DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 27 de outubro de 2004 Páx. 14.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2004 pola que se delegan as competencias sancionadoras do presidente de Augas de Galicia no director xeral.

O Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, modificado polo Decreto 146/2003, do 6 de febreiro, establece, no seu artigo 7, que son órganos de goberno de Augas de Galicia o presidente do organismo, o director xeral e a Xunta de Goberno.

O artigo 13 do devandito decreto enumera, no seu punto 1º, as atribucións conferidas ao presidente de Augas de Galicia, determinando no punto 2º que as funcións e atribucións citadas, coa excepción da referida na letra h), poderán ser delegadas, parcialmente ou na súa totalidade, no director xeral de Augas de Galicia ou nun ou en varios titulares das unidades administrativas ás cales se refire o artigo 39 deste regulamento. Así mesmo, o punto 3º do citado artigo 13 configura o director xeral como un órgano de apoio ao presidente que exercerá, ademais das funcións sinaladas anteriormente, todas aquelas que lle sexan expresamente delegadas polo presidente.

Mediante Resolución do 9 de abril de 2003 delegáronse no director xeral de Augas de Galicia as funcións e atribucións que o artigo 13.1º do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, antes citado, lle confire ao seu presidente nas letras c), d), e), f), g), i) e j).

Cómpre agora, dado o volume da actividade administrativa do organismo autónomo Augas de Galicia, e sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º, delegar tamén no director xeral as competencias que en materia sancionadora lle corresponden ao presidente do organismo segundo o establecido nos artigos 32 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia e 13 da Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público

de depuración de augas residuais urbanas, en relación co establecido no artigo 13 do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, antes citado.

Na súa virtude, facendo uso das facultades conferidas polo artigo 13.2º do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro.-Delegar no director xeral de Augas de Galicia, na súa totalidade, o exercicio das facultades sancionadoras que lle corresponden ao presidente de Augas de Galicia, facultades estas que son as establecidas nos artigos 32 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia e 13 da Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

Segundo.-As resolucións e os actos administrativos que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución indicarán expresamente esta circunstancia, indicando a súa data e a da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Terceiro.-En calquera momento, o presidente do organismo autónomo Augas de Galicia poderá reclamar o exercicio das atribucións que son delegadas por esta resolución, das que quedan excluídas, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2004.

Justo de Benito Basanta

Presidente do ente público Augas de Galicia