DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 01 de outubro de 2004 Páx. 13.395

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 8 de setembro de 2004 pola que se sinalan as deficiencias e subseguintes modificacións que procede introducir no proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Boqueixón, no solo apto para urbanizar SAUI 2.

O planeamento urbanístico vixente no municipio de Boqueixón son as normas subsidiarias de planeamento municipal (desde agora NN.SS.), aprobadas definitivamente polo concello con data do 15 de maio de 1996.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu, para o informe preceptivo desta consellería, proxecto de modificación de xaneiro de 2003, subscrito por Isidro López Yáñez como arquitecto dos servizos técnicos municipais.

A modificación proposta tiña por obxecto a modificación das determinacións establecidas no artigo 42 da normativa urbanística para o solo apto para urbanizar industrial SAUI-2, e a súa división en dous sectores, o SAUI-2A e SAUI-2B, como consecuencia da incorporación ao planeamento do trazado do novo

eixo ferroviario Ourense-Santiago de Compostela como reserva de sistema xeral ferroviario.

Ao amparo do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, o 13-3-2003 o director xeral de Urbanismo emitiu informe no que se sinalaron unha serie de deficiencias que debían ser emendadas.

O Pleno da Corporación, en sesión do 14 de maio de 2003, logo dos informes xurídico e técnico, no que se sinala que se introduciron as correccións derivadas do informe da consellería, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, se ben non se achegou co expediente o proxecto coa dilixencia de ter sido aprobado inicialmente.

Segundo certificado da secretaría-interventora do concello, do 29 de xullo de 2003, o expediente de aprobación inicial da modificación estivo exposto ao público polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados no BOP nº 123, do 31 de maio; no DOG nº 114, do 13 de xuño; e nos xornais El Correo Gallego (12 e 13 de xuño) e La Voz de Galicia (16 e 17 de xuño), presentándose durante este período un total de sete alegacións.

Constan no expediente administrativo informe da Subdirección Xeral de Estradas do 2 de xullo de 2003, emitido en sentido favorable, cunhas condicións en relación coas características das incorporacións á estrada AC-260 e a compatibilidade coa intersección do plan parcial do SAUI 1, xa aprobado; e informe da Dirección Xeral de Ferrocarrís do

Ministerio de Fomento, do 28 de xullo, no que se sinala que nos planos remitidos non queda claro o cumprimento das condicións de protección do ferrocarril contidas na lei e no Regulamento de ordenación dos transportes terrestres, xa que as distancias teñen que se medir desde a aresta exterior da explanación, e que, como consecuencia da declaración de impacto ambiental, é probable que o trazado definitivo teña que desprazarse lixeiramente cara ao sur o que suporía que a superficie afectada do sector sería distinta da prevista na modificación das normas subsidiarias. Así mesmo, remítese o proxecto básico do corredor norte-noroeste de alta velocidade. Eixo: Ourense-Santiago de Compostela. Tramo: Lalín-Santiago de Compostela, no que ha quedar perfectamente definido, coa precisión suficiente, o trazado definitivo do tren de alta velocidade.

O Pleno do Concello, en sesión do 20 de agosto de 2003, outorgou a aprobación provisional ao proxecto de modificación, de agosto de 2003, redactado polo arquitecto dos servizos técnicos urbanísticos municipais, que, así mesmo, informou as alegacións presentadas.

A modificación proposta ten por obxecto:

1. Recoller no planeamento o trazado do novo acceso ferroviario de alta velocidade definido polo Ministerio de Fomento, como o novo eixo Ourense-Santiago de Compostela, e clasificar o solo afectado (54.527 m) como solo rústico de protección de infraestruturas.

2. Adaptar os límites do SAU-I-2 aos límites oficiais do termo municipal.

3. Modificar as determinacións establecidas no artigo 42 das NN.SS. vixentes para o SAUI.

4. Clasificar como solo non urbanizable común (solo rústico de protección ordinaria) un ámbito de 80.804 m de solo apto para urbanizar que se localiza ao norte da actuación e que queda illado por mor do trazado do eixo ferroviario e sen posibilidade de conexión co resto do sector.

O proxecto remitido para a aprobación definitiva non completa o informe emitido pola Dirección Xeral de Ferrocarrís, xa que segue a incorporar nos seus anexos I e II os mesmos planos que no proxecto informado pola Dirección Xeral de Urbanismo previamente á aprobación inicial, que se corresponden co estudo informativo do proxecto de acceso ferroviario a Galicia do ano 2001; aspecto da máxima relevancia pois determina as superficies que deben clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas, as que manterán a clasificación como solo urbanizable non delimitado e as que se desclasifican.

Así mesmo, non se dá debido cumprimento ao disposto no artigo 85.4º da citada Lei 9/2002, toda vez que no expediente non constan os informes municipais que nel se exixen.

O proxecto remitido establece a conexión viaria coa estrada AC-960 (antiga AC-260) en rotonda, cando o informe emitido pola Subdirección Xeral de Estradas, que consta no expediente, sinala que se deberá solucionar a intersección con carrís de aceleración e desaceleración. En todo caso, consonte o disposto no artigo 58 da Lei 9/2002, no solo urbanizable non delimitado, o instrumento de planeamento xeral debe sinalar os sistemas xerais que deban executarse e as conexións con eles, o que debe recollerse no proxecto, en particular neste suposto como consecuencia da exixencia do informe de que a conexión se efectúe no mesmo punto que a do SAUI-1, con plan parcial xa aprobado, que está localizado na outra marxe da estrada.

Como consecuencia da observación formulada no anterior informe da consellería respecto da discrepancia no límite municipal recollido nas normas subsidiarias municipais vixentes e nos planos do proxecto da modificación, na documentación aprobada provisionalmente exclúense do ámbito uns terreos, de aproximadamente 26.000 m, pertencentes ao concello de Santiago de Compostela e clasificados no seu plan xeral como solo rústico de protección de monte (hoxe, solo rústico de protección forestal segundo o artigo 32.2º b) da dita Lei 9/2002), e clasifícase como solo urbanizable non delimitado unha franxa duns 30.000 m, de superficie, que non foi obxecto de clasificación nas normas subsidiarias vixentes, á que lle correspondería a clasificación de solo rústico, o que determina a aplicación do disposto no artigo 95 da Lei 9/2002.

O estudo de sustentabilidade, de abril de 2003, non se corresponde coa proposta aprobada provisionalmente, pois segue a referirse a dous sectores de solo urbanizable (SAUI 2 A e 2 B), e debe completarse coa valoración da adecuación das infraestruturas e servizos necesarios para garantir o novo desenvolvemento; neste senso cómpre xustificar documentalmente as referencias contidas na epígrafe 1.1.4 da memoria aos proxectos de saneamento da parroquia de Sergude e de mellora da estrada AC-960.

A vista de canto antecede e, de conformidade co disposto no artigo 85.5º b) da citada Lei 9/2002, considérase que non procede outorgar a aprobación definitiva, debendo procederse á emenda das deficiencias sinaladas. Unha vez reparadas e aprobadas polo concello deberá elevarse de novo o expediente para a súa aprobación definitiva.

A competencia para adoptar esta decisión correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, de conformidade co disposto no artigo 85.5º da Lei 9/2002.

En mérito do dito anteriormente, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de acordo co informe do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña e das subdireccións xerais de Urbanismo e de Dis

ciplina e Informes do 8 de setembro de 2004, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, da mesma data,

DISPOÑO:

Suspender a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Boqueixón no solo apto para urbanizar SAUI-2, polas deficienzas anteriormente sinaladas, que deberán ser emendadas e sometidas a nova aprobación provisional do Concello de Boqueixón antes de elevar de novo o documento para a súa aprobación definitiva pola Comunidade Autónoma.

Esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou poderá ser impugnada directamente perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta, por transcurso do prazo dun mes sen notificar a resolución, do recurso de reposición interposto (artigos 48, 58, 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras

Públicas e Vivenda