DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 06 de outubro de 2004 Páx. 13.639

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 28 de setembro de 2004 pola que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, en aplicación da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, regula as condicións básicas ás que estarán sometidos os aproveitamentos madeirables e leñosos. O desenvolvemento destas condicións déixase ao arbitrio do órgano forestal da Comunidade Autónoma, en cumprimento do recollido no Estatuto de autonomía de Galicia, que no seu artigo 27.10º recolle a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento normativo en materia de montes e aproveitamentos forestais.

Ata a aprobación dunha próxima Lei de montes de Galicia e co fin de non paralizar a actividade produtiva nos montes galegos, desenvólvese de forma transitoria un procedemento para posibilitar a aplicación do artigo 37 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, nos montes da Comunidade Autónoma de Galicia, relativo aos aproveitamentos madeirables e leñosos.

En virtude de todo o exposto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Notificacións.

1. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos de calquera especie, nos montes privados de xestión privada, que conten cun instrumento de xestión aprobado pola Administración forestal, e que se realicen seguindo as prescricións contidas nel, requirirán, unicamente, a notificación previa á Administración forestal (anexo II).

Na devandita notificación figurará, como mínimo, o número de expediente do Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión do instrumento de xestión aprobado pola Administración forestal, o cantón ou rodal onde se ten previsto efectuar o aproveitamento, e o número de pés e volume por especie obxecto de aproveitamento. No caso de que o aproveitamento non se axuste o previsto no instrumento de xestión, deberá xuntarse xustificación técnica da modificación proposta.

2. Mediante resolución motivada, poderá denegarse ou condicionarse a execución dos aproveitamentos

nestes montes, nun prazo de quince días, entendéndose aceptado no caso de non emitirse resolución expresa no devandito prazo.

Artigo 2º.-Autorizacións con emisión nun prazo máximo de 15 días.

1. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes privados de xestión privada de superficie inferior a 25 ha arboradas, que non conten cun instrumento de xestión aprobado pola Administración forestal, así como calquera actividade ou obra que non implique un cambio de uso e que sexa necesaria para a realización deste aproveitamento, requirirán autorización previa da Administración forestal.

2. A solicitude de autorización do aproveitamento deberá incluír, como mínimo os seguintes datos: a localización, a superficie obxecto do aproveitamento, o número de pés e volume por especie afectada. En todo caso, a comprobación, pola Administración forestal, dos datos que se incorporan á solicitude de autorización será potestativa (anexo III).

3. A Administración forestal emitirá as autorizacións nun prazo máximo de 15 días, contados desde a formalización da solicitude. No caso de non emitirse autorización no prazo de 15 días entenderase estimada a solicitude. Se a resolución fose negativa deberá xustificarse tecnicamente.

Artigo 3º.-Autorizacións con emisión nun prazo máximo de 30 días.

1. Os aproveitamentos madeireiros, leñosos, de cortiza e de resinas que se realicen en montes de máis de 25 ha arboradas que non conten cun instrumento de xestión aprobado, así como calquera actividade ou obra que non implique un cambio de uso e que sexa necesaria para a realización do aproveitamento nestes montes, deberán contar cunha autorización da Administración forestal.

En todo caso, as cortas en masas de especies recollidas no anexo I requirirán autorización conforme o previsto neste artigo, salvo nos supostos en que conten cun instrumento de xestión forestal aprobado pola Administración, neste caso será necesaria unha notificación de acordo co establecido no artigo 1º.

2. A solicitude de autorización do aproveitamento deberá incluír, como mínimo os seguintes datos: a localización planimétrica, a superficie obxecto do aproveitamento, o número de pés e volume por especie afectada (anexo III).

3. A Administración forestal emitirá as autorizacións nun prazo máximo de 30 días, desde a formalización da solicitude. No caso de non emitirse autorización expresa no prazo de 30 días entenderase

estimada a solicitude. Se a contestación fose negativa deberá xustificarse tecnicamente.

4. As solicitudes de autorización previstas no presente artigo, no caso de montes veciñais en man común e ata que non se doten do instrumento de xestión obrigatorio, deberán incluír un plan facultativo de corta anual, asinado por profesionais con titulación específica forestal universitaria, onde deberá xustificarse, como mínimo, a necesidade ou oportunidade do aproveitamento, así como a súa localización planimétrica, a superficie obxecto do aproveitamento, o número de pés e o volume por especie afectada e a taxación correspondente.

Artigo 4º.-Presentación e resolución das solicitudes.

As notificacións e solicitudes sinaladas nos artigos 1º, 2º e 3º presentaranse na correspondente Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente ou en calquera dos órganos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para efectos da súa resolución pola delegación provincial.

Estas resolucións non esgotan a vía administrativa e contra delas o interesado poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente nos termos e prazos sinalados no artigo 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 5º.-Obrigas.

O responsable de realizar a notificación ou de presentar a solicitude das autorizacións previstas nos artigos anteriores será o propietario do monte, salvo que exista unha empresa ou particular que se ocupe da xestión do monte ou grupo deles, caso no que será o xestor, o encargado. O xestor deberá contar cun documento que acredite esa potestade de xestión.

A empresa encargada de realizar os aproveitamentos tamén poderá realizar a notificacion ou solicitar a autorización, sempre que exista unha delegación do propietario e que conte cun documento que acredite esa delegación.

Artigo 6º.-Excepcións.

Os rareos, as cortas de mellora e os tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial, non requirirán a notificación nin a autorización prevista nos artigos anteriores.

Artigo 7º.-Uso doméstico.

Con carácter xeral, os aproveitamentos que se destinen a uso doméstico, que en ningún caso poderán

superar os 10 m/anuais por propietario, enténdese que non son obxecto de comercialización, e que unicamente requirirán comunicación á Administración forestal, cun mínimo dun día de antelación á realización del. Esta comunicación deberá recoller, como mínimo, a situación do predio e o número de árbores, especie e volume aproximado obxecto do aproveitamento (anexo IV).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais, para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2004.

Xosé Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Coníferas

Piñeiro silvestre:Pinus sylvestris L.

Teixo: Taxus baccata L.

Frondosas

Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaertn.

Pradairo: Acer pseudoplatanus.

Freixo: Fraxinus excelsior L.

Fraxinus angustifolia Vahl.

Castiñeiro: Castanea sativa Mill.

Castiñeiro híbrido: Castanea X híbrida (resistente tinta).

Cerdeira: Prunus aviun L.

Carballo: Quercus robur L.

Abeleira: Corylus avellana L.

Faia: Fagus silvática L.

Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.

Sobreira: Quercus suber L.

Olmo: Ulmus glabra Huds.

Ulmus minor Miller.

Loureiro: Laurus nobilis L.

Sorbeira do monte: Sorbus aria.

Capudre: Sorbus aucuparia.

Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.

Aciñeira: Quercus ilex L.

Quercus rotundifolia.

Castiñeiro para froito: Castanea sativa Mill.

Nogueira: Juglans regia L.

Érbedo: Arbutus unedo L.