DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 29 de outubro de 2004 Páx. 14.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 21 de outubro de 2004, do Instituto Galego de Consumo e da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, para premiar as mellores memorias dos proxectos de educación do consumidor na escola desenvolvidos dentro do marco da Rede Europea de Educación do Consumidor e para a selección de novos proxectos presentados por centros educativos de niveis non universitarios, que desexen incorporarse á citada rede.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, establece no seu artigo 1 os principios de calidade do sistema educativo, entre os que se atopan a capacidade de transmitir valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade social, a cohesión e mellora das sociedades, e a igualdade de dereitos entre os sexos, que axuden a superar calquera tipo de discriminación, así como a práctica da solidariedade, mediante o impulso á participación cívica dos alumnos en actividades de voluntariado; e a flexibilidade, para adecuar a súa estrutura e a súa organización aos cambios, necesidades e demandas da sociedade, e ás diversas aptitudes, intereses, expectativas e personalidade do alumnado.

É indubidable que a educación dos consumidores e consumidoras é o instrumento máis eficaz para promover entre os cidadáns de hoxe e de mañá unha actitude crítica e responsable ante un mercado que se desenvolve cunha grande rapidez, onde os cambios tecnolóxicos dan lugar á aparición constante de novos produtos e servizos que se traducen en novas formas de consumir.

A mera información non é abondo, e os consumidores e consumidoras nesa situación precisan ademais adquirir coñecementos e desenvolver actitudes e condutas que lles permitan adaptarse a eses cambios, a interpretar a información recibida de xeito crítico, comprendéndoa, valorándoa e adoptando actitudes responsables na toma de decisións.

A Rede Europea de Educación do Consumidor é un proxecto no que participan, na actualidade, 13 comunidades autónomas (co apoio da Comisión Europea, o Instituto Nacional del Consumo e o Ministerio de Educación) ademais de varios países do sur de Europa. Os seus obxectivos fundamentais son a realización de actuacións coordinadas de actividades de formación e información destinadas ao profesorado, o intercambio de experiencias (seminarios, cursos, concursos, intercambios nacionais e comunitarios) e a realización de materiais curriculares sobre a educación do consumidor na escola.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta cara a impulsar as actividades para o desenvolvemento da educación do consumidor nos centros escolares.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

Sección primeira

Aspectos xerais

Primeiro.-Obxecto.

1. A presente convocatoria ten por obxecto convocar premios ás mellores memorias dos proxectos educativos, desenvolvidos nos centros integrados na Rede Europea de Educación do Consumidor, así como a selección de novos proxectos dos centros que desexen incorporarse á citada rede.

2. O prazo de presentación da documentación para ambas as modalidades será de corenta días naturais, a partir do día seguinte da publicación de esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Xurado.

1. As memorias e proxectos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado formado por:

-O presidente do Instituto Galego de Consumo, ou persoa na que delegue.

-O director xeral de Centros e Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue.

-Un asesor docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado polo director Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

-A xefa de sección de educación e formación do Instituto Galego de Consumo.

-Un funcionario do Instituto Galego de Consumo que actuará como secretario con voz pero sen voto.

O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

2. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos ou, se así o determina o xurado, ser acumulados entre si ou compartidos.

3. O prazo máximo de resolución será de dous meses contados a partir do día seguinte da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Feita a proposta de concesión polo xurado ditarase resolución conxunta do presidente do Instituto Galego de Consumo e da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse no prazo establecido no punto anterior.

5. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Sección segunda

Premios ás mellores memorias dos proxectos educativos realizados dentro da Rede de Educación do Consumidor

Terceiro.-Beneficiarios dos premios.

Os beneficiarios dos premios, que serán compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas pola Xunta de Galicia, serán os centros educativos públicos e privados de Galicia que estiveran integrados na Rede de Educación do Consumidor durante o curso académico 2003/2004.

Cuarto.-Dotación económica.

A contía destinada a premiar as memorias dos proxectos realizados polos centros vinculados á Rede Europea de Educación do Consumidor é de 31.402 euros, dos que o Instituto Galego de Consumo fará o pagamento total.

O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.1 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2004, nos que existe crédito axeitado e suficiente.

A dirección do centro escolar certificará que a contía total do premio se destinará ao orzamento dos gastos extraordinarios ocasionados co desenvolvemento do proxecto do que se presenta a memoria. En caso de incumprimento das condicións establecidas para a concesión do premio a cantidade outorgada deberá ser reintegrada.

Quinto.-Requisitos das solicitudes.

1. Para concursar nesta modalidade é necesario presentar a memoria do traballo desenvolvido durante o curso escolar 2003/2004. A memoria deberá ser inédita e non premiada ou dotada con bolsa con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas.

A memoria presentarase redactada en idioma galego, de acordo coa normativa, en soporte papel e informático, en formato Microsoft Word, e as imaxes en JPG. Esta memoria debe ter un máximo de dez folios máis os anexos correspondentes e, nela reflectiranse:

-Obxectivos.

-Contidos desenvolvidos.

-Metodoloxía empregada.

-Datas de realización.

-Enlaces coas seguintes fases do proxecto.

-Dimensión europea.

-Criterios e procedementos de avaliación.

-Valoración do profesorado e do alumnado sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos, agás o alumnado de infantil.

2. As memorias presentaranse por duplicado, nos rexistros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os traballos que se presenten deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, asinada polo coordinador ou coordinadora do proxecto, segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Anexos en soporte informático dos materiais producidos, nos que se incluirá unha reportaxe fotográfica das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

Sexto.-Criterios de selección.

As memorias serán avaliadas segundo os seguintes criterios:

a) Coherencia co modelo de currículo establecido pola Xunta de Galicia.

b) Calidade global do traballo.

c) Concreción dos obxectivos propostos.

d) Carácter innovador, nas metodoloxías e recursos como nos temas a tratar.

e) Normalización do emprego das TIC no desenvolvemento dos proxectos.

f) Participación dun sector significativo do claustro de profesores e do alumnado das distintas etapas e niveis.

g) Coherencia coas fases anteriores e/ou seguintes do proxecto.

h) Calidade do deseño e presentación.

Sétimo.-Publicación.

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade intelectual dos traballos, nos que se poderán introducir as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Oitavo.-Certificación.

A Administración educativa poderalle recoñecer ao profesorado autor e coordinador dos traballos premiados, se a calidade destes así o xustifica, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco da presente convocatoria.

Estas últimas terán, ao amparo do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10 horas.

Sección terceira

Selección de novos proxectos para a súa incorporación á Rede Europea de Educación do Consumidor

Noveno.-Destinatarios.

Poderán participar todos os centros educativos de Galicia de ensino non universitario que desexen integrarse na Rede Europea de Educación do Consumidor.

Décimo.-Requisitos das solicitudes.

1. Desenvolver un proxecto que deberá tratar sobre distintos aspectos da educación en consumo, e no que deben participar, cando menos, catro profesores do centro durante un período de tres anos. Nese prazo, o dito proxecto, en caso de ser seleccionado, non se poderá presentar a ningunha outra convocatoria pública ou privada.

2. Presentar a solicitude que figura no anexo II

3. Deberá realizarse o esquema do proxecto de educación do consumidor, seguindo o modelo que figura no anexo III desta resolución, e no que se concretarán, para a primeira fase do proxecto trienal (curso escolar 2004-2005):

-Obxectivos.

-Contidos que hai que desenvolver.

-Metodoloxía que se empregará.

-Niveis educativos aos que vai dirixido.

-Actividades previstas.

-Dimensión europea.

-Criterios de avaliación.

4. Os novos proxectos presentaranse redactados en idioma galego, de acordo coa normativa, en soporte papel e informático, en formato Microsoft Word.

5. Os novos proxectos presentaranse por duplicado nos rexistros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Os traballos que se presenten deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao director xeral de Centros e Ordenación Educativa, asinada polo director/a do centro escolar, segundo o modelo do anexo II desta resolución.

b) Acta do Consello Escolar do centro na que conste a aprobación do proxecto. No caso de que un proxecto abranga máis dun centro xuntarase acta do Consello Escolar de cada un dos centros.

c) Acta do Claustro do centro onde figuren o nome, apelidos e NIF dos profesores participantes e do coordinador ou coordinadores do proxecto.

Undécimo.-Criterios de selección.

O xurado seleccionará os proxectos valorándoos segundo os criterios seguintes:

a) A coherencia coa normativa relativa á educación do consumidor establecida pola Xunta de Galicia.

b) A calidade global do proxecto.

c) A concreción dos elementos propostos, segundo se establece no punto 3 do artigo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non previstos na presente convocatoria haberá que aterse ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas na súa actual redacción, e na súa normativa de desenvolvemento.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2004.

Víctor Tello CalvoAlberto González Armesto

Presidente do InstitutoDirector xeral de Centros

Galego de Consumoe Ordenación Educativa