DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 29 de outubro de 2004 Páx. 14.703

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 247/2004, do 21 de outubro, polo que se modifica o Decreto 115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda.

A Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia crea no seu artigo 11 o Servizo Galego de Defensa da Competencia, dentro da estrutura orgánica da consellería competente en materia de economía e facenda, como órgano xerarquizado de instrución e vixilancia, para o exercicio das competencias que en materia de defensa da competencia lle atribúe o Estatuto de autonomía á Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación co Tribunal Galego de Defensa da Competencia, creado pola mesma lei.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, tras os informes favorables da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádese como novo parágrafo segundo da epígrafe 2 do artigo 2º do Decreto 115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, o seguinte:

«-O Tribunal Galego de Defensa da Competencia, organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Economía e Facenda, creado pola Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia».

Artigo 2º

Engádese unha nova alínea d) á epígrafe 3 do artigo 4º do Decreto 115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, coa seguinte redacción.

«d) Con dependencia funcional do conselleiro de Economía e Facenda, o Servizo Galego de Defensa da Competencia, con categoría de subdirección xeral, coas funcións de investigación e vixilancia dos mercados e mais a instrución dos expedientes sancionadores e de autorización en materia de defensa da competencia establecidos na súa lei de creación».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para ditar as disposicións que sexan nece

sarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-As consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Economía e Facenda, derivadas da modificación da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda