DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 04 de outubro de 2004 Páx. 13.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 8 de setembro de 2004 pola que se modifica o regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador.

Por Orde do 5 de maio de 1989 recoñeceuse a denominación específica Orujo de Galicia para as augardentes de bagazo producidas na nosa comunidade autónoma, o seu primeiro regulamento foi aprobado pola Orde do 16 de setembro de 1993.

Posteriormente, por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 15 de febreiro de 1999, aprobouse un novo regulamento para esta denominación, que foi modificado logo pola Orde do 4 de maio de 2001 da mesma consellería e ratificado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través da Orde do 21 de xuño de 2001.

A augardente de bagazo é a bebida espirituosa mais tradicional e típica da nosa comunidade, o que motivou a súa regulación e protección mediante as citadas normas. Porén, outras bebidas tamén tradicionais do noso país quedaron fóra do alcance da protección destes regulamentos. Entre elas, as máis coñecidas serían a augardente de herbas e os licores de herbas e de café.

Un dos obxectivos desta orde é, precisamente, completar a regulación feita a través das ordes citadas anteriormente, incluíndo estes tres produtos, unha vez que o sector elaborador acadou un grao de desenvolvemento e madurez elevado, apostando polos produtos tradicionais de calidade e demandando da Administración a súa protección. Por iso, nesta orde defínense as características básicas e a forma de elaboración das tres bebidas espirituosas que se protexen ex-novo. Ademais, modifícanse algúns aspectos da xa regulada, o Orujo de Galicia, para adaptala ás actuais exixencias do mercado e condicións de funcionamento da industria elaboradora.

Por outra parte, a aprobación da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño e a conseguinte derrogación da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois, fai aconsellable cambiar o termo denominación específica, amparado na citada lei de 1970, polo de denominación xeográfica, con cobertura legal no Regulamento (CEE) 1576/1989 do Consello, do 29 de maio, polo que se establecen as normas xerais relativas á definición, designación e presentación das bebidas espirituosas.

Así, as catro denominacións xeográficas aquí protexidas, tanto na súa forma galega como castelán, quedan baixo a xestión e control dun único consello regulador, o Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, nova denominación para o antigo Consello Regulador da Denominación Específica Orujo de Galicia.

Ademais, aprovéitase esta reforma para adecuar algúns preceptos do regulamento publicado no DOG en 1999 e modificado en 2001, que non tiñan unha correspondencia exacta co texto posteriormente publicado en xullo de 2001 no BOE, para a súa ratificación.

Tamén, e como consecuencia da aprobación da citada Lei 24/2003, suprímese o réxime de infraccións, sancións e procedemento sancionador, contido no regulamento da denominación, pasando a ser este o contemplado no título III da citada lei.

Porén, nesta modificación do regulamento non se aborda a adaptación do réxime xurídico e de funcionamento do consello regulador ás previsións da devandita Lei 24/2003, xa que isto farase de forma global para todos os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade existentes no ámbito da nosa comunidade autónoma mediante as normas correspondentes.

En consecuencia, por petición do sector interesado e de conformidade co artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Toda as referencias que se fan ao termo denominación específica na Orde do 15 de febreiro de 1999, pola que se aproba o regulamento da deno

minación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador, modificada pola Orde do 4 de maio de 2001, deben ser entendidas ao termo denominación xeográfica.

2. Toda as referencias que se fan ao Consello Regulador da Denominación Específica Orujo de Galicia na orde citada no punto 1 anterior, deben ser entendidas feitas ao Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Artigo 2º

Suprímense os artigos 38 a 45, que compoñen o capítulo VIII do regulamento da denominación específica Orujo de Galicia aprobado pola Orde do 15 de febreiro de 1999 e modificado pola Orde do 4 de maio de 2001, relativos ao réxime de infraccións, sancións e procedemento sancionador, pasando a ser este réxime o contido no título III da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño. Así mesmo, suprímese a letra d) do punto 2 do artigo 34 do citado regulamento.

Artigo 3º

Modifícanse os artigos 1, 2, 7, 8, 9, 11, 12, 14, 15, 19 a 26, 35 e 36 do regulamento da denominación específica Orujo de Galicia, aprobado pola Orde do 15 de febreiro de 1999 e modificado pola de 4 de maio de 2001, e engádense tres novos artigos, 9 bis, 9 ter, e 9 quarter, quedando todos eles redactados do xeito que se expresa no anexo que se xunta a esta disposición.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO

Modificación do regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador, agora regulamento das denominacións xeográficas Orujo de Galicia/Augardente de Galicia, Aguardiente de hierbas de Galicia/Augardente de herbas de Galicia, Licor de hierbas de Galicia/Licor de herbas de Galicia e Licor café de Galicia, e do seu consello regulador común, Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Modifícanse os artigos 1, 2, 7, 8, 9, 11, 12, 14, 15, 19 a 26, 35 e 36 do regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador, aprobado pola Orde do 15 de febreiro de 1999 e modificado pola do 4 de maio de 2001 e engádense tres novos, 9 bis, 9 ter e 9 quarter, de acordo co que se recolle a continuación:

Artigo 1º

Suprímese o último parágrafo deste artigo e substitúese polo seguinte:

Así mesmo, quedan protexidas coas correspondentes denominacións xeográficas Augardente de herbas

de Galicia, Licor de herbas de Galicia e Licor café de Galicia, as bebidas espirituosas elaboradas en Galicia con esa denominación tradicional, que cumpran o disposto neste regulamento e demais normativa en vigor aplicable.

Artigo 2º

Substitúese o contido deste artigo polo seguinte:

As denominacións xeográficas Orujo de Galicia, Aguardiente de hierbas de Galicia, Licor de hierbas de Galicia e Licor café de Galicia, e as súas respectivas formas tradicionais en galego, Augardente de Galicia, Augardente de herbas de Galicia, Licor de herbas de Galicia e Licor café de Galicia, non se poderán aplicar a ningún outro tipo de produto máis que aos definidos neste regulamento, nin se poderán utilizar termos, expresións, marcas ou signos que, pola súa similitude fonética ou gráfica con estas, poidan inducir a confusión cos que son obxecto de protección, mesmo no caso de iren precedidos polas expresións tipo, estilo, elaborado en, embotellado en, fabricado en ou outras análogas.

Artigo 7º

Substitúese o seu contido polo seguinte:

1. As augardentes de bagazo aptas para seren protexidas pola denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia serán as obtidas por fermentación e destilación de bagazos de uvas en condicións hixiénicas e sanitarias axeitadas.

2. A augardente obterase mediante a destilación por quentamento, con lume directo ou vapor acuoso, da masa de bagazo engadida previamente ao aparello de destilación.

3. Os aparellos utilizados poderán ser os tradicionais alambique ou alquitara, ou calquera outro por quentamento por vapor de auga, que permita obter destilados de calidade, conservando as características específicas das augardentes de bagazo.

4. A destilación dos bagazos haberá de facerse en sistemas descontinuos e efectuarse a menos do 86% en volume. Dentro deste límite está consentida a redestilación e desmetilización do destilado inicial.

5. En calquera dos procesos de elaboración do produto a cualificar queda expresamente prohibido engadirlle outro alcohol de orixe vínico ou agrícola ao destilado obtido segundo o especificado anteriormente. A realización desta práctica produciría a descualificación do produto.

6. Na elaboración da augardente de bagazo non está consentida a aromatización con aditivos de calquera orixe (natural ou químico), tanto no aparello de destilación como no posterior proceso de elaboración.

7. Durante o proceso de elaboración e estabilización do produto poderán ser utilizados os produtos enolóxicos permitidos pola lexislación vixente.

8. Os elaborados a protexer son:

a) Augardente de bagazo.

b) Augardente de bagazo envellecida.

Artigo 8º

Engádese un parágrafo ao final, co seguinte texto:

As augardentes de bagazo envellecidas terán un tempo mínimo de envellecemento dun ano.

Artigo 9º

Substitúese o seu texto polo seguinte:

1. As augardentes de bagazo poderán envellecerse mediante o sistema de vendimas ou colleitas, que consiste na permanencia das augardentes de bagazo en envases de madeira, de xeito estático, sen mesturas ou combinacións con outras augardentes durante todo o tempo de envellecemento. Unicamente se autorizan os recheos necesarios para cubrir as minguas que se produzan, recheos que deberán facerse con augardentes de bagazo que teñan o mesmo tempo de envellecemento.

2. Para o envellecemento soamente poderán ser utilizados envases de madeira de carballo, ou doutras especies autorizadas pola consellería competente en materia de agricultura, tras a proposta do consello regulador. A madeira non poderá estar envernizada nin revestida, podendo estar estufada ou non, sendo autorizados os tratamentos normais de conservación da madeira e da barrica. A capacidade dos envases será igual ou inferior a 1.000 litros.

3. Para a elaboración do produto final queda autorizada a mestura de diferentes destilados envellecidos, os cales previamente deben estar clasificados como tales por parte do consello regulador.

4. Así mesmo, ademais da coloración natural proveniente da madeira, queda autorizada a coloración con caramelo.

5. O consello regulador levará o control documental das augardentes de bagazo en proceso de envellecemento e das instalacións con existencias de augardentes de bagazo en proceso de envellecemento ou envellecidos, así como dos graos absolutos de alcohol.

* Engádense tres novos artigos despois do artigo 9, cos textos seguintes:

Artigo 9º bis

1. Augardente de herbas de Galicia é a bebida espirituosa tradicional elaborada en Galicia en instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador, obtida a partir de augardente amparada pola denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia e alcohol etílico de orixe agrícola, mediante maceración e/ou destilación do alcohol en presenza das herbas que o caracterizan, cun contido en azucres inferior a 100 gramos por litro e cun grao alcohólico volumétrico mínimo do 30 e máximo de 50.

2. Na mestura de alcohois, o contido mínimo de augardente acollida á denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia será do 80% do total do alcohol absoluto.

3. Na elaboración da augardente de herbas de Galicia empregaranse un mínimo de tres plantas de entre as que se relacionan a continuación: menta, macela, herba luísa, romeu, ourego, tomiño, coandro, azar, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela. Poderanse empregar tamén outras plantas autorizadas pola consellería competente en materia de agricultura tras a petición do consello regulador.

As plantas deberán se recolleitas na súa máxima floración, lavadas e secadas ao aire en sitios frescos e con pouca luz ata o momento da súa utilización.

4. Para a edulcoración utilizaranse un ou varios dos produtos autorizados polo Regulamento (CEE) 1576/1989.

5. A coloración, que dependerá da fórmula do elaborador, poderá completarse con colorantes autorizados.

6. No proceso de elaboración empregaranse exclusivamente substancias aromatizantes naturais, quedando prohibida expresamente a adición de aromas e/ou preparacións aromatizantes, extractos ou esencias de calquera tipo.

Artigo 9º ter

1. Licor de herbas de Galicia é a bebida espirituosa tradicional elaborada en Galicia en instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador obtida a partir de augardente amparada pola denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia e alcohol etílico de orixe agrícola, mediante a maceración e/ou destilación de alcohol en presencia das herbas que o caracterizan, cun contido en azucres mínimo de 100 gramos por litro e cun grao alcohólico volumétrico mínimo de 15 e máximo de 40.

2. Na mestura de alcohois, o contido mínimo de augardente acollida á denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia será do 50% do total do alcohol absoluto.

3. O contido dos puntos 3 a 6 do artigo anterior é tamén aplicable respecto do licor de herbas de Galicia.

Artigo 9º quarter

1. Licor café de Galicia é a bebida espirituosa tradicional elaborada en Galicia en instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador obtida a partir de augardente amparada pola denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia e alcohol etílico de orixe agrícola, mediante maceración e/ou destilación do alcohol en presenza de café de tostadura natural, cun contido mínimo de azucres de 100 gramos por litro e cun grao volumétrico mínimo de 15 e máximo de 40.

2. Na mestura de alcohois, o contido mínimo de augardente acollida á denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia será do 50% do total do alcohol absoluto.

3. En ningún caso poderá utilizarse café torrefacto, quedando expresamente prohibida a adición de calquera extracto ou concentrado ou calquera outro produto substitutivo do café de tostadura natural.

4. O contido dos puntos 4, 5 e 6 do artigo 9 bis é tamén aplicable respecto do licor café de Galicia.

Artigo 11º

Engádese un novo punto 4 co seguinte texto:

1. O establecido nos puntos anteriores respecto da denominación xeográfica Orujo de Galicia/Augardente de Galicia é de aplicación tamén ás denominacións xeográficas Aguardiente de hierbas de Galicia/Augardente de herbas de Galicia, Licor de hierbas de Galicia/Licor de herbas de Galicia e Licor café de Galicia.

Artigo 12º

Modifícanse os puntos 1 e 3 do xeito que se recolle a continuación:

-A redacción do punto 1 pasa a ser a seguinte:

1. A composición analítica das augardentes de bagazo de Galicia deberá cumprir os seguintes parámetros:

Parámetros

Augardente de bagazoAugardente de bagazo

envellecida

MáximoMínimoMáximoMínimo

Grao alcohólico (%)5037,55037,5
Metanol, g/hl a.a.1.0002001.000200
Acidez total en ácido acético, g/hl a.a.150- 175-
Acetaldehído (etanal), g/hl a.a.150- 150-
Acetato de etilo, g/hl a.a.250- 250-
Suma alcohois superiores g/hl a.a.600225600225
Cobre, mg/l de mostra10- 10-

(g/hl a.a.= gramos/100 litros de alcohol absoluto)

Pola súa banda, as augardentes de herbas e os licores de herbas e de café non superarán os valores máximos contemplados na táboa anterior, para os distintos parámetros, excepto no que respecta ao grao alcohólico, que será o establecido nos artigos 9 bis, 9 ter e 9 quarter, respectivamente.

-Ao punto 3 do artigo engádeselle un novo parágrafo ao final do texto do seguinte xeito:

Todo o anterior é aplicable tamén para a augardente de herbas e os licores de herbas e de café.

Artigo 14º

Modifícase o punto 4 que queda redactado do seguinte xeito:

4. Todas as inscricións nos rexistros serán renovadas periodicamente no tempo e forma que determine o consello regulador.

Artigo 15º

Modifícase o último parágrafo do punto 5 que queda redactado do seguinte xeito:

Para os efectos deste punto, considérase colleiteiro aquel cuxa produción de bagazo non supere en máis dun 20 por 100 a produción necesaria para que o destilado sexa considerado como destinado ao consumo propio, de acordo co establecido nos artigos 20.5º e 41 da Lei 38/1992, do 28 de decembro, sobre impostos especiais.

Artigo 19º

Modifícase o texto deste artigo, que queda redactado do seguinte xeito:

Nas instalacións inscritas nos distintos rexistros que se recollen no artigo 13º deste regulamento, a manipulación ou almacenamento de bagazos e lías, así como a destilación, a elaboración, o envellecemento e o embotellado dos produtos destinados a seren protexidos polas distintas denominacións xeográficas deberán efectuarse de forma claramente separada daqueles outros subprodutos ou produtos que non sexan protexidos. Tanto os silos ou depósitos de almacenamento de bagazos nos que o destino sexa a destilación para a elaboración de produtos protexidos, como os depósitos que conteñan estes produtos protexidos polas distintas denominacións deberán estar perfectamente identificados.

Artigo 20º

Engádese un último punto 5, co seguinte texto:

5. O contemplado nos puntos anteriores é de aplicación aos demais produtos amparados polas denominacións xeográficas que se recollen neste regulamento, coas adaptacións que resulten necesarias.

Artigo 21º

Modifícase este artigo, que queda redactado do seguinte xeito:

1. As marcas, símbolos, emblemas, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda que se utilice, aplicados a algún produto amparado por algunha das denominacións que recolle este regulamento, non poderán ser empregados, nin sequera polos propios titulares, na comercialización doutras bebidas espirituosas de similar especie non amparadas polas ditas denominacións se iso pode inducir a confusión no consumidor.

No caso de que unha mesma marca, nome comercial ou razón social sexa utilizada para a comercialización dun produto amparado con algunha das denominacións xeográficas e outro ou outros de similar especie que carezan da dita denominación de calidade, deberanse introducir na etiquetaxe, presentación e publicidade destes últimos, elementos suficientes que permitan diferenciar de maneira clara e sinxela o produto con denominación do que

non a ten, para evitar, en todo caso, a confusión nos consumidores.

2. A utilización de marcas de garantía ou outros distintivos de calidade por parte dos inscritos no Consello Regulador, na presentación e etiquetaxe dos produtos amparados por este ou noutras bebidas espirituosas de similar especie, deberá contar coa autorización da consellería competente en materia de agricultura, tras o informe do consello regulador.

Artigo 22º

Modifícanse os puntos 1, 4, e 5, que quedan do seguinte xeito:

1. Na etiquetaxe dos envases figurará obrigatoriamente e de forma destacada o nome da denominación xeográfica, na súa versión en galego e/ou en castelán e optativamente o seu logotipo, ademais dos datos obrigatorios que se determinan na lexislación aplicable.

2. Todos os envases nos que se expidan as bebidas amparadas por este regulamento con destino ao consumo directo irán provistos de precintas ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo consello regulador, que deberán ser colocadas na instalación de envasado de acordo coas normas que se establezan e sempre de forma que non permita unha segunda utilización.

3. O consello regulador adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo de cada denominación, ou un único para todas elas, previa aprobación da consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 23º

Engádese un último parágrafo co seguinte texto:

Todo o anterior tamén é de aplicación para os demais produtos amparados polas denominacións a que se refire este regulamento.

Artigo 24º

Engádese un último parágrafo co seguinte texto:

O establecido no parágrafo anterior é tamén de aplicación ás demais bebidas espirituosas ás que se refire este regulamento.

Artigo 25º

Modifícase o parágrafo introdutorio e a letra b) do punto 4, que quedan redactados do seguinte xeito:

-Parágrafo introdutorio:

Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, elaboración, envellecemento e embotellado, así como os volumes de existencias, e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade dos produtos amparados polas denominacións xeográficas a que se refire este regulamento, as persoas físicas ou xurídicas titulares de instalacións inscritas

nos distintos rexistros están obrigadas a presentar as seguintes declaracións:

-Letra b) do punto 4:

b) Dentro dos quince primeiros días de cada trimestre natural:

1. Declaración de entrada de augardente de bagazo e demais produtos amparados por este regulamento, por tipo e variedade.

2. Declaración de saídas de augardente de bagazo e demais produtos amparados por este regulamento, por tipo e variedade.

Artigo 26º

Modifícase o punto 1, que queda redactado do seguinte xeito:

1. O consello regulador controlará en cada campaña as cantidades de produto amparado polas distintas denominacións que poderán ser expedidas por cada envasador inscrito nos rexistros, de acordo coa produción propia de bagazos, as adquisicións de bagazo e de produtos elaborados por outras firmas inscritas e as existentes de campañas anteriores dos distintos produtos.

Artigo 35º

Modifícase a súa redacción, quedando do seguinte xeito:

2. O consello regulador establecerá un Panel de Cata dos produtos protexidos, formado como mínimo por cinco expertos en análise sensorial de augardentes e licores e un delegado do presidente do consello regulador.

3. O Panel de Cata terá como misión informar sobre a calidade dos produtos que opten a seren amparados por cada denominación. Poderá contar cos asesoramentos técnicos que estime necesarios.

4. O consello regulador, á vista dos informes dos servizos técnicos do consello, da análise físico-química, e do informe sobre a análise sensorial emitido polo Panel de Cata, resolverá o que proceda, chegando, se é o caso, á descualificación.

A resolución do consello regulador poderá ser recorrida ante a consellería competente en materia de agricultura da Xunta de Galicia no prazo dun mes, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, que regula o procedemento administrativo común.

5. O Consello Regulador elevará á consellería, para a súa aprobación, as normas precisas para a constitución e funcionamento do Panel de Cata.

Artigo 36º

Modifícase o oitavo parágrafo do punto 1.1 relativo aos suxeitos pasivos da exacción sobre o valor do produto comercializado, que queda redactado do seguinte modo:

Da b), os titulares de instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador que expidan produtos amparados ao mercado.