DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 25 de outubro de 2004 Páx. 14.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2004 pola que se convocan unhas xornadas sobre violencia de xénero.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunhas xornadas sobre violencia de xénero, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer a normativa xurídico-penal e procesual para os delitos e faltas deste tipo.

-Saber cáles son os recursos asistenciais, legais e institucionais que se poden utilizar, e os procedementos que a seguir segundo a casuística de que se trate.

-Dominar a operativa profesional nos casos de malos tratos ás mulleres.

Destinatarios.

Membros das forzas e corpos de seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 250.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 4 de novembro, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

As xornadas desenvolveranse durante os días 9 e 10 de novembro. O día 9 desenvolveranse en xornada de mañá (9.30 a 14.00 h) e tarde (16.00 a 19.00 h); e o día 10 só en xornada de mañá (9.30 a 14.00 h).

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o 5 de novembro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

As xornadas desenvolveranse na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de asistencia.

Ao remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 7 de outubro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade