DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 25 de outubro de 2004 Páx. 14.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2004 pola que se convocan unhas xornadas sobre a protección xurídica do discapacitado.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2004 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e a Fundación Paideia, unhas xornadas sobre a protección xurídica do discapacitado, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

En 1982 promulgouse a Lei de integración social dos minusválidos. Transcorridos máis de 20 anos da devandita norma, pode afirmarse que non cubriu os obxectivos que se propuña, incumprindo o mandato constitucional. En 2003 tivo lugar o Ano Europeo do Discapacitado, o que deu como froito unha serie de disposicións no mesmo ámbito, que perseguen abordar de forma máis contundente este problema. A este nivel é indiscutible o papel preeminente que deben xogar as administracións públicas, ao ter que concienciarse e asumir moitas das obrigas impostas por esta nova lexislación. En suma, trátase de mellorar a formación dos asistentes neste eido, coa exposición e posterior debate, por parte de destacados especialistas, dunha serie de relatorios verbo das cuestións de maior relevo nesta materia.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Principio de protección xurídica do discapacitado.

-Vivenda, traballo e discapacidade.

-O patrimonio do discapacitado.

-Aspectos sucesorios da protección do discapacitado.

-A autotutela.

-O novo contrato de alimentos.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Fundación Paideia na Coruña, sito na praza María Pita, 17, da citada localidade, os días 25 e 26 de novembro de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 23 de novembro de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 24 de novembro, das 8.30 ás 14.30 horas, nos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA