DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 09 de novembro de 2004 Páx. 15.264

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de outubro de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Anduriña e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data do 28 de outubro de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 8 de outubro de 2004, pola que se clasifica como mixta a Fundación Anduriña, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A Fundación Anduriña foi constituída en escritura pública outorgada en Ribadavia (Ourense) o día trinta de agosto de dous mil catro, ante o notario Javier Elbo Ferrant, co número de protocolo oitocentos setenta e nove, polo Concello de Avión, actuando no seu nome e representación o seu alcalde, Francisco Gil Zamora, autorizado para este acto por acordo do Pleno do Concello de Avión, en sesión que tivo lugar o día dezanove de agosto de dous mil catro, segundo consta en certificación expedida polo secretario do concello, Alejandro de Diego Gómez.

O obxecto da fundación, segundo establece o artigo seis dos estatutos, é:

A organización e prestación de servizos sociais, no seu máis amplo sentido, como entidade de iniciativa social.

A organización, prestación de servizos, axuda e asesoramento aos emigrantes, tanto aos que se acheguen ata Avión como a aqueloutros que, en calidade de retornados, volvan despois de ter emigrado, ou ben os que, estando aínda no estranxeiro e sen ser retornados, se atopen temporalmente en España e precisen dos servizos da Fundación Anduriña.

A colaboración coas autoridades sanitarias en materia de saúde pública e prevención de situacións potenciais de risco.

A organización, colaboración, prestación de servizos, asesoramento e axuda a individuos ou colectivos con dificultades ou risco de illamento social ou marxinación, así como a situacións familiares difíciles ou con risco de desmembramento familiar.

A prestación de servizos de axuda no fogar, axuda ás persoas con dependencia, así como calquera outras necesidades que teñan como obxecto ou consecuencia as persoas maiores ou dependentes.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Anduriña ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordenar a inscrición da Fundación Anduriña no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública