DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 07 de outubro de 2004 Páx. 13.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 240/2004, do 23 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da rúa Bos Aires.

O Concello de Narón en sesión celebrada o día vinte e oito de abril de dous mil tres, aprobou o proxecto de urbanización da rúa Bos Aires e, na sesión do vinte e sete de febreiro de dous mil catro, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Narón foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día once de agosto de dous mil catro.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día tres de setembro de dous mil catro.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a actuación é necesaria co obxecto de dotar a zona duns servizos que o constante crecemento demográfico e urbanístico está a demandar, en aras á consecución das mellores condicións de seguridade e salubridade da poboación, debido á existencia de pozos negros ou fosas sépticas, que non cumpren coa totalidade da normativa ambiental e sectorial aplicable a este tipo de instalacións; o que supón un grave perigo, non só para a consecución dun ambiente sustentable, senón, que especialmente se conforman como un verdadeiro foco de risco contaxioso para os cidadáns. Considérase, polo tanto, que a axeitada canalización das augas fecais, así como a necesidade de tratar convenientemente a auga que é consumida nos domicilios, ademais de supoñer a prestación dun servizo público considerado básico, evitará posibles focos

infecciosos e riscos para a saúde das persoas e do ambiente en xeral.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de setembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Narón, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da rúa Bos Aires, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local