DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 04 de outubro de 2004 Páx. 13.469

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de xuño de 2004 pola que se outorga aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de Meira na zona da Ponte de Meira.

O planeamento urbanístico vixente no Concello de Meira é un Plan Xeral de Ordenación Urbana, aprobado definitivamente o 29 de decembro de 1977.

O concello, por medio da presente modificación do seu Plan xeral pretende a ordenación dun ámbito de solo, preto do río Miño ao seu paso polo núcleo, para a súa posta á disposición do Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción de vinte e catro vivendas sociais e unha zona verde.

O obxecto da modificación dá cumprimento o sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual e, inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente ao informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 4 de xullo de 2003, ao abeiro do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O pleno da corporación, na súa sesión do 27 de xaneiro de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida ao trámite de información pública polo prazo dun mes mediante anuncios publicados no Diario Oficial de Galicia nº 32, do 16 de febreiro, no diario El Progreso e no xornal La Voz de Galicia de datas de 4 e 5 de febreiro de 2004.

Consta a solicitude de informes sectoriais, con data 19 de setembro de 2003, no ámbito das súas respectivas competencias aos seguintes organismos: á Consellería de Cultura, Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Artístico de Lugo, emitido con data 4 de novembro de 2003 en sentido favorable; á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento, emitido con data 20 de novembro de 2003, con carácter favorable; á Consellería de Medio Ambiente, emitido con data 1 de outubro de 2003, favorable; e á Confederación Hidrográfica do Norte, Comisaría de Augas, do que non consta a súa emisión.

No expediente constan os informes emitidos polo aparellador municipal con data 31 de marzo de 2003 e pola secretaría do concello o 26 de marzo de 2004, ambos os dous favorables á modificación puntual proposta no que respecta á súa conformidade coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

O pleno da corporación en sesión do 18 de maio de 2004 acordou aprobar provisionalmente o proxecto de modificación puntual trala anulación do acordo de aprobación definitiva adoptado polo pleno na súa sesión do 30 de marzo de 2004, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes xurídico e técnico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo, de datas 7 e 8 de xuño de 2004, respectivamente, así como en consonancia cos das subdireccións xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes, do 29 de xuño, de igual ano, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, do 29 de xuño do ano en curso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Meira na zona da Ponte de Meira.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda