DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 05 de outubro de 2004 Páx. 13.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2004, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal de mantemento, recadación, reconto de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas, soportes e teléfonos de uso público da empresa contratista Eulen, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para o persoal de mantemento, recadación, reconto de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas, soportes e teléfonos de uso público da empresa contratista Eulen, S.A., (código de convenio nº 8200642), que se subscribiu coa data do 25 de xuño de 2004, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo

que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2004.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo para o persoal de mantemento, recadación, reconto de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas, soportes e teléfonos de uso público, da empresa Eulen, S.A., actual contratista ou empresa que a poida substituír para as catro provincias de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto.

Este convenio colectivo ten por obxecto principal a regulación das relacións laborais entre a empresa, Eulen, S.A., actual contratista ou empresa que a poida substituír e os traballadores en réxime laboral de mantemento, recadación, reconto de moedas, limpeza e publicidade das cabinas telefónicas, das catro provincias de Galicia, tanto sexan estas cabinas propiedade de titularidade Telefónica, como as de titularidade de T.T.P. (Telefónica, Telecomunicaciones, Públicas), así mesmo, as reparacións en todo tipo de teléfono. En definitiva o traballo que realizan os traballadores encadrados neste convenio, es:

Recadación e proba de funcionamiento; reconto e precintaxe; conservación de moble e a súa iluminación: limpeza, montaxe, substitución e desmontaxe de publicidade en mobles de teléfonos públicos; reparación en todo tipo de teléfonos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo afecta a todo o persoal dedicado ao traballo de cabinas telefónicas reseñado no artigo anterior, da empresa Eulen, S.A., actual contratista ou empresa que a poida substituír nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

1. Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2004 sen prexuízo da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estará en vigor até o 31 de decembro de 2006.

2. Este convenio quedará denunciado automaticamente con 90 días de antelación á data de 31 de decembro de 2006, a partir de cuxa data as partes

poderán notificar á outra as correspondentes propostas de negociación.

3. No suposto caso de que á finalización da vixencia deste convenio as partes asinantes non aprobasen un novo convenio, este entenderase en vigor até a aprobación do que deba substituílo.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constituirase a comisión paritaria para o desenvolvemento deste convenio, que poderá ser convocada.

Ambas partes comprométense a presentar á dita comisión as cuestións da súa competencia e, en caso de desacordo, a cuestión alí formulada será sometida á xurisdición laboral competente.

A dita comisión estará composta por 3 membros en representación da empresa e 3 membros en representación dos traballadores, Enrique Couso Suárez, Juan González Pérez, Antonio Marzo Nogueira, e Jorge Sánchez Bastos este último como asesor de CC.OO. elixidos entre os membros da comisión deliberadora deste convenio.

As funcións da dita comisión serán as inherentes para cumprir o seu cometido de desenvolvemento e interpretación deste convenio.

Dos acordos da comisión paritaria levantarase oportuna acta e o seu contido terá a mesma forza de obrigar que o disposto neste convenio.

Ás reunións da comisión poderán asistir con voz pero sen voto os asesores económicos e sociais da comisión deliberadora.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións establecidas neste convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible.

Artigo 6º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio, compensarán e absorberán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza e orixe das mesmas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, só poderán afectar ás condicións pactadas neste convenio, cando consideradas as novas retribucións no cómputo anual, superen as aquí pactadas. En caso contrario, serán compensadas e absorbidas esas últimas, manténdose este convenio nos seus propios termos e na forma e condicións en que quedan pactadas.

Todas as funcións aquí detalladas, son a título enunciativo, non querendo significar que sexan únicas e invariables. Calquera variación ou inclusión será feita logo de informe da comisión paritaria.

Artigo 7º.-Organización e racionalización.

1. A organización do traballo, será competencia da empresa, a quen corresponde a iniciativa conforme a lexislación vixente.

2. A racionalización do traballo terá, entre outras cousas as seguintes finalidades:

a) Mellora das prestacións de servizo do usuario.

b) Simplificación do traballo, mellora de métodos e procesos administrativos.

c) Establecemento de cadros de persoal correctos.

d) Definición e clasificación das relacións entre postos e categorías.

3. Será preceptivo e previo o informe do comité de empresa ou delegados de persoal, para calquera modificación de xornada de traballo, horario, réxime de traballo a quendas, sistema de remuneración, así como sistema de traballo e rendemento deste.

En caso de non existir acordo, as ditas modificacións deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Artigo 8º.-Clasificación persoal.

O persoal comprendido no ámbito deste convenio colectivo clasificarase nos grupos, subgrupos e categorías seguintes:

* Grupo A: mandos:

a) Encargado xeral.

b) Encargado provincial.

c) Xefe de equipo.

* Grupo B: subgrupo de conteo:

a) Auxiliar de cómputo.

b) Oficial de cómputo.

-Recadación e limpeza:

a) Condutor-recadador-limpador.

b) Limpador.

-Mantemento:

a) Oficial mecánico.

b) Oficial cerralleiro.

c) Oficial electricista.

* Grupo C: traballos en formación:

a) Aprendiz.

Artigo 9º.-Cadro de persoal e escalas.

A empresa estará obrigada a confeccionar o cadro do seu persoal fixo e contratado unha vez ao ano.

No dito cadro de persoal sinalarase o número de traballadores que comprende cada categoría profesional, coa separación e especificación por grupos e seccións. Os ditos cadros de persoal unha vez confeccionados, deberán de ser sometidos ao informe do comité de empresa ou delegados de persoal e, en caso de desacordo, a súa aprobación será instada á autoridade laboral.

Os cadros de persoal confeccionaranse cada ano, respectándose os dereitos adquiridos dos traballadores que forman parte da empresa.

A empresa deberá confeccionar e manter o escala do seu persoal, cos seguintes datos de cada un dos traballadores:

a) Nome e apelidos.

b) Data de nacemento.

c) Data de ingreso do traballador na empresa.

d) Categoría profesional.

A dita escala, deberá publicarse nos taboleiros de anuncios da empresa antes do día 15 de febreiro ou dous meses despois da firma deste convenio. O persoal poderá formular as súas reclamacións contra a escala mediante escrito dirixida á empresa nun prazo de 20 días a partir da data de publicación. Cando se dea resolución expresa, esta deberá producirse dentro dun período igual de tempo. Contra o acordo desestimatorio, expreso ou tácito, quedará a vía xurisdicional laboral.

Artigo 10º.-Contratación e descrición de funcións.

1. Cando por necesidades da empresa sexa preciso cubrir postos de traballo con persoal de novo ingreso, a dirección informará aos representantes dos traballadores dos postos e das súas características.

2. Naqueles casos de nova contratación publicarase no taboleiro de anuncios e en todos os servizos establecéndose un plan de admisión de solicitudes de 5 días.

3. En todo caso, terán preferencia para o ingreso na empresa aqueles que desempeñasen na empresa traballos de carácter temporal.

4. Reconto: a actividade desenvólvese nas dependencias da empresa (sala de reconto) e consiste na realización de todas as tarefas necesarias para a desprecintaxe e precintaxe das huchas. O reconto e cartuchado das moedas que previamente foron recadadas dos teléfonos públicos. Igualmente consiste no tratamento dos datos obtidos, todo iso baixo a supervisión da empresa contratante.

5. Limpeza: consiste na realización de todas as tarefas necesarias para efectuar a limpeza das cabinas, semicabinas, módulos, locutorios e calquera outro tipo de soporte telefónico de uso público existente ou que sexa instalado no futuro, utilizando os medios adecuados. Tamén referido aos mesmos soportes, consiste na realización das tarefas necesarias para a montaxe e desmontaxe da publicidade, así como a notificación das avarías e desperfectos. Para a realización desta tarefa utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

6. Recadación: consiste na realización das tarefas necesarias para efectuar a extracción da hucha ou excepcionalmente o metálico existente no interior dos teléfonos públicos, calquera que sexa o soporte no que se encontren, así como realizar as probas de funcionamento e detención de avarías. Para a realización desta tarefa utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

7. Reparacións de todo tipo de teléfonos públicos, titularidade de T.T.P. para a realización desta tarefa utilizarase un vehículo facilitando pola empresa.

8. Mantemento: consiste na realización de reparacións nos mobles de cabinas, módulos telefónicos, locutorios e calquera tipo de soporte de uso público, existente ou que sexa instalado no futuro. Reparacións en cerraduras e dispositivos de seguridade instalados no interior do teléfono de uso público. A revisión conexión e reparación da iluminación nos soportes dos teléfonos públicos. Para os desprazamentos utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Establécese unha xornada laboral de 38 horas semanais para o ano 2004 e 2005, e unha xornada de 37 horas e media para o 2006, en xornada continuada de luns a venres, os sábados traballará soamente o 50% do cadro de persoal.

Artigo 12º.-Descanso diario.

O traballador terá dereito a desfrutar dun descanso de 20 minutos para a toma de bocadillo dentro da súa xornada diaria, que se computará como tempo efectivo para todos os efectos.

Artigo 13º.-Prolongación de xornada: horas extraordinarias.

1. Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan da xornada diaria establecida.

2. Os traballadores serán libres de aceptar ou denegar a realización de horas extras salvo nos casos específicos, regulados pola lexislación laboral, establecéndose, para tal fin, rotación entre voluntarios.

3. Terán a consideración de horas extras estruturais, aquelas que se efectúen para as montaxes e desmontaxes de campañas publicitarias para cumprir os prazos establecidos por T.T.P.

4. As horas extraordinarias serán retribuídas a razón de 11,50 A cada unha.

5. Os representantes dos traballadores firmarán as horas estruturais que se realicen.

6. As horas extras incluiranse en nómina, no apartado correspondente a horas extras.

7. As horas extraordinarias poderanse acumular durante todo o ano para cambiar por días libres, desfrutando ata o día 31 de maio as acumuladas desde o 1 de xaneiro ao 31 de maio. As realizadas desde o 1 de xuño ao 30 de setembro desfrutaranse desde o 1 de outubro ao 31 de decembro. Cada 4 horas extras traballadas suporá un día libre.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio gozará de 30 días naturais de vacacións, nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O inicio das vacacións será sempre en día laborable, que non sexa nin sábado, domingo, festivo, día de descanso ou véspera do mesmo.

As vacacións serán retribuídas na totalidade de todos os conceptos salariais.

O persoal que desfrute as vacacións nos meses de outubro a maio, ambos inclusive, recibirá da empresa unha bolsa de compensación de 100 A.

Artigo 15º.-Traballo en días festivos.

1. Cando por razóns de servizo sexa necesario realizar rutas de recadación en días festivos, a empresa exporá un impreso de inscrición que debe indicar o día festivo de traballo e o número de rutas previstas.

a) Todos aqueles traballadores que desexen traballar no dito día, deberán inscribirse no citado impreso.

b) As rutas de recadación dos ditos días nunca sobrepasarán a xornada establecida de traballo.

c) Os festivos así traballados retribuiranse en nómina, baixo o concepto de complemento festivo ou denominación similar claramente identificable.

2. A retribución do dito día será por rutas establecidas a razón de 100 A, por complemento ou se é o caso por dous días de libranza, logo de pagamento entre traballador e empresa.

3. No caso de non existir voluntarios, tendo en conta que a prestación de servizo é inaprazable e obrigatoria, de común acordo entre a empresa e representantes dos traballadores, establecerase un sistema que garanta a prestación do servizo.

4. Complemento de domingo: a retribución dos domingos para reparación de avarías de teléfonos será de 100 A sempre que a xornada non exceda 7 horas.

Artigo 16º.-Conceptos retributivos.

As retribucións dos traballadores afectados neste convenio compensaranse a razón de básicas ou complementarias:

1. Serán básicas:

Salario base: as retribucións correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse do modo seguinte:

Para o período entre o 1-1-2004 ao 31-12-2004 será o que se fixe na táboa salarial anexa. Os salarios para este ano 2004 incrementaranse nun 2,6% sobre os salarios do 2003.

Para o período do 1-1-2005 ao 31-12-2005 incrementaranse todos os conceptos salariais co IPC do 2004.

Para o período 1-1-2006 ao 31-12-2006 incrementaranse en todos os conceptos salariais co IPC do 2005 máis o 0,75%.

Para os anos 2005 e 2006 o incremento afectará a todos os conceptos económicos (horas extras, complemento festivo, complemento domingos, complemento de reparación, bolsa de compensación, complemento de produción, complemento de asistencia, complemento de transporte, e salario base).

2. Serán complementarias:

a) Antigüidade: é o complemento persoal que recibe o traballador en razón ao tempo traballado de servizos na empresa, estimados en trienios, considerándose como tempo traballado os servizos prestados durante o período de proba. Cada trienio será do 5% calculado sobre o salario base. O seu aboamento ao traballador comezará a partir do mes en que se cumpran os 3 anos.

b) Complemento de transporte ou locomoción: os traballadores afectados por este convenio percibirán por este concepto a cantidade de 96,31 A mensuais. Por cada día de ausencia ao traballo descontarase a cantidade de 3,21 A, non considerándose como ausencia para estes efectos o descanso semanal a que ten dereito, nin as vacacións. Este complemento aboarase a pro rata de tempo traballado.

c) Complemento de asistencia: co mesmo criterio do complemento de transporte en todos os seus conceptos, percibirase por ese complemento a cantidade 60,82 A. Por cada día de ausencia e co mesmo criterio que o complemento de transporte descontarase a cantidade de 2,03 A. Este complemento abonarase a pro rata do tempo traballado.

d) Prima de produción: ao igual que os outros complementos se percibirá por este concepto a cantidade de 112,80 A. Este complemento así como a antigüidade, pagaranse nas tres pagas extraordinarias establecidas neste convenio.

e) Axudas de custo e desprazamentos: sempre que o traballador rebase nunha hora e trinta minutos a hora de saída, terá dereito a xantar onde se encontre, retribuíndose a 12 A por comida.

f) Complemento por reparación da parte superior do teléfono público: aboarase a mensualidades vencidas, a razón de 20,54 A.

Non se terán en conta para desconto: vacacións anuais e permisos retribuídos.

g) Complemento de produtividade: a excelencia no cumprimiento do servizo estará premiada polo complemento de produtividade, cuxo importe para o ano 2004 aparece na táboa salarial anexa. Para o ano 2005 e 2006 establecerase este complemento en 1,75% sobre o salario base.

Artículo 17º.-Pagas extraordinarias.

-Paga extra de marzo, aboable do 10 ao 15 de marzo.

-Paga extra de verano, aboable do 10 ao 15 de xullo.

-Paga extra de Nadal, aboable do 10 ao 15 de decembro.

Na contía das pagas extras, serán incluídos os conceptos de salario base, máis produción e máis antigüidade, segundo as táboas salariais anexas, e aboaranse sempre completas (30 días), independentemente de que o traballador estivese en situación

de incapacidade temporal durante o período de devengo de cada unha delas.

Artigo 18º.-Cobro de salarios.

O cobro de salarios efectuarase por meses completos e vencidos.

Todo traballador terá dereito a percibir anticipos á conta do seu salario.

Artigo 19º.-Melloras sociais.

A empresa disporá dun fondo para préstamos ao persoal sen devengar xuros, para un caso de necesidade. O importe dos préstamos será de 1.593 A máximos por persoa para devolver en 15 mensualidades.

Artigo 20º.-Seguro de vida.

Todos os traballadores comprendidos nese convenio terán un seguro de vida que está estipulado da seguinte forma:

En caso de morte: 15.000 A.

En caso de invalidez: 21.000 A.

Este seguro cubrirá as 24 horas do día e se o accidente ou defunción ocorrese en xornada de traballo, terían un incremento de 9.000 A.

Artigo 21º.-Licenzas.

1. Todos os traballadores afectados por este convenio, terán dereito ás licenzas retribuídas nas seguintes continxencias e coa seguinte duración:

-Por matrimonio do traballador: 16 días naturais.

-Por matrimonio de fillos ou irmáns directos ou políticos: 1 día natural.

-Por parto de esposa ou cohabitante: 5 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de esposa ou cohabitante: 5 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de fillos/as e fillos/as políticos: 4 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de padres, avós, irmáns, netos directos ou políticos: 3 días naturais.

-Por cambio de domicilio: 2 días naturais.

-Por falecemento de tíos directos ou políticos: 1 día natural.

Se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes se producise fóra da localidade serían 5 días naturais.

2. Igualmente, o traballador, solicitándoo con 8 días de antelación, terá dereito a dispor de 5 días de licenza non retribuída. Estes días serán continuados.

3. A empresa facilitará permiso retribuído polo tempo indispensable para renovación de carné de conducir, DNI, ou calquera necesidade de arranxar asuntos persoais xustificables, e igualmente para exames.

Artigo 22º.-Excedencias especiais con dereito ao posto de traballo.

-Polo nomeamento de cargos públicos ou sindicais.

-Por coidado de fillos menores de tres anos.

-No suposto caso de detención por un accidente de circulación o operario detido poderá solicitar o seu pase á reserva de posto de traballo e nas mesmas condicións que se de excedencia obrigatoria se tratase.

-Os traballadores con antigüidade superior a tres anos terán dereito a que se lles conceda ate un ano de excedencia con reingreso automático con aviso de tres meses de antelación.

Artigo 23º.-Baixas por hospitalización ou accidente.

a) No caso dun traballador que se encontre en situación de IT derivada de accidente de traballo, a empresa completará a prestación económica ate alcanzar o 100% do seu salario mentres dure a dita situación.

b) En situación de IT e sempre que exista hospitalización e convalecencia a empresa completará a prestación económica ate o 100% do seu salario mentres dure a hospitalización que se estenderá ao período de convalecencia cunha duración máxima de 90 días naturais.

Artigo 24º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto caso de que a un traballador que precise o permiso de conducir para a prestación do seu traballo lle fora suspendido o uso do mesmo, en primeiro lugar desfrutará as súas vacacións anuais correspondentes e se, finalizadas esas, continuara na mesma circunstancia, será destinado a outra sección onde non sexa necesario a posesión de permiso de conducir, reincorporándose ao seu posto ao serlle devolto.

Artigo 25º.-Traslados de persoal.

O persoal non pode ser trasladado dunha provincia na que presta os seus servizos a outra distinta, salvo pacto coa empresa.

Os traslados de persoal que impliquen cambio de domicilio, poderán ser a petición do traballador mediante permuta. Tamén nese caso será necesario o acordo entre empresa e traballador.

Artigo 26º.-Subrogación do persoal.

Co obxecto de contribuír e garantir o principio de estabilidade no emprego; a absorción do persoal quen se suceda, mediante calquera modalidade contractual, na total ou parcial actividade regulada no ámbito funcional do presente convenio, levarase a cabo nos termos indicados neste artigo e seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico, calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica un concreto servizo ou actividade parcial ou total que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, socie

dade, organismo público ou outro tipo de entidade ou persoa física, sexa calquera a forma xurídica que adopten.

En todos os supostos de finalización, perda, rescisión, cesión, rescate ou revisión dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade de que se trata, os traballadores da empresa saliente pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realizar o servizo, respectando esta os dereitos e obrigacións que desfruten na empresa substituída.

Producirase a mencionada subrogación do persoal, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva do servizo, sexa cal fora a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ao citado período de catro meses, traballase noutra contrata.

2. Traballadores, con dereito a reserva de posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata, teña antigüidade mínima de catro meses na mesma e se encontren enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade, que substitúan a algún dos traballadores mencionados no apartado segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por exixencia do cliente se incorporase á contrata de servizos, como consecuencia dunha ampliación que perdure na seguinte contrata, aínda que non leven os catro meses de antigüidade.

5. Traballadores que substitúan a outros que se xubilen cumpridos os 64 anos, dentro dos últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata, e teñan unha antigüidade mínima na mesma dos catro meses anteriores á xubilación, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Todos os supostos anteriormente contemplados deberanse acreditar fidedigna e documentalmente pola empresa ou entidade pública saliente á entrante, mediante os documentos que se detallan no artigo 13 do convenio estatal do sector, e en prazo de dez días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante, ou saliente, comunique fidedignamente á outra empresa o cambio na prestación do servizo.

Os traballadores que non gozasen as súas vacacións regulamentarias ao producirse a subrogación gozaranas coa nova adxudicataria do servizo, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento doutro período corresponde ao anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes ás que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, sucesor na actividade e traballador.

Artigo 27º.-Control e supervisión.

Só poderá realizarse rexistro sobre a persoa do traballador, nos seus armarios e efectos particulares, cando sexan necesarios para a protección do patrimonio empresarial e o dos demais traballadores dentro do centro de traballo e en horas de traballo. Na súa realización respectarase ao máximo a dignidade do traballador e contarase coa asistencia dun representante legal dos traballadores.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

a) A empresa recoñece aos representantes dos traballadores elixidos libre e democraticamente segundo a normativa vixente.

b) A empresa comunicará aos representantes dos traballadores no prazo mínimo de 48 horas de antelación, todo o concernente a cesamentos, despedimentos, sancións e modificacións de traballo, etc.

c) Os representantes dos traballadores disporán dun crédito de 20 horas mensuais para o exercicio das súas funciones.

Artigo 29º.-Seguridade e hixiene.

Será obxectivo máximo, tanto da dirección da empresa como dos traballadores, lograr a preservación da saúde e a prevención dos accidentes laborais e rexerá o disposto na Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento dela.

a) Todo o persoal deberá someterse a unha revisión médica anual da empresa e dentro da xornada laboral. En casos de traballadores de máis de 50 anos, se os servizos médicos o consideran oportuno, poderán ser sometidos a un exame cardiovascular.

b) En todo centro de traballo disporase dunha caixa de urxencias debidamente provista.

c) Os vestiarios deberán dispor de armario individual, ducha e lavabos, auga potable e xabrón, toallas, papel hixiénico, debendo coidarse da súa hixiene por parte da empresa.

Artigo 30º.-Uniformes.

A empresa facilitará a cada traballador o correspondente uniforme segundo os modelos homologados para a actividade.

A empresa consultará cos traballadores a calidade da peza de roupa ao obxecto de poder elixir a máis adecuada.

A entrega dos ditos uniformes será:

-Temporada de verán, do 1 ao 15 de maio.

-Temporada de inverno, do 1 ao 15 de outubro.

Composición do uniforme:

-Temporada de verán: 2 pantalóns, 2 camisas de manga curta e calzado correspondente.

-Temporada de inverno: 2 pantalóns de inverno, 2 camisas de manga longa, 1 cazadora, 1 anorak de tres cuartos cada 2 anos e calzado correspondente.

Artigo 31º.-Vehículos.

Os vehículos adscritos ás rutas de provincia disporán de faros en condicións para a néboa.

Os vehículos deberán ser revisados con periodicidade para que estean en boas condicións antes de saír á ruta.

En todo o non regulado neste artigo rexerá o vixente xa disposto na normativa da materia.

Os traballadores antes do inicio da ruta comprobarán que os vehículos se encontren en orde de marcha.

Artigo 32º.-Empresas de traballo temporal.

Soamente poderán contratar traballadores de ETT. para as seguintes cuestións e polo tempo que se determine.

1. Para cubrir un posto con dereito a reserva, polo tempo necesario.

2. Por incrementos de produción por un máximo de 2 meses.

3. Para a selección dun posto, por un máximo de 1 mes.

Estes traballadores terán os mesmos dereitos e percepcións que os traballadores rexidos por este convenio, en todas as cuestións.

Entregarase ao comité de empresa ou delegado de persoal os contratos de posta á disposición.

Non poderán estar contratados a través das ETT, un máximo do 5% do cadro de persoal fixo da empresa usuaria.

Artigo 33º.-Xubilación.

A) Xubilación parcial.

1. Ao amparo do artigo 166.2º da Lei de seguridade social e do artigo 12.6º do Estatuto dos traballadores, recoñéceselles aos traballadores o dereito subxectivo de solicitar da empresa a xubilación parcial e a redución da xornada no límite máximo legalmente previsto do 85% cando se xunten os requisitos legalmente establecidos e, en especial, o de idade, que non poderá ser inferior aos 60 anos.

2. A solicitude deberase remitir á empresa cunha antelación mínima de tres meses á data prevista de xubilación parcial. A empresa estudará a solicitude de boa fe, coa vista posta nun acordo coa parte solicitante e, en todo caso, responderá nun prazo máximo de 30 días. Nos casos de discrepancia entre as partes remitirase a cuestión á comisión paritaria que resolverá no ámbito das súas funcións e no prazo máximo de 30 días.

3. O 15% da xornada que corresponde de traballo efectivo acumularase nos meses inmediatamente seguintes á xubilación parcial e a xornada completa. Aínda cando a empresa poida optar por retribuír sen exixir a cambio da prestación efectiva dos servizos e sen prexuízo da aplicación da seguinte escala de bonificacións:

1. Con trinta anos ou máis de antigüidade no servizo, recoñécese unha dispensa absoluta no traballo.

2. Con vinte anos de antigüidade e ate trinta, recoñécese unha dispensa do 75% do traballo.

3. Con dez anos de antigüidade e ate 20, recoñécese unha dispensa do 50% do traballo.

4. Todo isto sen prexuízo do acordo ao que poida chegar o traballador e a empresa.

5. Até que o traballador xubilado parcialmente chegue á idade ordinaria de xubilación, a empresa deberá manter un contrato de relevo nos termos previstos no artigo 12.6º do ET.

b) Xubilación anticipada.

A empresa e os traballadores poderán pactar, se existe común acordo previo por ambas partes, xubilacións anticipadas aos 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo e a Lei 63 e 64/1997, do 26 de decembro, debendo a empresa cubrir as ditas vacantes con traballadores desempregados ou inscritos na oficina de emprego como tales.

Artigo 34º.-Cursos de formación.

Realizaranse cando haxa necesidade de servizo, especialización de tarefas, etc.

Os traballadores estarán obrigados a recibir os ditos cursos sendo remuneradas as horas necesarias para os ditos cursos como horas extraordinarias.

Estas horas extraordinarias serán sempre retribuídas e sen que en ningún caso sexa de aplicación o disposto no artigo 13º.7 do presente convenio.

Se os cursos se realizaran fóra da provincia aboaranse as axudas de custo de acordo co disposto no artigo 16.2º e) do presente convenio, así como o aloxamento, se iso for necesario.

Artigo 35º.-Lexislación supletoria.

Todo aquilo que non fora pactado neste convenio e que afecte ás relacións laborais e económicas, estará no disposto no ET.

As partes lexitimadas recoñecen como norma rango superior o convenio colectivo de ámbito estatal do sector de mantemento de cabinas, soportes e teléfonos de uso público, o cal se asinou en Madrid o 24 de xuño de 1997 e publicado no BOE nº 195, de data 15 de agosto, ou aquel que substitúa o dito convenio.

Adscríbense na totalidade dos seus artigos sen prexuízo do disposto no artigo 3º do presente convenio en canto a melloras e táboas salariais.

Táboa salarial Eulen, cabinas telefónicas de Galicia ano 2004

CategoríaSalario

base

Complem.

produción

Complem.

asistencia

Complem.

reparac.

Complem.

transp.

Complem.

produt.

Salario

mes

Pagas

extras

Salario

anual

Encargado provincial1.307,59112,8060,8220,5496,3113,081.611,141.420,3923.594,85

Encargado de zona955,61112,8060,8220,5496,319,561.256,641.068,4118.284,91

Responsable de equipo952,21112,8060,8220,5496,319,521.252,201.065,0118.221,43

Oficial de reconto930,91112,8060,8220,5496,319,311.230,691.043,7117.899,41

Auxiliar de reconto924,43112,8060,8220,5496,319,241.224,141.037,2317.780,37

Condutor, recad., limp.930,91112,8060,8220,5496,319,311.230,691.043,7117.899,41

Limpador924,43112,8060,8220,5496,319,241.224,141.037,2317.780,37

Ofic. mecán., cerrall., electr.930,91112,8060,8220,5496,319,311.230,691.043,7117.899,41

Aprendiz613,00112,8060,8220,5496,316,13909,60725,8013.092,60

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA