DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 01 de outubro de 2004 Páx. 13.428

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2004 pola que se convoca un curso sobre xestión da comunicación en situacións de emerxencia e crise.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre xestión da comunicación en situacións de emerxencia e crise, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Ante a realidade da actualización dun risco, con consecuencias graves para a poboación, os bens e o medio ambiente, os servizos de emerxencia e os medios de comunicación temos a obriga de lle dar información á poboación. Unha información que axude na medida do posible a suavizar as consecuencias da catástrofe.

Pero os camiños e as fórmulas empregadas adoitan ser distintas e distantes, o que pode dar lugar a confusión e desinformación, acrecentando as dúbidas e o medo na poboación, co que estamos a acentuar o problema en lugar de minoralo.

Polo tanto, temos que xerar mecanismos de entendemento e colaboración entre os profesionais da comunicación e os profesionais da emerxencia, que permita unha información á poboación que sexa razoable e crible e que repercuta na boa xestión das crises.

Temos que entender que ambos os colectivos son necesarios e complementarios na solución das emerxencias.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico de protección civil da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Xunta de Galicia.

-Xefes do parque e xefes de quenda dos servizos de bombeiros de Galicia.

-Persoal técnico de protección civil da Administración local.

-Presidentes ou xefes de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 24.

2. Duración e datas: o curso desenvolverase os días 29 e 30 de novembro e 1 e 2 de decembro de 2004, cunha duración de 26 horas lectivas.

O horario será o seguinte:

-Das 10.00 ás 14.00 horas e 16.00 a 20.00 de luns a xoves.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 11 de novembro de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo ao que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

1. Información no alarmismo.

2. Relación da Administración cos medios de comunicación.

3. Información aos medios de comunicación.

4. Información á poboación.

5. Información á poboación afectada.

6. Impacto psicolóxico das imaxes e impacto social da crise.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de setembro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade