DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 28 de outubro de 2004 Páx. 14.644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de outubro de 2004 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos sindicatos UGT, CC.OO. e SEPLA e na que se verá afectada a empresa Helicsa, no Servizo de Emerxencias Un, Un, Dous SOS Galicia (112 SOS-Galicia) da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e o Servizo de Salvamento Marítimo da Consellería de Pesca e Asuntos Mariños.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental dos traballadores en defensa dos seus intereses, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a protección civil e a seguridade en relación á materia de salvamento marítimo.

O exercicio público de prestación do Servizo de Emerxencias Un, Un, Dous SOS Galicia (112 SOS-Galicia) e o de salvamento marítimo non se poden ver afectados polo lexítimo dereito á folga, xa que aqueles son considerados e recoñecidos prioritariamente en relación a este, máxime cando está en xogo o dereito á vida e á integridade física das persoas.

O Servizo de Emerxencias 112-SOS Galicia está doutado de dous helicópteros coa tripulación necesaria para a súa navegabilidade e dotados así mesmo de persoal sanitario-un médico e un ATS da Fundación Urxencias Sanitarias 061- que presta os servizos neles e deben estar permanentemente operativos para misións de urxencias e emerxencias sanitarias predominando en estas a de atención in situ dos accidentados. Estes helicópteros, que están altamente medicalizados en orixe, prestan servizos as 24 horas do día, os 365 días do ano. O servizo que cumpren estes dous helicópteros, situados extratexicamente, con base en Santiago de Compostela e en Ourense, é esencial xa que pode estar en xogo a vida de persoas accidentadas ou que sufran unha doenza que precise a súa movilización urxente desde donde se atopen ata un centro hospitalario de referencia. A operatividade de ambos os dous helicópteros é imprescindible para a abarcar a totalidade de emerxencias e urxencias que poidan darse no territorio

da Comunidade Autónoma de Galicia ao mesmo tempo e que requiran unha resposta rápida e inmediata que non poida ser garantida por outros medios.

O Servizo de Salvamento Marítimo está dotado de dous helicópteros integrados cada un pola tripulación necesaria para garantir o seu normal desenvolvemento, formada por piloto, copiloto, rescatador, operador de guindastre e mecánico, que deben garantir unha operatividade e dispoñibilidade permanente as 24 horas do día para atender calquera requirimento, xeralmente de evacuación de persoas accidentadas ou de rescate de náufragos por sinistro de embarcacións. Ante situacións de risco no mar para a vida das persoas faise necesaria a operatividade de ambos os dous helicópteros, situados extratexicamente, con base en Vigo e O Celeiro, para garantir unha cobertura total da nosa costa.

Situacións estas que requiren unha resposta rápida e inmedita, moitas, veces dificultada polas condicións climatolóxicas do noso territorio que impiden a operatividade dun deles.

O artigo 3 do citado Decreto 155/1988 faculta ós conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados, para que mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada a folga que afecta o desenvolvemento dos servizos que a compañía Helicsa ven emprestando á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local a través do Servizo de Emerxencias 112 SOS-Galiza e á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos que se levará a efecto desde ás 8.00 horas do día 29 de outubro de 2004 ata ás 24 horas do 3 de decembro de 2004, logo da audiencia do comité de folga, e por proposta das consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, e de Xustiza, Interior e Administración Local

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga convocada polos sindicatos UGT, CC.OO. e SEPLA para os días 29 de outubro de 2004 das 8.00 horas ás 10.00 horas; o día 3 de novembro de 2004 das 9.00 horas ás 11.00 horas; os días 8 e 10 de novembro de 2004 das 10.00 horas ás 12.00 horas; os días 15 e 18 de novembro de 2004, das 11.00 horas ás 14.00 horas; os días 22 e 25 de novembro de 2004 das 10.00 horas ás 14.00 horas; os días 1 e 2 de decembro de 2004 das 9.00 horas ás 13.00 horas e o día 3 de decembro de 2004 das 0.00 horas ás 24.00 horas, que afecta o persoal dos helicópteros polivalentes da empresa Helicsa, que ven emprestando os seus servizos á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local a través do Servizo de Emerxencias 112 SOS-Galicia e á Consellería de Pesca e Asuntos Mariños a través do Servizo de Salvamento Marítimo, enténdese condicionada pola cualificación de servizos esenciais, conforme o establecido no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación de servizos esenciais en caso

de folga e polo mantemento dos servizos mínimos que como consecuencia da devandita cualificación e polas razóns que quedan expresadas na parte expositiva da presente orde se fixan no artigo segundo dela.

Artigo 2º

Establécense como servizos mínimos durante os días e horas de folga a que fai referencia o artigo 1º da presente orde os seguintes:

-Emerxencias de protección civil: o cen por cento dos servizos.

-Salvamento marítimo: o cen por cento dos servizos.

Artigo 3º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos, garantíndose a cobertura total dos mesmos, faraa a dirección da empresa adxudicataria procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 4º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para manter a prestación de devanditos servizos considéranse ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora de folga lle recoñece ao persoal nesta situación.

Artigo 6º

Observaranse as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios do Servizo de Emerxencias 112 SOS-Galiza.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administracións Públicas