DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 20 de outubro de 2004 Páx. 14.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de setembro de 2004 pola que se autoriza o centro privado María Inmaculada de Silleda (Pontevedra), para impartir as ensinanzas de educación básica de adultos e o bacharelato na modalidade presencial en quenda de tarde-noite.

Visto o expediente sobre autorización para impartir as ensinanzas de educación básica de adultos e o bacharelato na modalidade presencial, en quenda de tarde-noite, no centro privado María Inmaculada de Silleda, iniciado ao abeiro do artigo 5 do Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e do punto primeiro.1 da Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) pola que se desenvolve o antedito decreto.

Considerando que o devandito centro conta con autorización definitiva, por Orde do 11 de febreiro de 1999 (DOG do 5 de marzo) para impartir educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude do establecido no artigo 14 do Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros e a proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Autorizar o centro privado María Inmaculada de Silleda para impartir as ensinanzas de educación básica de adultos e o bacharelato, modalidade presencial, en quenda de tarde-noite, segundo os datos que se relacionan no anexo da presente orde.

Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Silleda.

Localidade: Silleda.

Enderezo: r/ María Colmeiro nº 4.

Denominación: centro privado María Inmaculada.

Código do centro: 36009123.

Titular: Misioneras de la Doctrina Cristiana.

Composición resultante:

a) Educación infantil: 3 unidades.

b) Educación primaria: 6 unidades.

c) Centro de educación secundaria:

4 unidades de educación secundaria obrigatoria.

6 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde e a de humanidades e ciencias sociais.

d) Educación especial: 1 unidade.

e) Educación de persoas adultas (quenda de tarde-noite):

Educación básica de adultos:

Nivel I: 1 unidade.

Nivel II: 1 unidade.

Nivel III: 2 unidades.

Bacharelato: 4 unidades das modalidades de ciencias da natureza e da saúde e a de humanidades e ciencias sociais.