DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 15 de outubro de 2004 Páx. 14.056

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 23 de setembro de 2004 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense acordou na asemblea xeral celebrada o 22 de maio de 2004 a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais

da Coruña e Ourense

TÍTULO I

Do colexio de graduados sociais

Artigo 1º

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense é unha corporación de dereito público, recoñecido pola Constitución e amparado polo ordenamento xurídico, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, con funcionamento e estrutura interna democrática.

2. Rexerase pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e polos presentes estatutos, sen prexuízo da lexislación básica do Estado. A representación do colexio no ámbito nacional ficará integrada no Consello Xeral como órgano superior que representa e coordina todos os colexios de graduados sociais de España.

Artigo 2º

1. Os colexios de graduados sociais estarán integrados polas persoas que teñan os títulos de graduado social, graduado social diplomado, diplomado en relacións laborais e reúnan os requirimentos exixidos por estes estatutos e polas normas que lles sexan aplicables.

2. No exercicio profesional utilizarase a denominación de graduado social.

Artigo 3º

1. Constituese o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, con ámbito territorial das provincias da Coruña e Ourense.

2. A sede do Colexio de Graduados Sociais de A Coruña e Ourense fíxase na cidade da Coruña, rúa José Luis Bugallal e Marchesi número A5 andar 1º

3. A segregación da provincia de Ourense deberá ser solicitada por trinta colexiados da provincia de Ourense, dos cales deberán ser quince exercentes, requirirá o acordo do colexio e deberá ser aprobada por decreto, despois do informe correspondente do Consello de Graduados Sociais de Galicia.

Artigo 4º

O Colexio de Graduados Sociais rexerase polas disposicións legais autonómicas ou estatais que lle afecten; polos presentes estatutos; o do correspondente ao Consello de Graduados Sociais de Galicia, se for o caso; os seus estatutos particulares; e polos regulamentos e acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 5º

1. Corresponde ao Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido

aos dereitos dos particulares, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

b) Exercer a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, xulgados e tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

c) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis e os estatutos profesionais, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

d) Organizar e xestionar a representación da quenda de oficio.

e) Informar os anteproxectos de disposicións de carácter xeral que se refiran ás condicións de exercicio da profesión, entre as que figuran o ámbito, os títulos oficiais requiridos e o réxime de incompatibilidades con outras profesións, así como as retribucións e honorarios.

f) Servir de vía de participación orgánica nas tarefas de interese xeral de acordo coas leis.

g) Participar nos consellos e organismos consultivos da Administración en materia de competencia da profesión do graduado social.

h) Estar representados nos padroados e consellos sociais universitarios radicados no ámbito territorial do colexio.

i) Participar na elaboración dos plans de estudo e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión de graduado social; manter contacto permanente con eles e preparar a información necesaria para facilitar o acceso ao exercicio profesional dos novos colexiados.

j) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencia e de previsión, e outros análogos; prover ao sostemento económico cos medios necesarios e organizar, cando for o caso, cursos para a formación profesional dos posgraduados.

k) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre eles.

l) Exercer as accións que as leis establecen para a represión do intrusismo profesional.

m) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

n) Resolver por laudo, a instancia das partes interesadas, as discrepancias que podan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

ñ) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter orientativo.

o) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discuten honorarios profesio

nais, así como establecer, se for o caso, servizos voluntarios para o seu cobramento.

p) Exercer cantas funcións lles sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que podian serlle encomendadas ou acorde realizar por propia iniciativa.

q) Exercer a representación que establecen as leis para o cumprimento dos seus fins.

r) Facilitar aos xulgados e tribunais a relación dos colexiados que puidesen ser requiridos ou designados para interviren como peritos en asuntos xudiciais.

s) Visar os traballos profesionais dos colexiados de conformidade co que se dispoña, se for o caso, pola lexislación correspondente.

t) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

u) As demais que veñan establecidas pola lexislación estatal ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os acordos, decisións e recomendacións do Colexio de Graduados Sociais con transcendencia económica observarán os límites do artigo 1 da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia, sen prexuízo de que os colexios poidan solicitar a autorización singular prevista no artigo 3 da dita lei.

Artigo 6º

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais terá o tratamento de ilustre, salvo que, por outras circunstancias, lle corresponda un distinto.

2. O presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais terá o tratamento de ilustrísimo/a señor/a, salvo que, por outras circunstancias, lle corresponda un distinto.

3. O presidente do Colexio de Graduados Sociais e os membros da xunta de goberno do Colexio de Graduados Sociais usarán toga, así como a medalla correspondente aos seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes a que asistan no exercicio deles.

4. Nos restantes actos oficiais observaranse as normas de protocolo.

Artigo 7º

A insignia profesional dos graduados sociais colexiados estará constituída pola balanza da xustiza, entre cuxos pratiños hai dúas espigas de trigo que enmarcan unha roda dentada, símbolo do traballo, en cuxo pé se lerá «Xustiza Social», tendo como fondo uns lóstregos dourados e fulgurantes.

Artigo 8º

1. Nos actos oficiais solemnes, os membros das xuntas de goberno de cada colexio levarán unha

medalla reproducindo a insignia profesional, en cuxa base se lerá o título do colexio, suxeita con cordón de seda verde esmeralda. A medalla será de ouro ou dourada para o presidente e de prata ou prateada para os restantes compoñentes da xunta.

2. As citadas medallas, expresadas en miniatura de dous centímetros, poderán levarse sobre calquera traxe polos que exerzan ou exercesen cargos na xunta de goberno do colexio, así como polos colexiados de honra.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo primeiro

Da incorporación

Artigo 9º

No Colexio de Graduados Sociais existirán catro clases de colexiados:

a) Exercente da profesión con carácter libre.

b) Exercente da profesión ao servizo dunha soa empresa mediante relación laboral con ela, e sempre que tal contratación sexa precisamente na súa calidade de graduado social e non inclúa o asesoramento a terceiros. Os profesionais ao servizo da administración rexeranse polo disposto no artigo 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non exercente.

d) Emérito. Incluiranse nela os colexiados xubilados, e as persoas que, por razón a circunstancias excepcionais apreciadas pola xunta de goberno, merezan esta consideración.

Artigo 10º

A incorporación ao Colexio de Graduados Sociais require o cumprimento dos seguintes requirimentos:

a) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

b) Estar en posesión do título de graduado social, graduado social diplomado, diplomado en relacións laborais ou titulación homologada para actuar en todo o territorio español.

c) Satisfacer a cota de ingreso e demais contribucións que teña establecido o colexio por acordo da xunta ou asemblea xeral.

Artigo 11º

1. Para o exercicio legal da profesión será requerimento indispensable e suficiente estar incorporado en calidade de colexiado exercente, ao colexio que se corresponda coa sede profesional única ou principal do graduado social, e cumprir os requirimentos legais e estatutarios exixidos para tal fin.

2. A incorporación ao Colexio de Graduados Sociais como exercente requirirá, ademais de cumprir as condicións xerais expresadas no artigo anterior, non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

Artigo 12º

1. A colexiación solicitarase mediante instancia dirixida ao presidente do colexio, xuntando a ela a documentación pertinente.

O secretario do colexio examinará a instancia, así como os documentos unidos a ela, emitirá o correspondente informe e someterá a solicitude á decisión da xunta de goberno, que aceptará, denegará ou suspenderá a solicitude de incorporación, dentro do prazo de dous meses.

A resolución será notificada ao interesado por escrito, co visto e prace do presidente do colexio.

2. Os solicitantes non admitidos poderán inducir recurso ordinario contra o acordo denegatorio no prazo dun mes contado desde a súa notificación, ante o Consello de Colexios da Comunidade Autónoma a través da xunta de goberno, que emitirá informe sobre o recurso, ou, no seu defecto, ante o Consello Xeral.

Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso sen que se dite resolución, entenderase desestimado.

3. Os solicitantes non admitidos poderán retirar a súa documentación, excepto a instancia, que ficará arquivada na secretaría do colexio con expresión das causas da denegación.

Artigo 13º

1. Os novos colexiados ficarán inscritos no rexistro xeral do colexio por orde de admisión de instancia.

2. Ademais do citado rexistro xeral, a secretaría do colexio terá ao seu cargo un rexistro especial de colexiados en exercicio, indicando quen exerce a profesión libremente, ou ao servizo de empresa ou corporación mediante relación especial, ou en réxime de asociacións.

3. A incorporación, xustificada mediante a certificación correspondente do colexio, acredita o graduado social como tal, sen que sexa necesaria ningunha designación ou nomeamento da Administración pública.

4. O secretario do colexio remitirá, ao principio de cada ano, a todos os xulgados e tribunais do seu territorio, así como aos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, unha relación de todos os graduados sociais exercentes incorporados.

Artigo 14º

Os aspirantes admitidos satisfarán as cotas de incorporación, derramas e demais contribucións aprobadas polo colexio, e entregaráselles o carné de colexiado.

Artigo 15º

1. Os graduados sociais, antes de iniciaren o seu exercicio profesional, deberán prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, e de fiel cumprimento dos deberes da profesión de graduado social.

2. O xuramento ou promesa prestarase ante a xunta de goberno do Colexio de Graduados Sociais, na forma que a propia xunta dispoña, coa posibilidade de o facer por escrito de forma provisoria.

3. No expediente persoal do colexiado deberá constar a prestación do xuramento ou promesa.

Artigo 16º

1. O graduado social incorporado ao Colexio de Graduados Sociais poderá prestar os seus servizos profesionais libremente en todos os asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español, no ámbito da Unión Europea e nos demais países, conforme a normativa vixente en cada caso.

2. Para actuar profesionalmente no ámbito territorial dun colexio diferente daquel a que estivese incorporado, o graduado social deberá comunicar, a través do colexio a que pertenza, aos colexios distintos ao da súa inscrición as actuacións que vaia realizar nas súas demarcacións, a fin de ficar suxeito ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

3. Cando o exercicio en territorio distinto ao de colexiación vaia ser habitual, abondará con comunicar esta circunstancia, a través do colexio de pertenza, ao colexio en cuxa demarcación se vaia exercer, ficando o colexiado suxeito ás competencias deste último en materia de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

Capítulo segundo

Da perda da condición de colexiado

Artigo 17º

1. A condición de colexiado pérdese:

a) Por defunción ou declaración de falecemento.

b) Por baixa voluntaria, mediante comunicación dirixida ao presidente do colexio.

c) Por reiterada contravención da obriga de satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias que fosen acordadas, así como as demais cargas colexiais a que viñese obrigado. Enténdese por reiterada contravención a demora de seis meses no pagamento de forma sucesiva ou alterna no período dun ano.

d) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión de graduado social.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.

2. Corresponde á xunta de goberno do colexio acordar, en resolución motivada, a perda da condición de colexiado nos supostos das alíneas c), d) e e).

3. As baixas serán comunicadas ao Consello Xeral e ao Consello de Graduados Sociais de Galicia, se for o caso.

4. Anualmente, o secretario do colexio porá en coñecemento dos xulgados e tribunais, e dos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, os colexiados que causasen baixa.

5. No suposto da alínea c) os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos aboando o debido, os seus xuros legais e a cantidade que corresponda como nova incorporación.

Artigo 18º

O graduado social que cause baixa no colexio perderá todos os dereitos inherentes a tal condición, estando obrigado a devolver o carné de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por uso indebido del. En caso de contravención da referida obriga, o colexio anulará de oficio o carné de colexiado.

Capítulo terceiro

Direitos e deberes dos colexiados

Artigo 19º

Os graduados sociais colexiados gozarán dos dereitos, honras, preferencias e consideracións recoñecidos polas leis á profesión.

Artigo 20º

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Permanecer no colexio, salvo que incorran nalgunha das causas determinantes da perda da condición de colexiado recollidas nos estatutos.

b) Ser defendidos polo colexio ante as autoridades, entidades e particulares no exercicio da profesión ou por motivo dela nas súas xustas reivindicacións.

c) Utilizar cantos servizos estableza o colexio, entre eles, biblioteca, institucións de previsión social e benéficas, publicacións e cantos outros poidan crearse, salvo aqueles que correspondan a colexiados exercentes.

d) Ser representados e apoiados pola xunta de goberno nas súas xustas reclamacións e nas negociacións por diferenzas que poidan xurdir como consecuencia do exercicio profesional.

e) Coñecer e estar informado da marcha do colexio.

f) Asistir a cantos actos de carácter corporativo celebre o colexio.

g) Usar o carné de colexiado e a insignia correspondente.

h) Ser escollidos para os cargos da xunta de goberno do colexio, do Consello de Graduados Sociais de Galicia ou do Consello Xeral, sempre que se reúnan os requirimentos establecidos.

i) Participar na labor cultural e formativa que realice o colexio.

j) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

Artigo 21º

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Exercer en todo momento a profesión co debido decoro e dignidade.

b) Cumprir fielmente estes estatutos, así como os propios de cada colexio, e as normas vixentes que sexan de aplicación á profesión de graduado social.

c) Actuar profesionalmente en toda ocasión baixo o seu nome e apelidos, prohibíndose actuar por medio doutra persoa natural ou xurídica, sen prexuízo do previsto no artigo 35º e seguintes destes estatutos.

d) Participar á secretaría do colexio, dentro do prazo de 30 días, as mudanzas de morada.

e) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, as cotas a cuxo pagamento están obrigados pola súa condición de colexiado, así como as derramas e demais cargas sociais.

f) Asistir persoalmente, salvo imposibilidade xustificada, ás xuntas xerais que se celebren no colexio, e participar nas eleccións que deban levarse a cabo.

g) Comparecer ante a xunta de goberno ou ante calquera das comisións existentes cando fosen requeridos para iso.

h) Comunicar ao colexio as suplencias nas funcións profesionais por motivo de enfermidade, ausencia, ou calquera outra causa.

i) Gardar a consideración e respecto debidos aos membros da xunta de goberno e das comisións do colexio, e cumprir os acordos adoptados por eles.

j) Desempeñar con celo e eficacia os cargos para os que fosen escollidos e participar nas comisións cando fosen requiridos para iso pola xunta de goberno.

k) Gardar o segredo profesional, entendendo este como a obriga e o dereito de non revelar ningún feito dos que teñan coñecemento por razón do exercicio profesional.

l) Absterse de realizar publicidade dos seus servizos sen previa autorización do colexio, nos termos que sinala o artigo 33º.

m) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

n) Representar os litigantes que acrediten insuficiencia de recursos nos casos previstos pola lei.

TÍTULO III

Dos órganos de goberno do colexio

Capítulo primeiro

Da xunta de goberno

Artigo 22º

1. O goberno dos colexios corresponde a:

a) Á xunta xeral de colexiados.

b) Á xunta de goberno.

c) Ao presidente.

Artigo 23º

1. O Colexio de Graduados Sociais rexerase por unha xunta de goberno, que será o órgano de execución e xestión dos acordos da xunta xeral, exercerá

con carácter permanente a administración do colexio e terá en todo momento a plena representación da corporación.

2. Ademais das que se establecen no presente estatuto, serán atribucións da xunta de goberno:

A) En xeral:

1ª Someter a votación nas xuntas xerais asuntos concretos de interese colexial, na forma que estableza a propia xunta de goberno.

2ª Resolver sobre a admisión de titulados que soliciten incorporarse ao colexio.

3ª Velar para que os colexiados observen boa conduta nas súas relacións cos órganos xurisdicionais, cos seus parceiros e cos seus clientes, así como que no desempeño da súa función profesional despreguen a necesaria dilixencia e competencia.

4ª Impedir o exercicio da profesión a quen, sendo colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias á legalidade vixente.

5ª Impedir o intrusismo e perseguir os infractores regulado no número anterior, así como as persoas, naturais ou xurídicas que faciliten o dito irregular exercicio profesional, exercendo fronte a estas cantas accións xurisdicionais fosen necesarias ou convenientes.

6ª Propor á xunta xeral a adopción dos acordos que coide procedentes, en canto á cantidade que deba satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación.

7ª Propor á xunta xeral a determinación das cotas que deben pagar os colexiados exercentes, os exercentes de empresa e os non exercentes, para sostemento das cargas e servizos colexiais.

8ª Acordar, se o considera necesario, a imposición de cotas extraordinarias aos seus colexiados, con aprobación da xunta xeral.

9ª Recadar o importe das cotas establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do Consello de Graduados Sociais de Galicia, se for o caso, e do Consello Xeral.

10ª Establecer baremos de honorarios, que terán carácter orientativo, dos graduados sociais e regulalos nos casos previstos por estes estatutos, e emitir informe cando os órganos xurisdicionais pidan o seu ditame con suxeición ao disposto nas leis.

11ª Convocar eleccións para prover os cargos da xunta de goberno.

12ª Convocar xuntas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

13ª Exercer as facultades disciplinarias respecto aos colexiados, de acordo co previsto nos presentes estatutos.

14ª Propor á xunta xeral a aprobación dos regulamentos de orde interior que xulgue convenientes.

15ª Nomear as comisións ou seccións de colexiados que fosen necesarios ao estudo das materias que poidan interesar aos fins da corporación e á defensa e promoción do colectivo profesional.

16ª Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao graduado social, provendo o necesario ao amparo daquelas.

17ª Informar aos colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza e poidan afectarlles, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

B) Con relación aos órganos xurisdicionais:

1ª Fomentar e estreitar as relacións de respectuosa cordialidade entre o colexio e os seus colexiados coa maxistratura e os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en xeral, e cos xulgados social e os seus funcionarios en particular.

2ª Regular as condicións e funcionamento da quenda de oficio.

3ª Velar para que no exercicio da función representativa que exerzan os colexiados de acordo coa Lei orgánica do poder xudicial, cumpran estes coas obrigas inherentes á súa función, de acordo co disposto no ordenamento xurídico profesional de aplicación.

4ª Velar para que, nos mesmos casos, os graduados sociais cumpran as obrigas a que se refire o artigo 187 da Lei orgánica do poder xudicial e, en audiencia pública, xuntanzas dos órganos xurisdicionais en que proceda e actos solemnes xudiciais, usen toga e, en estrados se senten á mesma altura que as autoridades, funcionarios e profesionais mencionados no dito precepto.

5ª Perseguir, nos mesmos casos, os comportamentos contrarios ao deber de gardar segredo dos asuntos que os colexiados coñezan por razón da súa actuación profesional e impor as sancións disciplinarias pertinentes.

6ª Amparar os colexiados que, nos mesmos supostos, vexan vulnerado o seu dereito a non ser obrigados a declarar sobre os feitos ou noticias de que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional.

C) Con relación aos organismos oficiais:

1ª Defender, cando o considere procedente e xusto, os colexiados no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión delas.

2ª Promover xunto do Goberno, das autoridades e de cantos organismos oficiais con que teña relación a actividade de graduado social, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta Administración de Xustiza.

3ª Informar de palabra ou por escrito, en nome do colexio, en cantos proxectos ou iniciativas o requiran.

D) Con relación aos recursos económicos do colexio:

1ª Recadar, distribuír e administrar os fondos do colexio.

2ª Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

3ª Propor á xunta xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, se se tratase de inmobles.

3. Corresponde igualmente á xunta de goberno solicitar, cando for o caso e para os efectos do número 2 do artigo 5º dos presentes estatutos, a autorización singular prevista no artigo 3 da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 24º

1. A xunta de goberno comporase dun presidente, cargo que deberá recaer necesariamente nun colexiado en exercicio e que deberá continuar séndoo durante todo o seu mandato, que a presidirá, dous vicepresidentes, un secretario, un tesoureiro, un interventor-contador, un vicesecretario, catro vocais exercentes e dous vocais non exercentes.

2. A xunta xeral escollerá o cargo de presidente por proclamación e mediante votación nominal expresa. Os cargos da xunta de goberno de vicepresidente, secretario, tesoureiro, interventor-contador e vicesecretario serán designados pola propia xunta entre os vocais exercentes escollidos pola xunta xeral e a proposta do presidente.

3. Os cargos da xunta de goberno terán unha duración de catro anos, renovándose por metade cada dous, podendo ser reelixidos sen limitación.

4. Nos colexios de nova creación, a primeira renovación por metade realizarase aos dous anos e recaerá sobre aqueles colexiados que obtiveron menor número de votos.

Artigo 25º

1. O exercicio dos cargos de presidente e vocal da xunta de goberno terá o carácter de obrigatorio, honorífico e gratuíto.

2. Poderán ser candidatos todos os colexiados pertencentes ao ámbito territorial do colexio que se atopen de alta e ao día do pagamento das súas cotas colexiais, cun mínimo de dous anos de colexiación ininterrompida, no período inmediatamente anterior á convocatoria electoral, na modalidade para que opta, e que, tendo a condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

3. Non poderán formar parte das xuntas de goberno os que non se atopen no pleno goce dos seus dereitos civís e corporativos.

Artigo 26º

1. Se por calquera motivo quedase vacante algún ou algúns dos cargos da xunta de goberno antes da expiración do mandato regulamentario, ocuparao

quen lle seguise en número de votos na última elección realizada no colexio e polo tempo que lle faltase cumprir ao membro que cause a vacante.

2. Esceptúase o presidente, que se substitúe polo vicepresidente que corresponda ata a primeira xunta xeral ordinaria que se celebre ou a extraordinaria que poida convocarse para a súa elección.

3. Tamén se procederá á elección parcial de vocais, cando non sexa posible cubrir as vacantes polo sistema previsto no número 1.

4. Cando non fose posible cubrir máis da metade das vacantes, o Consello de Graduados Sociais de Galicia ou, no seu defecto, o Consello Xeral, designará unha xunta provisoria entre o primeiro terzo dos colexiados máis antigos, a cal convocará eleccións no prazo de trinta días.

Capítulo segundo

Da elección da xunta de goberno

Artigo 27º

1. Todos os membros da xunta de goberno serán escollidos por votación axustada ao principio de libre e igual participación dos colexiados. O voto de cada colexiado exercente e de empresa terá dobre valor, mentres que o dos non exercentes e eméritos terá valor simple.

2. Figurarán como electores todos os inscritos no censo que se atopen no exercicio dos seus dereitos e ao día dos seus deberes colexiais. O censo formarase pola xunta de goberno ou, se for o caso, pola xunta provisoria, constarán nel todos os colexiados incorporados ao colexio cun mes de antelación á data de convocatoria das eleccións e incluirá todos os datos que fagan posible a elección. A propia xunta de goberno ou, se for o caso, o xunta provisoria, resolverá, ata o momento mesmo de se iniciar a xunta xeral, as reclamacións que poidan suscitarse ata corenta e oito horas antes da súa celebración.

3. Poderán ser candidatos os colexiados que, gozando da condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria, conten cando menos coa antigüidade no colexio que exixen estes estatutos e sexan proclamados de acordo coas normas e condicións estatutarias.

4. Tamén poderán ser candidatos os colexiados que, procedentes doutro colexio e gozando da condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria no colexio de procedencia, o cal procederá a certificar a alta colexial e a trasladar o expediente. Estes colexiados conservarán a antigüidade e modalidade colexial do colexio de procedencia.

Artigo 28º

1. A votación para a elección dos membros da xunta de goberno exercerase persoalmente en segredo ao celebrarse a xunta xeral ordinaria de cada exercicio ou na extraordinaria que para estes efectos daberá convocarse nos casos de vacante do presi

dente ou da maioría dos vocais. A xunta de goberno poderá tamén convocar xunta extraordinaria co único obxecto de celebrar separadamente a elección.

2. As votacións para esta elección de cargos vacantes da xunta de goberno serán sempre por papeleta editada polo colexio e non sendo válidas as designacións feitas por aclamación.

3. As papeletas serán azuis (voto dobre) para colexiados exercentes e de empresa, e brancos (voto simple) para os colexiados non exercentes e eméritos.

4. Os electores que prevexan que na data da votación non poderán estar presentes para exerceren o seu dereito de voto, poden emitir o seu voto por correo, logo de solicitude á mesa electoral.

5. O elector solicitará da correspondente mesa, a partir da data da convocatoria e ata o décimo día anterior á votación, un certificado de inscrición no censo, remitindo a mesa a dita certificación ao domicilio de correspondencia que figure na base de dados do colexio.

6. Para que o voto sexa válido deberá enviarse por correo certificado nun sobre dirixido á secretaría do colexio coa lenda «eleccións», que conterá a certificación de inscrición no censo, e o sobre de votación pechado coa papeleta dentro.

Artigo 29º

1. A convocatoria das eleccións faraa o vicepresidente en caso de elección do presidente e, nos demais casos, a xunta de goberno ou, se é o caso, a xunta provisoria, cunha antelación, polomenos, de sesenta días naturais, e tendo que enviar, con ela, o calendario electoral en que se cumprirá o estipulado nos presentes estatutos.

2. As candidaturas deberanse se presentar en horas de secretaría na secretaría de colexio e con trinta días naturais de antelación, como mínimo, á celebración das eleccións. Poderán ser conxuntas ou individuais e deberán se subscribir só polos candidatos. Deberán incluír na solicitude a clase de colexiación, acharse ao día de pagamento das súas cotas colexiais, atoparse en pleno desfrute dos seus dereitos colexiais, e conterá o previo compromiso de prestar xuramento ou promesa segundo o establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, así como obediencia ao ordenamento xurídico profesional contido nos presentes estatutos.

3. A proclamación dos candidatos faraa a xunta de goberno ou, no seu caso, a xunta provisoria, dentro dos cinco días hábiles, como mínimo, ao seguinte da finalización do prazo para presentar as candidaturas. Seguidamente porao no taboleiro de anuncios e comunicarao aos interesados; sen prexuízo de que o colexio poida remitir tamén comunicacións individuais aos seus membros. As impugnacións que se produzan serán resoltas pola mesma xunta de goberno antes da celebración da votación.

Artigo 30º

1. A mesa electoral estará integrada por tres membros designados pola propia xunta de goberno, excluídos os que sexan candidatos e os asociados ou parentes ata terceiro grao inclusive por consanguinidade ou afinidade dos candidatos.

Serán presidente e secretario da mesa, os que o sexan da xunta de goberno, ou os que se designen pola xunta de goberno para substituílos.

A mesa electoral tomará os seus acordos por maioría de votos dos seus compoñentes.

2. Cando o número de candidatos proclamados resulte igual ou inferior ao dos vogais da xunta a escoller, a proclamación equivalerá á elección, e esta, por tanto, non deberá efectuarse. Produciranse as mesmas consecuencias cando se trate da elección só de presidente e se proclame un único candidato.

3. Os candidatos proclamados poderán efectuar, á súa custa, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. Non poderán utilizarse para tal efecto locais nin outros medios materiais ou persoais do colexio, excepto o dereito a que se lles facilite unha copia do censo electoral, así como os sobres e papeletas para a elección e, se é o caso, xogos de etiquetas cos enderezos de todos os colexiados.

4. Cada candidatura conxunta ou cada candidato individual poderá designar outro colexiado que actúe como interventor na mesa electoral, e iso deberá comunicalo por escrito á xunta de goberno, polomenos, con cinco días de antelación ao da votación. A xunta de goberno facilitará ao designado un documento acreditativo.

Artigo 31º

1. A votación, levarase a cabo cadrando co inicio da xunta xeral e terá unha duración mínima de dúas horas.

2. A votación celebrarase en dúas urnas separadas, unha para colexiados exercentes e de empresa, e outra para non exercentes e eméritos. Os electores entregarán persoalmente a quen presida a mesa as súas papeletas de voto, introducidas en sobre oficial, e este introduciraas na urna correspondente, anotándose na lista do censo. Votarán en último lugar os interventores, se os houber, e os membros da Mesa. Por fin, introduciranse nas urnas os votos recibidos por correo que cumpran os requirimentos estatutarios.

3. Para os efectos de votación sinalarase con un «X» os candidatos que se desexen votar, fixándose como tope de votación por colexiado o número de vacantes motivo das eleccións.

4. Serán válidas as papeletas e sobres oficiais entregados polo colexio aos candidatos e electores, quen terán unhas e outras ao seu dispor, na sede colexial, antes e durante a votación.

5. O escrutinio, realizado pola mesa electoral, será público, autorizando o secretario a correspondente acta, que subscribirán os interventores e os demais membros da mesa. Incluiranse as reclamacións a que houber lugar, que serán imprescindibles para ulteriores recursos. Só se conservarán aquelas papeletas que fosen obxecto de impugnación.

6. En caso de que se produza empate en número de votos, será electo o candidato de maior antigüidade no colexio e, de ser igual, o de maior idade.

7. Contra os acordos das xunta de goberno e mesa electoral relativos ás eleccións, poderán inducirse os recursos, que non terán efectos suspensivos, establecidos con carácter xeral nos presentes estatutos.

Artigo 32º

1. No prazo de cinco días desde a constitución da xunta de goberno, comunicarase esta ao consello xeral e, se for o caso, ao Consello de Graduados Sociais de Galicia, e a través destes, ao ministerio e á consellería autonómica correspondentes, participando a súa composición e o cumprimento dos requirimentos legais. De igual forma procederase cando se produzan modificacións.

2. Os escollidos como presidente e demais membros da xunta de goberno, antes de tomaren posesión dos seus cargos, deberán proceder a prestar o xuramento ou promesa establecidos no Real decreto 707/1979, do 5 de abril.

3. O presidente tomará posesión no acto de ser electo, e os demais membros na primeira xunta de goberno.

Capítulo terceiro

Dos cargos e do funcionamento da xunta de goberno

Artigo 33º

1. O presidente exercerá a representación oficial e legal do colexio, tanto en xuízo como fóra del e nas relacións cos poderes públicos e autoridades; será o executor dos acordos do colexio; convocará e presidirá as sesións das xuntas xerais e das xuntas de goberno, así como das comisións de traballo a que asista; coordinará o labor dos distintos órganos colexiais, presidindo todos eles cando asista, e resolverá as igualdades co seu voto de calidade se aqueles subsistisen durante dúas votacións sucesivas.

2. O presidente do colexio poderá tomar decisións que por necesidades de urxencia sexa preciso adoptar dentro do marco da súa competencia, dando conta posteriormente á xunta de goberno.

3. O presidente do colexio será o ordenador dos cobramentos e dos pagamentos, asinando a documentación colexial, e autorizando co seu visto e prace as certificacións expedidas polo secretario e as actas da xunta xeral e da de goberno. A ordenación de cobramentos e pagamentos poderá delegala con carácter xeral no tesoureiro, caso en que o presidente as autorizará co seu visto e prace.

4. Incumbe ao presidente do colexio, en particular, fomentar e manter entre todos os colexiados relacións de compañeirismo e a tutela dos dereitos da profesión, do colexio e dos seus integrantes, ademais de cantas atribucións determinen os estatutos de cada colexio.

Artigo 34º

1. O vicepresidente, e no seu caso os vicepresidentes pola súa orde, substituirán ao presidente cando este non puidese exercer as súas funcións e en todas aquelas comisións que lles encomende o presidente, con carácter permanente ou ocasional, sendo necesario informe ao mesmo do desenvolvemento dos seus cometidos.

2. Nos casos xustificados, o vicepresidente ou vicepresidentes tamén poderán representar ao colexio a todos os efectos legais e, en caso de imposibilidade do presidente asistirán en lugar del ás xuntanzas do Consello Xeral con todas as súas dereitas e obrigas.

Artigo 35º

1. Corresponde ao secretario redactar as actas, correspondencia e comunicacións oficiais, dirixir os traballos administrativos do colexio e levar o arquivo e custodia da súa documentación.

2. O secretario terá tamén ao seu cargo a expedición de certificacións, co visto e prace do presidente, legalización de sinatura de colexiados e redacción da memoria anual do colexio.

3. O control directo e inmediato de todos os servizos colexiais e das persoas afectas ao seu cadro de persoal corresponderá ao secretario.

4. A xunta de goberno poderá contratar a un director técnico, profesional na materia e non colexiado. A propia xunta de goberno poderá establecer que a dirección técnica a poida ocupar un graduado social colexiado. En todo caso o nomeamento e remoción corresponderá á xunta de goberno, tendo o director técnico as atribucións propias de toda dirección técnica e, por expresa delegación para casos concretos, as facultades executivas estatutarias que acorden o presidente ou o secretario.

Artigo 36º

1. O tesoureiro materializará a recadación e custodia dos fondos do colexio; darlles o investimento que corresponda segundo os acordos da xunta de goberno; levará inventario dos bens do colexio, dos cales será administrador; e ingresará e retirará fondos das contas bancarias, conxuntamente co presidente.

Artigo 37º

1. Ao interventor-contador correspóndelle a intervención de todos os documentos contables, así como a redacción para a súa aprobación pola xunta xeral de todos os balances, contas e orzamentos, e o control deles.

2. O tesoureiro e o interventor-contador, se o houber, substitúense en caso de vacante ou ausencia por calquera causa.

Artigo 38º

1. Os cargos de vicepresidente segundo ou sucesivos ou de vicesecretario, estes substituirán, respectivamente, o vicepresidente ou vicepresidentes, pola súa orde, e o secretario.

Artigo 39º

1. As xuntas de goberno reuniranse, polo menos, unha vez ao mes, salvo o que cada colexio considere como período vacacional e, en todo caso, sempre que as convoque o presidente ou o soliciten a cuarta parte dos seus compoñentes.

2. A convocatoria acordaraa o presidente e incluirá a orde do día, sen prexuízo de se tratar aqueles asuntos que aquel declare urxentes.

3. As xuntas de goberno ficarán constituídas se concorren a maioría dos seus compoñentes en primeira convocatoria, non sendo necesaria a maioría en segunda convocatoria.

4. A asistencia ás sesións da xunta de goberno será obrigatoria para todos os seus membros. Será causa de cesamento e conseguinte substitución regulamentaria, acordados pola propia xunta, a falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano.

5. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes, correspondendo ao presidente o voto de calidade.

Artigo 40º

A xunta de goberno nomeará, de entre os seus membros, os compoñentes das comisións seguintes:

1. Comisión de cultura, que terá por misión:

a) A organización de cursos, cursiños, conferencias e coloquios que crean convenientes para a formación e perfeccionamento dos colexiados.

b) A organización, actualización e posta ao día da biblioteca do colexio, que comprenderá, principalmente, obras e revistas de carácter profesional.

c) O servizo de información científica e técnica para os colexiados.

d) A edición da revista ou boletín que publique o colexio para a información dos seus membros e dos organismos e entidades relacionadas co seu cometido.

e) A organización e desenvolvemento, con carácter permanente, de seminarios ou equipos de traballo dedicados a profundar nas materias sociais e laborais.

2. Comisión de relacións públicas: terá o cometido de propor e informar á xunta de goberno sobre asuntos de interese para a corporación, asistencia a actos en que debe estar representado o colexio; a planificación e desenvolvemento de actos públicos; con

tactos cos medios de comunicación social e organización de campañas de prensa, así como participación dos colexiados en congresos e asembleas sobre problemas sociais e laborais.

3. Comisión de ética e honorarios profesionais: que deberá informar a xunta sobre as actividades dos colexiados que non se axusten á ética e á honra profesional, así como sobre a procedencia de actualización de honorarios mínimos profesionais, e dunha maneira especial, emitir o seu parecer sobre as reclamacións contra minutas de graduados sociais por non achar as correctas.

4. Comisión de intrusismo: que velará porque persoas ou entidades alleas á profesión de graduado social, non invadan a súa esfera de acción contravindo os preceptos vixentes sobre a materia, efectuando propostas, á xunta de goberno, dos correspondentes expedientes administrativos ou accións ante a xurisdición que proceda, unha vez practicado sucinta información das denuncias e documentos que se lles participen.

5. Ademais das comisións que establecen os estatutos, a xunta de goberno poderá crear todas aquelas que coide oportunas, xa sexa con carácter permanente ou transitorio, determinando as súas respectivas misións e cometidos e o réxime do seu funcionamento.

6. Todas as comisións e ponencias serán presididas polo presidente do colexio, se asistise, ou polo membro da xunta de goberno que designase aquel. Os seus acordos terán o carácter de propostas, que deberán ser elevadas á xunta de goberno para a súa aprobación ou desestimación.

Artigo 41º

1. A xunta de goberno poderá propor a designación dun delegado para a provincia de Ourense, podendo suprimilo cando o coide oportuno.

2. O delegado, se o houber, será proposto á xunta de goberno por votación levada a cabo polos colexiados radicados na provincia de Ourense, debendo recaer o nomeamento de graduado social en exercicio, tendo o cargo unha duración de catro anos, con posibilidade de reelección sen límite.

3. Corresponde ao delegado, se o houber, a legal representación do colexio na provincia de Ourense e sempre que non estea representada a xunta de goberno ou o seu presidente, seguindo as instrucións e normas da súa xunta de goberno; serán da súa competencia todas aquelas funcións que lle asigne a xunta de goberno; asistirá a todos os actos de carácter oficial e corporativo en que deba estar presente o colexio; e coidará de informar a xunta de goberno das necesidades, aspiracións e problemas profesionais e corporativos dos colexiados da súa demarcación, aos cales reunirá coa frecuencia debida para lles dar traslado das informacións da vida colexial.

Capítulo cuarto

Das xuntas xerais

Artigo 42º

As xuntas xerais do colexio, que poden ser ordinarias ou extraordinarias, son o órgano supremo de decisión colexial. Intégranas a totalidade dos graduados sociais adscritos ao colexio que se achen no pleno desfrute dos seus dereitos.

Artigo 43º

1. A xunta xeral ordinaria celebrarase dentro do primeiro trimestre de cada ano, para tratar os asuntos seguintes:

1º Lectura e aprobación, se for o caso, da acta da xunta anterior.

2º Exame e aprobación, se for o caso, da memoria anual.

3º Exame e votación do balance e contas anuais de ingresos e gastos e do orzamento para o exercicio.

4º Exposición polo presidente da actuación e desenvolvemento do colexio durante o ano anterior, e do estado en que se achan as xestións realizadas en defensa dos intereses dos colexiados.

5º Proposicións da xunta de goberno.

6º Proposicións, rogos e preguntas dos colexiados.

7º Elección de cargos vacantes, cando procedese e salvo que a xunta de goberno acordase convocar para iso xunta extraordinaria co único obxecto de a celebrar separadamente.

2. O Consello Xeral, ou, se é o caso, o consello de Graduados Sociais de Galicia, poderá autorizar que a celebración da xunta xeral ordinaria teña lugar durante o segundo trimestre do ano, se concorre causa suficiente para iso e a petición da xunta de goberno respectiva.

Artigo 44º

1. As proposicións dos colexiados ante a xunta xeral ordinaria deberán ser entregadas á xunta de goberno, para que esta as examine e forme criterio sobre elas, cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto da data en que debe celebrarse a xuntanza, e deberán levar, como mínimo, a sinatura de dez colexiados, dos cales sete como mínimo serán exercentes. A xunta xeral acordará, despois da súa lectura, se procede ou non discutir as proposicións así formuladas.

2. Dos requirimentos anteriores exceptúanse as proposicións incidentais e de orde que se presentan durante a celebración da xunta por un ou varios asistentes, sobre cuxa procedencia resolverá o que presida.

Artigo 45º

1. As convocatorias ás xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias faranse sempre por escrito e enviarase a cada un dos colexiados polos medios que habitualmente se utilicen no colexio.

2. A convocatoria deberá cursarse polo menos con oito días hábiles de antelación á súa celebración. En caso de urxencia, a xuízo da xunta de goberno ou do presidente, poderá reducirse este prazo a cinco días hábiles.

Artigo 46º

1. As xuntas xerais extraordinarias convocaranse por iniciativa da xunta de goberno ou ben por solicitude por escrito dunha terceira parte dos colexiados, na cal expresarán as causas que xustifiquen a petición, dirixida á xunta de goberno e puntualizando os asuntos concretos que se deban estudar, con excepción de calquera outro.

2. A xunta de goberno só poderá denegar a convocatoria cando a petición que cumpra os requirimentos expresados sexa contraria á lei ou allea aos fins colexiais. Noutro caso, comezará a debatelos o primeiro asinante da petición.

3. A xunta xeral extraordinaria deberase celebrar no prazo de trinta días naturais, computados desde o acordo da xunta de goberno ou desde a presentación da solicitude.

Artigo 47º

1. As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias celebraranse sempre no día e hora sinalados, ben sexa en primeira convocatoria, de asistir como mínimo a metade máis un dos colexiados, ou en segunda, trinta minutos despois, calquera que sexa o número dos asistentes.

2. O presidente dirixirá os debates, poderá conceder ou suspender o uso da palabra, e chamará á orde os colexiados que se excedesen na extensión ou alcance das súas discusións, non limitándose á materia discutida ou faltasen ao respecto á súa autoridade, a algún compañeiro, á xunta ou á asemblea, podendo expulsar do local a quen, chamado á orde dúas veces, desobedecese.

3. Como regra xeral, nos temas que sexan obxecto de debate só se permitirán, como máximo, dúas quendas en pro e dúas en contra, salvo nos asuntos de excepcional interese a criterio do presidente.

4. As xuntas xerais non se darán por acabadas mentres non se discutisen e recaese acordo sobre todos os puntos da orde do día. Non en tanto, salvo os casos de elección para cargos da xunta de goberno, poderán suspenderse por quen as presida cando as sesións se prolonguen máis de catro horas, continuando o mesmo día ou o seguinte hábil.

Artigo 48º

1. As votacións realizadas nas xuntas xerais serán de tres clases: ordinaria, nominal e por papeleta. Entenderase que existe unanimidade nunha votación, cando ao preguntar o presidente se aproba o asunto sometido a debate, ningún colexiado manifeste o contrario. En todo caso, o presidente poderá propor que se realice votación.

2. A votación ordinaria verificarase erguéndose primeiro os que aproben a cuestión que se debate, e despois, os que a desaproben, e efectuarase sempre que a pida un colexiado.

3. A votación nominal realizarase dicindo cada colexiado asistente os seus dous apelidos, seguido da palabra «si» ou «non», e terá lugar cando o soliciten cinco colexiados como mínimo.

4. A votación por papeleta deberá celebrarse cando afecte a cuestións persoais dun ou máis colexiados, cando a pida a terceira parte dos asistentes á xunta ou a propoña o presidente. As votacións para a nomeamento de cargos vacantes da xunta de goberno serán sempre por papeletas, non sendo válidas as designacións feitas por aclamación.

5. En toda votación, o sufraxio de cada colexiado en exercicio ou exercente de empresa terá o valor de dobre, mentres que o do non exercente será considerado simple.

Artigo 49º

Sen prexuízo do establecido nestes estatutos para a elección de cargos vacantes da xunta de goberno, o secretario da corporación será o encargado de escrutar os votos emitidos nas xuntas xerais nos demais casos, podendo auxilialo dous asistentes á xuntanza designados pola propia xunta xeral para intervir na dita función.

Artigo 50º

1. Os colexiados poden exercer o dereito de censurar o presidente ou algún dos membros da xunta de goberno ou a esta en pleno.

2. A petición de moción de censura deberá vir subscrita por unha terceira parte dos compoñentes do colexio e só poderá adoptar en xunta xeral extraordinaria convocada con este só obxecto.

3. Para que se celebre a xunta xeral será necesario que asistan a ela a maioría absoluta dos colexiados. A mesma maioría absoluta deberá votar favorablemente a censura para que ésta prospere.

4. Cando prosperase a moción de censura, procederase a prover os cargos vacantes de acordo co previsto para tal suposto nestes estatutos, dando coñecemento de todo iso ao Consello Xeral e ao Consello de Graduados Sociais de Galicia, se for o caso.

TÍTULO IV

Do réxime económico do colexio

Artigo 51º

Os recursos económicos do colexio serán os seguintes:

1. Os recursos ordinarios constituídos por:

a) As cotas de ingreso e de reincorporación ao colexio, cuxas contías serán fixadas pola asemblea xeral por proposta da xunta de goberno.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os colexiados para o mantemento do colexio.

c) As derramas que acorde a asemblea xeral para o levantamento de cargas colexiais ou para calquera investimento extraordinario.

d) Os ingresos que obtivesen por publicacións que realicen e por matrículas de cursos que poidan organizar e polos dereitos por prestación de servizos aos seus colexiados, expedición de certificacións, impresos e outros conceptos análogos.

e) Os froitos, rendas e xuros de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

2. Os recursos extraordinarios constituídos por:

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados ou calquera outra axuda económica que se concedan ao colexio polas administracións públicas, corporacións ou entidades oficiais, empresas ou particulares.

b) Os bens, mobles ou inmobles, que por herdanza, doazón ou calquera outro título, lucrativo ou oneroso, entren a formar parte do patrimonio do colexio.

c) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado puidese percibir o colexio.

Artigo 52º

1. Os fondos e patrimonio dos colexios investiranse nas atencións inherentes á súa existencia e competencias corporativas.

2. A xunta de goberno en pleno, salvo aqueles vogais que salven o seu voto, serán responsables dos investimentos e do uso dos fondos e do patrimonio, así como dos prexuízos que a estes poidan sobrevir por contravención das disposicións legais, regulamentarias e estatutarias e dos acordos da xunta xeral, Consello de Graduados Sociais de Galicia e do Consello Xeral.

3. A renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos executivos do colexio determinará a necesidade de que se leve a cabo unha auditoría interna por parte dunha comisión que estará integrada por tres graduados sociais colexiados que serán escollidos por sorteo entre aqueles con máis de cinco anos de antigüidade e dos cales como mínimo dous deberán ser exercentes.

4. En caso de disolución dun colexio logo de cumprir todas as obrigas pendentes, o sobrante, se o houber, ficará ao dispor do Consello Autonómico ou, no seu defecto, do Consello Xeral.

TÍTULO V

Do rexime de responsabilidade dos colexiados

Capítulo primeiro

Da responsabilidade penal

Artigo 53º

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade penal polos delitos e faltas que cometan no exercicio da súa profesión.

Capítulo segundo

Da responsabilidade civil

Artigo 54º

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade civil cando por dolo ou neglixencia danen os intereses que tivesen confiados no exercicio da súa profesión, sendo exixible esta responsabilidade conforme a lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza.

Capítulo terceiro

Da responsabilidade ante os órganos

xurisdicionais

Artigo 55º

Na súa actuación ante os órganos xurisdicionais os graduados sociais están suxeitos ás correccións disciplinarias establecidas na Lei orgánica do poder xudicial e nas leis procesuais.

Capítulo cuarto

Da responsabilidade disciplinaria

Sección primeira

Faltas e sancións

Artigo 56º

As faltas cometidas polos graduados sociais poden ser moi graves, graves e leves.

Artigo 57º

Son faltas moi graves:

a) Os actos e omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión, ás regras éticas que a gobernan e aos deberes establecidos nos presentes estatutos.

b) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

c) A infracción ao réxime de incompatibilidades establecido nos estatutos.

d) A alteración maliciosa dos datos consignados en documentos que expidan ou outorguen.

e) A realización de actos de competencia ilícita ou desleal.

f) O exercicio das funcións profesionais sen estar dado de alta como exercente.

g) A reincidencia en falta grave.

Artigo 58º

Son faltas graves:

a) A demora, neglixencia ou descoidos reiterados no cumprimento dos deberes profesionais e corporativos que causen notorio prexuízo ou quebranto.

b) A contravención das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia.

c) A reiterada contravención da obriga de atender ás cargas colexiais, salvo que constitúa falta de maior gravidade.

d) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos membros do Consello Xeral, do Consello de Graduados Sociais de Galicia, e da xunta de goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

e) A desconsideración grave a autoridades, clientes ou parceiros no exercicio da profesión.

f) A falta inxustificada a unha citación do presidente do Consello Xeral, autonómico ou do colexio correspondente cando iso cause grave prexuízo á corporación.

g) A contravención da obriga de información ao colexio acerca da utilización de medios publicitarios para dar a coñecer os seus servizos como graduado social, así como a infracción das normas que sobre publicidade dispoñan os órganos colexiais, e a realización de publicidade sen ter obtido a autorización da xunta de goberno.

h) A contravención do deber de solicitar a venia nos termos establecidos nos presentes estatutos.

i) Os actos e omisións descritos nas alíneas a), b), c), d) e f) do artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

Artigo 59º

Son faltas leves:

a) A demora ou neglixencia no desempeño das funcións profesionais que teñan encomendadas, sempre que non ocasione prexuízo ou quebranto notorio.

b) A falta de respecto aos membros de consello xeral, do consello autonómico e da xunta de goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.

c) Os actos enumerados no artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como graves.

Artigo 60º

As sancións que poden imporse son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por prazo superior a seis meses sen exceder dous anos.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por prazo superior a seis meses sen exceder dous anos.

c) Expulsión do colexio.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a seis meses.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Reprensión privada.

b) Apercibimento por escrito.

Sección segunda

Procedimento

Artigo 61º

1. Corresponde á xunta de goberno a incoación do expediente disciplinario e o nomeamento de instrutor na persoa da xunta en quen se delegue e, se for o caso, do secretario.

2. A imposición de sancións é da exclusiva competencia da xunta de goberno, que adoptará os seus acordos por maioría de votos emitidos en segredo entre os membros presentes en sesión convocada para o efecto, excluído o membro da xunta de goberno que realizase a función de instrutor do expediente.

3. A sanción que se impoña por falta moi grave debe ser adoptada pola xunta de goberno mediante votación en segredo e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros compoñentes dela. O membro da xunta que, non concorrese deixará de pertencer ao órgano reitor do colexio.

Artigo 62º

As facultades disciplinarias en relación cos membros das xuntas de goberno dos colexios corresponde ao Consello de Graduados Sociais de Galicia.

Artigo 63º

Na imposición das sancións deberase gardar a debida proporción entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, considerándose especialmente a existencia de intencionalidade ou reiteración, e a natureza dos prexuízos causados, como criterios para a graduación da sanción.

Artigo 64º

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. As sancións que impliquen suspensión do exercicio da profesión ou expulsión dun colexio terán efectos no ámbito de todo os colexios de graduados sociais de España, para o cal deberán ser comunicadas ao Consello Xeral para que este as traslade aos demais colexios, que se absterán de incorporar ou habilitar o sancionado mentres estea vixente a sanción.

Artigo 65º

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, a morte do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, se non que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción ficará en suspenso para ser cumprida se o colexiado causase novamente alta no colexio.

Sección terceira

Prescrición

Artigo 66º

1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde que a infracción se cometese.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento sancionador, iniciándose de novo o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis de dous meses por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 67º

1. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución que impón a sanción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento de execución, voltando a transcorrer de novo o prazo se aquel está paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao colexiado sancionado.

4. O prazo de prescrición da sanción, cando a colexiado sancionado quebranta o seu cumprimento, comezará a contarse desde a data do quebrantamento.

Sección cuarta

Anotación de correccións e sancións disciplinarias

Artigo 68º

1. As correccións disciplinarias que impoñan os xulgados ou tribunais ao graduado social faranse constar no expediente persoal.

2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal.

Sección quinta

Cancelación de sancións disciplinarias

Artigo 69º

1. A anotación das sancións de reprensión privada e apercibimento por escrito ficarán canceladas polo transcurso do prazo de seis meses desde que adquiriu firmeza, se durante ese tempo non dese lugar o sancionado a outro procedemento disciplinario que acabe coa imposición de sanción.

2. A anotación da sanción de suspensión poderá cancelarse, por instancias do interesado, cando transcorresen polomenos dous ou catro anos desde a imposición firme da sanción, segundo que se trate de falta grave ou moi grave, e durante este tempo non dese lugar o sancionado a novo procedemento disciplinario que acabe coa imposición de sanción.

3. O colexiado sancionado coa expulsión do colexio poderá solicitar da xunta de goberno a rehabilitación cando transcorresen polomenos seis anos desde a imposición firme da sanción. Para tal efecto, instruirase o oportuno expediente, con audiencia do interesado, que resolverá a xunta de goberno de forma motivada en votación secreta sendo necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros.

TÍTULO VI

Do réxime dos acordos

e a súa impugnación

Artigo 70º

Os acordos da xunta xeral e da xunta de goberno do colexio, e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados, ditadas no exercicio das súas funcións, serán inmediatamente executivas, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se refira ao réxime disciplinario dos colexiados.

Artigo 71º

1. En cada colexio levaranse dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á xunta xeral e á xunta de goberno.

2. As actas serán asinadas polo presidente ou por quen o substituíse na presidencia e polo secretario ou quen desempeñase as súas funcións.

Artigo 72º

1. Os acordos ou decisións do presidente e dos demais membros da xunta de goberno poderán ser impugnados ante a mesma no prazo de quince días, contados desde a súa publicación ou, se for o caso, notificación aos colexiados ou persoas a quen afecte. A xunta de goberno deberá resolver de forma expresa a impugnación no prazo de quince días, entendéndose desestimada se transcorre o citado prazo sen se ter ditado resolución.

2. Contra a resolución expresa ou presunta do referido recurso caberá interpor recurso ordinario na forma prevista no artigo seguinte.

Artigo 73º

1. Os acordos adoptados pola xunta de goberno poderán ser obxecto de recurso ordinario ante o consello correspondente dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, condo for caso, notificación aos interesados.

2. O recurso poderase presentar ante o órgano que ditou o acordo que se impugna ou ante o órgano competente para resolvelo.

Artigo 74º

1. A interposición do recurso, excepto nos casos en que unha disposición estableza o contrario, non suspende a execución do acto impugnado, ben que o consello, logo de ponderación suficientemente razoada entre o prexuízo que causaría ao interese colexial ou a terceiros a suspensión e o prexuízo

que se causa ao recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto impugnado, poderá suspender de oficio ou a solicitude do recorrente, a execución do acto impugnado cando a execución poda causar prexuízos de imposible ou difícil reparación, ou a impugnación se fundamente nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito previstas no artigo 98º destes estatutos.

2. O acordo de suspensión deberá adoptarse no prazo de trinta días contados desde a solicitude, entendéndose concedida se transcorre o referido prazo sen se ter ditado resolución expresa.

Artigo 75º

1. Os acordos da xunta xeral serán impugnables pola xunta de goberno ou por calquera colexiado con interese lexítimo ante o consello correspondente no prazo dun mes desde a súa adopción.

2. Se a xunta de goberno entendese que o dito acordo é gravemente prexudicial para os intereses do colexio ou contrario ao ordenamento xurídico, poderá, ao tempo de formular o recurso previsto no parágrafo anterior, suspender inmediatamente a execución daquel, que deberá ratificar ou deixar sen efecto o consello correspondente no prazo de dez días.

Artigo 76º

1. Os actos dos órganos colexiais son nulos de pleno dereito nos casos seguintes:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requirimentos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza nunha disposición de rango legal.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, mesmo a desviación de poder.

3. O defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requirimentos formais indispensables para atinxir o seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

4. A realización de actuacións fóra do tempo establecido para elas só implicará a anulabilidade do acto cando así o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 77º

Os actos das xuntas xerais, e da xunta de goberno do colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, son directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, logo da comunicación ao órgano que ditou o acto impugnado.

Artigo 78º

1. As notificacións dos acordos da xunta xeral e da xunta de goberno, e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados practicaranse na forma prevista na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os prazos expresados en días enténdese que son hábiles, excluíndose do cómputo os domingos, os declarados festivos e o mes de agosto.

3. En todo o non regulado rexe como supletoria a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

TÍTULO VII

Das relacións coas administracións

Artigo 79º

1. O Colexio de Graduados Sociais relacionarase coa Comunidade Autónoma, no marco da cooperación de acordo coa Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO VIII

Honras e recompensas

Artigo 80º

1. Créanse os títulos de presidente de honra e colexiado de honra, que poderán ser conferidos pola xunta xeral, por proposta da xunta de goberno do colexio para premiar os méritos que, no exercicio da profesión, contraian os colexiados e os servizos relevantes que lle presten as persoas ou colectividades alleas ao colexio. Ambos os títulos terán carácter vitalicio.

2. Os ex presidentes e as persoas que teñan o título de presidente de honra terán dereito, nos actos públicos do colexio, a usar toga cos símbolos que distinguen o presidente, e a ocupar neles un lugar preferente.

3. O colexio de graduados sociais redactará o seu propio regulamento de honras e recompensas.

TÍTULO IX

Extinción e liquidación do colexio

Artigo 81º

A extinción do colexio requirirá o acordo de dous terzos dos seus membros adoptado en xunta xeral convocada para o efecto e ratificado pola disposición legal correspondente.

A liquidación levarase a cabo conforme as disposicións legais vixentes e prescricións contidas no acordo de disolución adoptado pola xunta xeral a que se refire o parágrafo anterior.

Disposicións transitorias

Primeira.-Respectaranse as situacións creadas e os dereitos adquiridos conforme o réxime anteriormente en vigor, sempre que non se opoñan ao disposto nos presentes estatutos.

Segunda.-O mandato dos actuais membros da xunta de goberno continuará polo tempo que resta ata a súa renovación, conforme as normas que regularon a súa elección.

Terceira.-Os expedientes disciplinarios abertos antes da entrada en vigor dos presentes estatutos e que se atopen en tramitación na dita data rexeranse ata a súa conclusión polas normas vixentes no momento da súa incoación.

Disposición adicional

Os presentes estatutos enténdense sen prexuízo do que sobre esta materia, de acordo coa Constitución, a lexislación do Estado e a do Estatuto de autonomía, regule a Comunidade Autónoma de Galicia.