DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 27 de setembro de 2004 Páx. 13.143

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 10 de setembro de 2004 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión de axudas para a realización de tres proxectos de investigación, relativos aos centros de educación non universitaria de Galicia.

O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, recóllense outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden aos obxectivos concretos de cada programa.

Por outra parte, o Plan Galego de Formación Profesional no seu programa de mellora do sistema de formación profesional de Galicia, cara a un sistema integrado de orientación, formación e cualificación profesional, establece entre outros un plan de innovación didáctica e metodolóxica que contribúa á creación dunha cultura específica da FP, que desenvolva integradamente proxectos, estudos, investigacións e experiencias didácticas da FP e que favoreza o contraste didáctico dos desenvolvementos e experiencias dos tres subsistemas de FP.

Neste contexto encádrase a presente convocatoria e con ela preténdese impulsar o desenvolvemento de proxectos e promover entre o profesorado a constitución de equipos estables de I+D para a didáctica da FP asociados ás familias profesionais de maior relevancia na nosa comunidade autónoma.

Polo que antecede

DISPONSE:

Artigo 1º

Un.-Convócase concurso público para a concesión de axudas para a realización de tres proxectos de innovación didáctica, metodolóxica e de deseño de

novos materiais didácticos para o ensino da FP que tratarán sobre os seguintes temas:

Proxecto A: Deseño e construción dun seguidor solar para unha instalación solar fotovoltaica, que recolle os seguintes obxectivos:

1. Obxectivos xerais:

a) Deseñar e construír un panel de módulos fotovoltaicos que presente un máximo rendemento na transformación da enerxía da radiación solar incidente, tendo sempre unha dirección perpendicular os raios do sol segundo a hora do día e segundo a época do ano.

2. Obxectivos específicos:

a) Realizar o proxecto segundo as directrices xerais anteriormente expostas no punto anterior.

b) Elaborar un material escrito e audiovisual sobre a temática da enerxía solar fotovoltaica que sirva para ser empregada na aula cara aos ciclos formativos da formación profesional regulada e bacharelato.

c) Elaborar un formulario básico, en soporte papel, e/ou informático coas propostas de realizacións.

d) Realizar un estudo sobre a radiación solar incidente en Galicia.

e) Tratar de que as conclusións, ou materiais que resulten deste grupo de traballo sexan válidos para o seu emprego na aula, coa inclusión das novidades técnicas ou melloras xurdidas da experiencia da súa posta en práctica.

f) Dotar o centro educativo dun espazo permanente de investigación para a impartición de clases maxistrais, demostracións de produtos, e calquera outro aspecto de aplicación na docencia.

Proxecto B: Técnicas de cociñado ao baleiro en atmosfera modificada, que recollerá os seguintes obxectivos:

1. Obxectivos xerais:

a) Acadar unha mellor calidade no desenvolvemento de actividades de ensino e aprendizaxe en todo o relacionado coa utilización do baleiro na elaboración e/ou conservación de produtos culinarios.

b) Investigar novas alternativas á cociña tradicional.

2. Obxectivos específicos:

a) Propor diferentes realizacións básicas de cociña ao baleiro con criterios de realización asumibles por todos.

b) Realizar un formulario básico, en soporte papel e/ou informático coas propostas de realizacións.

c) Reunir diverso material gráfico sobre o tema para o seu emprego na aula, coa inclusión das novidades técnicas ou melloras xurdidas da experiencia posta en práctica.

d) Dotar o departamento dun espazo permanente de investigación para a impartición de clases maxistrais, demostracións de produtos e calquera outro aspecto de aplicación na docencia.

Proxecto C: Tecnoloxías encamiñadas á accesibilidade no sector de automoción, que recollerá os seguintes obxectivos:

1. Obxectivo xeral:

a) Desenvolver sistemas que permitan o acceso e unha mellor condución das persoas que vexan minguadas algunha das súas facultades.

2. Obxectivos específicos:

a) Mellorar o acceso ao interior do automóbil

b) Mellorar o manexo de certas funcións internas e externas.

c) Mellorar o recoñecemento de sons no exterior do automóbil, avisando o condutor por medio dunha pantalla.

Dous.-Para a concesión das axudas obxecto desta convocatoria destinaranse, como máximo, un total de cento dezanove mil douscentos euros cargo á aplicación orzamentaria 08.05.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2004, 2005 e 2006 de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2004Ano 2005Ano 2006Total

Proxecto A:10.667 euros17.067 euros12.000 euros39.734 euros

Proxecto B:10.667 euros17.066 euros12.000 euros39.733 euros

Proxecto C:10.666 euros17.067 euros12.000 euros39.733 euros

Artigo 2º

As solicitudes faranse no modelo oficial EDU-01 que se publica como anexo á presente orde e que está dispoñible na internet nos enderezos: http://www.dxid.org e http://www.xunta.es/conselle/in.htm. Estas solicitudes, asinadas por investigadores de centros públicos de investigación da comunidade autónoma e co visto e prace do representante legal do correspondente organismo, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais as solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Composición do equipo que levará a cabo o correspondente estudo. O equipo estará constituído por profesores de ensino secundario que estean impartindo docencia directa en centros públicos de educación secundaria que oferten FP e o investigador principal deberá ser un doutor con vinculación estable a un centro público de investigación de Galicia que se encargará da dirección do proxecto.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Metodoloxía que se vai empregar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo (o traballo deberá estar acabado antes do 31 de decembro de 2006).

-Declaración xurada do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As axudas solicitadas deberanse referir a algún dos conceptos seguintes:

-Material inventariable e bibliográfico debidamente xustificado.

-Material funxible debidamente xustificado.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen para a realización do proxecto.

-Outros gastos (especificalos na solicitude).

Tendo en conta as características dos proxectos que se van realizar e a composición dos correspondentes equipos, non se poderán computar gastos indirectos para o organismo ao que pertenza o investigador principal; non obstante, poderán imputarse custos, ata un máximo do 10% do custo do proxecto, destinados á coordinación de aspectos didácticos para o ensino da FP por parte de unidades especializadas das universidades.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 3º

Por parte dos servizos da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarase que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e no caso de que a solicitude non estivese convenientemente cuberta ou acompañada da correspondente documentación, requirirase o solicitante para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou engada os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, consideraráselle desistido da súa petición e procederase, logo de resolución, ao arquivo desta, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

A selección dos beneficiarios das axudas, logo da súa valoración por expertos designados pola Direc

ción Xeral de Investigación e Desenvolvemento, será realizada por unha comisión constituída por cinco membros dos que tres serán designados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (un deles actuará como presidente e outro como secretario), e os outros dous designados pola Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión elevará a proposta de resolución ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para que resolvan conxuntamente.

A comisión terá en conta os seguintes criterios:

-O informe técnico elaborado polos expertos desginados: 70 puntos.

-A valorización dos resultados obtidos, polos investigadores que formen equipo en proxectos realizados anteriormente: 15 puntos.

-O plan de traballo: 15 puntos.

A comisión poderá establecer unha puntuación mínima que, no caso de non ser acadada por ningunha das propostas presentadas para algún dos proxectos convocados, determinaría que este se declarase deserto.

Artigo 5º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo, logo da presentación das correspondentes certificacións de gasto e de acordo coa normativa vixente. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais segundo o establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, antes do derradeiro pagamento, os beneficiarios presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Ao finalizar o proxecto, os beneficiarios das axudas deberán presentar o informe final no que se resuma a totalidade do traballo realizado.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo cos termos do proxecto presentado e coas bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro,

de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa.

Artigo 6º

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante os mesmos órganos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto. De non estimar a presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ao que

se produza o acto presunto.

Artigo 7º

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo os beneficiarios deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 8º

As resolucións de concesión de axudas ditadas ao abeiro desta orde poderán modificarse no caso de alteracións das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Celso Currás FernándezJuan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Educación eConselleiro de Innovación,

Ordenación UniversitariaIndustria e Comercio