DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 30 de setembro de 2004 Páx. 13.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 232/2004, do 23 de setembro, polo que se delimita o contorno de protección da igrexa de Santo Estevo de Atán, no concello de Pantón, provincia de Lugo.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 15 de decembro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 2 de febreiro de 2004), incoou expediente para a declaración de delimitación do contorno de protección da igrexa de Santo Estevo de Atán, Pantón (declarada Ben de Interese Cultural por Decreto do 23 de agosto de 1975).

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro,

do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de setembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delimitar o contorno de protección da igrexa de Santo Estevo de Atán, concello de Pantón, na provincia de Lugo.

Artigo 2º

A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación escrita contida no anexo I e no plano recollido no anexo II.

Artigo 3º

Este decreto seralles notificado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ao Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ao Concello de Pantón e aos demais interesados no expediente.

Artigo 4º

Este decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia e no BOE.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

O contorno de protección da igrexa de Santo Estevo de Atán, Pantón (Lugo), queda definido pola liña que une os puntos 1-2-3-4-5-6-7, estando o punto 1 situado no río Miño en liña coa divisoria de augas do Cornedo de Castro (Barreiros) que separa as aldeas de Seoane e Reiriz.

1-2: divisoria das augas do Cornedo de Castro ata o seu cumio na cota 571,60 m.

2-3: liña que une o cumio de cota 571,60 co cumio de cota 556.50 e baixa á estrada que une o lugar de Seoane coa C-546, xusto no desvío que conduce ao lugar de Cima de Atán.

3-4: treito desta estrada cara á C-546 ata o outro desvío que conduce ao lugar de Cima de Atán.

4-5: liña recta que atravesa o barranco de Atán e sae á estrada C-546 de Ferreira de Pantón a Ourense.

5-6: treito desta estrada de Ferreira de Pantón a Ourense, en dirección a Ourense, uns 1.150 metros aproximadamente, ata o inicio da pista que, en zigzag, leva a Atán.

6-7: Liña en dirección oeste coincidente coa valgada ata atopar o río Miño.

7-8: Liña sobre o río Miño que pecha a delimitación.