DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 18 de outubro de 2004 Páx. 14.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de setembro de 2004 pola que se lle autoriza o traslado de instalacións ao centro autorizado de grao elemental de música Adagio de Monforte de Lemos (Lugo), así como a impartición das ensinanzas de grao medio de música.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e o artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro (DOG do 19 de xaneiro de 2004), establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as ditas competencias.

Examinado o expediente promovido por Manuel Randulfe Jácome no que solicita autorización para o traslado de instalacións do centro autorizado de grao elemental de música Adagio de Monforte de Lemos, situado na rúa Ourense nº 15 ao Campo da Compañía nº 50 e, así mesmo, é autorizado para impartir as ensinanzas de grao medio.

Vistos os informes da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo sobre o cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro, título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e que a estrutura e planificación académica do centro se axusta ao disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso aos ditos graos.

Tendo en conta o Decreto 253/1995, do 29 de setembro (DOG do 11 de outubro), sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas e a Orde do 5 de decembro de 1995 (DOG do 7 de febreiro de 1996) que desenvolve este decreto.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar o traslado de instalacións ao centro autorizado de grao elemental de música Adagio de Monforte de Lemos e se lle autoriza impartir as ensinanzas de grao medio de música; segundo os datos que figuran no anexo.

Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia no devandito centro.

Terceiro.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado de música Adagio queda adscrito, para efectos administrativos, ao conservatorio profesional de música de Lugo.

Cuarto.-O mencionado centro queda obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados na presente orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Lugo.

Concello: Monforte de Lemos.

Localidade: Monforte de Lemos.

Enderezo: Campo da Compañía nº 50.

Código: 27016261.

Titular: Manuel Randulfe Jácome.

Denominación: Centro Autorizado Profesional de Música Adagio.

Postos escolares: grao elemental: 80; grao medio: 180.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL