DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 26 de outubro de 2004 Páx. 14.497

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de outubro de 2004 pola que se establecen as características técnicas que deben cumprir as publicacións que conteñan resultados estatísticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 29 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, sinala a obriga de difundir publicamente as estatísticas comprendidas no Plan Galego de Estatística.

A orde do 27 de novembro de 1998 pola que se establecen as características que deben cumprir as publicacións que conteñan resultados estatísticos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 243, do 17 de decembro) constitúe o antecedente normativo aplicable.

A aplicación da Orde do 27 de novembro de 1998 levouse a cabo baixo a vixencia tanto da Lei 6/1997, do 3 de xullo, do Plan galego de estatística 1998-2001 como dos decretos 404/2001, do 11 de decembro, polo que se aproba o programa estatístico anual para 2002 e 343/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o programa estatístico anual para 2003, decretos aprobados en desenvolvemento da Lei 10/2001, do 17 de setembro, do Plan Galego de Estatística 2002-2006.

A partir da vixencia do Decreto 418/2003, do 20 de novembro, polo que se aproba o programa estatístico anual para 2004, xorde unha nova regulamentación coa distinción entre actividades estatísticas homologadas e non homologadas. A citada distinción dedúcese do texto do artigo 4 do decreto, o que obriga a revisar a Orde do 27 de novembro de 1998.

Esta orde ten por obxecto establecer os anagramas que permitan identificar facilmente a serie de publicacións derivadas da execución dos programas estatísticos anuais, coa distinción entre actividades estatísticas homologadas e non homologadas, respectando en todo caso a aplicación da normativa sobre publicacións da Xunta de Galicia.

En consecuencia, de acordo co artigo 29 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia e en uso da facultade que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da

Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Nas publicacións que en execución dos seus respectivos programas anuais realice o Instituto Galego de Estatística (IGE) ou as consellerías deberá figurar na portada un anagrama, segundo os modelos que figuran no anexo a esta orde.

No anagrama constará o texto Plan Galego de Estatística, o ano de referencia do programa estatístico, o número da actividade estatística e, ademais, cando se trate de actividades estatísticas homologadas ou executadas polo IGE, o símbolo corporativo do IGE.

O anagrama de referencia inserirase na parte superior da portada de acordo coas medidas e demais características que figuran no anexo a esta orde.

As follas soltas, folletos, carteis e, en xeral, todas as publicacións con menos de cincuenta páxinas, poderán prescindir da cor que se detalla no anexo a esta orde e utilizar o anagrama en negro.

Disposición derradeira

Primeira.-Esta orde entenderase sen prexuízo da aplicación do Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia, da Orde do 11 de xullo de 2003, pola que se desenvolve o citado decreto e demais normativa sobre publicacións da Xunta de Galicia.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 27 de novembro de 1998 pola que se establecen as características técnicas que deben cumprir as publicacións que conteñan resultados estatísticos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública