DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 29 de setembro de 2004 Páx. 13.274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 8 de setembro de 2004 pola que se acorda a cesión en uso da embarcación Illa da Creba propiedade da Xunta de Galicia á Autoridade Portuaria de Vigo.

O Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, dispón que esta é o órgano da administración ao que lle corresponden, entre outras, desenvolver as competencias e funcións que en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, loita contra a contaminación, planificación e actuacións portuarias con incidencia no mundo da pesca lle atribúe o Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Por outra banda a Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, define as autoridades portuarias como aquelas entidades de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio propios ás que lle corresponden, entre outras, competencias en materia de control das operacións marítimas e terrestres relacionadas co tráfico portuario e cos seus servizos, de fomento das actividades industriais e comerciais así como de ordenación da zona de servizo do porto e dos seus usos en coordenación coas administracións competentes.

No marco do réxime legal regulador das relacións interadministrativas entre as comunidades autónomas e a administración do Estado, a Autoridade Portuaria de Vigo solicitou a cesión en uso da embarcación Illa da Creba propiedade da Xunta de Galicia para a realización de labores de vixilancia e control no porto de Vigo, considerando que á vista da complementariedade das actividades que teñen que desenvolver ambas administracións, a regulación deste tipo de mecanismos de colaboración, cooperación e asistencia activas e voluntarias están encamiñados a cumprir cunha maior eficiencia o exercicio das competencias atribuídas a cada unha delas así como para reforzar o esforzo dedicado co fin de que as medidas adoptadas por unha e outra se potencien mutuamente.

Con este fin a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión da citada embarcación, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, probado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de

febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en uso á Autoridade Portuaria de Vigo da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Illa da Creba.

Ano construción: 1993.

Modelo: Anduriña II nº 40.

Motor: Suzuki nº DT225TCLN (225 c.v.).

Dimensións: manga 2 m, eslora 5,30 m, puntal 0,77 m.

T.R.B: 1,99.

Datos de inscrición: folio 1-93, lista 8ª.

Ano inscrición: 1993.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido destinarase aos labores de vixilancia e control nas instalacións portuarias.

b) A cesión, en uso, outórgase polo prazo de cinco anos, prorrogables por períodos sucesivos de igual duración mediante acordo expreso da consellería, logo da petición do cesionario efectuada con anterioridade ao vencemento do período anterior e sen prexuízo do previsto nos parágrafos seguintes.

c) A Autoridade Portuaria de Vigo comprométese a efectuar o pagamento de todos os gastos devengados en concepto de seguros e de mantemento da embarcación durante o período de cesión dela.

d) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben devolverase á Xunta de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que experimentase.

e) A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá comprobar o cumprimento das obrigas que leve implícitas a cesión, en virtude das facultades de control e vixilancia da cesión atribuídas no artigo 87 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou funcionario no que delegue, e o órgano competente da autoridade portuaria, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da súa delegación territorial, realizará os trámites necesarios para a efectividade da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos