DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 29 de setembro de 2004 Páx. 13.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2004 pola que se convoca un curso de contratación administrativa para persoal de Administración local.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2004, e a través do Centro de Estudos Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de contratación administrativa para persoal de Administración local, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Actualización de coñecementos en materia contractual, analizando desde un punto de vista práctico as diversas clases de contratos e os seus respectivos réximes xurídicos.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e técnicos de corporacións locais pertencentes aos grupos A/B ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 45 horas.

2. Lugar: Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, RR. II. e Administración Pública; edificio administrativo de Monelos, praza Luis Seoane, s/n, 15008 A Coruña.

3. Datas: 8, 9, 10, 11, 15, 16, 17, 18, 22, 23, 24, 25, 29, 30 de novembro e 1 de decembro de 2004.

4. Horarios: das 17.00 ás 20.00 horas.

5. Prazas: 40.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en todas as súas epígrafes, e na que se farán constar, en todo caso, os seguintes datos:

Descrición do posto de traballo que desempeña na actualidade, presentando coa solicitude a certificación, que figura como anexo II desta resolución, na que conste o tipo de traballo que realiza e a súa relación co contido do curso.

Conformidade da entidade na que presta servizos. Cando solicite máis dun interesado da mesma corporación, deberase especificar a orde de preferencia.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.

As solicitudes irán dirixidas ao director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitadas por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 22 de outubro de 2004.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente aos admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 11 de febreiro de 2004, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a todas as sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ao 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e corrección, BOE nº 311, do 29 de

decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,60 puntos.

Novena.-Contido.

A contratación nas administracións públicas. Ámbito de aplicación da lei, disposicións comúns aos contratos das administraciones públicas. Capacidade e solvencia das empresas. A Xunta Consultiva e a clasificación e rexistro das empresas. Garantías exixidas para os contratos coa Administración. Pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, perfección e formalización dos contratos. Prerrogativas da Administración. Invalidez dos contratos. Actuacións administrativas preparatorias dos contratos. Tramitación dos expedientes de contratación. Os principios da contratación administrativa. Ética e contratación. Adxudicación dos contratos. Execución e modificación dos contratos. Revisión de prezos nos contratos da Administración. Extinción dos contratos. Cesión dos contratos e da subcontratación. Contratación no estranxeiro. Contrato de obras. As autorizacións, permisos e licenzas para a execución das obras. O estudo de seguridade e saúde. O estudo básico de seguridade e

saúde. Coordinación de seguridade e saúde e prevención de riscos laborais. Financiamento da obra pública mediante concesión de dominio público. Publicidade dentro do ámbito da Comunidade Europea e dos procedementos de adxudicación do contrato de obras. Execución e modificación do contrato de obras. Modificación do contrato de obras. Extinción do contrato de obras. Resolución do contrato de obras. Execución das obras pola propia Administración. Contrato de xestión de servizos públicos. Modificación do contrato de xestión de servizos públicos. Efectos e extinción do contrato de xestión de servizos públicos. Resolución do contrato de xestión de servizos públicos. Subcontratación do contrato de xestión de servizos públicos. Contrato de subministración. Contrato de consultoría e asistencia e dos servizos. Contrato de concesión de obras públicas. Réxime económico-financeiro da concesión. Endebedamento das entidades locais. Os contratos de seguros nas administracións públicas e os contratos

patrimoniais. Contratos privados de utilización máis frecuente polas administracións públicas. Aspectos de fiscalización, contabilidade e orzamentarios da contratación administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO II

D

xefe de persoal do concello ou entidade local

CERTIFICO:

Que Don/a .,

no desempeño do seu posto de traballo de

realiza tarefas directamente relacionadas co contido do curso

................... , de de 2004.

Fdo.: .............................