esta seguirá aplicando ás súas dotacións a lexislación social española, recoñecendo igualmente a competencia dos xulgados e tribunais españois para coñecer de todas as cuestións litixiosas que promoven os seus traballadores.

Cuarto.-Igualmente será de aplicación á tripulación do seu buque o convenio colectivo de ámbito empresarial, vixente en cada momento, non derivando, pois a inscrición do citado buque no 2º Rexistro canario en ningunha modificación das condicións laborais e sociais das respectivas dotacións.

Quinto.-Que o cadro de persoal ou dotación do buque Marinero serán na súa totalidade de nacionalidade.

Non obstante, a empresa renuncia expresamente á aplicación do disposto nos puntos 6 e 7 da D.A. 15ª da Lei 27/1002, para as situacións de vacantes por amortización de postos de traballo por causa do cesamento voluntario, demisión, incapacidade laboral, falecemento, xubilación, despedimento do traballador ou para os de nova creación. A empresa comprométese a lle comunicar ao delegado de persoal o número de vacantes producidas ou creadas co obxecto de seren cubertas, única e exclusivamente por persoal de nacionalidade española.

Tendo en conta a preferencia para todos os efectos do persoal que estableza o convenio colectivo ou do persoal vinculado á empresa por modalidade contractual a tempo indeterminado, interino, fixo-descontinuo, de relevo, etc., é dicir, sen determinación

de consolidación da fixeza no exemplo, para cubrir as ditas vacantes, verificando os requisitos de capacidade, idoneidade, titulación, etc.

De non existir persoal da nacionalidade española que cumpra tales requisitos, queda a empresa en liberdade para contratar persoal de nacionalidade comunitaria (UE), mediante a correspondente oferta e en conformidade cos requisitos prefixados para acceso ás vacantes e, en caso de non atopar persoal idóneo entres nacionais comunitarios, a empresa quedará en liberdade para a contratación de traballadores estranxeiros.

E por todo isto esténdese este acordo, que lido, entendido e plenamente conforme, se asina no lugar e data arriba indicados.