DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 04 de novembro de 2004 Páx. 14.957

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2004, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se constitúe o Servizo Común de Notificacións e Embargos de Ferrol.

O artigo 428 da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX) establece a posibilidade de centralizar, nas poboacións onde existan varios xulgados e o conxunto da actividade xudicial o xustifique, a práctica de determinadas actuacións derivadas de aplicacións das leis procesuais. Esta centralización de actuacións persegue acadar un funcionamento máis eficiente da Administración de Xustiza.

Entre as actividades procesuais susceptibles de centralización menciónase a práctica de actos de comunicación, así como a práctica de actos de execución das resolucións xudiciais. Este é precisamente o cometido dos servizos comúns de notificacións e embargos, en ocasións denominados servizos comúns de actos de comunicación e execución. Estes servizos comúns foron obxecto de consideración no protocolo de servizo para a coordinación, conexión e interrelación dos xulgados e tribunais

e os servizos comúns de actos de comunicación e execución, que foi aprobado polo Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial a través da Instrución 2/2001, do 9 de maio.

O Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou, con data do 24 de setembro de 2002, a proposta de creación dun servizo común de actos de comunicación e execución en Ferrol para os xulgados con sede nesta cidade. A dita proposta foi trasladada a esta consellería para os efectos de constitución do servizo.

Acollendo esta proposta, procede constituír na cidade de Ferrol un servizo común de notificacións e embargos que se suma aos actualmente existentes noutras cidades galegas.

En virtude do establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servizo da Administración de Xustiza, o artigo 438 da LOPX e o artigo 7 do Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, esta dirección xeral

ACORDA:

1. Constituír o Servizo Común de Notificacións e Embargos dos xulgados de Ferrol, aprobado no Acordo do 24 de setembro de 2002 do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, establecendo como data de inicio de actividades o próximo día 8 de novembro de 2004.

2. O servizo común atenderá a todos os xulgados da cidade, con independencia da orde xurisdicional a que pertenzan, practicando aquelas dilixencias que teñan que realizarse fóra da sede xudicial.

O servizo levará a cabo todos os actos de comunicación e execución que reúnan as características mencionadas no parágrafo anterior e sexan acordados polos órganos xudiciais a partir da súa data de inicio de actividades, agás aqueles actos que por disposicón legal deban realizarse en presenza xudicial.

O servizo exercerá as súas funcións en todo o ámbito territorial do partido xudicial de Ferrol, colaborando cos xulgados de paz nas dilixencias que deban practicar fóra da súa sede.

3. Resultaralle de aplicación ao Servizo Común de Notificacións e Embargos o protocolo de servizo para a coordinación, conexión e interrelación dos xulgados, tribunais e os servizos comúns de actos de comunicación e execución, aprobado a través da Instrución nº 2/2001, do 9 de maio, do Consello Xeral do Poder Xudicial.

4. No Servizo Común de Notificacións e Embargos prestará servizos o persoal ao servizo da Administración de xustiza segundo o cadro de persoal establecido para o dito servizo por acordo do Ministerio de Xustiza do día 7 de novembro de 2001.

5. Á fronte do servizo común estará o secretario xudicial que sexa designado polos órganos competentes do Ministerio de Xustiza ou do corpo de secretarios xudiciais.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2004.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza