DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 28 de outubro de 2004 Páx. 14.668

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2004 pola que se convoca un curso sobre formadores de educación viaria nos centros escolares.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre formadores de educación viaria nos centros escolares, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Iniciar ou perfeccionar nas técnicas de educación viaria aos membros dos corpos de policía local que ben se incorporen á tarefa de formadores de educación viaria, ou que a veñan xa desempeñando.

Coñecer os procedementos e metodoloxías máis adecuados para desenvolver adecuadamente as funcións de formadores en educación viaria.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos das policías locais de Galicia, que desempeñen ou teñan previsto desempeñar os cometidos de formación vial nos colectivos sociais aos que esta se pode dirixir.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo. Terán preferencia aqueles que acrediten coa sinatura do responsable do cadro de persoal respectivo a súa dedicación a estes cometidos.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 15 de novembro de 2004, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade; avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso desenvolverase en datas do 22 ao 25 de novembro de 2004.

O horario será de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas, excepto o día 25 que será de 9.30 a 14.00 horas.

Contido.

No curso desenvolveranse os seguintes temas:

-O papel da policía local na educación viaria.

-Planificación, proxectos e programación.

-Metodoloxía de talleres e avaliación na educación viaria.

-Educación infantial, familia-escola.

-Educación viaria para mozos.

-Educación viaria para adultos, inmigrantes e outros colectivos.

-Guías de educación viaria nas diferentes etapas educativas.

-Recursos didácticos na educación viaria.

-Os fundamentos psicolóxicos na educación viaria.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 18 de novembro a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de outubro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade