DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 09 de novembro de 2004 Páx. 15.263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de outubro de 2004 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Oira Futuro.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Oira Futuro, con domicilio en Ourense.

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Oira Futuro foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día trinta de setembro de dous mil catro, ante o notario Alejo Calatayud Sempere co número de protocolo tres mil cento trinta, por Plácido Díaz Fernández, Sonia Lemparte Parente, Jesús Mosquera Pereira e Constantino Rodríguez Alvarado. Todos eles interveñen no seu propio nome.

3. A fundación ten por obxecto, segundo establece o artigo seis dos seus estatutos, o fomento e promoción do deporte a través do apoio, difusión e axuda ás entidades deportivas e deportistas da provincia de Ourense, e a consolidación dos grandes eventos deportivos como medio de promoción e difusión da cultura deportiva, posibilitando un maior achegamento a todos os cidadáns e do resto da sociedade en xeral.

Con carácter meramente enunciativo pódense enumerar as seguintes finalidades na procura do obxecto anterior:

a) Fomentar o desenvolvemento do deporte en todos os seus ámbitos.

b) Apoiar o deporte xuvenil e das categorías base na procura de deportistas que poidan participar no futuro en competicións deportivas, facendo un labor de canteira de deportistas a través da creación de escolas deportivas se fose preciso.

c) Divulgación das distintas actividades deportivas, a través dos distintos medios falados e escritos, e colaborando cos mesmos.

d) Acrecentar e mellorar o patrimonio deportivo.

e) Xuntar vontades e esforzos das persoas físicas e xurídicas para aumentar a actividade deportiva.

f) Colaboración con todo tipo de entidades privadas ou públicas, incluídas as administracións públicas, con sociedades e institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas, tanto nacionais como estranxeiras, fomentando a sinatura de convenios que permitan a maior expansión da práctica deportiva.

g) Fomentar, promocionar e xestionar museos, institucións culturais, así como salas de exposicións, centros de reunión, arquivos e bibliotecas ou instalacións que de xeito principal se dediquen á práctica deportiva e actividades accesorias.

h) Prestar axuda a persoas que se encontren necesitadas e tivesen dedicado anos da súa vida ao servizo do deporte ourensán.

i) Fomentar, coordinar e desenvolver cursos, seminarios e programas educativos deportivos tendentes á formación e cualificación na materia deportiva.

j) Calquera outra actividade que con carácter xeral implique, a xuízo do padroado, a materialización do espírito que informa a constitución da fundación.

4. O padroado da fundación estará integrado por Plácido Díaz Fernández como presidente, Sonia Alemparte Parente como vicepresidenta, Jesús Mosquera Pereira como secretario e Constantino Rodríguez Alvarado como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Oira Futuro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como benéfico-social e á súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de outubro de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na

Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de benéfico social a Fundación Oira Futuro, adscribíndoa á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións

Institucionais e Administración Pública