DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 25 de outubro de 2004 Páx. 14.453

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 21 de outubro de 2004 pola que se modifica a do 2 de agosto de 2004, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

En virtude do Decreto 215/2004, do 23 de setembro, modificouse o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, procedendo a unha nova distribución competencial para unha maior racionalidade na distribución dos recursos humanos e materiais cara á consecución dunha maior eficacia e eficiencia da acción do Goberno de Galicia.

A nova distribución determinou, entre outros aspectos, a adscrición da Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Coa publicación da Orde do 2 de agosto de 2004, delegáronse competencias a favor de diversos órganos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, entre eles aos delegados provinciais no seu ámbito territorial. Coa recente modificación da estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e para os efectos de acadar unha axeitada axilización administrativa en beneficio da Administración e dos administrados, faise necesaria a revisión das competencias legalmente atribuídas á titular da consellería e delegadas aos órganos periféricos, revisión obxecto desta disposición.

Así, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 1 da Orde do 2 de agosto de 2004, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Modificase o número 2 do artigo 1. Administración e xestión de persoal, da Orde do 2 de agosto de 2004, que queda coa seguinte redacción:

«2. Deléganse nos delegados provinciais, no seu ámbito territorial:

a) A competencia para efectuar as contratacións de persoal laboral temporal que se realicen ao abeiro

do disposto na vixente lexislación, as cales serán tramitadas e subscritas por eles, previas as autorizacións correspondentes.

b) As autorizacións das comisións de servizo con dereito a indemnización no ámbito provincial de todo o persoal adscrito ás delegacións».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 2.-Contratación e xestión financeira e orzamentaria, da Orde do 2 de agosto de 2004, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Modifícase o número 3 do artigo 2.-Contratación e xestión financeira e orzamentaria, da Orde do 2 de agosto de 2004, que queda coa seguinte redacción:

«3. Deléganse nos delegados provinciais, no seu respectivo ámbito territorial as competencias seguintes:

a) A contratación de servizos relativos a gastos correntes así como a contratación de subministracións de bens funxibles, con cargo ao capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servizos xestionados polos órganos periféricos.

b) En relación coa alínea anterior, a autorización e disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

c) A tramitación e formalización dos contratos administrativos especiais que non xeren obrigas de contido económico para a Administración autonómica.

d) A xestión das obrigas adquiridas mediante a sinatura de contratos de xestión de servizos públicos de carácter asistencial e as xeradas polos convenios de colaboración de reserva e ocupación de prazas en centros asistenciais, ocupacionais e residencias, no ámbito do maior e de persoas con discapacidade.

e) A realización de todos os trámites previos e o asinamento dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros sen convenio e para o ingreso en garderías infantís, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e

Voluntariado