DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 28 de outubro de 2004 Páx. 14.643

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de outubro de 2004 pola que se clasifica como mixta a Fundación Anduriña.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Anduriña, con domicilio en Avión (Ourense).

Supostos de feito

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Anduriña foi constituída en escritura pública outorgada en Ribadavia (Ourense) o día trinta de agosto de dous mil catro, ante o notario Javier Elbo Ferrant, co número de protocolo oitocentos setenta e nove, polo Concello de Avión, actuando no seu nome e representación o seu alcalde Francisco Gil Zamora, autorizado para este acto por acordo do Pleno do Concello de Avión, en sesión ordinaria celebrada o día dezanove de agosto de dous mil catro, segundo consta en certificación expedida polo secretario do concello, Alejandro de Diego Gómez.

3. A fundación ten como obxecto, segundo establece o artigo seis dos estatutos:

A organización e a prestación de servizos sociais, no seu máis amplo sentido, como entidade de iniciativa social.

A organización, prestación de servizos, axuda e asesoramento aos emigrantes, tanto aos que se acheguen ata Avión, como a aqueloutros que, en calidade de retornados, volvan despois de teren estado emigrados, ou ben aos que estando aínda no estranxeiro e sen seren retornados se atopen temporalmente en España e precisen dos servizos da Fundación Anduriña.

A colaboración coas autoridades sanitarias en materia de saúde pública e prevención de situacións potenciais de risco.

A organización, colaboración, prestación de servizos, asesoramento e axuda a individuos ou colectivos con dificultades ou risco de illamento social ou marxinación, así como a situacións familiares difíciles ou con risco de desmembramento familiar.

A prestación de servizos de axuda no fogar, axuda ás persoas con dependencia, así como calquera outra necesidade que teña como obxecto ou consecuencia as persoas maiores ou dependentes.

4. O padroado da fundación estará integrado por Francisco Gil Zamora como presidente, Antonio Montero Fernández como director e Alejandro de Diego Gómez como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elévalle ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Anduriña, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de outubro de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Anduriña, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Ins

titucionais e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública