Examinado o expediente presentado polo centro privado Esega da Coruña, no que solicita autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio de explotación de sistemas informáticos e o ciclo formativo de grao superior de aloxamento, en quenda de tarde-noite; tamén solicita a supresión do ciclo formativo de grao medio de farmacia e dos ciclos formativos de grao superior de administración de sistemas informáticos e saúde ambiental.
Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña que o remite cos informes correspondentes.
Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade
da educación (BOE do 24 de decembro); o Real decreto 1537/2003, do 5 de decembro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas escolares de réxime xeral (BOE do 10 de decembro); o Real decreto 939/2003, do 18 de xullo (BOE do 12 de agosto) polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en explotación de sistemas informáticos; o Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio) polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; a Orde do 21 de decembro de 1999 (DOG do 31 de xaneiro de 2000) pola que se regulan determinados aspectos relativos a autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica; o Decreto 296/1999 (DOG do 18 de novembro) polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 133/1995, do
10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.
Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,
DISPÓN:
Primeiro.-Autorizar o centro privado Esega da Coruña para impartir o ciclo formativo de grao medio de explotación de sistemas informáticos e o ciclo formativo de grao superior de aloxamento, en quenda de tarde-noite.
Segundo.-Suprimir o ciclo formativo de grao medio de farmacia e os ciclos formativos de grao superior de administración de sistemas informáticos e saúde ambiental, quedando a composición resultante segundo se especifica no anexo.
Terceiro.-Para as ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, despois do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no devandito centro, así como o equipamento adecuado.
Cuarto.-Queda o centro obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2004.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
ANEXO
Provincia: A Coruña.
Localidade: A Coruña.
Concello: A Coruña.
Enderezo: r/ Calvo Sotelo, 31 baixo.
Código do centro: 15032352.
Denominación: centro privado Esega.
Titular: Esega, S.C.
Quenda de mañá:
Familia profesional: informática.
1 ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas (2 unidades, 30 alumnos/unidade).
Familia profesional: servizos socioculturais e á comunidade.
1 ciclo formativo de grao superior de animación sociocultural (1 unidade para 20 alumnos).
1 ciclo formativo de grao superior de integración social (1 unidade para 20 alumnos).
Quenda de tarde-noite:
Familia profesional: informática.
1 ciclo formativo de grao medio de explotación de sistemas informáticos (2 unidades, 20 alumnos/unidade).
Familia profesional: hostalaría e turismo.
1 ciclo formativo de grao superior de aloxamento (1 unidade para 20 alumnos).
1 ciclo formativo de grao superior de información e comercialización turísticas (1 unidade para 20 alumnos).
Familia profesional: servizos socioculturais e á comunidade.
1 ciclo formativo de grao superior de educación infantil (2 unidades, 20 alumnos/unidade).