DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 10 de novembro de 2004 Páx. 15.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 3 de novembro de 2004 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do consorcio urbanístico para o desenvolvemento e xestión do solo industrial nos concellos de Barro-Meis.

As entidades locais poden constituír consorcios locais entre si, con outras administracións públicas ou con entidades privadas sen ánimo de lucro, dotados de personalidade xurídica propia e de capa

cidade para o cumprimento dos seus fins específicos, que veñen determinados nos seus estatutos.

Os consorcios aparecen regulados nos artigos 57 e 87 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e os artigos 149 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Este consorcio local nace co obxecto de artellar a cooperación das administracións integrantes para o pleno desenvolvemento e xestión do solo industrial.

Examinado o texto dos estatutos que rexerán o consorcio urbanístico para o desenvolvemento e xestión do solo industrial nos concellos de Barro-Meis, constátase que a súa aprobación se realizou conforme o disposto nos artigos 150 e seguintes, así como o 137 e seguintes, da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites que a seguir se indican:

Primeiro.-Por acordos plenarios da Deputación Provincial de Pontevedra do 31 de marzo, do Concello de Meis do 29 de abril, e do Concello de Barro do 17 de marzo, iniciáronse as xestións para a creación do consorcio e designáronse os respectivos representantes para formar parte da comisión xestora.

Segundo.-Con data 19 de maio de 2004, a comisión xestora aprobou inicialmente o proxecto de estatutos do consorcio.

Terceiro.-Con data de 26 de maio, a asemblea, formada polos concelleiros dos concellos de Barro e Meis e por deputados provinciais, aprobou provisionalmente o antedito proxecto.

Cuarto.-Os estatutos foron expostos a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncio publicado no BOP (nº 106, do 4-6-2004), formuladas alegacións ao respecto, as mesmas foron resoltas pola asemblea con data do 8 de xullo de 2004.

Quinto.-Con data do 30 de xullo, a Dirección Xeral de Administración local emitiu informe sobre o contido dos estatutos, de conformidade co previsto no artigo 140 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Sexto.-Deuse cumprimento ao trámite previsto no artigo 143.1º b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no que se refire á Deputación Provincial de Pontevedra, que emitiu informe con data 2 de xullo de 2004.

Sétimo.-Por acordos plenarios da deputación provincial do 8 de setembro, do Concello de Barro, do 18 de agosto, e do Concello de Meis do 27 de setembro, aprobáronse definitivamente os estatutos.

Oitavo.-Remítese polo presidente da comisión xestora do consorcio, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do 4 de outubro de 2004, unha

copia certificada do texto dos estatutos para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

A publicación dos estatutos do consorcio urbanístico para o desenvolvemento e xestión do solo industrial nos concellos de Barro-Meis no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Bases e estatutos do consorcio urbanístico integrado

polos concellos de Barro, Meis e a Deputación

Provincial de Pontevedra para o desenvolvemento

e xestión do solo industrial nos concellos

de Barro-Meis

Capítulo I

Constitución e sede

Artigo 1º

Coa denominación de consorcio urbanístico para o desenvolvemento e xestión do solo industrial nos concellos de Barro-Meis integrado polos concellos de Barro, Meis e a Deputación Provincial de Pontevedra, constitúese ao amparo do establecido nos artigos 149 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e lexislación básica estatal, con personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos fins específicos establecidos no capítulo III destes estatutos.

Artigo 2º

A sede ou domicilio social do citado consorcio será a sede da Deputación Provincial de Pontevedra.

Capítulo II

Ámbito territorial

Artigo 3º

O ámbito territorial é onde o consorcio desenvolverá os seus fins, ou sexa, os concellos de Barro e Meis.

Capítulo III

Obxecto e competencia

Artigo 4º

O obxecto ou fin do consorcio será a planificación, execución, desenvolvemento e xestión do solo indus

trial do planeamento vixente nos ámbitos SRAU, Industrial do PXOM de Barro e SU1-2 e SRA-I.7 do PXOM de Meis.

Unha vez urbanizados os terreos, promoverase a creación dunha entidade urbanística de conservación das parcelas para o seu mantemento e instalacións e servizos comúns da zona industrial.

A adquisición das parcelas urbanizadas, levará consigo a obriga de contribucións aos gastos xerais, facéndose constar a referida carga no Rexistro da Propiedade xunto coa inscrición das parcelas de resultado.

Artigo 5º

O consorcio realizará as súas actividades en nome propio e para o establecemento, conservación, prestación e desenvolvemento dos fins expresados no artigo anterior, o consorcio terá plena competencia e os acordos ou resolucións que adopten os seus órganos de goberno obrigarán a todas as entidades locais consorciadas e os adquirentes das parcelas.

Para o cumprimento do seus fins o consorcio urbanístico para o desenvolvemento e xestión do solo industrial nos concellos de Barro-Meis exercerá as seguintes funcións:

a) Realizar as análises económicas e xurídicas preliminares, a programación e orzamento. Elaborar estudos e realizar traballos de promoción urbanística das áreas afectadas.

b) Xestión da tramitación de todos os traballos técnicos e xurídicos (rexistrais, etc.) referidos aos sectores.

1. Redactar e elaborar cantos instrumentos de planeamento de desenvolvemento e de execución urbanística sexan necesarios para a xestión e urbanización do ámbito territorial da súa actuación, así como as súas modificacións sometendo aos órganos competentes a súa aprobación. Neste sentido o consorcio será competente para o establecemento de concursos para a redacción e dirección dos traballos técnicos referidos a plans urbanísticos de desenvolvemento, proxecto de expropiación, proxecto de urbanización, proxecto de parcelamento. A potestade expropiatoria corresponderá ás entidades territoriais consorciadas, sen prexuízo da encomendada ao consorcio da xestión das expropiacións que os mesmos acorden.

2. Seguimento das condicións de adxudicación e das condicións de simultaneidade das obras de urbanización e edificación.

3. Xestión da recepción municipal da obras de urbanización.

4. Seguimento legal, económico e fiscal da actividade do consorcio.

5. Realizar todas as actividades que atinxan á preparación do solo para cuxo efecto poderá ser beneficiario da expropiación dos terreos e outorgar e formalizar cantos documentos públicos e privados se

precisen para a inscrición dos predios resultantes no Rexistro da Propiedade.

6. Redacción de pregos e preparación de concursos para a execución das obras de urbanización e adxudicación das parcelas urbanizadas.

7. Promover, se é o caso, a incorporación de empresas e particulares ao consorcio, mediante a celebración de convenios sen que a participación de persoas privadas poida ser maioritaria nin dea lugar a que aquelas controlen ou teñan unha posición dominante no funcionamento do consorcio.

8. Dispoñer do solo resultante trala urbanización, conforme o destino previsto no planeamento, alleando o que corresponda mediante os procedementos establecidos na lexislación urbanística aplicable para a disposición dos patrimonios públicos do solo, ou asignándoo aos entes consorciados, na medida en que proceda, en compensación á contía das súas achegas.

9. Propor ás administracións competentes a aprobación dos actos e documentos urbanísticos, así como a concesión das licenzas e autorizacións que sexan necesarias para a xestión urbanística do sector.

10. Outorgar cantas escrituras ou documentos públicos ou privados sexan precisos no exercicio das súas facultades.

11. Cantas actuacións previas, consecuentes ou complementarias das anteriores sexan necesarias para o cumprimento dos seus fins.

Capítulo IV

Órganos de goberno

Artigo 6º

Serán órganos de goberno do consorcio a xunta de goberno e o presidente.

Artigo 7º

Comporán a xunta de goberno, os presidentes das entidades locais consorciadas e dous corporativos da cada unha destas, elixidos en cada pleno respectivo, con carácter representativo delas.

Artigo 8º

A xunta de goberno renovarase coa mesma periodicidade que as entidades locais.

Artigo 9º

Corresponderán á xunta de goberno as atribucións que, en analóxica relación ás competencias do consorcio, estean conferidas aos plenos tanto municipais como provinciais nos artigos 22.2º e 33.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 10º

A presidencia do consorcio corresponderá a un dos presidentes dos entes asociados, elixido por maioría pola xunta de goberno. Posteriormente a presidencia terá carácter rotatorio na orde que determine a xunta de goberno.

Artigo 11º

Son atribucións do presidente as que en relación analóxica ás competencias do consorcio estean conferidas aos presidentes das entidades locais nos artigos 21.1º e 34.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 12º

O presidente do consorcio designará e revogará, libremente de entre os membros da xunta de goberno, un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 13º

Os órganos de goberno do consorcio serán renovados coa mesma periodicidade que as entidades locais. Todos os membros dos órganos de goberno do consorcio continuarán en funcións unha vez disoltas as corporacións, namentres non se constitúan as novas.

Capítulo V

Organización administrativa e réxime xurídico

Artigo 14º

A convocatoria, réxime das sesións e actas dos órganos colexiados do consorcio axustarase ao disposto na normativa vixente.

A xunta de goberno celebrará sesión ordinaria unha vez ao semestre e nas datas que determine a propia xunta de goberno. Poderanse celebrar sesións extraordinarias mediante convocatoria do presidente, ben por decisión propia ou cando o solicite a cuarta parte alomenos do número legal de membros da xunta.

Artigo 15º

A xunta de goberno adoptará os seus acordos por maioría simple, sen prexuízo do establecido no artigo 47 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e o voto no seo deste órgano será ponderado de conformidade coas achegas ordinarias previstas no artigo 22 e) destes estatutos.

En caso de empate, efectuarase unha nova votación e, se persistira o empate decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 16º

Os acordos que adopten os órganos de goberno do consorcio vincularán a todas as entidades locais integrantes, sempre que se adopten para o cumprimento dos fins asumidos polo mesmo, salvo que requiran a expresa ratificación de cada un dos entes asociados.

Esta ratificación a requiren os seguintes acordos:

a) A aprobación dos regulamentos.

b) A disolución do consorcio.

c) A admisión de novos membros ou a separación de algún.

d) O aval de compromisos económicos contraídos polo consorcio.

e) As achegas ao consorcio.

Artigo 17º

O réxime xurídico aplicable para a organización e funcionamento axustarase á lexislación de réxime local.

Capítulo VI

Persoal

Artigo 18º

O exercicio das funcións técnicas e administrativas do consorcio encomendarase aos funcionarios do ente local a que corresponde a sede, sen prexuízo das facultades da xunta de goberno e da presidencia para a contratación de persoal, segundo o cadro de persoal aprobado regulamentariamente.

Artigo 19º

O consorcio contará co persoal necesario para a realización das tarefas e funcións precisas para unha adecuada e eficaz prestación dos servizos da súa competencia.

Os postos de secretario, interventor e tesoureiro serán desempeñados de conformidade coa lexislación vixente, sendo as súas funcións as atribuídas para os respectivos postos pola lexislación de réxime local. Serán desempeñados polos funcionarios con habilitación de carácter nacional da entidade onde radique a sede de conformidade co previsto na disposición adicional primeira.

Capítulo VII

Facenda

Artigo 20º

A xunta de goberno aprobará anualmente un orzamento único, axustado na súa elaboración, forma e desenvolvemento, ás disposicións que rexen na lexislación de réxime local.

Artigo 21º

A facenda do consorcio estará constituída polos seguintes recursos:

a) Ingresos de dereito privado, especialmente da venda das parcelas.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As contribucións especiais que se poidan establecer, por obras ou servizos da súa competencia.

d) Os procedentes de operacións de crédito.

e) As achegas ordinarias e extraordinarias dos entes consorciados fixados de acordo con estes estatutos. As achegas ordinarias serán do 80% para a deputación e o 10% para cada un dos concellos.

Capítulo VIII

Incorporación e separación de membros

Artigo 22º

A incorporación de novos membros ao consorcio requirirá a aceptación por maioría absoluta da asemblea de corporativos e con idéntico procedemento que o seguido para a súa constitución.

Artigo 23º

A separación dunha entidade consorciada levará consigo a modificación dos estatutos conforme o artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

No caso de que unha entidade consorciada decida unilateralmente separarse do consorcio deberá manifestalo cun ano de antelación sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos durante ese tempo: compromisos consistentes, entre outros extremos, tanto en gastos correntes como en operacións de crédito concertadas a longo prazo que tiveran como obxecto o pagamento de tales gastos producidos durante o tempo que a entidade consorciada que se separa aínda pertencera ao consorcio.

Capítulo IX

Duración

Artigo 24º

O termo de vixencia do consorcio será o de duración indefinida, podendo, non obstante, disolverse polas seguintes causas:

a) Por disposición legal.

b) Por acordo da xunta de goberno co quórum establecido nestes estatutos.

c) Por desaparición do fin para o que se constituíu.

Artigo 25º

Disolto o consorcio, os seus bens, dereitos e accións reverterán aos entes locais integrantes, na mesma proporción das súas respectivas achegas. A xunta de goberno actuará como xunta liquidadora.

Capítulo X

Modificación de estatutos

Artigo 26º

Para a modificación dos estatutos seguirase o procedemento similar ao da súa aprobación, de conformidade co artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Capítulo XI

Dereito supletorio

En todo o non previsto nestes estatutos será de aplicación a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Lei 7/1985, do 2 de abril, e demais lexislación aplicable.

Disposición transitoria

Primeira.-De crearse un organismo provincial que puidera asumir as funcións propias do consorcio, este será absorbido por aquel.

Disposicións adicionais

Primeira.-De conformidade co previsto no artigo 4 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, a xunta de goberno solicitará da Comunidade Autónoma que o consorcio sexa eximido da obriga de manter postos propios reservados a habilitados de carácter nacional.

Segunda.-O persoal dos entes asociados que preste os seus servizos ao consorcio en horario distinto ao da xornada laboral do súa Administración, como actividade complementaria, percibirá unha gratificación mensual polos servizos extraordinarios e especiais.