DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 07 de outubro de 2004 Páx. 13.774

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 28 de setembro de 2004 pola que se aproba o deslindamento parcial dos montes veciñais en man común das parroquias de Combarro e San Xoán, pertencentes ás comunidades do mesmo nome do concello de Poio (Pontevedra).

Examinado o expediente de deslindamento dos montes veciñais en man común das parroquias de Combarro e San Xoán, pertencente ás comunidades do mesmo nome do concello de Poio (Pontevedra) e tendo en conta os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, en resolucións do 19 de novembro de 1981, declarou como tales os montes de Combarro e de San Xoán, asinando as súas pertenzas ás parroquias de Combarro e San Xoán respectivamente, do concello de Poio (Pontevedra).

Segundo.-O deslindamento parcial dos ditos montes foi aprobado por Orde do 1 de febreiro de 1996 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (DOG nº 35, do 19 de febreiro), e foi anulado por sentenza da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 26 de marzo de 1999, que mandaba retrotraer o expediente administrativo á 1ª fase do procedemento.

Terceiro.-No ano 2003, e unha vez firme a sentenza citada, iníciase novamente o procedemento administrativo do deslindamento parcial dos ditos montes.

O 2 de maio de 2003 publícase no BOP de Pontevedra o anuncio do edicto de deslindamento e fíxase como como data de comezo do apeo o 15 de setembro de 2003, consonte co establecido nos artigos 96 ao 124 do Regulamento de montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, fanse as notificacións, con xustificante de recepción, a todos os propietarios lindantes dos que se ten coñecemento, así mesmo colócanse edictos no concello e nos sitios de costume. O Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra fai a clasificación da documentación presentada e o enxeñeiro operador realiza a clasificación de predios e dereitos, non sendo preciso que o xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra fixera anotacións preventivas por tratarse do deslindamento parcial de dous montes veciñais en man coún.

Cuarto.-O apeo do deslindamento comeza o 15 de setembro de 2003 consonte co indicado no edicto e conclúe o 25 do mesmo mes. No BOP do 27 de xaneiro de 2004 e mediante anuncio, ábrese o período de vista e reclamacións de expediente, remitíndose o dito anuncio ao concello de Poio e ás comunidades afectadas para a súa máxima difusión.

Quinto.-Recibiuse unha reclamación que foi informada polo Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra e remitida co dito informe, ás comunidades afectadas para que manifestasen a súa conformidade ou desconformidade con esta, non contestando as comunidades.

Finalmente, o 18 de xuño de 2004 o xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra remite o expediente, xunto co seu informe-proposta, á Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais que informa favorablemente no sentido proposto polo xefe do servizo.

Fundamentos de dereito.

I. Que de acordo co disposto nos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro; 1706/1982, do 24 de xullo e 1535/1984, do 20 de xuño, sobre transferencias de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza, no Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e finalmente, no Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, o conselleiro de Medio Ambiente é competente para ditar esta orde.

II. O Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra é competente para levar adiante o dito deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos exixidos nos artigos 82 ao 125 do Regulamento de montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

III. As resolucións do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Vecinais en Man Común son as únicas que outorgan a propiedade e estas só poden modificarse por sentenzas dos tribunais ordinarios polo que o enxeñeiro operador non pode senón dar cumprimento ás do 19 de novembro de 1981 ao facer o apeo e na súa proposta.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e o informe-proposta do xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais,

DISPÓN:

Primeiro.-Aprobar o deslindamento parcial dos montes veciñais en man común de Combarro e San Xoán, pertencentes ás comunidades das parroquias dos mesmos nomes do concello de Poio (Pontevedra), consonte coas actas, rexistros topográficos e planos que figuran no expediente, quedando os montes coas seguintes descricións:

Provincia: Pontevedra.

Nome: Montes de Combarro.

Concello: Poio.

Pertenza: C.M.V.M.C. de Combarro.

Lindes:

Norte: montes de San Xoán de Poio e predios particulares.

Leste e sur: predios particulares da parroquia de Combarro.

Oeste: montes de Samieira e concello de Meis.

Descrición de lindeiros: iníciase no piquete nº 1 no punto máis alto na divisoria entre os concellos de Poio

e Meis, en colindancia con este concello e a C.M.V.M.C. de San Xoán de Poio. Dende alí desprázase en dirección SL ata alcanzar o piquete nº 2 nun alto nomeado Caseta de Juan, colindando neste tramo coa C.M.V.M.C. de San Xoán, descende mantendo a mesma orientación xeral, seguindo os piquetes nº 3, nº 4 e nº 5 coa mesma colindancia, alcanzando no piquete nº 5 a parte norte do muro da Tomada de Simón ou Cova Salgueira, segue o muro en dirección S ata alcanzar o piquete j , logo segue en dirección SL ata alcanzar o k e en dirección L ata os piquetes nº l e o nº 7, colindando neste tramo con propietarios particulares da Tomada de Simón ou Cova Salgueira. Dende o piquete nº 7 diríxese con orientación SL ata alcanzar o piquete nº 8 situado a 99 metros, neste punto cambia a dirección a NL alcanzando o piquete nº 9 a 321 metros situado na valgada alta do regato Padornelo augas arriba do nomeado Barranco das Carballas.

Cabida total: 146 hectáreas.

Provincia: Pontevedra.

Nome: montes de San Xoán de Poio.

Concello: Poio.

Pertenza: C.M.V.M.C. de San Xoán de Poio

Lindes:

Norte: concello de Meis.

Leste: concellos de Pontevedra e Barro.

Sur: predios particulares.

Oeste: montes de Combarro e predios particulares da Tomada de Simón ou Cova Salgueira.

Descripción de lindeiros: iníciase no piquete nº 9 situado na valgada alta do regato Padornelo, augas arriba do nomeado Barranco das Carballas, dende alí desprázase en dirección SO ata alcanzar o piquete nº 8 situado a 321 metros, neste punto cambia a súa dirección a O ata o piquete nº 7 situado a 99 metros, colindando neste tramo cos montes de Combarro da C.M.V.M.C. de Combarro. Desde este punto diríxese primeiro ao L e logo ao N ao O e ao S, seguindo o muro que limita a Tomada de Simón ou Cova Salgueira, e pasando polos piquetes a, b, c, d, e, f, g, h, e i alcanzando o piquete nº 5 na parte norte do muro da tomada. Neste tramo colinda con propietarios particulares. Do piquete nº 5 segue en dirección NO seguindo os piquetes nº 4, nº 3 e nº 2 atopándose este último nun alto nomeado Caseta de Juan, colindando neste tramo de novo coa C.M.V.M.C. de Combarro. Do piquete nº 2 e mantendo a dirección NO chégase ao piquete nº 1 no punto máis alto da divisoria entre os concellos de Poio e

Meis, mantendo neste tramo a colindancia coa C.M.V.M.C. de Combarro e alcanzando a colindancia co concello de Meis.

Cabida total: 741,6 hectáreas.

Segundo.-Que se acorde a cancelación total ou parcial de calquera inscrición rexistral, en canto resultare contraditoria coa descrición dos montes.

Terceiro.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente