DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 01 de outubro de 2004 Páx. 13.381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 233/2004, do 23 de setembro, polo que se modifica o Decreto 199/2002, do 6 de xuño, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, para o período 2002-2005, e se integra o Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións aos arrendatarios no marco do programa bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Decreto 199/2002, do 6 de xuño, desenvolve no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 2002-2005, complementa as axudas ao dito plan, adapta a política de vivenda ás necesidades específicas da Comunidade Autónoma e simplifica as diversas categorías de vivendas de protección pública, mediante a creación dunha nova figura denominada vivendas de protección autónomica.

O Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, foi modificado polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, que incrementa a contía das axudas estatais á promoción de vivendas protexidas en arrendamento, potencia as subvencións estatais aos que rehabiliten vivendas libres para a súa cesión en arrendamento e crea unha nova liña de apoio económico aos arrendatarios cando se dean determinadas circunstancias.

Tales modificacións, que deben ser recollidas no Decreto 199/2002, afectan tamén ao Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, modificado polo Decreto 155/2004, do 25 de xuño, que regula as subvencións aos arrendatarios no marco do programa bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo e neste senso este decreto adapta as modificacións introducidas polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, aos referidos decretos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, consciente da necesidade de potenciar o arrendamento de vivendas, que constitúe un dos obxectivos prioritarios do vixente plan cuadrienal, adoptou a iniciativa de fomentar a cesión de vivendas en aluguer incentivando aos propietarios e facilitando mediante axudas económicas, o acceso a elas mesmas daqueles sectores de poboación que non poden aspirar sen grandes dificultades á propiedade dunha vivenda. Con esta finalidade creouse o programa bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo, regulado polo mencionado Decreto 35/2004,

do 6 de febreiro, e ao que se lle debe dar unha nova redacción, por canto que o Real decreto 1721/2004 establece coa mesma finalidade e no marco do Plan de Vivenda 2002-2005, axudas para arrendadores e arrendatarios que é necesario compatibilizar, en canto á súa xestión, coas que xa viña outorgando a Comunidade. Por iso estimouse conveniente dar unha nova redacción ao Decreto 35/2004 e integralo no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, do que, como norma reguladora do vixente Plan de Vivenda 2002-2005 modificado, pasa a formar parte. Así mesmo, aprovéitase a dita integración normativa para fixar as axudas complementarias ao arrendamento que melloran substancialmente as establecidas na normativa estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de setembro de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo un.-Modificación do Decreto 199/2002, do 6 de xuño, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, para o período 2002-2005.

O Decreto 199/2002, do 6 de xuño, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, para o período 2002-2005, modifícase nos seguintes termos:

Un.-Dáse nova redacción ao parágrafo d) do artigo 3º e engádense dous novos parágrafos, g) e h):

«d) A adquisición doutras vivendas existentes, libres ou suxeitas a réximes de protección pública, cando se trate dunha segunda ou posterior transmisión, ou de vivendas libres, de nova construción ou resultantes de actuacións de rehabilitación, nas condicións establecidas no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, sexa para uso propio ou para a súa cesión en réxime de arrendamento por entidades sen ánimo de lucro, organismos públicos e sociedades que inclúan no seu obxecto social o arrendamento de vivendas».

«g) A cesión de vivendas libres para arrendamento, nas condicións establecidas no Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, e neste mesmo decreto.

h) As actuacións de apoio económico aos arrendatarios, nas condicións que se establecen no Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, e neste mesmo decreto».

Dous.-Dáse unha nova redacción aos parágrafos a) e b) do artigo 4º.2:

«a) Con cargo aos orzamentos do Estado:

-Subsidiación dos préstamos cualificados.

-Subvencións.

-Outras axudas económicas directas destinadas a facilitar o pagamento da entrada para o primeiro acceso á vivenda en propiedade.

-Outras subvencións destinadas a fomentar a oferta de vivendas libres en arrendamento e facilitar o pagamento da renda aos arrendatarios.

b) Con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Subvencións.

-Outras subvencións destinadas a facilitar o pagamento da renda aos arrendatarios».

Tres.-Engádese un novo parágrafo ao artigo 5º, coa seguinte redacción:

«As subvencións destinadas a facilitar o pagamento da renda aos arrendatarios imputaranse aos créditos consignados na aplicación orzamentaria 06.60.331A 480.1».

Catro.-Os parágrafos b) e d) do artigo 6º quedan redactados do seguinte xeito:

«b) Que os adquirentes, adxudicatarios, promotores individuais para uso propio ou arrendatarios no sexan titulares de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou desfrute sobre outra vivenda suxeita a réxime de protección pública, nin o sexan sobre unha vivenda libre na mesma localidade na que se sitúa a vivenda obxecto da actuación protexida, cuando o valor da dita vivenda libre, determinado de acordo coa normativa do imposto sobre transmisións patrimoniais, exceda do 40 por 100 do prezo máximo total de venda da vivenda obxecto da actuación protexida, ou do 60 por 100 no caso de familias numerosas. Non será de aplicación a restrición correspondente á titularidade de vivendas libres cando se trate do financiamento cualificado correspondente aos supostos recollidos no punto 7 do artigo 20 e no parágrafo c) do artigo 35.2º do Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, e neste decreto, sempre que se acredite que as ditas

vivendas se puxeron á disposición da Comunidade Autónoma, a través da bolsa de vivenda en aluguer, para a súa oferta en arrendamento por un perído mínimo de cinco anos.

Todo iso, sen prexuízo das condicións establecidas para o primeiro acceso á vivenda en propiedade».

«d) Que os adquirentes, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio non obtivesen previamente financiamento cualificado, ao abeiro dos plans estatais de vivenda, durante os dez anos ante

riores á solicitude daquela. Non será preciso cumprir esta condición cando a nova solicitude de financiamento cualificado se deba á adquisición ou rehabilitación dunha vivenda, para destinala a residencia habitual e permanente, noutra localidade, como consecuencia do cambio de residencia do titular, ou cando se trate dunha familia numerosa que acceda a unha nova vivenda de maior superficie da que posúa, ou cando o financiamento cualificado previamente obtido consistise nas subvencións a arrendatarios previstas no Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, e neste decreto. En calquera caso, será precisa a previa cancelación do préstamo cualificado anteriormente obtido e a devolución das axudas econónicas directas obtidas, actualizadas cos xuros legais, salvo no suposto de familias numerosas e das mencionadas subvencións a arrendatarios.

No suposto de compradores de vivendas existentes, aos que se refire o artigo 20.7º do Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, non será preciso o cumprimento do prazo indicado de financiamento cualificado, así como tampouco a cancelación do préstamo ou préstamos cualificados, nin a devolución de axudas económicas directas».

Cinco.-O punto 2 do artigo 11º queda redactado do seguinte xeito:

«2. Os adquiridores, adxudicatarios e promotores individuais para uso propio, non podrán transmitir inter vivos nin ceder o uso, por ningún título, das vivendas para as que obtivese préstamo cualificado, durante o prazo de dez anos desde a formalización do dito préstamo. Quedan exceptuadas as familias numerosas, no suposto a que se refire o punto 2 do artigo 7º deste decreto, así como os adquirentes previstos no punto 7 do artigo 20 do Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, en canto ao arrendamento das vivendas; e poderá deixarse sen efecto esta prohibición de dispoñer, en caso de poxa e adxudicación da vivenda por execución xudicial do préstamo, por cambio de localidade de residencia do titular da vivenda, ou por outros motivos xustificados, mediante autorización da Comunidade Autónoma. En calquera caso, agás no citado suposto do artigo 20, requirirase a previa cancelación do préstamo e reintegro das axudas económicas

directas recibidas á Administración estatal e autonómica concedentes en cada caso, incrementadas cos xuros legais desde o momento da percepción.

Unha vez transcorridos dez anos desde a formalización do préstamo cualificado ao adquiridor, adxudicatario ou promotor individual para uso propio, a transmisión inter vivos ou a cesión do uso por calquera título das vivendas a que se refire o punto anterior suporá a perda da condición de cualificado do préstamo, podendo a entidade concedente determinar a súa resolución».

Seis.-O artigo 13º queda redactado do seguinte xeito:

«As solicitudes de axudas para a adquisición de vivendas declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma, para a adquisición protexida doutras vivendas existentes, para actuacións en rehabilitación de edificios de vivendas ou de solo, así como para o arrendamento e posta á disposición de vivendas no marco da bolsa de vivenda en aluguer, presentarán nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda, o por cualquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do de 13 xaneiro, conforme os modelos establecidos como anexos deste decreto, acompañadas da documentación que neles se especifica».

Sete.-Engádese un novo parágrafo ao artigo 28º, coa seguinte redacción:

«Nos supostos recollidos no punto 7 do artigo 20º do dito real decreto conforme a nova redacción dada polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, as entidades sen ánimo de lucro, os organismos públicos, e as sociedades que inclúan no seu obxecto social o arrendamento de vivendas, poderán acollerse ao financiamento cualificado nos termos previstos no punto 4 do artigo 21 do dito real decreto modificado».

Ocho.-Engádese un novo punto 5 ao artigo 31º, coa seguinte redacción:

«5. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, cando se cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, recoñecerá ás entidades sen ánimo de lucro, aos organismos públicos e ás sociedades que inclúan no seu obxecto social o arrendamento de vivendas, que adquiran vivendas existentes para a súa cesión en arrendamento, nas condicións fixadas no artigo 20.7º do dito real decreto modificado, o dereito a solicitar préstamos cualificados coas características establecidas no artigo 25º.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo ao financiamento do Ministerio de Vivenda, recoñecerá aos adquiridores que obtivesen préstamo cualificado, o dereito á percepción da subsidiación e subvencións que correspondan, nos termos e condicións que se prevexan no artigo 24.4º do real decreto modificado.

A percepción da subvención requirirá a previa presentación do contrato de arrendamento visado.

En todo caso a concesión da subvención estará condicionada á existencia de crédito orzamentario na partida correspondente, polo que, se no momento no que se achegue a documentación non existe crédito suficiente, resolverase cando a cobertura orzamentaria o permita».

Artigo dous.-Integración do Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións aos arrendatarios no marco do programa bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, para o período 2002-2005.

O Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións aos arrendatarios no marco do programa bolsa de vivenda en aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo modifícase en todo o seu articulado e intégrase como capítulo VII ao Decreto 199/2002, do 6 de xuño, coa seguinte redacción:

«Capítulo VII.

Axudas para arrendamento de vivendas no marco do programa bolsa de vivenda en aluguer.

Sección 1ª. Obxecto e disposicións xerais.

Artigo 42º.-Obxecto.

Estas disposicións teñen por obxecto promocionar e incentivar, mediante subvencións a fondo perdido, o aluguer de vivendas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, facilitando o acceso a unha vivenda preferentemente a mozos e demais sectores da poboación con ingresos de ata 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Artigo 43º.-Concepto de aluguer.

Para os efectos das axudas previstas neste decreto, considerase arrendamento de vivenda aquel que recae sobre unha edificación habitable que teña por destino primordial satisfacer a necesidade permanente de vivenda do arrendatario. Igualmente enténdese como tal o arrendamento de rocho e praza de garaxe accesorios do predio.

Só é subvencionable o arrendamento da vivenda destinada a residencia habitual e permanente. Para que sexa considerado aluguer de vivenda habitual a duración mínima del deberá ser dun ano.

Artigo 44º.-Requisitos das vivendas.

As vivendas que se arrenden ao abeiro das axudas que se establecen neste decreto deberán cumprir os seguintes requisitos:

-Que reúnan unhas condicións mínimas de aptitude, que serán comprobadas por un organismo de control técnico independente contratado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, que as visitará coa finalidade de determinar o seu estado e emitir un informe para o efecto.

-Que a renda máxima anual inicial que perciba o titular da vivenda libre non poderá superar o 7% do prezo teórico máximo da vivenda que, para efectos de cálculo, se determinará aplicando o prezo máximo

a que se refire o artigo 20.2º, último parágrafo, do Real decreto 1/2002, modificado polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, a unha superficie útil que non poderá exceder de 90 metros cadrados, así como, no caso de que existisen garaxe e rocho, a unha superficies máximas destes que corresponderán ás establecidas no artigo 14 b), con independencia de que as superficies útiles respectivas da vivenda, garaxe e rocho puidesen ser superiores ás indicadas.

-Que a vivenda alugada non estea sometida a limitación ningunha derivada da súa cualificación como de protección ou promoción pública que impida arrendala.

Artigo 45º.-Actuacións subvencionables.

Para os efectos deste decreto, consideranse subvencionables as seguintes actuacións:

Os contratos de arrendamento de vivendas xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo que se celebren ao abeiro do programa bolsa de vivenda en aluguer.

A posta a disposición no marco do referido programa polos propietarios, de vivendas libres para arrendamento durante cinco anos.

Sección 2ª. Das axudas aos arrendatarios.

Artigo 46º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas para facilitar o pagamento da renda as unidades familiares ou de convivencia que formalicen un contrato de arrendamento dun aluguer subvencionable cuxos ingresos anuais sexan inferiores ou iguais a 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), calculados segundo os criterios establecidos no artigo 12º do Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, e o artigo 10.1º do Decreto 199/2002, do 6 de xuño.

2. O arrendatario deberá destinar a vivenda alugada a residencia habitual e permanente durante a vixencia do contrato.

3. No caso de que residan varias persoas que non formen parte da mesma unidade familiar ou de convivencia na vivenda alugada, todas deberán contratar solidariamente, facéndose constar expresamente no contrato esta circunstancia.

4. Será requisito imprescindible para beneficiarse da subvención a constitución dun aval bancario por un importe equivalente ás seis primeiras mensualidades completas de renda de aluguer por unha duración que cubra a vixencia do contrato e os seis meses posteriores á extinción do arrendamento. As sucesivas prórrogas do contrato de arrendamento suporán a renovación do aval bancario.

5. Para a percepción das axudas non debe existir vinculación familiar co arrendador ata o terceiro grao

de consanguinidade ou segundo de afinidade por ningunha das persoas que habiten a vivenda e ningún dos ocupantes poderá ter facultade efectiva de uso dunha vivenda no mesmo municipio no que se atopa a vivenda que se vai alugar.

Artigo 47º.-Axudas.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, cando se cumpran os requisitos establecidos neste decreto e no Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, recoñecerá o dereito a subvencionar en todo caso, con cargo aos orzamentos do Ministerio de Vivenda, o 40% da renda anual de aluguer, cun máximo de 2.880 euros, sempre que a unidade familiar ou de convivencia teña uns ingresos ponderados de ata 2,5 veces o indicador público de renda (IPREM), calculados conforme se determina no parágrafo primeiro do artigo 46 deste decreto.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo complementará as ditas axudas con fondos da Comunidade Autónoma de acordo cos seguintes termos:

-Para as unidades familiares ou de convivencia que teñan ingresos ponderados de ata 1 vez o IPREM: as axudas complementaranse nun 20% da renda de aluguer.

-Para as unidades familiares ou de convivencia que teñan ingresos ponderados entre 1 e 1,5 veces o IPREM: as axudas complementaranse nun 15% da renda de aluguer.

-Para as unidades familiares ou de convivencia que teñan ingresos ponderados entre 1,5 e 2 veces o IPREM: as axudas complementaranse nun 10% da renda de aluguer.

-Para as unidades familiares ou de convivencia que teñan ingresos ponderados entre 2 e 2,5 veces o IPREM: as axudas complementaranse nun 5% da renda de aluguer.

As unidades familiares ou de convivencia que teñan ingresos ponderados comprendidos entre 2,5 e 3 veces o IPREM subvencionaraselles o 25% da renda de aluguer.

A subvención concederase por doce meses, producindo efecto desde a data da sinatura do contrato de arrendamento.

A duración máxima da subvención, mentres se cumpran os requisitos de ingresos establecidos nesta disposición, terá un límite máximo de cinco anos. No suposto de que a subvención que se outorgue con cargo ao Ministerio de Vivenda non se prorrogue unha vez rematados os primeiros 24 meses, poderase complementar con cargo á Comunidade Autónoma ata cubrir a totalidade da inicialmente concedida.

No caso de contratos superiores a un ano ou de prórroga dos contratos de aluguer, o beneficiario deberá achegar, nos dez primeiros días do mes anterior ao vencemento de cada anualidade do contrato,

a documentación pertinente para que sexan revisadas as condicións de outorgamento da subvención para a seguinte anualidade. Para o caso de que o beneficiario non reúna os requisitos establecidos, non se concederá a subvención.

Artigo 48º.-Ingresos da unidade familiar ou de convivencia.

Para a concesión destas subvencións consideranse ingresos da unidade familiar ou de convivencia os ingresos anuais de todos os ocupantes da vivenda, exista ou non, entre eles, relación de parentesco.

Artigo 49º.-Procedemento.

Unha vez presentada a solicitude de entrada no programa de bolsa de vivenda en aluguer, xunto coa documentación, expedirase unha declaración pola que se lle recoñece ao peticionario o dereito a solicitar a subvención, quedando incorporado á bolsa. Para proceder á sinatura do contrato de arrendamento deberá constituír o aval bancario previsto no parágrafo cuarto do artigo 46.

Simultaneamente á sinatura do contrato de arrendamento, o arrendatario poderá solicitar a subvención a fondo perdido para aluguer, xuntando a documentación que figura no modelo recollido no anexo deste decreto.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá se procede ou non o outorgamento da subvención e determinará, en caso positivo, o seu importe. A resolución de concesión da subvención producirá efectos desde a sinatura do contrato de arrendamento por un prazo de doce meses, quedando supeditado o pagamento mensual a aquel que se establece no artigo 50.

O prazo máximo para ditar a resolución será de tres meses desde a data da solicitude. Transcorrido dito prazo sen que recaia resolución expresa os interesados poderán entender desestimada a petición.

Contra a resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 50º.-Pagamento da subvención.

Para proceder ao aboamento da subvención, o beneficiario dela deberá ter efectuado nos primeiros sete días de cada mes na conta que se designe, o ingreso da parte da renda que lle corresponda pagar, segundo o establecido na resolución de concesión. No caso de que existan varios beneficiarios de subvención para un mesmo contrato de arrendamento, realizarase un só ingreso pola contía total, respondendo solidiariamente todos eles das obrigas contraídas. No caso de que non se produza o ingreso no prazo indicado, o Instituto Galego da Vivenda e Solo reterá o importe da subvención correspondente.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo aboaralle ao arrendador, nos quince últimos días de cada mes, o importe do ingreso realizado polos arrendatarios xunto co importe da renda de aluguer subvencionada.

Se o arrendatario non tivese ou perdese o dereito á subvención, o pagamento da renda pactada será realizado polo arrendatario directamente ao propietario, correspondendo a este último a custodia do aval.

Artigo 51º.-Obrigas do beneficiario.

O beneficiario da subvención deberá cumprir as seguintes obrigas:

-Realizar as actividades ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

-Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

-Someterse ás actuacións de comprobación que teña que efectuar o órgano concedente así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

-Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionables. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

-Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

-Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 54 deste decreto.

Sección 3ª. Das axudas aos arrendadores.

Artigo 52º.-Relacións xurídicas entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o arrendador derivadas da xestión da bolsa de vivenda en aluguer.

Pola inclusión da vivenda na bolsa de aluguer, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo a fondos da Comunidade Autónoma, concederalles os seguintes beneficios ao arrendador:

-Exixencia ao arrendatario dun aval bancario, que quedará en depósito no Instituto Galego da Vivenda e Solo, por un importe equivalente ás seis primeiras mensualidades completas de renda que cubra a vixencia do contrato e seis meses suplementarios.

-Un servizo gratuíto de defensa xurídica, para a reclamación de rendas vencidas e non pagadas. No caso de que o arrendador opte por prescindir deste

servizo e decida que a representación procesal sexa asumida por un avogado da súa elección, o Instituto Galego da Vivenda e Solo aboaralle una contía máxima de 240 A, logo de xustificación dos honorarios.

-Contratación dun seguro multirrisco, que cubra os desperfectos derivados do arrendamento da vivenda, agás os orixinados polo desgaste derivado do uso ordinario dela, e cuxo beneficiario será o arrendador.

-A xestión, administración e cobramento derivados do contrato asinado dentro da bolsa.

O arrendador comprométese a:

-Introducir a vivenda na bolsa por un período de dous meses prorrogables, ou de cinco anos no suposto recollido no artigo seguinte.

-Arrendar a vivenda sempre que exista un arrendador que reúna os requisitos, podendo, no caso de que concorresen varios solicitantes, escoller o arrendador entre eles.

-Asinar un contrato de arrendamento de vivenda nos termos recollidos na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e segundo o modelo establecido por resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e que estará totalmente sometido á xurisdición ordinaria.

-Se é o caso, outorgar os poderes de representación oportunos para a súa defensa xurídica por avogado e procurador, designados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e para a defensa procesual que requira a compañía de seguros.

Artigo 53º-Subvención ao propietario.

Poderán obter unha subvención con cargo aos fondos do Ministerio de Vivenda os propietarios de vivendas libres, con superficie útil de ata 120 metros cadrados, que as ofrezan en arrendamento, por un período mínimo de cinco anos, a través da bolsa de vivenda en aluguer. A subvención destinarase a cubrir os gastos de rehabilitación previa á cesión en arrendamento. A contía máxima da subvención será de 6.000 euros, sen que poida superar a contía total das obras de rehabilitación.

A renda máxima anual inicial que vaia percibir o titular da vivenda libre non poderá superar o 7% do prezo teórico máximo da vivenda que, para efectos de cálculo, se determinará aplicando o prezo máximo ao que se refire o artigo 20.2º, derradeiro parágrafo do Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1721/2004, do 23 de xullo, a unha superficie útil que non poderá exceder de 90 metros cadrados, así como, no caso de que existisen garaxe e rocho, a unhas superficies máximas destes que corresponderán ás establecidas no artigo 14.b), con independencia de que as superficies útiles respectivas da vivenda, garaxe e rocho puidesen ser superiores ás indicadas.

O compromiso de ofrecemento da vivenda deberá formalizarse a través de documento administrativo. No caso de que non se cumpra o compromiso de posta á disposición na bolsa durante os cinco anos, o propietario deberá proceder a devolver as axudas obtidas.

Unha vez formalizado o compromiso de ofrecemento da vivenda, achegada a documentación xustificativa das reparacións efectuadas, logo das comprobacións que se consideren oportunas para verificar que as facturas presentadas concordan coas actuacións executadas, e celebrado o contrato de arrendamento no marco da bolsa, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá sobre o outorgamento da subvención. O prazo máximo para ditar a resolución será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa os interesados poderán entender desestimada a petición. Contra a resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Sección 4ª. Das obrigas formais.

Artículo 54º.-Garantías.

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das subvencións suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga de reintegro por parte do beneficiario das axudas recibidas, incrementadas cos xuros legais desde o momento da percepción. Procederá o reintegro nos seguintes casos:

-Obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificar, ou xustificar insuficientemente.

-Resistencia, excusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas neste decreto.

-Incumprimento das obrigas impostas pola Administración así como dos compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención.

-Incumprimento polo propietario de vivenda libre do compromiso de posta á disposición da vivenda na bolsa durante cinco anos.

Atigo 55º.-Causas de revogación.

A resolución da concesión podrá revogarse polas seguintes causas:

-A aportación de datos falsos ou que induzan a erro na documentación presentada.

-O incumprimento das obrigas estipuladas no contrato de arrendamento imputables ao arrendatario e, se é o caso, ao arrendador.

-En xeral, o incumprimento de cualquera outra estipulación contida neste decreto.

Artigo 56º.-Facultades de inspección.

Desde o momento da presentación da solicitude poderán realizarse todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e o destino da subvención concedida.

Artigo 57º.-Compatibilidade.

Esta subvención resulta incompatible con cualquera outra axuda destinada ao aluguer de vivenda agás no caso de vítimas de violencia de xénero».

Disposicións adicionais

Primeira.-As mencións que no Decreto 199/2002, do 6 de xuño, se fan ao Ministerio de Fomento, entenderanse referidas ao Ministerio de Vivenda.

Segunda.-Co obxecto de acadar as finalidades previstas no programa bolsa de vivenda en aluguer, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios de colaboración con colexios profesionais e asociacións, especialmente coas que teñan como obxecto a intermediación e xestión no mercado de vivendas.

Terceira.-O capítulo VII deste decreto non será de aplicación aos contratos que, á entrada en vigor deste decreto, se teñan acollido á regulación do Decreto 35/2004, do 6 de febreiro, modificado polo Decreto 155/2004, do 25 de xuño.

Disposición transitoria

Única.-No supuesto de renovación dos contratos de arrendamento celebrados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, utilizarase para o cálculo das axudas o sistema previsto no artigo 47 deste decreto.

Disposición derradeira

Unica.-Este decreto entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se ben terá efectos desde o 29 de xullo de 2004, para as subvencións aos arrendadores reguladas no artigo 53, sempre que a vivenda posta á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo fose efectivamente arrendada con posterioridade á dita data no marco da bolsa de vivenda en aluguer. O outorgamento destas axudas supeditarase ao establecido, en materia de obxectivos, no convenio entre o Ministerio de Vivenda e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela o vinte e tres de setembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial Obras Públicas e Vivenda