DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 27 de outubro de 2004 Páx. 14.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de outubro de 2004 pola que se convocan premios extraordinarios de formación profesional correspondentes ao curso 2003/2004.

O Ministerio de Educación e Cultura creou mediante a Orde ECD/1696/2002, do 1 de xullo, os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ao alumnado que rematou os seus estudos de formación profesional específica de grao superior.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderán concorrer aos premios nacionais o alumnado que resultase merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro)

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que finalizase os estudos de formación profesional específica de grao superior no curso 2003/2004 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Número e recoñecemento.

1. Poderá concederse un premio extraordinario por cada familia de formación profesional específica.

2. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá un diploma acreditativo e o secretario do centro docente onde estea depositado o seu expediente anotaralle esa distinción neste último. Así mesmo, o secretario do xurado de selección farao anotar no libro de cualificacións mediante a dilixencia correspondente. Para iso, os interesados, directamente ou a través do centro, deberán enviar, no

prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da publicación da citada resolución de concesión dos premios, o seu libro de cualificacións á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

3. A dotación para os premios será de 7.200 A, con cargo á partida orzamentaria 07.03.323A.480.1, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder de 600 A por premiado.

4. Os alumnos que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

Terceiro.-Requisitos.

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional específica de grao superior no curso 2003-2004 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,5. Esta cualificación final obterase como media aritmética das cualificacións obtidas nos módulos que compoñen o ciclo formativo, non computándose o módulo de formación en centros de traballo que se cualifica en termos de apto ou non apto, nin os que fosen obxecto de validación.

Cuarto.-Prazo e documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios, deberase inscribir, no prazo dos 40 días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria, na secretaría do instituto de educación secundaria no que se atope o seu expediente académico.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Instancia cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Certificación académica dos estudos obxecto de baremación.

c) Breve currículum vitae con indicación, se é o caso, dos premios ou becas que se obtivesen e outros méritos que se desexe alegar, xunto coa documentación xustificativa correspondente.

d) Fotocopia do DNI.

3. Ao día seguinte de rematar o prazo de inscrición, os secretarios dos centros remitirán á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa as solicitudes de inscrición que estean no seu poder xunto coa documentación xustificativa correspondente e comunicaranlle por fax á citada subdirección xeral a listaxe de alumnos inscritos coa indicación das familias de formación profesional específica nas que cursaron estudos.

Quinto.-Emenda e mellora da solicitude.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos ou non se acompañase da documentación indicada no artigo anterior, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

Sexto.-Xurado de selección.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección presidido polo director xeral de Centros e Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue, e integrado pola subdirectora xeral de Formación Profesional que actuará como secretaria do xurado de selección, o xefe do Servizo de Planificación Educativa, o xefe do Servizo de Formación Profesional e funcionarios dos corpos de inspectores de educación e por profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional específica, designados polas direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa, e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Sétimo.-Baremación das solicitudes.

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) Nota media do expediente académico dos estudos de formación profesional específica.

b) Nota media dos estudos que lle permitiron o acceso aos estudos de formación profesional específica (bacharelato, formación profesional de segundo grao, outro ciclo, nota da proba de acceso, etc.).

c) Outros méritos relacionados co título profesional.

2. Cada un dos méritos citados no punto anterior estarán expresados numericamente do 1 ao 10 cunha cifra decimal.

3. A valoración final expresarase numericamente con dúas cifras decimais e será o resultado de aplicar sucesivamente os factores de ponderación recollidos no anexo II.

4. O xurado resolverá os empates tendo en conta os seguintes méritos e por esta orde:

a) Expediente académico dos estudos de formación profesional específica.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que forme parte de todos os ciclos da mesma familia profesional.

c) Expediente dos estudos que permitiron o acceso.

d) Outros méritos relacionados co título profesional.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Oitavo.-Proposta de concesión dos premios e publicación da resolución de adxudicación.

1. No prazo dos 70 días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria o xurado de selección confeccionará unha acta provisional coas puntuacións finais dos aspirantes e os méritos xustificados, que se fará pública nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e no portal educativo desta consellería http://www.edu.xunta.es (ruta: Consellería, Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, convocatorias).

2. Os interesados poderán reclamar por escrito contra a puntuación outorgada polo xurado de selección mediante instancia dirixida ao presidente do xurado, no prazo de cinco días hábiles a partir do seguinte ao da publicación das actas provisionais.

3. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. O orixinal quedará arquivado na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e remitirase copia á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais así como ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. De acordo coa proposta feita polo xurado de selección, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa concederá os premios extraordinarios de formación profesional, mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

5. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Noveno.-Contra a resolución de adxudicación dos premios poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa, e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, para ditar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Baremación dos expedientes e outros méritos

MéritoDocumento acreditativoPonderación

parcial

Ponderación

final

* Nota media do expediente académico dos estudos de formación profesional específica de grao superior.Certificación oficial do instituto de educación secundaria.80%

90%

* Nota media dos estudos que lle permitiron o acceso aos estudos de formación profesional específica (bacharelato, formación profesional de segundo grao outro ciclo, nota da proba de acceso, etc.).Certificación oficial do instituto de educación secundaria.

20%

* Outros méritos relacionados co título profesional.Certificación oficial ou fotocopia compulsada do documento xustificativo.-10%