DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 07 de outubro de 2004 Páx. 13.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 30 de setembro de 2004 de accións sectoriais de promoción da calidade na comercialización de produtos silvícolas.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, establece no seu artigo 30 a posibilidade de outorgar axudas para a transformación e comercialización de produtos forestais, e no artigo 33 para a diversificación de actividades relacionadas co sector primario no contorno rural.

O Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, aprobado por decisión da Comisión do 7-3-2001, recolle na medida 1.2 as melloras na transformación e comercialización de produtos agrícolas e forestais.

A conveniencia de repercutir no sector primario forestal os beneficios dun mercado dinámico e non intervido dos produtos da madeira precisa non só dispor de empresas competitivas de aproveitamentos, senón que tamén sexan capaces de transmitir ao sector forestal os valores que a sociedade demanda aos produtos forestais a través do mercado.

A competencia internacional e a crecente demanda de novos requisitos cualitativos nos produtos de consumo fai prioritario o desenvolvemento e implantación de melloras na formación empresarial, adaptacións ambientais e innovacións na xestión empresarial que permitan dinamizar a cadea comercializadora, reducir ineficiencias e adaptarse a futuros criterios exixibles á cadea de custodia. Por iso, considérase conveniente incentivar estudos técnicos e de mercado, accións de formación e promoción de feiras e exposicións como foro divulgador dos avances do sector, axustándose ao establecido nas directrices de axuda ao sector agrario (2000/C28/02).

En virtude do anterior, ao abeiro do Decreto 287/2000 citado anteriormente, de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Considéranse as accións para iniciar no ano 2004, realizadas por ou para as asociacións e entidades sen ánimo de lucro dos sectores de comercialización de produtos silvícolas, cos seguintes fins: organización e asistencia a feiras e certames comerciais específicos do sector silvícola, accións formativas encamiñadas á mellora da cualificación empresarial e dos traballadores, e accións de promoción xenérica e estudos sectoriais orientados a mellorar a transparencia e información do mercado de produtos silvícolas.

As actuacións desenvolveranse durante o ano 2004 podendo prolongarse durante o ano 2005 as relativas a estudos, promocións e accións formativas.

Consideraranse acollibles os gastos de consultoría, contratación de persoal, formación e organización e asistencia a exposicións e feiras, coas limitacións indicadas no anexo II.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios as asociacións e entidades sen ánimo de lucro, con enderezo social en Galicia, relacionadas cos sectores de comercialización e transformación dos produtos forestais.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse no prazo de 40 días naturais a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

Os estudos, accións formativas e organización de feiras e xornadas terán unha subvención dun 75%.

Para as asistencias a feiras certames comerciais seguiranse os seguintes criterios.

-No territorio peninsular: 40% dos gastos subvencionables para as asistencias organizadas conxuntamente.

-Fóra da Península Ibérica: 50% dos gastos subvencionables.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

1. O orzamento dispoñible distribuirase da seguinte forma entre as distintas accións obxecto de axuda:

1º Resérvase un 20% do orzamento para accións de promoción e estudos, outro 20% para actividades formativas, outro 20% para organización de feiras, e un 10% para xornadas micolóxicas e/ou de castañas.

2º O crédito remanente asignarase coa seguinte orde:

a) Primeiramente a actividades formativas, dirixidas a empresarios e traballadores de empresas comercializadoras de produtos silvícolas.

b) Seguidamente a accións de promoción xenérica sectorial e estudos do sector orientados á mellora da comercialización.

c) A continuación se asignará as xornadas micolóxicas e de castañas.

d) O orzamento aínda remanente asignarase a organización de feiras.

e) Por último, consideraranse as asistencias a feiras.

2. De acordo co artigo 3 do Decreto 287/2000, a concesión de axudas efectuarase baixo o réxime de concorrencia competitiva. As accións solicitadas seleccionaranse segundo os criterios de prioridade que se indican a continuación:

a) Actividades formativas: primeiro as de contido máis específico do sector de produtos silvícolas, segundo: as de maior duración, terceiro: as dirixidas a un maior número de empresas.

b) Accións de promoción e estudos, primeiro segundo a súa relevancia conxuntural, segundo as de maior orientación comercial, terceiro pola súa aplicabilidade por outras empresas do sector.

c) Organizacións de certames comerciais: primeiro as de maior ámbito xeográfico, considerándose posteriormente os certames máis consolidados.

d) Organización de xornadas micolóxicas e de castañas: primeiro as de maior orientación comercial (nº de empresas comercializadoras participantes e con divulgación de prezos), segundo as máis consolidadas.

e) Participación en feiras: primeiro as participacións con stand propio ou compartido, entre estas, primeiro as de maior mercado potencial das empresas participantes; finalmente as misións sen stand, sempre organizadas conxuntamente para 5 ou máis empresas, priorizándose as de maior número de empresas participantes.

Artigo 6º.-Tramitación e concesión de axudas.

1. Os interesados deberán presentar, perante a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte documentación:

a) Instancia-solicitude, dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo I desta orde.

b) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo III desta orde.

c) Copia cotexada do NIF ou CIF.

Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado, de acordo co artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas, para emendar os erros ou acompañar a documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles.

2. O conselleiro de Medio Ambiente resolverá os expedientes a proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, que deberá axustarse ao disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas. A resolución individual e motivada notificarase ao interesado.

3. No caso de non recaer resolución expresa nun prazo de seis meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado poderá entender desestimada a solicitude, sen perxuízo da obriga legal de resolver expresamente, conforme ao disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. As resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes no prazo de dez días tras a toma do acordo.

4. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, cabe a interposición do recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, e no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1. O prazo de xustificación de cada anualidade finalizará o 20 de novembro de 2004 e o 30 de maio de 2005 respectivamente.

2. Para a percepción dos pagamentos deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobro da subvención.

b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:

-Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo IV).

-Copias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, copia dos documentos bancarios de pagamento, ou calquera outra prevista no artigo 15.2º do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvención públicas da Comunidade Autónoma galega.

c) Memoria (anexo V), indicando as actuacións executadas, o número de empresas e traballadores beneficiados e a incidencia cualitativa sobre as empresas participantes.

d) Certificacións do cumprimento formal das obrigas coa Seguridade Social e fiscais e de non ter débedas pendentes de liquidación coa comunidade autónoma. Estas dúas últimas poderanse substituír pola autorización, segundo o modelo do anexo VI, baseándose no disposto na cláusula 3ª do convenio de colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de subministración de información para finalidades non tributarias.

e) Certificado bancario de conta corrente e ficha bancaria.

3. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a pertinente comprobación de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais emitirá a correspondente proposta de pagamento.

4. De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime xurídico de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar pagamentos parciais. Os pagamentos parciais non superarán o 80% da subvención concedida.

5. Os pagamentos parciais serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido á disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os xuros, calculados ao xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e por un prazo que medie entre a data de solicitude e, como mínimo, dous meses tras o remate do prazo de xustificación previsto. O certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ao interesado unha vez que se comprobe a realización da acción obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais poderán ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos parciais correspondentes

a fases ou partes da actuación susceptibles de avaliación independente e se comprobe a súa realización.

Artigo 8º.-Disposicións comúns.

1. A contía das axudas previstas nesta orde axustarase ao establecido na normativa de aplicación xeral e concretamente ás directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (DO C 232, 12-8-2000).

2. As axudas serán compatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins procedente de administracións públicas, salvo fondos comunitarios distintos do FEOGA, sen superar os custos totais das accións obxecto de axuda.

3. En calquera fase do proceso de tramitación, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá solicitar ao interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto aos datos da documentación exixible.

4. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería de Medio Ambiente, a Intervención Xeral da comunidade autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

5. Poderase conceder unha única prórroga de ata cinco meses, se se solicita cunha antelación superior a dous meses antes da fin do prazo.

6. A non xustificación do gasto total aprobado, sen ser comunicada a redución do orzamento cunha antelación de dous meses ao fin do prazo indicado no punto 1 do artigo 7º, conlevará ademais da redución da axuda correspondente ao orzamento non xustificado, unha penalización do 20% sobre a axuda non xustificada.

7. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación parcial ou total da axuda.

Artigo 9º.-Información e publicidade.

Na resolución individual de concesión da axuda, indicarase a contía ou porcentaxe de participación dos fondos FEOGA-O e da Xunta de Galicia.

A participación financeira do FEOGA-O e da Xunta de Galicia deberá indicarse nos documentos que se realicen con motivo das accións subvencionadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As axudas fixadas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.614C.780.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma con 175.783,30 euros para o ano 2004, e 123.048,31 euros para o ano 2005.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para ditar, no marco das súas competencias, cantas disposicións complementarias estime oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente