DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 29 de setembro de 2004 Páx. 13.258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, atribúelle, no seu artigo 8, ao Goberno do Estado a fixación das ensinanzas comúns, que constitúen os elementos básicos do currículo das distintas ensinanzas, co fin de garantir unha formación común a todos os alumnos e a validez dos títulos correspondentes.

Pola súa parte, a disposición adicional primeira do Real decreto 362/2004, do 5 de marzo (BOE do 26 de marzo), pola que se establece a ordenación xeral da formación profesional específica, establece que as ensinanzas de artes plásticas e deseño se organizarán en ciclos formativos, de acordo co nel disposto.

Estas disposicións, xunto co Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 28 de abril), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas, constitúen o contido normativo básico regulador dos ciclos formativos das ensinanzas de artes plásticas e deseño.

Segundo o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo (DOG do 18 de agosto), que regula o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Administración educativa galega completar os currículos dos correspondentes ciclos formativos e, xa que logo, os obxectivos e os criterios que se terán en conta no proceso de avaliación dos ciclos formativos, no seu ámbito competencial.

Pola súa banda, a Orde do 16 de febreiro de 1996 (BOE do 23 de febreiro), estableceu os elementos básicos dos informes de avaliación do alumnado que curse os ciclos formativos de artes plásticas e deseño, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que se precisan para garantir a mobilidade do alumnado.

A experiencia acumulada logo da publicación da Orde do 2 de setembro de 2002 (DOG do 17 de setembro), que regulou a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas artísticas de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, aconsella ditar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellorar o proceso de avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa estas ensinanzas.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o Decreto 454/2003, do 26 de decembro (DOG do 19 de xaneiro de 2004), que establece a estrutura orgánica desta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular a avaliación e a acreditación académica do alumnado de artes plásticas e deseño que cursa estudos, na Comunidade Autónoma de Galicia, en centros públicos ou privados que estean autorizados para impartir ciclos de formación específica de graos medio ou superior.

Artigo 2º.-Normas xerais da avaliación.

1. A avaliación realizarase tendo en conta as capacidades profesionais e as tarefas máis significativas características do título, que constitúen a referencia para definir os obxectivos xerais do ciclo formativo, así como os obxectivos dos módulos, expresados en termos de capacidades terminais que o conforman. Estes referentes para a avaliación serán os establecidos no correspondente currículo.

2. Así mesmo, dado que os centros docentes deben completar e desenvolver o currículo, tamén se terán en conta no proceso de avaliación destas ensinanzas os obxectivos, as capacidades e os criterios de avaliación que para cada ciclo se concretasen no proxecto curricular do centro. Neste proxecto deberán especificarse as actuacións, as estratexias e os instrumentos de avaliación máis axeitados para valorar os logros acadados.

3. Os criterios de avaliación fixados para cada capacidade terminal establecen o nivel de consecución desta e, xa que logo, os resultados mínimos que se deben acadar no proceso de ensino-aprendizaxe. En consecuencia, constitúen o referente inmediato para o proceso de avaliación das capacidades de cada módulo.

Artigo 3º.-Avaliación das ensinanzas.

1. A avaliación das ensinanzas dos ciclos formativos será inicial, continua e final, aínda que diferenciada segundo os módulos que compoñen o currículo.

2. A avaliación inicial servirá para que cada profesor constate o nivel do alumno antes de comezar o proceso de ensino-aprendizaxe.

3. A avaliación continua é aplicable ao longo de todo o proceso de ensino-aprendizaxe e require a asistencia regular do alumnado ás clases e ás demais actividades lectivas programadas para os distintos módulos do ciclo formativo.

A partir das directrices xerais establecidas no regulamento de réxime interno do centro, o proxecto

curricular do ciclo concretará, para cada módulo, o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua; en todo caso, este número de faltas non poderá ser superior ao 10% da duración do módulo.

4. A avaliación final servirá para valorar os resultados obtidos polo alumno ao termo do proceso de ensino-aprendizaxe e para determinar a cualificación final do ciclo formativo en función da consecución dos obxectivos xerais do currículo e a competencia xeral do título.

Artigo 4º.-Plan de avaliación.

1. A avaliación realizarase por módulos e polo profesorado que imparte docencia aos alumnos. O proxecto curricular de ciclo deberá programar para cada módulo un plan de avaliación seguindo as directrices especificadas no currículo correspondente ao ciclo formativo e no proxecto curricular do centro.

2. O proxecto curricular de cada ciclo establecerá o plan extraordinario de avaliación, no que se fixarán os criterios e os procedementos de avaliación así como o deseño das probas que permitan aos alumnos que perderon o dereito á avaliación continua, descrita no artigo 3º desta orde, evidenciar o logro das capacidades terminais establecidas para cada módulo non superado.

3. Co fin de garantir a función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberase informar dos criterios de avaliación que serán aplicados para evidenciar a adquisición das capacidades establecidas no currículo, así como do nivel mínimo que se considera suficiente para acadar a avaliación positiva.

Artigo 5º.-Adaptacións curriculares.

Cando o progreso dun alumno non responda globalmente aos obxectivos programados, o equipo docente adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo ou adaptación curricular. Neste caso, e sen que isto signifique unha mingua das capacidades mínimas que se establecen no documento base do currículo, a valoración do rendemento do alumno realizarase tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos de forma individualizada para este.

Artigo 6º.-Plan de actividades de recuperación de módulos.

1. No proxecto curricular de cada ciclo o equipo docente establecerá o plan de actividades de recuperación, que fixará para cada módulo os criterios e o procedemento de avaliación que permitan veri

ficar o logro das capacidades terminais establecidas para cada un deles aos alumnos que no proceso ordinario de ensino-aprendizaxe non o superaron.

2. O programa de actividades de recuperación desenvolverase no terceiro trimestre do último ano do plan de estudos do ciclo formativo.

Artigo 7º.-Fase da formación práctica en empresa, estudo ou taller (FPEET).

1. A fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres e a obra ou proxecto final realizaranse unha vez superados os restantes módulos profesionais que constitúen o ciclo formativo.

2. Para acceder á fase de formación práctica en empresa, estudo ou taller será preciso ter aprobados todos os módulos do ciclo agás a obra ou proxecto final.

3. O equipo docente poderá revogar a autorización concedida aos alumnos para realizaren a súa formación práctica en empresas, estudos ou talleres cando manifesten durante o seu desenvolvemento un baixo rendemento contrastado ou fosen sancionados en expediente disciplinario.

4. A avaliación do módulo de formación práctica en empresa, estudo ou taller realizaraa o profesor ou titor do grupo de alumnos, quen establecerá un calendario de visitas ao centro de traballo para manter entrevistas co titor de empresa responsable, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistrar o seu propio seguimento.

5. O titor do grupo de alumnos contará para a avaliación do módulo de formación práctica en empresa, estudo ou taller coa colaboración do titor da empresa, quen emitirá un informe que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ao dito módulo. Se a formación práctica en empresa, estudo ou taller se desenvolvese en varios centros ou empresas, solicitarase un informe de cada un deles.

Artigo 8º.-A obra ou proxecto final.

1. Para iniciar a obra ou proxecto final cumprirá ter aprobados todos os módulos do ciclo agás o da fase de formación práctica en empresa, estudo ou taller.

A aceptación da proposta de realización do proxecto ou obra final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación dos proxectos, tal como se dispón no decreto que regula o currículo, corresponderá a un tribunal integrado por:

Presidente: o director ou directora do centro ou o profesor ou profesora en quen delegue.

Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e encargarase de facilitar e coordinar a utilización dos medios que, se é o caso, o centro poña ao dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

Vogais: polo menos tres profesores, nomeados pola dirección, dos que dous serán profesores do ciclo. O director poderá designar ademais, como asesor, un profesional de recoñecido prestixio no campo correspondente ao ciclo formativo e alleo ao centro educativo.

2. A avaliación da obra ou proxecto final será a última que se realice, requirindo a superación previa de todos os módulos impartidos no centro educativo e a fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres.

Artigo 9º.-Cualificacións.

1. Os resultados da avaliación final expresaranse en termos de cualificacións, que se formularán en cifras de 1 a 10, sen decimais, no caso de avaliación final de cada módulo de formación no centro, e cun só decimal no caso de cualificación da obra ou proxecto final. Considéranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco puntos, e negativas as restantes.

2. A cualificación da fase de formación práctica en estudo ou taller expresarase en termos de apto ou non apto.

3. No caso de módulos que fosen obxecto de validación ou de correspondencia coa práctica laboral, consignarase a dita circunstancia mediante a inserción das palabras validado ou exento respectivamente, sen que en ningún caso se compute o dito módulo para os efectos de avaliación final do ciclo formativo.

4. A nota final do ciclo formativo obterase unha vez superados todos os módulos impartidos no centro educativo, a fase de formación práctica en empresa, estudo ou taller e a obra ou proxecto final. Para obtela, acharase a media aritmética, expresada cun só decimal, entre as seguintes cualificacións: a media aritmética das cualificacións dos módulos que integran o ciclo formativo e a cualificación da obra ou proxecto final. Para o cálculo da cualificación final non se terán en conta os módulos validados ou exentos, así como o de formación práctica en empresa, estudo ou taller.

Artigo 10º.-Titorías do ciclo formativo.

O alumnado de cada ciclo formativo contará cun profesor titor nomeado pola dirección do centro, que será membro do equipo docente, escollido prefe

rentemente entre os que impartan docencia ao longo de todo o ciclo. En relación coa avaliación, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Coordinar o desenvolvemento curricular de ciclo (plans de ensino-aprendizaxe e de recuperación de módulos, e plan de avaliación ordinaria e extraordinaria de módulos).

b) Organizar e presidir as correspondentes sesións de avaliación do seu grupo de alumnos.

c) Informar ao alumnado do seu proceso educativo e, se é o caso, aos seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

d) Elaborar o plan de ensino-aprendizaxe do módulo de FPEET, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

e) Realizar o seguimento educativo e a avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres.

f) Asesorar o alumno en relación coas posibles validacións e coa exención de módulos.

g) Emitir informe sobre as peticións de exención da formación en empresa, estudo ou taller formuladas polo alumnado do ciclo.

h) Orientar profesionalmente o alumnado en relación ás saídas académicas e profesionais, co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral.

Artigo 11º.-Titorías da obra ou proxecto final.

1. A titoría da obra ou proxecto final correrá por conta do titor do grupo de alumnado do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. En relación coa avaliación realizará as seguintes funcións:

a) Coordinar o anteproxecto segundo os contidos do decreto de currículo e o que estableza o proxecto curricular de ciclo.

b) Dirixir os traballos de realización do proxecto.

c) Facilitar, por instancia do tribunal, información sobre o desenvolvemento do proxecto ou obra final.

d) Elaborar un consello orientador dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralos sobre a súa incorporación ao mundo do traballo.

Artigo 12º.-Sesións de avaliación.

1. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado realizadas polo equipo de profesorado dun grupo de alumnos para contrastar as súas informacións académicas e valorar o progreso destes en relación cos obxectivos educativos que se especifican no proxecto curricular do ciclo.

2. O proceso de avaliación desenvolverase en función dos períodos lectivos e polo profesorado que o decreto do currículo regula para o ciclo formativo.

Artigo 13º.-Avaliación ordinaria.

1. O desenvolvemento da avaliación ordinaria de módulos, implicará catro tipos de actuacións, en función dos períodos que se especifiquen no proxecto curricular do ciclo:

a) Sesión de avaliación parcial de módulos. Nesta sesión, que se realizará cunha frecuencia mínima trimestral, valorarase e informarase dos progresos académicos aos alumnos, pais ou titores. Calquera modificación de frecuencia trimestral requirirá a autorización expresa do Servizo da Inspección Educativa.

O resultado de cada sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo I. Nos módulos en que o alumno perdeu o dereito á avaliación continua, do artigo 3.3º desta orde, consignarase a dita circunstancia mediante as iniciais PD.

b) Sesión de avaliación final de cada un dos módulos. Nesta sesión valoraranse e cualificaranse os logros dos alumnos en relación ás capacidades terminais establecidas para cada módulo. Para cada un dos alumnos que non supere módulos, o profesor responsable elaborará o informe individualizado de avaliación previsto no artigo 27º desta orde e informará os alumnos sobre as actividades de recuperación que deberán realizar de acordo co establecido no artigo 6º.

Nesta sesión avaliaranse tamén o alumnado que realizou as probas que se establecen no plan extraordinario de avaliación para aqueles que perderon o dereito á avaliación continua recollido no artigo 3º desta orde. O alumnado que non supere o procedemento establecido para o módulo ou módulos non os poderán superar.

A sesión de avaliación final de cada módulo terá lugar ao remate do período lectivo asignado para cada un deles no proxecto curricular do ciclo e poderá coincidir no tempo coa derradeira avaliación parcial de módulos de cada un dos anos académicos en que se desenvolve o ciclo.

Coincidindo coa sesión de avaliación final dos módulos do ciclo tomaranse decisións sobre o acceso do alumnado ao período de realización da práctica en empresa, estudo ou taller e da obra ou proxecto final, tendo en conta os criterios establecidos no artigo 7º e 8º desta orde.

O resultado de cada sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo I.

c) Sesión de avaliación da fase de formación práctica en empresa, estudo ou taller (FPEET). Nesta sesión, o titor do grupo valorará e cualificará os logros dos alumnos en relación ás capacidades terminais establecidas para o módulo, tendo en conta os informes emitidos polo titor de empresa ou empresas que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ao dito módulo.

O resultado da sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo II.

d) A sesión de avaliación da obra ou proxecto final será realizada, unha vez superados todos os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres. Nesta sesión avaliarase globalmente a obra ou proxecto final, tomando como referencia os contidos que o decreto do documento base curricular establece.

Os membros do tribunal cualificarán cada unha das epígrafes que se establezan no currículo do ciclo formativo e expresarán o resultado en cifras de 1 a 10, sen decimais. A nota do proxecto será a media aritmética das anteriores expresada cun só decimal, e o seu resultado reflectirase no modelo de acta como a do anexo III.

2. A acta de avaliación final do ciclo formativo, que se axustará ao modelo do anexo IV, establecerá a cualificación final dos alumnos que superaron o proxecto ou obra final e fará a proposta de expedición do título.

Artigo 14º.-Avaliación extraordinaria.

1. Para o alumnado que, segundo o establecido na sesión de avaliación final ordinaria de módulos, do artigo 13º b) desta orde, teña que realizar as actividades de recuperación, celebrarase unha vez rematadas estas nunha sesión de avaliación final extraordinaria dos módulos pendentes. A data da avaliación extraordinaria será establecida polo centro no seu proxecto curricular e, celebrarase durante o segundo ano do ciclo, no caso da primeira matrícula, e nunca será posterior ao 30 de xuño. O resultado da sesión de avaliación reflectirase no modelo de acta que figura no anexo I.

2. A dirección do centro adoptará as medidas oportunas e fixará as datas para que o alumnado que supere a totalidade dos módulos pendentes na sesión de avaliación extraordinaria de módulos establecida no punto anterior poidan realizar o período da formación práctica na empresa, estudo ou taller, e a obra ou proxecto final, así como as sesións de avaliación final extraordinarias correspondentes. O resultado das avaliacións reflectirase nos modelos de acta que figuran nos anexos II e III.

3. A acta de avaliación final do ciclo formativo, que se axustará ao modelo do anexo IV, establecerá a cualificación final do alumnado que superou o proxecto ou obra final e fará a proposta de expedición do título.

Artigo 15º.-Reclamación ás cualificacións.

1. Contra as cualificacións, o alumnado poderá reclamar segundo o procedemento establecido para os centros de ensino secundario.

2. De acordo co establecido no artigo 13 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio, os alumnos ou os seus pais ou titores poderán reclamar ante a dirección do centro contra as decisións e cualificacións

que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais. As reclamacións deberán basearse nos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo do proceso de aprendizaxe do alumno non é adecuada aos obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e instrumentos de avaliación aplicados son inadecuados conforme o sinalado na programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de cualificación e avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos non foi correcta.

3. O procedemento e os prazos para a presentación e tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) A reclamación presentarase por escrito perante a dirección do centro, nun prazo de dous días lectivos a partir daquel en que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director do centro, tras os informes que estime oportunos, trasladará estes informes e a reclamación ao equipo docente do ciclo correspondente, que poderá, con base no que se establece no punto 1 deste artigo e coa debida documentación, ratificarse na cualificación outorgada ou estimar a procedencia de rectificar a cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días naturais, incluída a comunicación ao alumno.

c) No suposto de que o departamento ratifique a cualificación e o alumno, nun prazo de dous días, o solicite por escrito, o director remitirá, nos tres días seguintes, o expediente á delegación provincial.

d) O delegado provincial, visto o informe da Inspección educativa, resolverá no prazo máximo de 10 días naturais. Da resolución do delegado provincial daráselle comunicación ao interesado e ao equipo docente a través do director do centro.

e) Contra a resolución do delegado provincial poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Repetición do ciclo formativo.

1. O alumnado que teña módulos pendentes tras a avaliación final extraordinaria, recollida no artigo 14º desta orde, por non ter realizado as actividades de recuperación ou por ter sido avaliado negativamente, deberá repetir todas as actividades programadas para os módulos pendentes de superación, formalizando a segunda matrícula á que ten dereito no réxime ordinario de ensinanzas.

2. O alumnado avaliado negativamente na sesión de avaliación da formación práctica na empresa, estudo ou taller ou na sesión de avaliación da obra ou proxecto final, recollidas nas letras c) e d), do artigo 13º desta orde, deberá repetir todas as actividades programadas, formalizando a segunda matrícula á que teñen dereito no réxime ordinario de ensinanzas.

Artigo 17º.-Títulos.

1. A superación dun ciclo formativo de grao medio ou superior dará dereito á obtención do título de técnico ou técnico superior, respectivamente. Para iso cumprirá ter cualificación final positiva en todos e cada un dos módulos que o compoñan, na fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres e na obra ou no proxecto final.

2. Os centros deberán realizar as solicitudes de proposta de expedición de título nos prazos determinados pola normativa vixente.

Artigo 18º.-Acreditación.

O alumno ou a alumna que obteña cualificación positiva nun ou máis módulos dun ciclo terá dereito a que se lle expida a correspondente acreditación, que consistirá nunha certificación expedida pola secretaría do centro na que, á vista das actas, se fará constar a denominación dos módulos superados, as horas cursadas neles, cando exista constancia delas, e as cualificacións obtidas. A certificación realizarase nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo modelo que se indica no anexo V desta orde.

Artigo 19º.-Matrícula e convocatorias.

1. O alumnado poderá realizar a matrícula para un mesmo ciclo, polo réxime ordinario, un máximo de dúas veces.

2. Para a cualificación final de cada módulo e a excepción da formación práctica en empresas, estudos ou talleres e da obra ou proxecto final, en cada matrícula, o alumnado disporá dun máximo de dúas convocatorias, unha ordinaria e outra extraordinaria.

3. Para a cualificación final da formación práctica en empresas, estudos ou talleres e da obra ou proxecto final, en cada matrícula, o alumnado disporá dunha única convocatoria.

Artigo 20º.-Renuncia ás convocatorias.

1. O alumnado poderá solicitar a renuncia á convocatoria cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como enfermidade grave e aquelas que a dirección do centro considere pertinentes.

2. As solicitudes de renuncia serán resoltas polo director no prazo máximo de dez días, e informará a Inspección educativa.

Artigo 21º.-Convocatorias extraordinarias.

1. O alumnado que teña esgotadas as convocatorias establecidas no artigo 19º desta orde poderá soli

citar, no período que vai entre o coñecemento da cualificación da última convocatoria e o remate do seguinte prazo de matrícula, perante a dirección do centro, unha convocatoria extraordinaria por motivos de enfermidade que lle impedise o normal desenvolvemento dos estudos ou outras causas que merezan igual consideración, sen que a falta de rendemento escolar poida considerarse como tal.

2. Os centros remitirán á delegación provincial, agás no caso do módulo de obra ou proxecto final, no prazo de cinco días, as solicitudes de convocatoria extraordinaria presentadas polo alumnado acompañadas dun informe da xefatura de estudos, co visto e prace do director, no que constarán cantas circunstancias sexan relevantes. As delegacións provinciais, logo de informe da inspección, remitirán no prazo de cinco días os expedientes á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que resolverá sobre cada solicitude individualmente.

3. Na obra ou proxecto final, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria, no suposto que se dea algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do módulo.

Artigo 22º.-Documentación da avaliación.

Considéranse documentos do proceso de avaliación dos estudos de artes plásticas e deseño o expediente académico, as actas de avaliación, os informes de avaliación individualizados e o libro de cualificacións.

Destes documentos, teñen a condición de básicos e garanten a mobilidade académica dos alumnos e alumnas, o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados.

Artigo 23º.-Expediente académico.

Toda a información relativa ao proceso de avaliación recollerase de maneira sintética no expediente académico, no que figurarán, xunto cos datos identificativos do centro e os datos persoais do alumno, o número e a data de matrícula, as medidas de adaptación, así como os resultados da avaliación e as decisións de titulación. O expediente académico do alumnado axustarase ao modelo que figura no anexo VI desta orde, e deberá ser cuberto pola escola de artes na que se matricule. Ao secretario ou secretaria da escola corresponderalle a custodia e o arquivo do expediente.

Artigo 24º.-Actas de avaliación.

1. As actas de avaliación formalizaranse ao remate de cada sesión e comprenderán a relación nominal do alumnado que compón o grupo, xunto coas cualificacións de avaliación. Levarán a sinatura de todos os profesores que constitúen o equipo educativo do período educativo que se avalía ou dos membros do tribunal, se é o caso, co visto e prace do director do centro.

2. A non-superación dos módulos previos a aqueles que teñan idéntica denominación no seguinte curso implica a non cualificación do módulo posterior e expresarase en termos de non cualificado, considerándose como pendentes. Do mesmo xeito procederase cos módulos previos que, segundo o anexo VII desta orde, sexan considerados requisito básico para poder cursar con aproveitamento outros módulos progresivos do ciclo, polo que deben ser superados con antelación a aqueles para os que son formación de base. En caso contrario, estes últimos non poderán ser cualificados e figurarán na acta co termo non cualificado, e non consumirán convocatoria.

3. Nas actas de avaliación parcial e final ordinaria os módulos non avaliados consignaranse, segundo os períodos lectivos, coas iniciais seguintes:

a) PA: pendentes de avaliación.

b) AA: avaliados anteriormente.

4. Nas actas de avaliación extraordinaria de módulos, os módulos aprobados nas convocatorias de avaliación anteriores consignaranse coas iniciais AC.

5. O alumnado repetidor será avaliado en actas diferentes aos demais alumnos do grupo que forman parte. Os módulos aprobados en matrícula anterior, nas actas de avaliación parcial e final ordinaria e extraordinaria de módulos serán consignadas coas iniciais AM.

6. As escolas de arte remitirán copia das actas de avaliación final do ciclo formativo ao Servizo de Inspección Educativa no prazo de 15 días a partir da data de celebración da correspondente sesión. Os centros autorizados de artes plásticas e deseño remitirán, no prazo máximo de 15 días, ao remate da avaliación, dous exemplares das actas e o seu informe correspondente dos resultados finais á escola de artes á que estean adscritos.

Estas arquivarán un dos exemplares e o outro enviarano ao Servizo de Inspección Educativa provincial nun prazo de 15 días.

Artigo 25º.-Libro de cualificacións.

O libro de cualificacións de artes plásticas e deseño ten valor acreditativo dos estudos realizados polo alumno e constitúe o documento oficial básico que reflite as cualificacións obtidas, os módulos validados ou que fosen obxecto de correspondencia coa práctica laboral. Recollerá, se é o caso, a información referida aos cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e a solicitude, por parte do alumno, da expedición do título correspondente, unha vez superados todos os módulos do ciclo formativo cursado. Unha vez superados os correspondentes estudos, entregaráselle ao alumno, facéndose constar esta entrega no propio libro mediante a correspondente dilixencia, da que se gardará copia no expediente do alumno.

No centro haberá un libro paxinado para facer constar as saídas e entradas dos libros de cualificacións. As saídas serán asinadas polo secretario ou secretaria do centro, ou persoa autorizada, e o titular do libro ou representante en quen delegue.

Correspóndelle ao Servizo de Inspección Educativa supervisar o proceso de cobertura e custodia do libro de cualificacións.

Artigo 26º.-Traslados.

Cando un alumno ou alumna se traslade a outro centro sen concluír o ciclo formativo, o centro de orixe remitirá ao de destino, por petición deste, o libro de cualificacións do alumno, facendo constar na dilixencia correspondente que as cualificacións concordan coas actas que constan no centro. Cando o libro de cualificacións corresponda a alumnado dun centro privado, esta dilixencia realizaraa a escola á que estea adscrito. O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico do alumno ao que incorporará os datos do libro de cualificacións. No caso do alumnado incorporado desde plans de estudos anteriores á nova ordenación do sistema educativo, xuntarase certificado de estudos sobre as ensinanzas cursadas conforme os devanditos plans.

Artigo 27º.-Informes de avaliación individualizada.

Para cada un dos alumnos que non superen módulos, o profesor responsable da avaliación final ordinaria ou extraordinaria consignará nun informe de avaliación individualizado toda aquela información que resulte necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe, e conterá, polo menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de consecución dos obxectivos xerais en canto ás ensinanzas de artes plásticas e deseño, así como das capacidades terminais dos módulos.

b) Cualificacións parciais ou valoracións da aprendizaxe, segundo os trimestres en que se organizou a avaliación.

c) Aplicación, se é o caso, de medidas educativas complementarias.

Cando o alumno se traslade a outro centro sen concluír o curso, o informe de avaliación individualizado será elaborado polo titor do grupo a partir dos datos facilitados polo profesorado.

Artigo 28º.-Validacións e correspondencias.

As solicitudes de validación de módulos por estudos cursados e a correspondencia de módulos e fase de formación práctica en empresa, estudo ou taller coa práctica laboral requirirán a matriculación previa do alumno nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas.

Artigo 29º.-Validacións de módulos entre ciclos formativos.

1. Poderán ser validados aqueles módulos do mesmo grao comúns a varios ciclos formativos que teñan idéntica denominación e duración, así como as mesmas capacidades terminais e criterios de avaliación aos descritos nos reais decretos polos que se establece cada un dos títulos de artes plásticas e deseño.

2. A solicitude de validación farase ao director da escola de arte onde conste o expediente do alumno no modelo do anexo VIII, irá acompañada dunha certificación académica oficial ou, no seu defecto, fotocopia compulsada do título e do libro de cualificacións.

3. As validacións non previstas neste artigo serán obxecto, necesariamente, de solicitude ante o Ministerio de Educación e Ciencia, que dará lugar a resolución individualizada.

Artigo 30º.-Correspondencia de módulos coa práctica laboral.

1. Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral aqueles módulos en que así o dispoñan os decretos nos que se establecen os respectivos currículos para a Comunidade Autónoma.

2. Así mesmo, a fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres é susceptible de exención a partir da experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

Artigo 31º.-Requisitos de correspondencia.

1. O alumnado poderá solicitar na secretaría do centro a correspondencia coa práctica laboral e a posible exención, indicadas no artigo anterior, dentro dos quince primeiros días do comezo do ciclo formativo correspondente. Xunto coa solicitude (modelo do anexo IX) cumprirá acreditar unha experiencia laboral de, cando menos, doce meses no mesmo campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

2. A acreditación da experiencia laboral realizarase mediante os documentos seguintes e de forma acumulativa:

a) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral á que estivese afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación ou, se é o caso, o período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos, ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b) Certificación da empresa onde adquirira a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo no que realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificado de estar dado de alta na actividade desenvolvida. A certificación da empresa substituirase por unha

declaración do propio interesado acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

Artigo 32º.-Procedemento de correspondencia.

1. Recoñecerase a correspondencia entre os módulos ou a formación práctica en empresa, estudo ou taller dos ciclos formativos de formación específica de artes plásticas e deseño e a práctica laboral cando se cumpran as seguintes condicións:

a) A acreditación polo interesado de experiencia laboral relacionada cos módulos ou a formación práctica en empresa, estudo ou taller dos que se solicita a correspondencia ou exención. Para isto, realizarase a comprobación, mediante os requisitos obxectivos e documentais, de maneira que a experiencia laboral se corresponda cos estudos profesionais obxecto da dita solicitude.

O titor ou a titora do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar segundo o caso. Para elaborar o informe reunirá a información precisa do profesor ou profesora que imparta o módulo para o que se solicita validación.

b) No caso de informe favorable, a persoa que solicita a correspondencia de módulos coa práctica laboral terá que superar unha proba que permita evidenciar a competencia profesional establecida nos obxectivos de cada módulo que se solicita. A exención da formación práctica en empresa, estudo ou taller coa práctica laboral non precisa desta proba.

A proba tomará como elementos de referencia as capacidades terminais cos seus respectivos criterios de avaliación expresados no módulo e, con carácter orientativo, aquelas capacidades profesionais do perfil do currículo relacionadas coas ditas capacidades terminais, para medir o seu grao de consecución, en función da experiencia laboral do solicitante.

Esta proba realizaraa unha comisión constituída por tres membros, presidida polo director do centro educativo e da que formarán parte o titor do ciclo e o profesor do módulo correspondente.

Artigo 33º.-Avaliación dos procesos de ensinanza e da práctica docente.

O profesorado, ademais da aprendizaxe do alumnado, avaliará os procesos de ensino e a súa propia práctica docente en relación co logro dos obxectivos educativos do currículo. Igualmente, avaliará a programación docente e o proxecto curricular. A avaliación das programacións dos módulos profesionais correspóndelles aos profesores e profesoras das especialidades correspondentes que, á vista dos informes das sesións de avaliación, procederán ao finalizar

o curso á revisión das súas programacións iniciais. As modificacións que se acordaran incluiranse na programación para o seguinte curso.

Os elementos da programación sometidos á avaliación serán, polo menos, os seguintes:

a) Oportunidade da selección, distribución e secuenciación dos contidos ao longo dos módulos profesionais.

b) Idoneidade dos métodos pedagóxicos empregados e dos materiais didácticos propostos para uso dos alumnos e alumnas.

c) Adecuación dos criterios de avaliación.

d) Resultados das medidas de atención á diversidade adoptadas.

As modificacións derivadas do proceso de avaliación serán recollidas no proxecto curricular de ciclo e revertirán en forma de:

a) Idoneidade dos itinerarios académicos propostos aos alumnos e alumnas.

b) Adaptación do desenvolvemento do currículo ás características do contorno do centro e ás necesidades do alumnado.

c) Racionalización dos espazos e da organización do horario escolar.

d) Funcionamento da orientación educativa e profesional do alumnado.

Disposición transitoria

Aos alumnos matriculados con anterioridade ao curso 2004-2005 aplicaráselles o establecido na Orde do 2 de setembro de 2002 (DOG do 17 de setembro).

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 2 de setembro de 2002 (DOG do 17 de setembro), pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas artísticas de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver o contido desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO VII

Ciclo formativo

Ciclo formativo

Grao

Grado

Módulo previo

Módulo previo

Módulo progresivo

Módulo progresivo

Arquitectura efémera

Arquitectura efímera

Superior

Superior

Tecnoloxía e sistemas construtivos

Tecnología y sistemas contructivos

Tecnoloxía e sistemas construtivos: arquitectura efémera

Tecnología y sistemas constructivos: arquitectura efímera

Proxectos

Proyectos

Proxectos: arquitectura efémera

Proyectos: arquitectura efímera

Proxectos e dirección de obra de decoración

Proyectos y dirección de obras de decoración

Superior

Superior

Tecnoloxía e sistemas construtivos

Tecnología y sistemas constructivos

Tecnoloxía e sistemas construtivos: proxectos e dirección de obra

Tecnología y sistemas constructivos: proyectos y dirección de obra

Proxectos

Proyectos

Proxectos: proxectos e dirección de obra

Proyectos: proyectos y dirección de obra

Modelismo de indumentaria

Modelismo de indumentaria

Superior

Superior

Modelismo

Modelismo

Modelismo: moda

Modelismo: moda

Estilismo de indumentaria

Estilismo de indumentaria

Superior

Superior

Modelismo

Modelismo

Modelismo: estilismo

Modelismo: estilismo

Ilustración

Ilustración

Superior

Superior

Técnicas de ilustración

Técnicas de ilustración

Proxecto de ilustración

Proyecto de ilustración