DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 28 de outubro de 2004 Páx. 14.671

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2004 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación ou informe para a contratación como profesor universitario polas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) ten atribuída, dentro do ámbito da súa comunidade autónoma, a competencia para realizar as avaliacións e informes das actividades docentes, investigadoras e de xestión (previstas tanto pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, nos seus artigos 50, 51, 52, e 72; como no Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, nos seus artigos 5 a 7), para poder ser contratado como profesor axudante doutor, profesor colaborador, profesor contratado doutor, e profesor de universidade privada polas universidades do SUG.

Coa aprobación da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 23 de xuño de 2004, pola que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia, e da Orde do 7 de setembro de 2004, pola que se establece o procedemento específico de avaliación ou informe pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación de persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nos supostos de solicitantes pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica 6/2001, de universidades, complétase o sistema para avaliar ou emitir informe sobre as actividades docentes, investigadoras e de xestión, para a contratación do profesorado, establecido a través do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, e na Orde do 1 de abril de 2003 que aproba os criterios xerais de informe e avaliación.

De conformidade co establecido e ambas as dúas ordes mencionadas, o presidente do Consello de Dirección da ACSUG, escoitado o Consello de Dirección da ACSUG, convocará mediante resolución a apertura do prazo para a presentación de solicitudes de avaliación ou informe para a contratación de profesorado polas universidades da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que, unha vez reunido o consello de dirección, na súa virtude,

RESOLVO:

Primeira.-Obxecto.

Aprobar a convocatoria e abrir o prazo para a presentación de solicitudes para a obtención da avaliación ou informe positivo que, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, debe emitir a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) para que os interesados poidan ser contratados como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do sistema universitario de Galicia (SUG) como profesor axudante doutor, profesor colaborador, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada.

Segunda.-Destinatarios.

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que, de conformidade co establecido na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, queiran ser contratados por algunha das universidades integrantes do SUG en calquera das seguintes figuras contractuais: profesor axudante doutor, profesor colaborador, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada.

Terceira.-Distinción na tramitación das solicitudes.

Conforme o disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, a través da Orde do 7 de setembro de 2004, pola que se establece o procedemento específico de avaliación ou informe pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación de persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nos supostos de solicitantes pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica 6/2001, de universidades, e da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 23 de xuño de 2004, pola que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia, establécense dous tipos de procedementos para obter a avaliación positiva ou o informe favorable da ACSUG en función da circunstancia en que se atope o

interesado á hora de realizar a súa solicitude.

a) Cando os interesados pertenzan a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica de universidades e que se atopen nalgún dos seguintes supostos descritos no artigo 2.1º da Orde do 7 de setembro de 2004, pola que se establece o procedemento específico de avaliación ou informe pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación de persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nos supostos de solicitantes pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica 6/2001, de universidades.

a.1) Que pertenzan ao corpo de catedráticos de universidade ou estean na situación administrativa e académica de atoparse habilitados para o dito corpo e soliciten a avaliación para a contratación para as figuras de profesor axudante doutor, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada, ou emisión de informe para a figura de profesor colaborador.

a.2) Que pertenzan ao corpo de profesores titulares de universidade ou estean na situación administrativa e académica de atoparse habilitados para o dito corpo e soliciten a avaliación para a contratación para as figuras de profesor axudante doutor, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada, ou emisión de informe para a figura de profesor colaborador.

a.3) Que pertenzan ao corpo de catedráticos de escola universitaria ou estean na situación administrativa e académica de atoparse habilitados para ese corpo e soliciten emisión de informe para a contratación para a figura de profesor colaborador, así como cando ademais posúan o título de doutor e soliciten a avaliación para a contratación para as figuras de profesor axudante doutor, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada.

a.4) Que pertenzan ao corpo de profesores titulares de escolas universitarias ou estean na situación administrativa e académica de atoparse habilitado para ese corpo e soliciten emisión de informe para a contratación para a figura de profesor colaborador, así como cando ademais posúan o título de doutor e soliciten a avaliación para a contratación para a figura de profesor axudante doutor.

b) Cando os solicitantes non estean incluídos en ningún dos supostos enumerados na epígrafe anterior.

Cuarta.-Solicitudes.

1. As solicitudes de avaliación ou informe, de conformidade co disposto no artigo 13 do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, poderanse presentar en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberán indicar para cal ou cales das modalidades contractuais solicitan a avaliación ou informe.

2. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo I a esta convocatoria cando os solicitantes se atopen nalgunha das circunstancias relacionadas na alínea a) da base anterior.

3. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II a esta convocatoria cando os solicitantes estean incluídos no suposto relacionado na alínea b) da base anterior.

Quinta.-Documentación, número de copias e cotexo.

1. Cando os solicitantes pertenzan a corpos docentes universitarios ou se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica de universidades e se atopen nalgún dos supostos relacionados na epígrafe a) da base terceira, deberán presentar a seguinte documentación na súa solicitude:

-Modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo I.

-Fotocopia de documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente).

-Certificado que acredite a condición de funcionario docente universitario ou a situación administrativa e académica de atoparse habilitado, de acordo co establecido na Lei orgánica de universidades.

-Xustificante de atoparse en posesión do grao de doutor cando o interesado pertenza, ben ao corpo de catedráticos de escolas universitarias ou se atope habilitado para o dito corpo, e solicite a avaliación para as figuras de profesor contratado doutor, profesor axudante doutor ou profesor de universidade privada, ou ben ao corpo de profesores titulares de escola universitaria e solicite a avaliación para a figura de axudante doutor.

2. Cando os solicitantes se atopen no suposto indicado na alínea b) da base terceira deberán presentar a seguinte documentación na súa solicitude:

-Modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo II.

-Fotocopia de documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente).

-Currículum vitae, que se deberá cubrir no modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo III.

-Documentación acreditativa dos méritos curriculares aos que se faga mención.

3. Deberanse presentar unicamente dúas copias completas de todos os documentos relacionados, con independencia do número de figuras contractuais para as que se solicite a avaliación ou informe.

Ademais, nos casos enumerados no punto un desta base, deberase entregar en formato dixital unha copia cuberta do modelo normalizado de instancia (anexo I), que estará á disposición dos interesados na páxina web www.acsug.com, e que se deberá cubrir de conformidade coas instrucións indicadas nela.

Do mesmo xeito, nos casos enumerados no punto dous desta base, deberase presentar en formato dixital unha copia cuberta do modelo normalizado de instancia (anexo II) así como do currículum vitae (anexo III), que estarán á disposición dos interesados na páxina web www.acsug.com, e que se deberán cubrir de conformidade coas instrucións indicadas nela.

4. Deberase cotexar toda a documentación da que se dispoña dun documento orixinal, como títulos de licenciado, arquitecto, diplomado, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico; títulos de másters; certificado do expediente académico, documentos acreditativos de premios extraordinarios, certificados de cursos, seminarios e de asistencia a congresos, credenciais de bolsas, contratos laborais, etc.

As copias dos libros, artigos e demais publicacións non será necesario cotexalas, e será suficiente con entregar unha copia da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc. Presentarase un certificado da editorial ou organismo, da correspondente publicación, nos casos de traballos aceptados e pendentes de publicación, sendo preciso neste caso o seu cotexo.

So será necesario cotexar unha das dúas copias que se presenten, tendo en conta que a restante é copia exacta da cotexada e que o interesado asina unha declaración responsable no propio currículum vitae da veracidade dos datos e da documentación achegada, pola que asume as consecuencias que se deriven das inexactitudes que puidesen figurar.

Sexta.-Emenda e mellora da solicitude.

1. A ACSUG comprobará, cando reciba as solicitudes, que estas reúnan todos os requisitos exixidos

nas respectivas ordes reguladoras (Orde do 7 de setembro de 2004, pola que se establece o procedemento específico de avaliación ou informe pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación de persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nos supostos de solicitantes pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica 6/2001, de universidades, e da Orde do 23 de xuño de 2004, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia) así como nas bases desta convocatoria. De non ser o caso, procederase á súa emenda de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992.

2. A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), poderá requirir dos solicitantes cantas aclaracións consideren oportunas en relación aos méritos alegados nos seus currículos.

Sétima.-Prazo.

O prazo para a presentación das solicitudes de avaliación ou informe necesario para poder ser contratado como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do SUG, en calquera dos dous supostos especificados nesta convocatoria, será de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Oitava.-Procedemento de avaliación e informe.

1. Cando as solicitudes pertenzan a algún dos supostos relacionados na alínea a) da base terceira, a CGIACA emitirá unha proposta motivada de informe ou avaliación de cada unha das solicitudes que fosen admitidas a trámite de conformidade co establecido na Orde do 7 de setembro de 2004 pola que se establece o procedemento específico de avaliación ou informe pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación de persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nos supostos de solicitantes pertencentes a corpos docentes universitarios ou que se atopen habilitados de acordo coa Lei orgánica 6/2001, de universidades. Nestes supostos, os criterios que adoptará a CGIACA para a emisión das avaliacións e informes serán os establecidos no anexo I desta orde.

2. Cando as solicitudes pertenzan a algún dos supostos relacionados na alínea b) da base terceira, a CGIACA emitirá unha proposta motivada de informe ou avaliación de cada unha das solicitudes que fosen admitidas a trámite de conformidade co establecido na Orde do 23 de xuño, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades

integrantes do sistema universitario de Galicia. Nestes supostos, os requisitos para a obtención da avaliación positiva ou do informe favorable da CGIACA serán os establecidos no título III (criterios de avaliación e baremos de puntuación) desta orde.

Novena.-Acordos de avaliación ou informe.

1. As propostas motivadas emitidas pola CGIACA serán vinculantes para o Consello de Dirección da ACSUG, que de conformidade con elas adoptará os correspondentes acordos.

Os acordos do consello de dirección, tamén motivados, ditaranse de conformidade co establecido no artigo 89 da Lei 30/1992 e serán notificados a cada solicitante, persoal e directamente, no prazo máximo dos seis meses seguintes á presentación da solicitude.

2. Os informes favorables ou as avaliacións positivas non teñen prazo de caducidade unha vez obtidos, e terán validez para as universidades integrantes do sistema universitario de Galicia ou as do sistema universitario doutra comunidade autónoma que teña subscrito un convenio previo coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Décima.-Efectos da avaliación ou informe.

1. Os informes favorables ou as avaliacións positivas non teñen prazo de caducidade unha vez obtidos, e terán validez para as universidades integrantes do sistema universitario de Galicia ou as do sistema universitario doutra comunidade autónoma que teña subscrito un convenio previo coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Se os informes son desfavorables ou as avaliacións negativas, poderase volver a solicitar unha nova avaliación ou informe unha vez transcorridos seis meses desde a notificación da referida avaliación ou informe negativo. Isto non impide solicitar a avaliación ou o informe para outra figura contractual distinta da que resultase negativa ou desfavorable, sen que neste caso este prazo de seis meses sexa de aplicación.

Décimo primeira.-Recurso.

Os acordos do consello de dirección esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, poderán ser recorridos en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2004.

Manuel Cecilio Díaz y Díaz

Presidente do Consello de Dirección da Axencia

para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia