DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 20 de outubro de 2004 Páx. 14.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2004 pola que se lle dá publicidade ao acordo do tribunal encargado de avaliar as probas para a obtención do certificado CE de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, convocadas por resolución da Dirección Xeral de Transportes do 24 de marzo de 2004, elevándose a definitivas as relacións provisionais de aprobados, e se abre o prazo de presentación para unha nova solicitude de renovación.

Publicadas o 23 de setembro de 2004 as relacións provisionais de aprobados correspondentes ás probas para a obtención do certificado CE de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, convocadas por Resolución do 24 de marzo de 2004, transcorrido o prazo establecido para presentar as correspondentes reclamacións, e unha vez examinadas por este tribunal,

ACORDA:

Primeiro.-Elevar a definitivas as relacións provisionais de aprobados, expoñendo as devanditas relacións nos lugares establecidos para o efecto na resolución de convocatoria.

Segundo.-De conformidade co establecido na base terceira do artigo único da resolución de convocatoria, todos os aspirantes aos que lles correspondese renovar o devandito certificado, e que non teñan superado as probas de renovación, ou ben aqueles que non se tiñan presentado ás devanditas probas de renovación, poderán participar nos novos exercicios que se van celebrar.

Terceiro.-A instancia en que se solicita tomar parte nestes novos exercicios, debidamente cuberta de conformidade co modelo que figura no anexo II da Resolución do 24 de marzo de 2004, publicada no DOG nº 66, do 5 de abril, deberase presentar no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sito no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.

1. Os aspirantes que xa foron admitidos nesta convocatoria e que non superaron a proba, unicamente deberán presentar unha nova instancia, conforme o modelo citado no punto anterior, así como o xustificante de ter aboadas unhas novas taxas.

2. Os aspirantes que foron excluídos, así como aqueles que no tivesen presentado solicitude no seu momento, deberán presentar toda a documentación que se establece na base cuarta da Resolución do 24 de marzo de 2004, de convocatoria das probas.

Quinto.

1. De conformidade co anexo II da Lei 6/2003, do 9 de decembro (DOG nº 240, do 11 de decembro), e a Lei 8/2003, do 23 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro), os dereitos de exame fíxanse na cantidade de dezanove euros con vinte e nove céntimos (19,29 A), por cada unha das clases mencionadas na Resolución do 24 de marzo de 2004, que serán noventa e seis euros con corenta e cinco céntimos (96,45 A) no suposto de presentarse a todas as especialidades dun modo, e ingresaranse logo de cubrir os impresos de taxas (Consellería de PTOPV, cód.: 06; delegación de SSCC, cód.: 13, Servizo de Transportes, cód.: 02; denominación: dereitos de exame probas transportista; clave 31.01.06), que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servizos provinciais de transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá á súa revisión.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o final do punto anterior a relación provisional de admitidos

e excluídos con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da exposición da citada lista, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o citado tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública da lista definitiva de admitidos e excluídos nos mesmos lugares antes indicados.

5. Devolveránselles os dereitos de exame aos solicitantes excluídos definitivamente destas probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución referida no punto anterior, e que o soliciten co modelo que figura como anexo III na Resolución do 24 de marzo de 2004.

Sexto.-Os exercicios terán lugar o día 11 de decembro de 2004 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, San Lázaro s/n.

Os horarios dos distintos exercicios publicaranse xunto coa resolución definitiva de admitidos no DOG.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o director xeral de Transportes (CPTOPV) da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia deste acordo. Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso sen que se notifique a súa resolución, entenderase desestimado, e quedará expedita a vía procedente.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2004.

David González Coalla

Presidente do tribunal