DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 27 de setembro de 2004 Páx. 13.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 6 de setembro de 2004 pola que se establece un novo prazo de validez do informe clínico para a homologación sanitaria de receitas.

O Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, establece que determinados medicamentos, produtos sanitarios e dietoterápicos complexos incluídos na prestación farmacéutica e complementaria da Seguridade Social, requiren que, con carácter previo á súa dispensación a través das oficinas de farmacia, se verifique o cumprimento das condicións de prescrición reguladas para eles.

Este proceso de homologación sanitaria exixe a elaboración por parte do facultativo médico que inicie o tratamento dun informe clínico, que ten unha validez non superior aos seis meses, tal e como se regula no punto 1 do artigo 4 do dito decreto e na Orde do 30 de maio de 2003, pola que se establece o modelo de informe clínico necesario para a homologación sanitaria de receitas.

Así mesmo, no punto 3º do artigo 4 do devandito Decreto 244/2003, do 24 de abril, regúlase que a Consellería de Sanidade mediante orde poderá establecer un prazo de validez do informe clínico distinto do previsto no punto 1º do antedito artigo 4.

Tras a avaliación efectuada do procedemento de homologación sanitaria de receitas, verificouse que na práctica clínica habitual a data das revisións ou controis médicos daqueles pacientes sometidos a tratamentos de carácter crónico pode superar o prazo de seis meses establecido para a validez do informe clínico.

Tendo en conta o anterior, coa finalidade de harmonizar os criterios establecidos para a validez do informe clínico á práctica clínica habitual e, así mesmo, conseguir unha utilización máis eficiente dos recursos asistenciais, considérase conveniente a modificación do prazo de validez do citado informe clínico para aqueles casos de homologación sanitaria de receitas de medicamentos e produtos sanitarios prescritos con carácter crónico, o que supón a necesidade de modificación da antedita Orde do 30 de maio de 2003.

Para tal fin, de acordo coas atribucións que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Período de validez do informe clínico nos tratamentos de carácter crónico.

O informe do facultativo médico previsto no artigo 4.1º do Decreto 244/2003, do 20 de maio, nos casos

de homologación sanitaria de receitas de medicamentos e produtos sanitarios prescritos con carácter crónico, terá unha validez de ata 12 meses.

Artigo 2º.-Modificación da Orde do 30 de maio de 2003, pola que se establece o modelo de informe clínico necesario para a homologación sanitaria de receitas.

Modifícase o anexo da Orde do 30 de maio de 2003, establecéndose como modelo de informe clínico para a homologación sanitaria de receitas o que figura como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade