DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 28 de setembro de 2004 Páx. 13.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2004 pola que se convoca un curso de iniciación á informática. O procesador de textos para o persoal o servizo dos concellos de Galicia, na modalidade de teleformación.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2004, e a través do Centro de Estudos Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de iniciación á informática. O procesador de textos para o persoal ao servizo dos concellos de Galicia, na modalidade de teleformación, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Proporcionar uns coñecementos básicos de informática, con especial atención ás posibilidades que ofrecen os tratamentos de textos na realización das tarefas administrativas.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración local da Comunidade Autónoma galega, con coñecementos elementais de informática e acceso á internet.

Terceira.-Requirimentos técnicos:

-PC con conexión á internet.

-Conta de correo electrónico.

-Navegador da internet.

Cuarta.-Desenvolvemento.

1. Duración: 30 horas (26 de autoestudo con titorías telemáticas e 4 horas presenciais).

A realización do autoestudo complementarase coa existencia dun sistema de titoría telemática para que os alumnos lle poidan formular ao profesor todas as dúbidas relacionadas coa materia do curso.

Sesións presenciais: realizaranse dúas sesións presenciais de 2 horas, a primeira ao comezo do curso co fin de explicar a seu seguimento e a súa estrutura e a segunda ao final para a realización da proba de avaliación para poder obter o diploma de aproveitamento.

2. Datas: 22 de outubro ao 17 de decembro do ano 2004.

3. Prazas: 50.

Quinta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación mediante fax da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en todas as súas epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 15 de outubro de 2004.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente aos admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Sexta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 11 de febreiro de 2004, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

Procurarase que estea representado o maior número posible de concellos, con preferencia daqueles máis distantes das capitais de provincia.

Sétima.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Oitava.-Certificado de asistencia.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos. Aos participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Novena.-Contido.

Coñecementos básicos. Sistema operativo. Procesador de textos: introdución e garda de texto. Labores de edición. Labores de automatización.

Décima.-Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril e correción de erros, BOE nº 311, do 29 de decembro, polo que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,20 puntos.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA