DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 14 de outubro de 2004 Páx. 14.006

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2004, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo dos traballadores do PSdeG-PSOE.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico dos traballadores do PSdeG-PSOE (código

de convenio nº 8200852), que se subscribiu entre a representación da empresa e o representante dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2004.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo 2004

Capítulo I

Disposicións xerais

I. Ámbito de aplicación.

Artigo 1º

Este convenio regula as relacións laborais entre a Comisión Executiva Nacional de Galicia do PSdeG-PSOE e os traballadores que dela dependen na Comunidade Autónoma de Galicia.

II. Vixencia, duración e denuncia.

Artigo 2º

Este convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2004, e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2004. O convenio entenderase prorrogado por períodos anuais, se ninguhna das partes o denunciase con dous meses de antelación, continuando en vigor en todos os seus artigos e cláusulas ata que sexa substituído por outro.

Artigo 3º

As condicións establecidas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible, e na súa aplicación e interpretación serán consideradas globalmente e en cómputo anual.

Artigo 4º

Ao termo da vixencia temporal deste convenio, mentres non se substitúa por un novo, quedará vixente o seu contido normativo.

Os representantes dos traballadores e os representantes da CENG-PSdeG-PSOE comprométense, logo de denuncia del, a iniciar a negociación dun novo convenio con dous meses de antelación á súa finalización.

Capítulo II

Organización do traballo

1. Xornada laboral.

Artigo 5º

A xornada laboral será de 35 horas semanais, de luns a venres.

Artigo 6º

O horario será o seguinte:

Entrada mañá: 10.00 horas.

Saída mañá: 14.00 horas.

Entrada tarde: 16.00 horas.

Saída tarde: 19.00 horas.

Artigo 7º

Nas tardes dos venres dos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, xuño, setembro, outubro, novembro e decembro faranse quendas para garantir a permanencia do persoal.

A diferenza de horas liberadas polo persoal na tarde do venres será compensada en función das necesidades do servizo en épocas electorais, congresuais ou para asistencia á convocatoria de órganos nacionais.

Artigo 8º

Horas extraordinarias: as horas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo terán a consideración de horas extraordinarias. As ditas horas poderán ser compensadas por tempos equivalentes de descanso.

Os meses de xullo e agosto, a xornada será intensiva cun horario das 9.30 h ás 14.30 h.

Contratación laboral e condicións profesionais

Artigo 9º

1. O contrato de traballo presúmese concertado por tempo indefinido. Non obstante, poderán celebrarse contratos de traballo de duración determinada cando se trate da realización de obras ou servizos determinados ou a contratación se realice para substituír traballadores con dereito á reserva de traballo. Neste último suposto a duración será a establecida co contrato.

Así mesmo, poderanse celebrar todos os contratos de traballo que prevé a lexislación vixente.

2. Todas as contratacións se deberán realizar cumprindo os seguintes requisitos:

a) Comunicación previa ao comité de empresa do posto vacante, do posto de nova creación, do posto que debe ser obxecto de substitución e da obra ou servizo que se vai realizar.

b) Realización dunha proba de selección para cubrir o posto. Para tal efecto é previa a convocatoria restrinxida ao persoal afectado por este convenio. Só no caso de non cubrir o posto de traballo o persoal de cadro, se procederá a unha convocatoria exterior con comunicación aos órganos do PSdeG-PSOE segundo o artigo 9.1º j) dos estatutos federais. Valoraranse os servizos prestados con anterioridade.

Para a determinación do contido das probas, a súa realización e cualificación constituirase un tribunal composto polo responsable de persoal da empresa, unha persoa designada pola secretaría a que pertence o posto de traballo, e un representante do comité de empresa.

3. Na contratación que se realice para substituír traballadores con dereito á reserva do posto de traballo (coa excepción das excedencias especiais) non será de aplicación o previsto na alínea b) do número anterior.

Teranse en conta para a contratación destes traballadores os que prestasen os seus servizos anteriormente na Comisión Executiva Nacional Galega.

4. Nos seguintes supostos non será de aplicación o previsto na alínea b) do número 2:

a) Coordinador/a: non suxeito a convenio se vén de fóra ou que sairá fóra do convenio se é de cadro de persoal, ao ser persoal de alta dirección.

b) Secretaria/o executiva/o.

c) Técnico/a: no suposto de que non exista entre o cadro de persoal.

Os postos descritos nas alíneas a), b) e c) poderán ser cubertos con persoal suxeito a este convenio, regresando ao finalizar o mandato de seu executivo ao posto de traballo que tiñan.

5. O Departamento de Persoal entregaralle copia deste convenio ao traballador de nova contratación, suxeito a el.

Artigo 10º

Establécense os seguintes períodos de proba:

a) Persoal titulado, dous meses.

b) Restante persoal cualificado, un mes.

c) Persoal non cualificado, dúas semanas.

Traballo de superior ou inferior categoría

Artigo 11º

Cando se desempeñen temporalmente funcións de categoría superior, o traballador terá dereito á diferenza retributiva entre a categoría determinada e a función que efectivamente realiza.

Artigo 12º

Cando concorran necesidades extraordinarias e imprevisibles, a empresa poderá destinar un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, só polo tempo imprescindible, e mantendo a retribución e demais dereitos derivados da categoría profesional que desempeñe.

Artigo 13º

Ambos os supostos deben ser comunicados aos representantes dos traballadores.

Capítulo III

Vacacións, permisos, excedencias e licenzas

1. Vacacións.

Artigo 14º

Todos os traballadores da empresa teñen dereito a unhas vacacións anuais dun mes. O seu aprovei

tamento será obrigatorio e en ningún caso se poderán substituír por compensacións económicas.

Artigo 15º

Ademais do establecido no artigo anterior, os traballadores terán dereito a desfrutar os seguintes días de descanso:

a) Tres días consecutivos en Semana Santa ou Pascua.

b) Unha semana que se desfrutará, os días do 25 ao 31 de decembro ou do 1 ao 7 de xaneiro.

c) Tres das pontes de 2004.

d) Os días 24 e 31 de decembro son días non laborables.

2. Permisos.

Artigo 16º

Todos os traballadores afectados por este convenio terán dereito, logo de aviso e xustificación posterior, ao uso dos seguintes permisos, sen perda de dereitos e retribucións:

a) Por matrimonio, quince días.

b) Por nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecementos de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, catro días hábiles.

c) Por matrimonio de pais, fillos ou irmáns, un día ampliable a outro máis no caso de desprazamento.

d) Por traslado do domicilio habitual, un día.

e) Por exames, cando se cursen con regularidade estudos para a obtención dun título académico ou profesional, o día do exame. No caso de exames finais, terase dereito, ademais, ao día anterior súa realización.

f) Por cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou sindical, o tempo necesario.

Artigo 17º

Os traballadores cunha antigüidade mínima dun ano terán dereito a solicitar permiso sen soldo por un período máximo de 30 días ao ano. Este permiso concederase cando se acredite debidamente a causa alegada, salvo que as necesidades do servizo o impidan.

3. Excedencias e licencias.

Artigo 18º

En materia de excedencias observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º

Durante os períodos de estudos ou exames, os traballadores que o xustifiquen debidamente poderán solicitar licenzas non retributivas por un período non inferior aos 15 días nin superior aos 40. O reingreso producirase ao finalizar o período de licenza solicitado, reincorporándose o traballador ao posto que ocupaba con anterioridade.

Capítulo IV

Aspectos sociais

Artigo 20º

A todos os traballadores efectuará selles un recoñecemento médico anual.

Formación

Artigo 21º

A formación en todos os seus niveis debe ser considerada como un instrumento que axuda a lograr a necesaria cohesión entre a cualificación dos traballadores e os requirimentos cada día maiores, para o mellor desempeño do traballo.

Así pois, as partes acordan:

a) Formación profesional.

A dirección promoverá cantos cursos considere convenientes para o mellor desenvolvemento do traballo. Estes deberán facerse en horas de traballo, sen custo económico para os traballadores que accedan a eles.

b) Formación xeral.

1. A aqueles traballadores que asistan con regularidade a cursos para obteren un título académico ou profesional, deberáselles facilitar, se as necesidades do traballo así o permiten, un horario de traballo acorde co horario de clases.

2. Se os estudos que se realizan son de grao medio (ata bacharelato), a unha subvención do custo da matrícula.

En calquera outro tipo de estudos, a subvención da matrícula estará en función de que os ditos estudos puidesen mellorar a súa cualificación en relación co posto que ocupa.

3. Para o pagamento efectivo desta subvención exixirase o maior aproveitamento dos estudos cursados.

Artigo 22º

Todos os traballadores afectados por este convenio teñen dereito á cobertura por seguro de vida e capital asegurado de 18.000 euros.

Artigo 23º

Complemento de distancia. Os traballadores poderán percibir en concepto de complemento de distancia unha determinada cantidade.

Nos anos posteriores, incrementarase na porcentaxe que se aplique ao salario base.

Capítulo V

Estrutura salarial

1. Retribucións.

Artigo 24º

Durante a vixencia deste convenio, as retribucións dos traballadores afectados por el estarán integradas polos seguintes conceptos:

a) Salario base. Para determinar a súa contía no ano 2004 negociarase coa seguinte cláusula de

garantía, suba salarial de 2004 igual á inflación de 2003.

Para o ano 2004 ambas as partes se comprometen a celebrar unha primeira reunión no mes de decembro, fixando nela o calendario de negociación para o mes de xaneiro de cada ano.

b) Pagas extraordinarias.

c) Complementos e asignacións especiais.

Artigo 25º

Todos os traballadores teñen dereito a percibir dúas pagas extraordinarias que se aboarán na primeira quincena dos meses de xuño e decembro de cada ano. A súa contía será a do salario base máis a antigüidade.

Artigo 26º

a) A antigüidade percibirase a partir do día 1 de xaneiro en cuadrienios ao 5% do salario base.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en cada caso, supor máis do 10% aos 5 anos; do 25% aos 15 anos; do 40% aos 20 anos e do 60%, como máximo, aos 25 anos ou máis.

Artigo 27º

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, a empresa afectada por este convenio garantiralle ao traballador o 100 por 100 do salario que lle corresponda percibir no momento de se producir a baixa.

2. Anticipos e préstamos.

Artigo 28º

Os traballadores, logo de solicitude ao Departamento de Persoal, teñen dereito ao anticipo do salario correspondente ao mes en curso, así como ao da paga extraordinaria correspondente ao semestre. O importe destes anticipos descontaranse da nómina do mes seguinte ou da correspondente á paga extraordinaria de que se trate. Antes de solicitar un segundo anticipo, terá que ter sido liquidado o anterior.

O anticipo das pagas extraordinarias solicitarase con dous meses de antelación ao seu cobramento (a partir do 15 de abril para a paga extraordinaria correspondente ao mes de xuño e a partir do 15 de outubro para a paga extraordinaria correspondente ao mes de decembro), e para a súa concesión será necesario que o solicitante non teña nin anticipos nin préstamos pendentes de amortización.

Capítulo VI

Xubilacións

Artigo 29º

Estudaranse as posibles xubilacións anticipadas.

Capítulo VII

Comisión paritaria

Créase unha comisión paritaria que estará composta por:

Pola representación empresarial:

Secretario de Organización do PSdeG-PSOE: Ricardo Varela Sánchez.

Administrador xerente do PSdeG-PSOE: José Moas Pazos.

Pola representación social:

Delegado de persoal: Mª Jesús Franco Mondelo.

Disposición derradeira

En todo o non previsto neste convenio observarase o que dispoñen as disposicións legais de xeral aplicación.