DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 09 de novembro de 2004 Páx. 15.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2004 pola que se convoca un curso sobre protección de personalidades e escoltas.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre protección de personalidades e escoltas, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

* Obxectivos.

-Coñecer as técnicas operativas básicas para garantir a seguridade de persoas e edificios.

-Saber actuar nos casos de emerxencia, utilizando os medios de que dispoña nese momento.

-Actualizarse nas habilidades individuais necesarias para o desempeño de cometidos de protección: tiro, condución e autoprotección.

* Destinatarios.

O curso vai dirixido preferentemente aos membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e, as prazas non ocupadas por estes ofertaranse aos membros dos corpos de policía local de Galicia.

* Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

* Prazas: 30.

* Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 23 de novembro de 2004, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade; avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

* Selección de asistentes.

Os participantes da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia serán seleccionados pola xefatura da dita unidade.

En canto aos membros dos corpos de policía local, terase en conta ademais do concello de pertenza e a posible dedicación profesional á que fai refe

rencia o contido do curso, a selección ou nomeamento previo por parte da xefatura do corpo.

* Datas.

O curso desenvolverase en datas do 29 de novembro ao 3 de decembro de 2004.

O horario será de 9.00 a 14.00 horas, haberá tamén un día pola tarde de 15.30 a 20.30 h para o módulo III, sendo o día 30 martes para os membros da UA e o día 2 xoves para os membros dos corpos de policía local.

* Contido.

-Módulo I: técnicas de protección e seguridade.

-Módulo II: técnicas de conducción de seguridade.

-Módulo III: técnicas de tiro en protección de persoas.

* Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o mesmo día 25 de novembro a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade,

ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

* Lugar.

Sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

* Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e superen as correspondentes probas.

* Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de outubro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade