DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 18 de outubro de 2004 Páx. 14.114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 14 de outubro de 2004 pola que se establece o procedemento para solicitar axudas destinadas aos operadores do sector lácteo para a adquisición de determinados bens de equipamento para facilitar e asegurar a fiabilidade do rexistro dos movementos do leite.

O Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan a identificación e rexistro dos axentes, establecementos e contedores que interveñen no sector lácteo, e o rexistro dos movementos do leite, establece a posta en práctica dunha serie de medidas co fin de garantir a rastrexabilidade do leite.

No mencionado real decreto recóllense unha serie de novas obrigas para os operadores do sector que van desde a inscrición no Rexistro xeral de Axentes do Sector Lácteo e a identificación dos contedores ata o mantemento de rexistros actualizados dos movementos de leite asociados ás cisternas de recolla entre outros.

Estas novas exixencias poden supor un incremento dos custos que teñen que soportar os operadores, e en determinados casos é necesario afrontar unha serie de investimentos para poder cumprir con estas exixencias, polo que se publicou o Real decreto 1974/2004, do 1 de outubro, polo que se establecen axudas aos operadores do sector lácteo para a adquisición de determinados bens de equipamento, no que se prevé o financiamento dos investimentos necesarios para a adquisición de terminais portátiles para a captura de datos e impresoras portátiles. Eses investimentos non son conducentes a incrementar a capacidade produtiva.

Neste real decreto establécense os distintos aspectos desta axuda, como os beneficiarios, requisitos destes, obxecto das axudas, etc., quedando pendentes de esta

blecer determinados aspectos de carácter procedemental.

É necesario, polo tanto, establecer o procedemento para que os operadores do sector lácteo poidan acceder na Comunidade Autónoma de Galicia a estas axudas.

De acordo co anterior, o obxecto da presente orde é establecer o procedemento de solicitude e xestión das axudas para a realización dos investimentos previstos no real decreto antes citado.

Ao abeiro do disposto no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria a xestión destas axudas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer o procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 1974/2004, do 1 de outubro, polo que se establecen axudas aos operadores do sector lácteo para a adquisición de determinados bens de equipamento destinados á realización de investimentos necesarios para favorecer o cumprimento das obrigas sinaladas no Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regula a identificación e rexistro dos axentes, establecementos e contedores que interveñen no sector lácteo e o rexistro de movementos do leite por parte dos operadores do sector lácteo tal e como se definen no artigo 2 do citado real decreto.

Esta orde desenvolve as bases reguladoras previstas no Real decreto 1974/2004, do 1 de outubro (BOE 238, do 2 de outubro) polo que se establecen axudas aos operadores do sector lácteo para a adquisición de determinados bens de equipamento.

Artigo 2º.-Descrición das axudas.

1. Consideraranse investimentos subvencionables a adquisición dos terminais portátiles para a captura de datos e impresoras portátiles necesarios para o cumprimento das exixencias previstas nos números 2º, 3º e 4º do artigo 7 do Real decreto 217/2004, que cumpran coas características técnicas previstas no anexo III.

2. As axudas consistirán nun pagamento único que se aboará aos beneficiarios que tivesen realizado e xustificado os investimentos subvencionables dentro dos prazos establecidos para tal fin.

3. Soamente serán subvencionables os investimentos realizados antes do 30 de abril de 2005.

Artigo 3º.-Beneficiarios e requisitos.

Poderán ser beneficiarios desta axuda os operadores do sector lácteo que estean rexistrados no Rexistro Xeral de Axentes do Sector Lácteo segundo o disposto no artigo 3 do Real decreto 217/2004, circunstancia que será comprobada de oficio por esta administración.

Os operadores deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Cumprir coas obrigas previstas no Real decreto 217/2004 e utilizar para o transporte do leite cisternas que estean rexistradas de acordo co citado real decreto.

2. Acreditar a súa viabilidade económica. Para estes efectos xuntarase á solicitude a seguinte documentación:

-Certificado de solvencia económica do operador expedido por entidade bancaria.

-Declaración xurada dos operadores de non teren sido declarados insolventes ou en concurso, non estar suxeito a intervención xudicial e non ter sido inhabilitado conforme a lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

3. Os operadores deberán comprometerse a non transmitir os elementos obxecto da subvención nin modificar o uso previsto no Real decreto 217/2004, durante un prazo de 2 anos. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá proceder ao reintegro da subvención cos correspondentes xuros de demora.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. Os solicitantes que teñan o seu domicilio social situado na Comunidade Autónoma de Galicia, poderán presentar desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 15 de novembro de 2004, inclusive, para o exercicio 2004 e ata o 30 de abril de 2005, para o exercicio 2005, unha solicitude dirixida ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, de acordo co modelo incluído como anexo I, que poderá ser presentada, preferentemente, no rexistro xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos métodos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de axuda irán acompañadas como mínimo dos seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou NIF no caso de persoas físicas.

b) Fotocopia do CIF e do poder acreditativo da representación no caso de persoas xurídicas.

c) Facturas xustificativas dos investimentos. Deberá sinalarse no anexo I o vehículo para o cal vai destinado cada equipamento para o que se solicita a axuda. As facturas xustificativas dos investimentos realizados deberán cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, polo que se regula o deber de expedir e entregar factura que incumbe aos empresarios e profesionais.

d) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas ou calquera dos seus órganos, entes ou sociedades.

e) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

f) Acreditación de atoparse ao día das súas obrigas tributarias e coa seguranza social, así como de non

ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado e declaración xurada a que fai referencia o artigo 3º.2 desta orde.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución.

1. A Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria tramitará as solicitudes presentadas e realizará os controis administrativos e sobre o terreo que considere oportunos para garantir o cumprimento das condicións exixidas para a concesión das axudas.

2. No prazo de 15 días, contados a partir da data de remate de cada período de solicitudes, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural remitirá ao Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA) o número de solicitudes de axuda e o importe delas para efectos do disposto no número 4º do artigo 7 do Real decreto 1974/2004.

3. Unha vez que o MAPA comunique a dotación orzamentaria e que a comunidade autónoma efectúe as oportunas xeracións de crédito tal e como se dispón no artigo 7º desta orde, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural por proposta da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, resolverá a concesión ou denegación das solicitudes de axuda e procederá ao seu pagamento.

4. As solicitudes que, unha vez transcorridos nove meses desde o período de recepción a que se acollesen, non tivesen unha comunicación de resolución, poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 6º.-Recursos administrativos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Financiamento das axudas.

As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos orzamentos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Unha vez que a comunidade autónoma teña constancia suficiente da distribución territorial dos créditos consignados para tal efecto, procederase a efectuar as oportunas xeracións de crédito nesta comunidade autónoma con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614 A 777.4.

A dita distribución será feita de acordo co artigo 153 do texto refundido da Lei xeral orzamentaria aprobado

polo Real decreto lexislativo 1091/1998, do 2 de setembro, tal como está descrito no artigo 6.3º do Real decreto 1974/2004.

Artigo 8º.-Compatibilidade e contía das axudas.

O nivel de axuda para os investimentos previstos na presente disposición non poderá superar o 50% dos investimentos subvencionables. En todo caso, a axuda máxima para os investimentos previstos non excederá a cantidade de 850 euros por vehículo.

Cando o importe das solicitudes de axuda exceda a dotación dispoñible, procederase a reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Compatibilidade das axudas co mercado común.

A eficacia das resolucións de concesión das axudas reguladas na presente orde quedará condicionada á decisión positiva sobre compatibilidade co mercado común por parte do órgano competente da Comisión Europea, de acordo co establecido no artigo 88.3º do tratado constitutivo da Comunidade Europea. Este extremo farase constar na resolución de concesión da axuda.

Segunda.-Infraccións e sancións.

En todo o non previsto nesta orde será de aplicación a Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións.

Terceira.-Solicitude de datos pola Administración.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesourería Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou, se é o caso, cubrir debidamente asinada, a autorización que figura no anexo II, para os efectos de que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poida solicitala por vía informática.

Disposición transitoria

As solicitudes que puidesen ter sido presentadas ao abeiro do Real decreto 1974/2004, do 2 de outubro, no ámbito desta comunidade autónoma antes da publicación desta orde, tramitaranse de acordo con esta salvo indicación en contra do interesado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2004.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural

ANEXO III

Características técnicas que deben cumprir os

terminais portátiles para a captura de datos e

impresoras portátiles

1. Selaxe: para avaliar o grao de resistencia dos terminais utilizarase o índice IP (Ingress Protection) recollido na norma UNE 20324/1M:2000 e a UNE 20324:1993, así como pola IEC (International Electrotechnical Comisión) 60529. No caso das impresoras portátiles, non se utiliza este estándar, pero si deberán presentar un deseño que resista o manexo e as condicións ambientais duras.

Requisitos mínimos do terminal: IP 54 mínimo. No caso de non posuír clasificación IP, o fabricante ou distribuidor deberá garantir a selaxe fronte a po e fronte a auga pulverizada desde calquera dirección ata o terminal.

Requisitos óptimos da impresora: resistencia fronte a condicións ambientais adversas.

2. Resistencia a caídas: altura desde a que pode caer o aparello sen sufrir ningún dano.

Requisitos mínimos do terminal: de 1 metro mínimo.

Requisitos mínimos da impresora: de 1 metro mínimo.

3. Autonomía e batería:

Requisitos mínimos do terminal: autonomía: mínimo de 6 horas.

Batería: 1.200 mAh.

Requisitos mínimos da impresora: autonomía: mínimo de 6 horas

Batería: 1.200 mAh.

4. Memoria:

Requisitos mínimos do terminal con sistema operativo sen contorno gráfico: a memoria mínima RAM será de 640 KB.

Requisitos mínimos do terminal con sistema operativo con contorno gráfico: a memoria mínima RAM será de 32 MB.

5. Comunicacións:

Requisitos mínimos do terminal: porto IrDa para comunicarse coas impresoras e porto serie para comunicarse co berce de descarga de datos. (Se a impresora está integrada no aparello non é necesario o porto IrDa).

Requisitos mínimos da impresora: porto IrDa para comunicarse co terminal portátil.

6. Teclado:

Requisitos mínimos do terminal: teclas numéricas e teclas de función.

7. Autoapagado:

Requisitos mínimos do terminal: autoapagado para aforro de batería.

Requisitos mínimos da impresora: autoapagado para aforro de batería.