DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 28 de setembro de 2004 Páx. 13.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 6 de setembro de 2004 pola que se modifica a do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

Publicado o Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, que estableceu a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, procedeuse tamén a adecuar á estrutura

do organismo as normas de delegación preexistentes, agrupándoas nunha única disposición para facilitar a súa aplicación e interpretación.

Así, mediante a Orde do 14 de marzo de 2002 procedeuse a reunir e actualizar todas as delegacións de funcións e facultades vixentes, tanto nos órganos centrais coma nos periféricos do Servizo Galego de Saúde.

De conformidade coas normas indicadas anteriormente, a División de Recursos Económicos do Sergas vén xestionando todo o relativo ás contratacións destinadas á rede de centros que o integran. Dentro desta actividade de xestión contractual, adquiren especial transcendencia as contratacións centralizadas ou compras mancomunadas, que teñen por obxecto a adquisición de bens ou servizos de uso xeneralizado (subministracións), con especificacións técnicas comúns, e que supoñen un elevado impacto económico para o organismo autónomo e os seus centros de gasto.

Como queira que este tipo de actividade contractual -centralizada ou mancomunada-, dada a súa importancia económica e uso xeneralizado, require unha atribución competencial clara, específica e excluínte, a prol de órganos determinados, cómpre adecuar as vixentes normas de delegación ás necesidades formuladas por este sector de actividade, co obxecto de simplificar os trámites, facilitar a xestión destes expedientes e lograr un nivel de definición de tarefas adecuado á importancia das decisións que hai que adoptar neste tipo de contratacións.

Por outra banda, o informe 67/99, do 6 de xullo de 2000, da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, cualificou como patrimoniais os contratos de explotación de cabinas telefónicas, máquinas expendedoras de sólidos e líquidos, caixeiros automáticos e locais. O mesmo órgano citado configura estes negocios xurídicos como concesións de ocupación do dominio público, nos que a Administración percibe un canon pola súa ocupación, e que non se rexen pola lexislación de contratos das administracións públicas, senón polas normas específicas que as regulan (normativa patrimonial), sen prexuízo das subministracións que poidan constituír prestacións accesorias dun contrato administrativo especial.

Con anterioridade ao devandito informe, a concesión de ocupación cualificábase como contrato administrativo especial e requiría a autorización da División de Recursos Económicos do Sergas. Porén, e dada a nova concepción deste tipo de negocios, cómpre establecer un mecanismo equivalente ao disposto para a súa anterior configuración, e que consiste na autorización previa do presidente do Servizo Galego de Saúde.

Así, aproveitando ao máximo as estruturas organizativas definidas polo Decreto 45/2002, cómpre dotalas do nivel de atribucións necesario para que poidan desenvolver eficazmente o seu cometido.

Por canto antecede, facendo uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro -modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro-, reguladora da Xunta e do seu presidente; o artigo 3.2º do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde; e tendo en conta o disposto na normativa reguladora do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o previsto nos artigos 43 e 44 da citada Lei 1/1983, do 22 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación da letra c) do artigo 1º da Orde do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

Modifícase a letra c) do artigo 1º da devandita orde, quedando redactado como segue:

«Primeiro.- (...)

c) A resolución dos expedientes e asuntos de índole patrimonial e a formalización dos correspondentes negocios xurídicos, así como o exercicio daqueloutras competencias en materia patrimonial atribuídas ao presidente do organismo, agás no suposto establecido na letra l) do artigo 6º da presente orde».

Artigo 2º.-Modificación da letra e) do artigo 3º da Orde do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

Modifícase a letra e) do artigo 3º da devandita orde, quedando redactado como segue:

«Terceiro.- (....)

e) Actuar -de conformidade co disposto no artigo 14.3º a) do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro- como órgano de contratación do Sergas en expedientes que afecten unha pluralidade de centros de gasto, cando así se acorde por resolución do presidente do Servizo Galego de Saúde.

(...)».

Artigo 3º.-Modificación das letras i) e j) do artigo 6º da Orde do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

Modifícase a letra j) do artigo 6º da devandita orde, quedando redactado como segue:

«Sexto.- (....)

i) A autorización de gastos, actos de disposición de créditos e propostas de pagamento, con cargo aos orzamentos dos seus respectivos centros, agás nos expedientes a que se refire a letra e) do artigo 3º da presente orde, nos que será competencia da División de Recursos Económicos do Sergas a retención de crédito, a autorización do gasto e os actos de disposición de crédito correspondente.

j) A actuación como órgano de contratación nos contratos imputables aos seus respectivos orzamen

tos de gastos -agás nos supostos previstos no punto anterior- que se refiran a:

(....)»

Artigo 4º.- Engádese unha nova letra l) ao artigo 6º da Orde do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

Engádese un apartado l) ao artigo 6º da devandita orde, coa seguinte redacción:

«Sexto.- (....)

l) A celebración dos contratos patrimoniais de concesión da ocupación de dominio público nos que se perciba un canon pola dita ocupación, e que afecten os edificios públicos da súa competencia, unicamente naqueles casos nos que así se acorde expresamente por resolución do presidente do Servizo Galego de Saúde».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL