DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 29 de outubro de 2004 Páx. 14.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de outubro de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Avión e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data do 19 de outubro de 2004 publicouse, no Diario Oficial de Galicia, a orde da Consellería

da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 8 de outubro de 2004, pola que se clasifica como mixta a Fundación Avión, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A Fundación Avión foi constituída en escritura pública outorgada en Ribadavia (Ourense) o día trinta de agosto de dous mil catro, perante o notario Javier Elbo Ferrant co número de protocolo oitocentos setenta, polo Concello de Avión, actuando no seu nome e representación o seu alcalde, Francisco Gil Zamora, autorizado para este acto por acordo do Pleno do Concello de Avión, en sesión ordinaria celebrada o día dezanove de agosto de dous mil catro, segundo consta en certificación expedida polo secretario do concello, Alejandro de Diego Gómez.

O obxecto da fundación, segundo establece o artigo seis dos estatutos, é o desenvolvemento cultural e social de Avión, no seu máis amplo sentido, e especialmente a promoción e fomento de todo o relacionado coas seguintes materias: xuventude, ocio, deportes, cultura, educación, primeira infancia, promoción de novas tecnoloxías, promoción da igualdade a favor das mulleres, promoción do voluntariado, ambiente, e en xeral calquera outro obxectivo ou meta que se puidese marcar e que teña como base materias relacionadas co desenvolvemento cultural, social e de ocio, no seu máis amplo sentido.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Avión ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordenar a inscrición da Fundación Avión no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública