DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 02 de novembro de 2004 Páx. 14.786

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 253/2004, do 7 de outubro, polo que se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

O Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, que regula a venda e utilización de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta, establece as medidas de seguridade para ese tipo de equipamentos e instalacións, as obrigas das empresas que exerzan esa actividade e os requisitos do persoal dos centros de bronceado, co fin de evitar os riscos que poida provocar a utilización daqueles equipos na saúde e na seguridade das persoas. Con ese fin establece as obrigas e actuacións que deben levar a cabo as administracións públicas en materia de industria, sanidade e consumo, nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Ademais, o mencionado real decreto establece que as empresas que exerzan esa actividade, aínda que non sexa de maneira exclusiva, deben acreditar ante a Administración competente, mediante unha declaración, a descrición técnica dos aparellos e materiais dos que dispoñen, así como a formación recibida polo persoal dos devanditos establecementos. Obriga, así mesmo, a que se realice, por parte dun organismo autorizado, revisións técnicas dos aparellos de bronceado.

Co fin de regular a aplicación do disposto no mencionado real decreto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, neste decreto establécense as funcións dos distintos departamentos da Xunta de Galicia en relación cos centros de bronceado, créase o Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia, regúlase a formación que deberán recibir os operadores de aparellos de bronceado, a autorización das entidades de formación, a natureza dos organismos que realizarán as revisións técnicas periódicas dos aparellos e finalmente disponse o réxime transitorio para os centros e aparellos que se encontren en funcionamento con anterioridade á entrada en vigor del.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, do conselleiro de Sanidade, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de outubro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer as funcións dos distintos departamentos da Xunta de Galicia con competencias na materia de bronceado artificial, regular os requisitos de funcionamento dos centros de bronceado e das entidades de formación autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia, regular a formación do persoal operador dos aparellos de bronceado e, finalmente, crear o Rexistro de centros de bronceado e de

entidades de formación autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Órganos competentes.

En relación co que establece o Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, que regula a venda e utilización de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta, as consellerías competentes en materia de industria, sanidade e consumo realizarán as seguintes funcións.

1. Á consellería competente en materia de industria correspóndelle a inspección e o control dos aparellos de bronceado, a autorización dos organismos encargados das verificacións técnicas dos aparellos e a xestión do rexistro.

2. Á consellería competente en materia de sanidade correspóndelle a autorización das entidades de formación e a verificación e control da formación dos operadores de aparellos de bronceado. Así mesmo, realizará a vixilancia e o control das condicións hixiénico-sanitarias dos centros e o da prohibición de utilización dos aparellos de bronceado cando o consumidor ou usuarios sexan menor de dezaoito anos.

Para estes efectos os delegados provinciais da Consellería de Sanidade poderán habilitar, mediante a correspondente credencial, o persoal que consideren necesario para exercer as ditas funcións.

3. Á consellería competente en materia de consumo correspóndelle a verificación e o control no que atinxe á información aos usuarios e á publicidade que realicen os centros de bronceado.

Artigo 3º.-Comunicación do inicio da actividade.

A persoa física ou xurídica titular do centro de bronceado presentará, con carácter previo ao inicio da actividade, a declaración a que se refire o artigo 6 do Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, na cal conste a descrición técnica dos aparellos de bronceado e materiais de que dispón, así como a relación do persoal operador deles e a súa formación específica nesta materia.

A dita declaración farase perante os delegados provinciais da consellería competente en materia de industria da provincia en que se atope o centro, mediante o modelo normalizado que figura no anexo II-a deste decreto.

Esta declaración deberá ser actualizada cada vez que se produza unha modificación nos datos que contén.

Artigo 4º.-Formación de operadores de aparellos de bronceado.

Os operadores de aparellos de bronceado deberán contar coa preparación necesaria para realizaren unha correcta aplicación das radiacións UV. Para estes efectos realizarán un curso teórico-práctico impartido por unha entidade de formación autorizada, que acreditará mediante certificado os coñecementos necesarios. O contido mínimo do curso será o que se establece no anexo I deste decreto e a súa duración será de polo menos de 25 horas.

Artigo 5º.-Entidades de formación.

As entidades que se dediquen á formación dos operadores dos aparellos de bronceado deberán contar cunha estrutura axeitada para o desenvolvemento das accións formativas, dispor dun programa de formación, así como dos recursos materiais e persoal adecuado para realizaren as ditas actividades, e dispor dun sistema continuado de formación do persoal docente que asegure a permanente adecuación deste ás funcións que se van realizar.

Para poderen realizar as actividades de formación dos operadores dos aparellos de bronceado, as entidades deberán estar expresamente autorizadas pola consellería competente en materia de sanidade. Para iso, deberán presentar unha solicitude de autorización acompañada da documentación que acredite os requisitos anteriormente expostos, segundo o procedemento que regulamentariamente se estableza.

A autorización outorgarase mediante resolución do director xeral en materia de saúde pública, por proposta do delegado provincial correspondente.

Artigo 6º.-Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Créase o Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O dito rexistro ten natureza administrativa e depende organicamente da consellería competente en materia de industria, e será xestionado polas súas delegacións provinciais.

Terán carácter público os seguintes datos do rexistro:

-Nome comercial do centro.

-Enderezo postal do centro.

A protección dos datos persoais vinculados ao antedito rexistro rexerase de conformidade co disposto pola Lei orgánica de 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o Real decreto 994/1999, do 25 de xuño.

A información exixida no artigo 20.2º da antedita Lei orgánica 15/1999 está contida no anexo III desta orde.

2. Apróbase o Regulamento do Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia, que se inclúe como anexo II deste decreto.

Artigo 7º.-Revisións técnicas.

1. As persoas físicas ou xurídicas, titulares dos centros de bronceado, son responsables de que se realice unha revisión de cada aparello, como mínimo una vez ao ano, e cando se fagan cambios que afecten as súas características de irradiancia efectiva e lonxitude de onda.

2. As revisións serán realizadas por un organismo de control autorizado para actuar na Comunidade Autónoma de Galicia, no campo de instalacións eléctricas de conformidade coa súa normativa específica.

3. Nas anteditas revisións determinarase, polo menos, a irradiancia efectiva medida segundo a Norma UNE-EN 60335-2-27 e a lonxitude de onda, para comprobar

se o aparello cumpre os requisitos de seguridade que establece o Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro.

Artigo 8º.-Réxime sancionador.

O incumprimento das obrigas relacionadas con este decreto, será sancionado en función da súa natureza segundo o disposto no artigo 15 do Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, polo que se regula a venda e utilización de aparellos de bronceado mediante radiación ultravioleta e o disposto na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

Disposición transitoria

No prazo de dous meses, contados a partir da entrada en vigor deste decreto, os centros de bronceado que se encontren en funcionamento deberán acreditar perante a consellería competente en materia de industria, mediante a declaración regulada no artigo 3º, a descrición técnica dos aparellos e materiais de que dispoñan. No prazo de seis meses acreditarán a formación recibida polo persoal dos ditos establecementos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No prazo de dous meses, contados a partir da entrada en vigor deste decreto, a consellería competente en materia de sanidade establecerá regulamentariamente o procedemento para a autorización das entidades de formación.

Segunda.-A primeira inspección a que se refire o artigo 7º deste decreto deberá realizarse antes de seis meses desde a súa entrada en vigor.

Terceira.-Autorízanse os conselleiros competentes en materia de industria, consumo e sanidade para ditaren cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do disposto neste decreto, para modificaren os seus anexos I, II e II-a, así como para modificaren os datos básicos recollidos no artigo 5 do regulamento, que conforman o rexistro.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de outubro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

ANEXO I

Programa de formación

I. Módulo de coñecementos físico-técnicos.

Tema 1. Natureza e características físicas das radiacións ultravioleta (UV).

Tema 2. Clasificación dos aparellos emisores de radiacións ultravioleta. Aparellos de bronceado con fins estéticos.

II. Módulo de coñecementos sanitarios.

Tema 3. Estrutura e función da pel.

Tema 4. Efectos biolóxicos da radiación ultravioleta. Concepto de fototipo.

Tema 5. Efectos adversos das radiacións UV: fotosensibilización, fotoenvellecemento, fotocarcinoxénese.

Tema 6. Contraindicacións para a exposición ás radiacións UV: afeccións conxénitas, enfermidades previas, tratamentos médicos e outras.

Tema 7. Normas de seguridade e fotoprotección do usuario.

Tema 8. Condicións hixiénico-sanitarias.

Tema 9. Educación sanitaria ao usuario.

III. Módulo de normativa.

Tema 10. Lexislación da Unión Europea, estatal e autonómica sobre radiacións UV.

Tema 11. Prevención de riscos laborais.

IV. Módulo de formación práctica.

Tema 12. Manexo e prácticas de aparellos de bronceado.

ANEXO II

Regulamento do Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto.

Este regulamento ten por obxecto regular o Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este regulamento será de aplicación:

1. Aos centros de bronceado, entendendo por tales os definidos no artigo 2 do Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro.

2. Ás entidades de formación autorizadas para impartir cursos ao persoal dos centros de bronceado que utilice os aparellos que aplican as radiacións ultravioleta.

Artigo 3º.-Fins.

O Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia ten os seguintes fins:

1. Dispor da información básica dos centros de bronceado e das entidades de formación autorizadas.

2. Servir de instrumento de coordinación das distintas consellerías nas actuacións relacionadas co bronceado artificial, e en concreto coa seguridade das máquinas de radiacións ultravioleta, a prestación dos devanditos servizos e a saúde das persoas.

Artigo 4º.-Organización do rexistro.

A información do Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia estruturarase nas seccións seguintes:

1. Sección de centros de bronceado.

2. Sección de entidades de formación autorizadas.

Artigo 5º.-Contido.

O Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia conterá os seguintes datos básicos:

1. Relativo aos centros de bronceado:

a) Nome ou razón social da entidade propietaria do centro.

b) Número de identificación fiscal.

c) Domicilio social, teléfono e fax e enderezo de correo electrónico, de ser o caso, da entidade propietaria.

d) Apelidos, nome e número de documento nacional de identidade do representante legal da entidade propietaria.

e) Número de identificación do centro de bronceado, que coincidirá co de inscrición no rexistro.

f) Nome comercial do centro de bronceado.

g) Datos de localización do centro: enderezo, teléfono e fax.

h) Actividade económica principal e actividades secundarias do centro, se é o caso.

i) Persoa responsable do centro.

j) Relación do persoal con formación acreditada para operar con aparellos de radiacións ultravioleta.

k) Relación e características técnicas de cada un dos equipamentos de radiación ultravioleta, especificando número de serie, marca, modelo, fabricante e data de instalación.

2. Relativo ás entidades de formación autorizadas:

a) Nome ou razón social da entidade.

b) Número de identificación fiscal.

c) Enderezo, teléfono fax e enderezo de correo electrónico, de ser o caso.

d) Apelidos, nome e número de documento nacional de identidade do titular ou representante legal da entidade.

e) Número de autorización, que coincidirá co de inscrición no rexistro.

Artigo 6º.-Procedemento de inscrición.

1. Sección de centros de bronceado.

a) A inscrición no rexistro dun centro de bronceado realizarase de oficio a partir da declaración que acredite a descrición técnica dos aparellos e materiais de que dispón, así como a formación recibida polo persoal do dito establecemento. A dita declaración realizarase perante o delegado provincial da consellería competente en materia de industria da provincia en que se atope o centro, segundo o modelo incluído no anexo II-a deste regulamento.

b) A delegación da consellería competente en materia de industria procederá a efectuar a inscrición no rexistro, outorgándolle o correspondente número de asento.

2. Sección de entidades de formación autorizadas.

a) A inscrición no Rexistro das entidades de formación autorizadas iniciaraa de oficio a delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de industria, logo de comunicación por parte da consellería competente en materia de sanidade da resolución que autoriza a entidade para impartir formación.

b) A delegación da consellería competente en materia de industria procederá á inscrición da entidade no rexistro, outorgándolle o correspondente número de asento.

c) A inscrición deberase realizar antes de que a entidade inicie a súa actividade.

Artigo 7º.-Número de asento da inscrición.

No momento da inscricións no Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia asinarase un número de asento, formado por tres partes de dous, cinco e un díxitos co seguinte significado:

1. XX díxitos correspondentes á provincia en que efectúe a inscrición.

2. YYYYY díxitos correspondentes ao número de asento rexistral propio do centro na correspondente provincia.

3. Z díxito correspondente ao código de actividade da sección do rexistro, establecido no artigo 4º.

Artigo 8º.-Modificación de datos.

Calquera modificación ou cambio nas circunstancias acreditadas nos documentos presentados, sobrevida con posterioridade á inscrición, deberá ser comunicada ao órgano da Administración que efectuou a inscrición, no prazo dun mes desde que se produza.

Artigo 9º.-Cancelación de inscricións.

A comunicación do cesamento da actividade do centro comportará a cancelación da súa inscrición no Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO III

Rexistro de centros de bronceado e de entidades de formación autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia.

a) Finalidade.

Dispor da información básica dos centros de bronceado e das entidades de formación autorizadas.

Servir de instrumento de coordinación das distintas consellerías nas actuacións relacionadas co bronceado artificial, e en concreto coa seguridade das máquinas de radiacións ultravioleta, a prestación dos devanditos servizos e a saúde das persoas.

b) Usos previstos.

Control das actividades dos centros de bronceado, da formación recibida polo persoal encargado de aplicar as radiacións ultravioleta e o cumprimento dos requisitos de seguridade dos aparellos de radiación.

c) Procedemento de recollida de datos. Declaración realizada polos responsables dos centros e actas de inspección.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel.

-Estrutura: figura nos artigos 4 e 5 do regulamento do rexistro.

-Datos de carácter persoal: identificativos dos representantes da entidade propietaria do centro e dos operadores con formación acreditada para operaren con aparellos de radiación ultravioleta: nome, DNI, enderezo e teléfono.

e) Cesións previstas. As que poidan requirir outros órganos da Administración para a finalidade propia do rexistro.

f) Órganos da Administración responsables do ficheiro. Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

g) Servizo ou unidade ante a que se pode exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro. Delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

h) Nivel de seguridade. Básico.

Para a supresión dos datos procederase ao borrado da información contida no ficheiro informático.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA