DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 10 de novembro de 2004 Páx. 15.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de novembro de 2004 pola que se modifica parcialmente a do 4 de decembro de 2003 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento para a concesión de axudas á renovación da frota pesqueira costeira artesanal galega, enmarcadas dentro do Plan de Dinamización Económica de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia publicou a Orde do 4 de decembro de 2003 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento para a concesión de axudas á renovación da flota pesqueira costeira artesanal galega, enmarcadas dentro do Plan de Dinamización Económica de Galicia co obxecto de acadar unha renovación desta flota que está a faenar, a meirande parte do tempo, dentro das augas interiores, mediante a incentivación da construción de novas unidades, e de unidades de maior porte.

O Regulamento (CE) nº 2369/2002 do Consello, do 20 de decembro de 2002 que modifica o Regulamento (CE) nº 2792/1999, polo que se definen as condicións das intervencións comunitarias con finalidade estrutural no sector da pesca (DOCE nº 358, do 31-12-2002), limitou o período posible de concesión de axudas públicas á renovación dos buques pesqueiros ao 31 de decembro de 2004.

Esta nova situación fixo que se adiantasen os prazos para acadar a renovación da frota pesqueira galega, e en particular, a frota pesqueira costeira artesanal galega.

O Plan de Dinamización Económica de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, fai fincapé na necesidade de intensificar a renovación e modernización da frota de baixura.

Tendo en conta os prazos, procede modificar a normativa e facer máis sinxelo o procedemento administrativo para acceder á concesión dunha axuda, condicionándoa tan só á presentación dun proxecto técnico construtivo e ao compromiso de presentar a documentación complementaria con posterioridade.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.

Modifícanse os artigos 4, 10 e 11 da Orde do 4 de decembro de 2003 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento para a concesión de axudas á renovación da frota pes

queira costeira artesanal galega, enmarcadas dentro do Plan de Dinamización Económica de Galicia quedando redactada como segue:

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os armadores que presenten un expediente de construción dun buque pesqueiro de menos de 12 metros de eslora total

O solicitante deberá presentar o proxecto técnico regulado no artigo 8º b), achegando a baixa principal e o compromiso de presentación do resto das baixas antes do inicio das obras nun prazo non superior a 18 meses.

Artigo 10º.-Resolución das solicitudes.

1. Todas as solicitudes presentadas dentro de prazo e que teñan completa a súa documentación serán resoltas positivamente tendo en conta a orde de presentación ante a Administración e coa única limitación das dispoñibilidades orzamentarias.

2. As solicitudes que se presenten sin achegar a carpeta de baixas completa, poderán ser resoltas positivamente de xeito condicionado á presentación final da autorización de construción. O incumprimento do prazo establecido no artigo 4º para completar a carpeta de baixas deixará sen efectos a resolución

Artigo 11º.-Realización do investimento.

O investimento deberá ser realizado dentro dos vinte e catro meses seguintes á concesión da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL